Vinte en Allariz. Da revolta ao orgullo

Coa colaboración de

«Que hai Pardal? Espero que este ano poidamos ver por fin a lingua das bolboretas». Eran finais dos 90 cando José Luis Cuerda aterraba en Allariz para gravar a adaptación da novela de Manuel Rivas, Que me queres amor. Esta emblemática frase acabaría por marcar a vida dunha vila que a día de hoxe loita por ser un referente turístico e cultural, algo que non se pode entender sen a revolta veciñal de finais dos 80, e que enfrontou a un pobo co goberno local polo deterioro do río Arnoia.

 

Allariz pasou de vivir sumida na pobreza a experimentar un novo rexurdimento. Está declarada Conxunto Histórico-Artístico e ten un Premio Europeo de Urbanismo (1994) polo proxecto de Recuperación Integral do seu conxunto histórico e do seu río. Eran anos nos que empezaba a emerxer unha vida cultural vencellada á lingua.

A mellora das comunicacións, coa conexión coa autovía das Rías Baixas A-52, e os cambios políticos marcaron profundamente a transformación desta vila, que conxuga unha zona histórico coidada, con un amplo abano de servizos, o paseo do río mellorado, os outlets e as súas festas. O Concello xogou un papel fundamental, na recuperación da zona urbana, a chegada dos outlets e a implementación de servizos, convertendo a vila nun lugar atractivo para vivir e a conseguinte chegada de pequenos negocios e artesanía á zona histórica.

A rúa Sur de Allariz, ao atardecer. CC-BY-SA Brais Lorenzo

En Allariz gravouse a frutuosa película A lingua das bolboretas e foi escenario literario para escritores que relataron a historia de Romasanta, o lobishome de Allariz, o caso máis claro de licantropía rexistrado en España. Antes, Sancho IV chegou a describila como a «Chave do Reino de Galicia» favorecendo a chegada de artesáns, comerciantes e unha comunidade xudía á vila, e Alfonso X o Sabio desfrutaría de parte da súa educación.

Aira das Letras é o proxecto impulsado por Carlos Airas, un referente cultural que naceu como unha aposta pola lingua galega. «A nosa idea sempre foi defender a cultura galega, apostamos polo libro en galego»

«A vila préstase a estes pequenos proxectos. A aposta que se fixo por recuperar o patrimonio deulle un valor engadido á vila. Chegaron os outlets, moita xente empezou a vir as fins de semana», lembra Carlos Airas, un galego que marchou no seu día e que volveu anos despois coa súa parella, Margarita, con quen montou a libraría Aira das Letras, á que lle seguiu unha editorial e un espazo de co-working.

Aira das Letras é o proxecto impulsado por Carlos, un referente cultural que naceu como unha aposta pola lingua galega. «A nosa idea sempre foi defender a cultura galega, apostamos polo libro en galego». Na vila gobernaba o BNG, iso xerou un movemento de xente, de militantes de esquerdas interesados en impulsar unha identidade galega.

Carlos Airas, da librería Aira das Letras. CC-BY-SA Brais Lorenzo

O resultado foi un activismo pouco habitual noutras vilas. «Nós facíamos moitos eventos, presentacións de libros, e agora apostamos por menos eventos e máis
potentes», engade Carlos. O negocio que empezou como un soño continuou coa apertura dunha librería de segunda man, Maruxairas, unha editorial, e un espazo de co-working, «algo que xurdiu de forma natural». Toda una declaración de intencións para este libreiro que xa suma os cen libros editados.

«Definímonos de dúas maneiras: unha repostería tradicional, que non se toca, e innovación, con produtos que non se fan noutros sitios", explica Miguel Mosquera, da repostería Fina Rei

Baixando a rúa, podemos atopar outro negocio emblemático que atesoura medio século de historia: Fina Rei. Ao fronte da tenda, Miguel, xunto o seu irmán Marcos Mosquera, que forman a segunda xeración dun negocio familiar. «Meu pai dedicábase ás máquinas e a miña nai sempre cociñou moi ben. Ela fíxose con esas receitas de repostería tradicional que eran típicas de aquí e que se levaban facendo décadas. Houbo un momento en que pensaron na tenda coma unha opción de subsistencia, xuntaron esas dúas cousas e puxeron a andar o negocio», asegura Miguel. E dende entón.

Na actualidade, Fina Rei é referente, grazas a dous factores clave: tradición e innovación. «Definímonos de dúas maneiras: unha repostería tradicional, que non se toca, e innovación, con produtos que non se fan noutros sitios", explica Miguel, quen engade: «É o selo que nos define».

Miguel Mosquera, da repostería Fina Rei. CC-BY-SA Brais Lorenzo

Dende a rúa Emilio Pardo Bazán, na que leva medio século o negocio asentado ao carón do río, Miguel lembra a Vinte  o cambio experimentado pola vila: «Allariz foi perdendo esa esencia de vida no centro, antes tiñamos todo nun espazo de douscentos metros». Malia todo, recoñece a forte aposta que se realizou na súa posta en valor: «Recuperouse a zona, aproveitando que non houbo grandes construcións, o que axudou a manter os edificios e tamén temos o río».

Sen deixar o eido da artesanía, outra emprendedora, Inés Rodríguez, oriúnda de Ourense e filla de adopciónde Allariz, dá a coñecer os seus proxectos, recentemente chegada de Nova York de presentar a manta de bebé artesanal D-leite, coa que obtivo un Premio Nacional de Artesanía na Categoría de Produto. Para Inés este recoñecemento é moi especial. «Teslle un cariño especial porque é un recoñecemento ao teu sector», indica.

Esta manta caracterízase por estar feita co «despoxo» da fibra láctea, a caseína, que non é apta para consumo humano e que ten que pasar unha transformación para o seu uso téxtil. O resultado é unha manta «hipoalerxénica, sen ningún tipo de aditivo e agradable ao tacto, que reforza o vínculo do bebé coas persoas coidadoras».

Inés Rodríguez, no seu taller Rir&Co de Allariz. CC-BY-SA Brais Lorenzo

«Combinamos a creación de tecidos con materiais naturais e innovadores sempre dentro das técnicas tradicionais de tear», di Inés, que lembra esa tradición que había antes nos pobos de pequenos negocios artesanais, zapateiros, xastres e que se foron perdendo e que agora están tentando recuperar.

Inés Rodríguez, Premio Nacional de Artesanía, defende que o artesanal vai máis aló do feito á man. «O noso traballo ten un compoñente cultural, vencellado ao territorio, a unha idea e a unha cultura»

Os seus plans inmediatos pasan por avanzar no eido da internacionalización. «Daste de conta da boa calidade que ten a artesanía no noso país», di Inés, quen defende que o artesanal vai máis aló que o feito á man. «O noso traballo ten un compoñente cultural, vencellado ao territorio, a unha idea e a unha cultura».

Proxectos non lle fallan. «Queremos elaborar unha manta para adultos. De feito,estamos inmersos nun proxecto con Galicia Avanza para internacionalizar todo o tema das mantas e temos outro proxecto de lámpadas feitas con tapices». O seguinte paso, engade, pasa pola busca de novos mercados, certificacións e iniciar así o proceso de internacionalización.

As vacas de Ecoleia, leite ecolóxico que produce SAT Torneiros. CC-BY-SA Brais Lorenzo

Allariz exerce como capitalidade no interior da provincia de Ourense, pola súa proximidade coa cidade, co seu río, os seus outlets, zona histórica, gastronomía ou o seu amplo patrimonio cultural e natural, como Reserva da Bioesfera. Dentro do conxunto de iniciativas culturais, a vila está apostando polo turismo fóra de tempada, con novas iniciativas como a decoración de Nadal.

Se algo caracteriza á veciñanza da vila é o localismo no seu día a día. Só hai que ir aos restaurantes da zona para atopar na súa carta unha completa despensa de produtos locais onde non falla o queixo de ovella, a carne e xamón de boi ou as verduras da horta, sen esquecernos do doce, cos amendoados e os xeados artesanais; receitas que se foron transmitindo de xeración en xeración.

A puxanza de Allariz como referente urbano, levou aparellada a perda do sector primario, que foi clave para a localidade, con empresas importantes como Iberolacto. A poucos kilómetros da vila, en SAT Torneiros, Marcos Quintas, Maricarmen Cid e Carmen Álvarez, unha das poucas ganderías que quedan na zona, dedicánse a producir leite ecolóxico, Ecoleia, convencidos de que marchar non era unha opción.

Marcos Quintas, de Ecoleia. CC-BY-SA Brais Lorenzo

«A explotación empezou no ano 89 da man dos nosos pais que foron os que a puxeron en marcha. Xa en 2004 decidimos dar o paso a ecolóxico e oito anos despois comezamos a comercializar Ecoleia»; que hoxe se pode atopar no só en Allariz senón tamén noutras localidades do redor, como Xinzo, Verín, Sandiás ou Xunqueira. Lembra este gandeiro que «Allariz era un referente no sector lácteo en Galicia, tiña a súa propia central leiteira, Iberolacto, que por temas políticos foise abandonando».

«Estamos obrigados a ter unha base territorial e producir o noso propio alimento, cousa que en intensivo non se necesita». O resultado é ter «vacas máis felices», indican desde Ecoleia

Que é necesario para facer leite ecolóxico? apunta a dúas claves: o tipo de alimentación e como se obtén. «Ten un proceso diferente, aquí non empregamos ningún tipo de abono químico nin tratamentos hormonais ou antibióticos». Outra diferenza, engade, é que son autosuficientes. «Estamos obrigados a ter unha base territorial e producir o noso propio alimento, cousa que en intensivo non se necesita». O resultado é ter «vacas máis felices», apostila Carmen. Os animais saen todos os días a pastar e a granxa produce uns 20-21 litros por animal e día, nunha explotación que manexa agora mesmo 67 vacas adultas en muxido.

Ponte de Vilanova. CC-BY-SA Brais Lorenzo

Máis aló do comercio, se algo se toma en serio a súa veciñanza son as súas festas e os seus gremios. Está a Festa do Boi, que está declarada de Interese turístico galego, coincidindo coa festividade do Corpus. E por suposto as súas festas patronais dedicadas a San Bieito, sen esquecer as súas festas gastronómicas ou o mercado da Biosfera. Diferentes opcións para gozar dos recursos da vila. Eventos onde os veciños aproveitan para xuntarse e desfrutar. 

Nos últimos tempos, tamén hai que falar da súa decoración de Nadal, feita con elementos artesanais e que ten convertido a Allariz nun referente turístico, nunha sorte de antítese ás luces de Vigo

Sobre a revolta de 1989

A grave contaminación sufrida polo río foi causante dunha situación de deterioro máis xeneralizada que afectou a todo o termo municipal e non só ao centro histórico, e que se agravou despois de que maís dun centenar de troitas apareceran mortas. A falta de actividade pública provocou que varios veciños denunciasen e iniciasen protestas pola ampliación ilegal dun edificio que absorbía unha farola pública na súa fachada. Esta actuación rematou nos xulgados.

Nesta etapa, o goberno local (Coalición CdG-PP) de Pérez Camba non conseguía dotar de estabilidade política á vila - era o terceiro alcalde desde as eleccións de 1987-. Esta situación derivou o 11 de agosto de 1989 no peche dun grupo de veciños no Concello, que se prolongaría ata novembro e que rematou coa entrada de Anxo Quintana (BNG) no poder, unha etapa xa afastada, nunha vila que loita por seguir adiante.

Allariz loce hoxe con orgullo como un bo lugar para residir, unha gastronomía, unha paisaxe, unha zona urbana e unha identidade propia na súa xente. Esa mesma veciñanza que unha vez se rebelou para mudar o futuro.

Lorena R. De la Torre

Lorena R. De la Torre

Xornalista e nai de Noa. Licenciada en Comunicación Audiovisual, sempre estiven vencellada ao xornalismo na prensa escrita, despois dun breve paso polo mundo da realización, agora como freelance. Sempre interesada nunha conversa e en contar unha boa historia en Galicia.

Tamén che interesa

  • Vinte en Monforte. Que che importe que somos de Monforte

    Cantáronlle os Siniestro Total e cantáronlle os Yellow Pixoliñas. Escribiulle Antón Lopo e sobre esta vila de pasado marcado por condes e cardeais pivotou a obra do poeta galego máis punk, Lois Pereiro. A estación do tren e a capitalidade comarcal marcaron profundamente o pasado deste lugar no que hoxe a xente nova pelexa por marcar un punto e á parte na decadencia do interior da provincia de Lugo cun festival de cine, asociacionismo veciñal e negocios de forte activismo rural, ecoloxista e cultural. Que che importe que somos de Monforte.

    VINTE na vila

    Coa colaboración de

  • Vinte en Chantada. A grandeza dun pobo faina a súa xente

    Esta frase, ademais de ser o lema do Folión de Carros en pasadas edicións, é probablemente a mellor maneira de describir Chantada. A grandeza é visible non só nos carros e carrozas construídas verán tras verán seguindo unha tradición senlleira e chea de morriña, senón en cada recuncho de Chantada.

    Dende o Monte Faro ata o Río Asma, pasando por cada unha das 36 parroquias, montes e ribeiras do concello, a pegada da súa xente únese a unha paisaxe idílica para facer desta vila e lugares, os nosos, unha paraxe única.

    VINTE na vila

    Coa colaboración de

  • Vinte en Melide. «A festa vai no ADN dos melidaos»

    Melide in Blog foi o proxecto de Ricardo de Santos nos tempos do Blogomillo e de Blogaliza para erguer acta de canto pasaba nun lugar “onde se cruzan as estradas: de Santiago a Lugo, de Betanzos a Lalín”. Melide exerce como capital da Terra do Medio malia ser a da Terra do Medio unha xeografía aínda por cartografar, conformada á forza de andar nas feiras: un chisco de carácter gandeiro, un moito de identidade tendeira que afonda as súas raiceiras na Maragatería, por corredoiras de ida e volta, e un cen por cento de dedicación á troula. 

    Melide é hoxe unha desa vilas cabeceiras de comarca que o xeógrafo Rubén Lois —e tamén a Xunta— denomina «nodos para o equilibrio do territorio», fundamentais para corrixir unhas dinámicas que escoran as oportunidades cara ás cidades, sobre todo, as do eixo atlántico. Superado o ecuador do mes de xullo, Melide bule de xente nativa e retornada —e peregrina— e entrégase ao paso inexorable do seu esixente almanaque festeiro.

    VINTE na vila

    Coa colaboración de

  • Vinte en Vilalba. «Aquí ves futuro porque o hai»

    «O que máis te marca é que es de aquí». A capital da Terra Chá é a primeira parada de Vinte na vila, o novo espazo de VINTE concibido para contarnos máis e mellor a nós mesmas e entre nós. Para achegarnos devagar á vida cotiá de cabeceiras de comarca que impulsan as súas contornas e merecen ser contadas a través do que fai a súa xente

    VINTE na vila

    Coa colaboración de

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.