Teresa Batán Buján con Patricia Coucheiro, en Antas. CC-BY-SA Lucía Barreira Paz
Os debates sobre ese punto equidistante de todos os recunchos do país que tanta literatura produciron hai trinta anos enmudeceron cando o Instituto Xeográfico Nacional determinou que o quilómetro cero está no municipio de Antas, o menos poboado da comarca da Ulloa. Propoñemos unha viaxe ao descoñecido corazón de Galicia por un territorio onde nace o río Ulla, asombrado polo monte Farelo. Farémolo acompañadas por un feixe de persoas que desafían a profecía autocumprida de que nos sitios pequenos non hai nada que facer.
Na súa Toponimia de Antas de Ulla, Andrea Santiso Arias, defende que o termo anta, co sentido de menhir ou dolmen, procede dunha voz indoeuropea que significa fin ou linde. Tamén lle outorga orixe prerromana ao hidrotopónimo Ulla: ‘wel’, co valor de ‘auga que dá voltas’, suma o sufixo -ia, habitual nos nomes dos ríos prerromanos, como Navia, Avia, Limia, Neira ou Umia. “Así pois, Ulla experimenta a evolución *Wulia > Ulia > Ulla e evoca unha evidente referencia ao río do mesmo nome que nace na parroquia de Olveda no noso concello”.
Con todo, a vila de Antas chamouse Seoane —pronunciado Soane— ata ben entrada a segunda metade do século XX. A denominación permanece aínda “no lugar e na rúa de Seoane e mais nas instalacións deportivas do Castro de Seoane”, onde os venres á tarde adestran todas as categorías da Sociedade Deportiva Antas. Mentres tocan a pelota os alevíns, Nuria Louzao, futbolista e tamén integrante da directiva do club, cóntanos que encetan unha tempada ilusionante. O buque insignia da Esedé Antas é o equipo feminino da primeira división galega, que este verán celebrou tanto o ascenso como a ansiada Copa Deputación contra o CD Lugo.
Nuria pasou polo fútbol sala e leva case unha década como xogadora de campo de herba (sintética). O Antas é o único equipo de toda a provincia de Lugo na Primeira Galega; mesmo teñen futbolistas como para dispoñer tamén dun equipo B que se brega na Terceira Galega. Este ano vanlles caer desprazamentos longos,ás contornas de Vigo, da Coruña ou de Santiago, a maioría. Empezaron a liga esta pasada fin de semana, no Dani Mallo de Cambre con empate a dous e reciben o Calo no seu primeiro encontro da tempada na casa.
Malia seren recén ascendidas, Nuria entende que non o han facer mal, xa que pola reestruturación do fútbol feminino galego volven atoparse cun bo feixe de equipos cos que xa se bateron na tempada pasada. Explica, asemade, que para as xogadoras, o club é máis unha familia ca outra cousa.Mesmo algunha das que non segue este ano se anotou xa para a cea que farán despois da estrea da tempada no Castro Seoane. Asemade, o de familia é literal. Por exemplo, a canda Nuria xoga a súa irmá, Maite. Partillan adestramentos igualmente a máis veterana do equipo, que ten 39 anos, e unha das súas fillas, de quince.
“Vivimos a Copa Deputación como a final da Champions; como se conquistásemos o mundo ese día”, asegura Marta Álvarez, da SD Antas
A lateral dereita Marta Álvarez Ares é de Melide —“vaia, máis ou menos”, especifica—. Ela vai pola súa oitava tempada no Antas, en dous treitos. “É a miña segunda etapa no club: estiven seis anos e marchei dous e medio e volvín hai uns meses; en xaneiro/febreiro”. Recoñécese “encantada” de estar na casa. “É o sitio onde máis tempo estiven, onde máis a gusto estiven; a mellor afección”. Confesa que así como o ascenso “estivo moi guai” aínda lle tiñan “máis ganas” á Copa Deputación: “Xa levabamos moitos anos perdendo na final; chegando ata alí”. Con todo, matiza, ao cabo o ascenso é máis importante, xa que “decanta que xogues máis alto”. Pero a copa tiña ese compoñente de reto persoal, de non correr a sorte de Sísifo. “A final foi súper apertada. Tivemos que remontar; tivemos que ir a penaltis. Vivímolo como unha final de Champions, como se conquistásemos o mundo ese día”.
Así, este verán foron convidadas á casa consistorial pola alcaldesa, Pilar García, saíron ao balcón para recibir o calor da afección e fixeron un percorrido por Antas (ou Seoane). “Ao final o máis guai de xogar nun equipo de vila é que te valoran, que celebras con todos e todas as categorías do equipo: estaban desde os biberóns ata o masculino, estaba a xente da vila toda envorcada”. Coincide Marta con Nuria no carácter familiar da Esedé Antas e engade que tamén ten “maxia”. “O ambiente que hai na grada non o hai noutros sitios: saír de aquí, ir a un bar e que pregunten como foi o partido”. Despois está, claro, o clima que se crea entre as xogadoras: “Quéroas como se fosen da casa. “Somos xentes de idades moi distintas. Hai señoras moi maiores—chancea— e tamén nenas novísimas, polo que a conexión é un chisco distinta á que se dá noutros equipos”.
Elisa Rivas é mediocentro, di ela que máis construtiva que destrutiva —“Non me gusta levar golpes”, apunta—. A súa posición é crucial para que o xogo flúa, para repartir oportunidades. É o cerebro: “Pensar moito e executar o menos posible; temos unhas defensas que nos axudan unha barbaridade e as dianteiras que nos fan o traballo moito máis fácil”. Elisa vai comezar a súa sexta tempada, sempre no Antas no fútbol campo, aínda que ela tamén procede do futsal. “Teño a sorte de que en Antas temos un campo pequerrecho”, de xeito que a adaptación dunha superficie a outra foi tamén máis doada. Nótase física e mentalmente, engade, coa vantaxe de que tamén “tes máis tempo para pensar e máis espazo para ver”. Fronte a manida rivalidade veciñal, Elisa é natural de Monterroso, a vila limítrofe, a pouco máis de tres quilómetros de distancia. Ao ser o único equipo da provincia na categoría, o Antas recolle un bo número de mulleres e rapazas de municipios da contorna —toda a Terra do Medio, as comarcas da Ulloa, Melide e Deza— e tamén da propia cidade de Lugo.
Isto é así, tamén, pola posición central da vila. En Antas de Ulla, non moi lonxe da capitalidade municipal, está localizado o quilómetro cero de Galicia, segundo certifica o Instituto Xeográfico Nacional. Trátase da fraga de Nugallás, na parroquia de San Fiz de Amarante. A Deputación de Lugo anunciou hai cinco anos a súa vontade de construír en Nugallás o Parque Central de Galicia. Erixiuse xa unha portada de granito, un edificio que funcionará como centro de interpretación e unha área para xogos infantís. Xa estaba había desde había décadas a sombra fresca dos carballos.
As nugallás, pronunciada a palabra segundo a variedade dialectal central de transición que se fala en Antas, son aquelas persoas que se dan á nugalla, é dicir, preguiceiras. Nada que ver co carácter seoanés, que é o xentilicio deste municipio. O sector agroalimentario é o que emprega ata un 60% da poboación activa. Coñecido é que Antas é un dos territorios integrados na denominación de orixe protexida (DOP) Arzúa-Ulloa que, por certo, patrocina a Primeira Galega de Fútbol Feminino. Contaban este mesmo verán desde Fútbol in Lugo a circunstancia de que a Esedé Antas é o único equipo representante de toda a DOP, que se esparexe, como a Terra do Medio, polas provincias de Lugo, Pontevedra e A Coruña.
Artelac, desde o lugar de Outeiro, na parroquia de Amoexa, é unha desas queixerías familiares con explotación leiteira e vacas alimentadas a herba dos prados e cunha dieta completada con cereais e leguminosas como centeo, alfalfa, chícharos (ou pericos) ou xirasol. Amais dos queixos propios da DOP Arzúa-Ulloa, o mantecoso semicurado, de pasta branda, e o da nabiza, máis curado, ofértase un queixo con pemento picante, con ata seis meses de maduración.
Se os queixos da nabiza —elaborados co leite máis graxo do inverno, cando as vacas reciben o premio dos primeiros gromos dos nabos, e agochados con mimo entre o centeo, como un manxar que se consumía, sobre todo, nas festas de verán— constitúen un dos segredos mellor gardados da tradición culinaria da Terra do Medio, outro tanto cómpre dicir do pan de Antas.
Medio de brincadeira e medio en serio, todas as persoas coas que falamos en Antas pídennos que non falemos moito do pan, non vaia ser “que nolo rouben ou nolo derramen”. Quizais non teña tanta sona no resto de Galicia como outros pans con Indicación Xeográfica Protexida, pero nese país central dacabalo de tres provincias non hai outro que se lle compare. Cóntanos Xosé Vicente Varela, Pepe da Caixa Rural, que en Antas, que tiña no censo de 2024 pouco máis de 1.800 habitantes, funcionan aínda catro fornos: os de Modesto, Manso e Somoza, na vila de Seoane, e o de A Lareira, na parroquia do Castro de Amarante.
Catro fornos a cocer centos de bolos de pan para unha poboación de 1.800 habitantes
Malia que Manso levou parte da súa produción ao polígono veciño de Monterroso—ao igual que a láctea Diqueixa, nacida en Olveda, como o río Ulla— e que abriu nos últimos anos despachos e cafetarías en Lugoou Melide, segue a ter os seus cuarteis xerais na Avenida Portomeñe e loce a etiqueta de pan de Antas. Cando nos achegamos un venres pola tarde está o forno de leña a pleno rendemento e levedan as tortas de quilo que agardan a súa quenda de calor. Non interrompemos o traballo, medido, case un ritual. “Onde sacades isto?”, pregúntanos un dos panadeiros. “No Vinte na Vila de Praza, nos vindeiros días”.
En Antas son habituais os debates, mesmo acalorados, sobre se a torta é mellor a Manso ou se o pan de Modesto é máis contundente, de sabor antigo; se as empanadas de A Lareira son as máis mantedoras ou se na Somoza teñen moi conseguido o pan centeo. As xentes de Seoane achegan argumentos cocidos a lume maino e moídos en muíños de pedra e auga do Ulla acabado de nacer, froito dunha experiencia secular. Pepe da Caixa Rural explícanos, así mesmo, que a actividade panificadorado municipio ten unha incidencia directa na composición da paisaxe en mosaico, na que se alternan prados, soutos, carballeiras e cultivos, xa que tanto algúns dos propios panadeiros como outros veciños conservan aínda o costume de botar trigo do país e centeo cos que elaborar un pan contundente, de miolo alveolado e sabor lixeiramente acedo, deses que podería durar ata unha semana na casa sen se estragar se é que fose posible resistir a tentación de non rematar con el á primeira oportunidade.
Pepe da Caixa Rural chega desculpándose porque está na porta apenas dous minutos despois da hora acordada. É tempo de apañar as patacas e tocoulle recibir na casa o veciño que llas vende. Leva 34 anos á fronte da oficina, agora na Avenida de Pontevedra, nos primeiros compases no baixo da súa propia vivenda. É o director de oficina máis veterano na entidade. “E tamén serei dos máis vellos”, chancea.
Hai algo en Antas que se che escape?
“Non. Aquí coñecémonos todos. Os sitios pequenos teñen cousas boas e cousas malas. Ás veces matinas se non era era mellor estar nun sitio no que non te coñezan..., pero as cousas boas tamén son moi boas. Ás veces véñenche facer consultas que non teñen nada que ver coa caixa: ‘Que che parece, vou comprar aquela finca’. Veñen como asesoramento...
Pepe da Caixa Rural: “Cando me entra un cliente pola porta xa sei máis ou menos o que vén facer”
Ás veces veñen cos seus problemas médicos, cos seus problemas de saúde... Con moitas cousas que non teñen nada que ver coa operativa diaria da caixa. Enrédase máis nese tempo. Noutras operacións, non, porque eu, cando me vén un cliente pola porta xa sei máis ou menos o que vén facer: se vén facer un ingreso, se che vén para facer un reintegro, se vén para facer unha transferencia que comprou non sei que... Despois enrédase máis no tema do día a día, que cada un vén coa súa consulta, cos seus problemas... Se ha algún problema na familia... veñen contar e hai que escoitar. Se non se escoita...”.
A importancia de ser do sitio, non?
“Hai para certas cousas que era mellor non selo. Como vou dicir a isto que non? É fastidiado, ás veces. Cando se fai unha análise dunha operación ás veces toca dicir que non. E a longo prazo faslles un favor e non os metes en problemas”.
Se a relación dun director de oficina de entidade financeira e dos seus clientes pode compararse ao segredo de confesión, tamén os titulares da Caixa Rural, ao igual que os cregos, se coñecen polo nome da vila onde prestan os seus servizos. Pepe recoñece que as videoconferencias alixeiraron moito do traballo, pero lembra as reunións presenciais na sede da rúa luguesa de Montero Ríos e tamén por que orde foron abrindo sedes novas desde que el se incorporou á de Antas, no verán de 1991. “Nós fomos a sucursal 24; aquel ano empezaron tamén San Román de Cervantes e Alfoz”, recita de memoria.
Ao igual que a Esedé Antas capta futbolistas de varios concellos da contorna, tamén a Caixa Rural de Antas conta con clientes de Monterroso ou Portomarín, de Taboada, Agolada ou Rodeiro e mesmo da cidade de Lugo. “Os comezos das caixas rurais, como cooperativas de crédito, foron para darlles un servizo aos gandeiros e aos labregos hai case sesenta anos, cando comezou a mecanizarse o sector agrario; hoxe seguimos a ser unha cooperativa e prestamos atención ao sector primario, pero somos unha banca para todo tipo de clientes”. Con todo, indica, a presencialidade segue a ser unha fortaleza: “A Caixa Rural nunca pechou unha oficina. Aínda que a banca electrónica sexa moi cómoda para moitas persoas, somos conscientes de que moitas outras necesitan unha cara coñecida na oficina, un lugar físico no que ir actualizar a libreta”. É un xeito, coincide, de loitar contra a exclusión financeira, que é outra das que pairan sobre o medio rural.
“A Caixa Rural nunca pechou unha oficina. Aínda que a banca electrónica sexa moi cómoda para moitas persoas, somos conscientes de que moitas outras necesitan unha cara coñecida na oficina, un lugar físico no que ir actualizar a libreta”
Tamén explica que nos negocios de Antas é habitual que se teñan contas abertas nas distintas entidades que operan no municipio. “A relación cos compañeiros das outras entidades do sector sempre foi moi boa e nos veciños moitas veces está esa vontade de ter produtos contratados con todos, para que quede na vila”.
E revela que hai tempo que moitas das empresas locais coas que traballan non adoitan precisarencréditos para financiaren as súas actividades —“Iso foi ao principio, agora están todas moi consolidadas”—, pero que si que fan operacións dese tipo “para fóra”. Con todo, Pepe da Caixa Rural non oculta a súa preocupación polo relevo xeracional nas explotacións gandeiras ou nos negocios da vila. “Si que vén algunha xente, con vontade de vivir e traballar aquí; algúns retornados que estaban fóra e outros que nada tiñan que ver con este sitio, pero que a xente nova queira e poida vivir aquí vai ser un reto nos vindeiros anos”, conclúe.
Patricia Coucheiro é unha desas mozas que estivo fóra mentres estudou, e igualmente por motivos laborais, e que regresou á Ulloa. “Así como a miña parella ten claro que quere vivir no rural, eu o que quero é vivir na Ulloa, non en calquera rural; é aquí onde teño as miñas iniciativas culturais e as miñas militancias; se non fose así, viviría nunha cidade”. Patricia é profesora de Filosofía en secundaria, pero tamén estudou Comunicación Audiovisual e un mestrado en Antropoloxía. Vai e volve todos os días—en Antas non hai instituto— atraída pola mesta rede de propostas que ofrece o municipio.Ela mesma integra boa parte delas é unha das cantareiras de Zoelas, unha banda que naceu de Fiadeira, a asociación cultural local que cumpre a función de escola de música tradicional para ducias de mozos e adultos do municipio.
“Nós estabamos a experimentar cunha proposta que xa non era puramente tradicional e tampouco queriamos comprometer o propio funcionamento de Fiadeira, así que decidimos que tiña que ser un proxecto independente. Así, Érica e Beatriz García, ademais de Patricia poñen as voces, as percusións, os textos e o discurso. Cantaron asemade con elas María Bouzas e Pilar Naveira. Acompáñanse de Miki Varela, Míchel Rivadullae Bruno Villamor como instrumentistas. Zoelas conxuga diferentes linguaxes escénicas e audiovisuais: a danza, o teatro, o videoclip oua escenografía. Patricia Coucheiro desentraña o nobelo que tece o camiño desde Fiadeira, o útero nutricio, ata Des(a)fiada, o máis recente espectáculo desenvolvido por Zoelas. “O fío, como elemento artístico, xa está na nosa identidade gráfica desde o principio. Reivindicamos esas orixes e enredámonos canto podemos”. Este enredarse conduce, polo camiño a Corcosendo, un proxecto antropolóxico sobre a memoria das mulleres costureiras da Ulloa, desenvolvido pola sección audiovisual do Instituto de Estudos Ulloáns, baixo a coordinación da propia Patricia Coucheiro, Sara Coello, Antía Montes e Susana Varela.
Antía Montes, de Vilane, ao pé da capitalidade municipal, e xornalista en Radio Lugo Cadena Ser, foi quen nos desbrozou os primeiros pasos antes de nos achegar a Antas. Coincide con Patricia en que a xente moza ten a que volver á casa as fins de semana, cando traballa ou estuda fóra, porque hai “unha oferta cultural, un ocio que chama por nós”. As dúas están certas de que se temos que falar con alguén neste percorrido é con Tere, a bibliotecaria. “Criounos a quince xeracións!”, sentenza Antía. E non esaxera nin un chisco.
A biblioteca de Tere: música tradicional, teatro amador, cinco clubs de lectura e filosofía infantil
A Biblioteca Municipal de Antas, na Casa da Cultura, é o lugar no que suceden as cousas. Agromou nela o teatro municipal, agora xestionado por unha asociación, pero aínda mantén os ensaios no local e implica algún ano a máis de 80 persoas. Para o curso 2025/2026 os ensaios serán os martes, para os grupos de infantís de 3 a 7 anos, de 8 a 13 e para adultos. O curso pasado, por riba, foron quen de montar unha adaptación deYerma que aínda ten percorrido nos circuítos de teatro amador que os levou mesmo á Andalucía de García Lorca.En Antas naceron, vai para vinte anos, uns campamentos de teatro para a rapazada, impartidos por Josué García, Tito Asorei, Carlos Coira ou Paloma Lugilde, cando non os había en ningures e aos que acudían nenas e adolescentes de toda Galicia.
Patricia e Antía foron nenas e son mulleres da Biblioteca de Antas. Hai uns meses, a primeira delas, por exemplo, organizou un seminario de filosofía para crianzas de catro e cinco anos en dez sesións que foi un éxito. Teresa Batán Buján, Tere da biblioteca, está a facer encaixe estes días para cadrar os horarios nos comezos dunha noca tempada de actividades. “Xa estou na recta final, que me vou xubilar”, comenta. As quince xeracións criadas no seu colo botarana a faltar.
“Vamos facer os mesmos clubs de lectura de sempre. O de bebés, o de prelectores, os encontros literarios con adolescentes e, logo, o de adultos, que ese xa foi o primeiro club que tivemos. Empezaremos en outubro, supoño. Sempre deixo que poñan todas as actividades e despois, os espazos. Para non lialos máis. Porque á lectura non é ao que van máis correndo, entendes? Vou enganchando os ocos que lles quedan a eles libres para que poida vir a maioría”.
Tes que encaixar os clubs de lectura e cos ensaios dos grupos de teatro, que tamén son aquí.
“E os de Fiadeira! Pero non é só xa polo espazo físico. É polo tempo dos nenos. Tamén teño que saber cando son os adestramentos do fútbol. O ano pasado tiñamos os clubs de prelectores e de primeiros lectores o mesmo día que inglés. Para que lles coincidise. Este ano vamos facer unha cousa parecida”.
Tere considera que a biblioteca xa foi máis un lugar para que as familias puidesen conciliar os seus tempos que o que o é hoxe, xa que o Concello dispón do Plan Concilia. Amosa orgullosa as fotos e as dedicatorias de Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda que teñen enmarcadas. “Foron uns grandes amigos da nosa biblioteca; xa ao pouco de viren de Cuba”, conta.
Engade que no club de lectura para idade adulta hai como unha ducia de persoas que acoden desde que se fundou, vai camiño de once anos, cando non había tantos espazos deste tipo —e moito menos en municipios de poucos habitantes, como Antas—. Tamén a biblioteca de Antas recolle lectores doutros municipios limítrofes, como Palas, que non dispón deste servizo municipal.
Un libro que vos gustase ultimamente?
Las vencedoras, de Laetitia Colombani. Outro que gustou moito foi o de Afonso Eiré sobre a emigración, Ausentes.
Lémbranos Antía Montes que a outra gran institución de Antas de Ulla é a Banda de Música, fundada en 1896 e que vai camiño dos 130 anos. Un dos seus membros máis carismáticos é Eduardo Salgado, de 94 anos, que aseguraba aló atrás en El Progreso que non se xubilaba nin da banda nin do teatro porque ten contrato “polo menos ata chegar aos cen anos”. Esta escola de música é un fixo nas festas de toda a Terra do Medio—mesmo a pediu un home de Palas para o seu funeral— e está estes días a recrutar instrumentistas que queiran sumarse á familia.
Patricia Coucheiro: “Non é casualidade que as mulleres estean á fronte dalgunhas das iniciativas máis novidosas que xorden en Antas”
O monte Farelo, un dos puntos cardinais da Terra do Medio, agocha un tesouro de petróglifos da Idade do Broncenas súas abas e inspira lendas de mouros e tesouros, de túneles secretos e misterios. Ao igual que o Pháros de Alexandría que rastrexa Andrea Santiso no topónimo do Farelo, a súa presenza é evidente desde calquera punto da vila de Seoane e acompaña sempre as xentes da Ulloa. Talvez o seu poder funciona para atraer ideasempresariais exitosas, como Pazo de Vilane, de Nuria Varela Portas, que produce ovos de galiñas campeiras e tamén marmeladas. Ou propostas como Quercus Sonora, de Sandra Goded e Rudi Esteban, unha bióloga e un violinista, respectivamente, que intercambian concertos de música de cámara por recursos para deseucaliptizar a contorna. Teñen xa máis de 15 hectáreas en custodia que van substituíndo por frondosas e outras especies. Sandra presenta o día 26 de setembro na Casa da Cultura o poemario Ahí, conmigo dentro, se para el tiempo, co apoio do Instituto de Estudos Ulloáns e a actuación de Fiadeira.
Patricia Coucheiro lembra tamén outras iniciativas, como as galletas Tataraboas, de María Bouzas, ou as de cosmética emprendidas por Pilar Naveira —Mummadonna— e Noelia Solar—Esencia Viva—. “Todo isto pasou, porque nos anos noventa aquí se moveron moitas cousas. Foi fundamental que se instalase A Casa da Terra en Vilapoupre, onde tamén chegou a propia Pilar Naveira. Eran persoas que traían un discurso que entón era novidoso sobre a ecoloxía, o agrofeminismo, outro xeito máis sustentable de habitar o rural e pertencer a unha comunidade”.
Tamén lembra como foi Antas o lugar que viu nacer O Zuleiro, un grupo de consumo da Ulloa que tivo que poñer a sede finalmente en Monterroso porque o daquela alcalde seoanés non lles puxo ningunha facilidade. “Tiñamos tamén un colectivo, a Asemblea Popular do Alto Ulla, que era dos poucos que estaba rexistrado en toda Galicia como asociación de carácter político”. Matina Patricia, ela mesma unha das voceiras da Plataforma Ulloa Viva, que non é casualidade que sexan de mulleres os máis dos rostros das persoas que na Antas de Ulla de hoxe están á fronte das propostas de lecer, culturais, empresariais e na loita polo territorio. “Todas vimos dunha xenealoxía. Queriamos oportunidades, redes, e aprendémolas a facer”.