Barreiros: acougo e calma onde o mar namora

Coa colaboración de

Costa e praia de Barreiros. CC-BY-SA Miguel Pardo

No corazón da Mariña, co Atlántico batendo nun areal virxe e infinito, Barreiros ofrece acougo, natureza e vida. A que atrae os milleiros que chegan no verán e da que gozan os que alí viven todo o ano. Nun concello que mantén o inevitable impacto dunha burbulla inmobiliaria que se pasou moito de rosca, pero que reivindica un presente atraínte e un futuro prometedor nunha contorna única. 


“Barreiros teno todo, namórase del o que vén, pero non o masifiquemos, sen pasarse”. Digna Irimia coñece coma poucos a evolución da zona nas últimas décadas, as mesmas que leva á fronte do restaurante O’Asador. A piques de facer 35 anos e situado nun cruce de estradas —as que veñen de Foz, Mondoñedo e Ribadeo e mais a autovía—este local hostaleiro en San Cosme recibe a diario traballadores, viaxantes e cada vez máis turistas, ademais de ser referencia para vodas e comuñóns en toda a comarca. 

CC-BY-SA VINTE

O turismo é o principal motor económico deste municipio da Mariña a onde Digna, natural de Lourenzá, chegou hai case corenta anos, nos 80, cando a paisaxe da vila de San Cosme e do resto do municipio tiña pouco que ver coa de agora. A explosión urbanística impulsada por anteriores gobernos municipais a principios deste século, da cabalo dunha burbulla inchada, deixou esqueletos urbanísticos aínda en vías de solución e tivo como paradigma a concesión de licenzas para unhas 3.000 vivendas novas cando esa cifra era semellante ao número total de habitantes do concello. “Pasámonos; construíuse un pouco a lo loco”, di. 

De aí que Digna tire de prudencia mentres enche de gabanzas a “tranquilidade” e “beleza virxe” de Barreiros que, aclara, “ten de todo” e tamén “todo por explotar”. Pero con sentidiño. “Con coidado, dándolle á zona o que merece, sen moita trangallada”, explica quen, se cadra sen sabelo, expón un modelo de turismo en auxe. 

Esta veterana (e recoñecida) cociñeira sabe ben das vantaxes que Barreiros ten de combinar o balbordo, a trasfega e os días longos dos tres meses de verán coa calma e a pausa do resto do ano, xunto á beldade infinita que a paisaxe ofrece “desde As Catedrais ata a ría”. “Temos as mellores praias do mundo”, reivindica.

"Tranquilidade" e "beleza virxe desde As Catedrais ata a ría", reivindica Digna Irimia, que leva 35 anos á fronte do restaurante O'Asador, referencia en Barreiros      

Nun día calquera de semana de inverno, esa paisaxe virxe de oito quilómetros de praias en Barreiros, desde Foz ata Ribadeo, tórnase aínda máis espectacular. O bruar do vento e do mar contrasta co silencio dos centos de casas e chalés que agardan pechados a chegada dos seus inquilinos para o verán e co lixeiro murmurio das parellas de xubilados que percorren o extenso paseo marítimo paralelo ás nove praias dun inmenso areal continuo. Desde a de Altar ata a de Arealonga, pasando por Remior ou Balea. 

Hai xa ben anos, relata Carlos Fernández Fraga, o turismo que acollía o municipio era o de “familias de clase media ou baixa de Lugo, xente obreira na súa maioría, que viñan aquí ás praias ou tiñan unha segunda vivenda”. Agora a cousa é diferente, conta este médico de familia xubilado, que traballou 18 anos en Barreiros e leva 46 anos vivindo en San Miguel de Reinante, no mesmo concello. 

Detalle dunha casa cabo da praia en Barreiros CC-BY-SA Miguel Pardo

Os datos indican que Barreiros pode ata multiplicar por seis a súa poboación no verán e que é un dos concellos con maior taxa de sobrecarga poboacional neses tres meses, con 2.000 persoas máis das habituais de media, xente que vive alí a tempo completo e fai noite (a maioría nas súas segundas residencias a pé de costa), alén da que pasa o día ou temporadas. Só Sanxenxo e Mondariz-Balneario superan estas cifras. 

“Pasamos daquilo a esta época de pisos turísticos e todas estas urbanizacións... O cambio foi moi importante e nótase sobre todo aquí abaixo, no mar, pero non tanto cara ao interior”, explica Carlos, que insiste sempre en diferenciar a parte da costa coa máis agrícola e rural. Unha diversidade visible segundo cada unha das oito parroquias do concello. 

“A actividade agrogandeira aquí é pequena, pero no interior sempre foi punteira, con explotacións moi importantes”, advirte. Moitas aínda se manteñen mentres a hostalería e o sector servizos foron gañando pulo, como lembra, con cada vez máis auxe de hospedaxes, casas rurais, apartamentos e hoteis. 

Carlos Fernández Fraga, na súa casa en San Miguel de Reinante (Barreiros) CC-BY-SA Miguel Pardo

Este médico xubilado viviu un importante “cambio sociodemográfico” nos seus primeiros anos en Barreiros. “O tránsito dunha sociedade rural que foi fuxindo cara ás vilas, á costa”, lembra sobre unha mudanza que foi, aclara, tamén na mentalidade. “Hai anos había en moita da sociedade un importante desvencellamento co mar; agás pequenos núcleos con actividade na pesca de baixura ou no marisqueo, o resto da poboación tiña un gran descoñecemento do contexto social e mesmo climático arredor do litoral”, conta. 

Non é así nesta altura. “Moitos vivían de costas ao mar, pero agora a xente nova ten moitas iniciativas arredor del”, di, en referencia ás actividades de turismo activo, deporte e a propia hostalería vinculados ao litoral que agora agroman e asentan neste concello da Mariña, onde hai tamén iniciativas innovadoras como a fábrica de Augas Santas en San Xusto, berce de varias especialidades de cervexa artesá

San Miguel de Reinante, en Barreiros CC-BY-SA Miguel Pardo

Nesta mestura actual de urbanizacións á espera do boureo estival, a faena cotiá que agroma de camiño ao interior e a vida rural e gandeira das zonas máis elevadas reflíctese nalgunhas imaxes que deixa o percorrido. Como a das vacas pacendo nun prado custodiado por altos guindastres, edificios a medio construír e o mar bravío de fondo. 

Carlos Fernández, médico xubilado, lembra o "desvencellamento co mar" que tiña boa parte da veciñanza de Barreiros non hai tanto; agora é todo o contrario

As numerosas rúas e pequenos camiños cara ás praias locen baleiras, só salpicadas con parellas de obreiros a aquelar no inverno a futura estadía do verán. Contrastan co movemento dun día de semana en San Cosme, parroquia máis poboada e capital municipal. O estanco que fai á vez de taberna e libraría reúne os vellos comentando a actualidade mentres da outra beira da estrada acumúlanse coches e veciños camiño dos supermercados e dos bancos ou do centro de saúde. Das persianas baixadas e as cancelas pechadas dos chalés á bolsa de pan colgada na porta dunha casa só hai uns centos de metros. 

A visita ao médico, á biblioteca municipal ou ao centro social (todos na mesma mazá) dá pulo á vida dunha zona que sempre competiu con San Miguel de Reinante polo liderado municipal. 

“Desde que está a nova corporación municipal en San Cosme déuselle pulo á actividade comercial, e o que ofrece a biblioteca, os clubs de lectura ou as aulas de actualización informática crearon alí un pequeno polo de xente, pero onde estivo sempre o movemento xuvenil e cultural foi aquí en San Miguel”, di Carlos, que fai referencia a unha institución clave que camiña cara ao medio século de vida: O Arco da Vella. “Xuntou xente nova de todas as casas e chegou a haber máis de 200 mulleres gaiteiras na zona!”, di con fachenda reivindicando unha zona onde “sempre houbo e hai actividade cultural”. 

Alí, en San Miguel, o acougo do núcleo principal só é interrompido polas voces e os xogos no recreo dos máis pequenos, no colexio que se ergue só uns metros máis cara arriba. Do outro lado, cara ás praias e no medio de dúas ringleiras de edificios fillos da burbulla inmobiliaria de principios de século, está a casa de Carlos Fernández. 

A fábrica da cervexas Augas Santas está situada en San Xusto de Barreiros. CC-BY-SA Cedida

Leva alí décadas, asentado no lugar onde veu traballar e do que non volveu marchar, como si fixeron hai séculos centos e centos de mariñaos que á súa volta deixaron pegada coas súas casas indianas, algunhas das máis recoñecidas neste concello que mesmo ten unha festa dedicada á emigración. 

Non son aqueles tempos, pero Barreiros reivindica o seu futuro. “O traballo aquí céntrase sobre todo nos servizos; hai un pequeno polo industrial na Cruz do Lobo, en San Cosme, e a sede dalgunha das principais industrias forestais, pero a efectos locais non repercute demasiado”, explica Carlos, que cre que o importante número de persoas anciás que viven soas no concello pide tamén dunha “residencia ou casas atendidas” para esta poboación. 

Detalle mariñeiro nunha casa a pé de praia en Barreiros CC-BY-SA Miguel Pardo

Ao carón dese pequeno polígono ao que fai referencia Carlos, con empresas de construción, automoción ou vinculadas á madeira, atópase o puxante restaurante de Digna, que pide máis para o municipio. 

"Barreiros deumo todo, quérolle moito", di Digna, natural de Lourenzá; "só podo falar o mellor da zona e da xente", engade Carlos, nado en Lugo

“Eu xa cheguei ao final da miña etapa laboral e deixo paso aos novos, que han ter que loitar moito. Barreiros ten todo e todo por explotar, pero con coidado”, explica quen considera que a atracción que ofrecen as súas praias ten que ir acompañada “de moito máis”, como mellores infraestruturas e servizos que axuden “a xente emprendedora” e mais aos milleiros de visitantes. “Téñense que sentir cómodos, ter máis aloxamentos, máis lugares para ir comer pero con proxectos de calidade e sen explotar a ninguén”, insiste quen tira de dous obxectivos que para ela definen o porvir da zona: “Bonita e organizada”. 

Malia os desexos de mellora, Digna e Carlos coinciden en que Barreiros prendeunos. Para sempre. “A min deumo todo, quérolle moito”, di a cociñeira mentres presume do seu amor mariñao. “Só podo falar o mellor da zona e da xente”, di o médico xubilado, lucense que elixiu este recuncho para pasar a vida e aínda lembra emocionado a despedida que a veciñanza lle deu cando deixou a praza no centro de saúde ou as redes de apoio entre a veciñanza "que aínda se manteñen". 

Miguel Pardo

Miguel Pardo

Entre A Coruña e o Ortegal. Antes en La Opinión, Depor Sport, L-V ou Xornal de Galicia. Co-autor de La imagen del mundo árabe y musulmán en la prensa española (2010, Fundación Tres Culturas).

Tamén che interesa

  • Vinte na vila

    Vinte no Carballiño. As augas, o polbo e ‘mil’ bares para quedar

    Vinte na vila estivo no Carballiño o 19 de decembro. Polas rúas soaban as panxoliñas e a veciñanza apuraba as compras do Nadal. No noso percorrido puidemos gozar dun paseo a pé polas rúas do centro ou pola beira do Arenteiro, admirar a paisaxe da contorna, a Ínsua do Poetas; e degustar O Carballiño, desde as deliciosas cañas fritas ata o histórico polbo, á feira, claro. Estamos nunha vila marcada pola emigración e as divisas que chegan para converterse en impoñentes chalés; as augas termais sanadoras, a súa situación xeográfica estratéxica e a omnipresenza de bares e restaurantes, algo que aplauden tanto locais como visitantes.

    Lugares

    Coa colaboración de

  • Vinte na vila

    Celanova, a tranquilidade dunha vila onde a xente vive máis de cen anos

    Celanova ou "Cella nova", segundo recollen algúns estudos, é unha parada obrigada á hora de entender a historia e a literatura galegas, nunha vila que ademais de ser berce dos poetas galegos, tamén presume, e moito, de lonxevidade. Percorremos Celanova xunto a persoas emprendedoras do comercio, o sector lácteo ou a restauración, que coiciden no carácter acolledor dunha vila onde todos se coñecen.

    VINTE na vila

    Coa colaboración de

  • Vinte na vila

    Vinte en Folgoso do Courel: “Se se esgota un plan de vida, tes que inventar outro”

    Había moitas pingadas na estrada, sinal de que chegaramos ao Courel e de que estamos no tempo grande da castaña. Case non parou de chover en todo o día, pero todo o mundo nos dixo que estabamos alí na mellor época. Pódese ir ao Courel en calquera momento do ano, pero hai que volver no outono. 

    Nesta nova entrega do Vinte na vila percorremos Folgoso do Courel un 31 de outubro. Mel, castañas, doces, turismo rural, a gandeiría e mesmo o blues e o jazz mestúranse nesta reportaxe audiovisual co son da chuvia, e as voces dos protagonistas que nos falan desde o seu lugar: "Decateime de que vivimos no ceo aquí". 

    VINTE na vila

    Coa colaboración de

  • Vinte na vila

    Antas de Ulla: pan, queixo e un tesouro agochado no quilómetro cero

    Os debates sobre ese punto equidistante de todos os recunchos do país que tanta literatura produciron hai trinta anos enmudeceron cando o Instituto Xeográfico Nacional determinou que o quilómetro cero está no municipio de Antas, o menos poboado da comarca da Ulloa. Propoñemos unha viaxe ao descoñecido corazón de Galicia por un territorio onde nace o río Ulla, asombrado polo monte Farelo. Farémolo acompañadas por un feixe de persoas que desafían a profecía autocumprida de que nos sitios pequenos non hai nada que facer.

    VINTE na vila

    Coa colaboración de

  • Vinte na vila

    O primeiro Ouvinte na vila defende o “xornalismo de corredoiras” e que non veñan os de fóra falar por nós

    O xornalismo de corredoiras, a necesidade de ir ao lugar e contar o que alí sucede por nós mesmas e mesmos. Esta foi unha das ideas que puxeron en valor as participantes no primeiro episodio do podcast Ouvinte na vila, a edición sonora da serie de reportaxes que a revista VINTE desenvolve coa colaboración da Caixa Rural Galega para coñecermos mellor as vilas e cabeceiras de comarca galega a través das voces das persoas e o achegamento ao territorio. 

    Podcast

    Coa colaboración de

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.