Celanova, a tranquilidade dunha vila onde a xente vive máis de cen anos

Coa colaboración de

A Queixería Feijóo, de reparto polas tendas de Celanova. CC-BY-SA Iago Cortón

Celanova ou "Cella nova", segundo recollen algúns estudos, é unha parada obrigada á hora de entender a historia e a literatura galegas, nunha vila que ademais de ser berce dos poetas galegos, tamén presume, e moito, de lonxevidade. Percorremos Celanova xunto a persoas emprendedoras do comercio, o sector lácteo ou a restauración, que coiciden no carácter acolledor dunha vila onde todos se coñecen.

 

Nesta localidade do interior de Galicia, tamén coñecida como a vila dos poetas, viven preto de trescentos centenarios por cada cen mil habitantes, unha cifra que a sitúa ao mesmo nivel que lugares centenarios como a Illa xaponesa de Okinawa. Unha singular estatística a que hai que sumar a chegada de retornados nos últimos anos, principalmente de Latinoamérica e, en concreto, de Venezuela na procura de novas oportunidades.

CC-BY-SA VINTE

A ela escribíronlle escritores coma Celso Emilio Ferreiro, en “Onde o mundo se chama Celanova” ou “Longa noite de pedra”, e outros coma Curros Enríquez, autor de “Aires d’a miña terra” quen lle cantou como ninguén á Virxe do Cristal, nunha longa composición dedicada a capela emprazada na parroquia celanovesa de Vilanova dos Infantes. Tamén foi escenario de series como "El Desorden que dejas” ou de vídeos promocionais como o realizado por Cañita Brava e Santiago Segura titulado “Celanova".

Dende o Mosteiro de San Salvador, fundado por San Rosendo, pasando pola capela de San Miguel ou o castro de Castromao, a grandeza desta vila radica na súa xente, que loita por atopar novas oportunidades para non ter que marchar. 

Vista panorámica da vila de Celanova. CC-BY-SA Iago Cortón

Durante un percorrido pola vila, diferentes emprendedores falan da singularidade desta vila, que vive principalmente do sector servizos, e que loita para consolidar outros negocios, como o madereiro, vehículos ou a elaboración de produtos lácteos e cárnicos.

"Aquí o que está e se dedica a isto é porque o mamou de pequeno ou que está tolo, pero non é un negocio no que diga invisto - por exemplo- un millón de euros e en cinco anos teño beneficios, tes que ir pouco a pouco, día a día", explica Julio José Alonso Feijóo, enxeñeiro agrícola e orgullosa sétima xeración de queixeiros de Celanova, Queixería Feijóo, asentada en Acebedo del Río, en Celanova.

Neste negocio, que comezou a andar no ano 1949, decidiron dar un xiro e especializarse na elaboración de queixos que hoxe en día comercializan non só por toda Galicia senón tamén noutros puntos de España, nun sector que foi esmorecendo co paso dos anos en Celanova. Aquí, non teñen vacas propias senón que mercan o leite en distintas zonas do Deza e tamén de Castela-León que empregan para a elaboración e maduración dos seus queixos.

Julio José Alonso Feijóo, enxeñeiro agrícola e orgullosa sétima xeración de queixeiros de Celanova. CC-BY-SA Iago Cortón

Durante o reparto pola zona de Ourense, José Alonso explícanos cal é a súa rutina diaria. "Normalmente o leite o traemos o venres pola noite ou o sábado pola mañá. O luns, a nosa xornada laboral empeza ás seis da mañá, que é cando encendemos as máquinas, preparamos todo, pasteurizamos o leite, e con ese lienzo en branco, empezamos a elaborar o queixo. Isto facémolo de luns a mércores, a partires de aí empezamos a empaquetalos e ao reparto".

O catálogo dos produtos xa é toda unha declaración de intencións, que amosa o arraigo cunha terra, Celanova. "Temos un queixo brie que se chama Longa noite, en honor a Celso Emilio Ferreiro", explican desde a Queixería Feijóo

O catálogo dos produtos xa é toda unha declaración de intencións, que amosa o arraigo cunha terra, Celanova. "Temos un queixo brie que se chama Longa noite, en honor a Celso Emilio Ferreiro. O Coelerni, fai referencia aos primeiros poboadores que houbo en Castromao que eran os coelernos, e tamén temos o Trisquel, en referencia a que en Castromao é o único xacemento no que se atopou un trisquel calado enteiro". Tamén está o Torre de las Damas, que é popularmente os veciños chamaban a Torre de Celanova, na época das guerras irmandiñas.

Dentro de innovación e especialización no sector, esta xeración de queixeiros non quere perder a súa esencia e, por iso, seguen facendo o reparto porta a porta polas vilas como se facía antigamente.

Alexandre Calviño (dereita), brinda na Taberna do Galo. CC-BY-SA Iago Cortón

Preto do colexio que leva o nome de Curros Enríquez, a seguinte parada é a Taberna do Galo, un establecemento centenario onde din que ía comer Celso Emilio Ferreiro, a que o escritor lle dedicou unha obra que recibe o mesmo nome. Alí, nos recibe Alexandre Calviño, un mozo de 34 anos, nado en Venezuela que decidiu vir a Galicia para vivir.

"Aquí coñecémonos todos. Se teño que escoller, quedo coa amabilidade da xente, aquí sempre están dispostos a axudar", asegura Alexandre Calviño, da Taberna do Galo

Despois de varios anos traballando no eido da hostalería o seguinte paso foi levar o seu propio negocio a Celanova. "Vin a oportunidade e non o dubidei. É bonito traballar nunha taberna na que poder ofrecer cociña tradicional transmitindo esa comida que facían as nosas avoas", di Alex, quen se confesa "encantado" de poder gozar da calidade de vida que non sempre se atopa nas grandes urbes.

"Aquí coñecémonos todos. Se teño que escoller, quedo coa amabilidade da xente, aquí sempre están dispostos a axudar. De seguida te ofrecen verzas, tomates e o que necesites, hai moi bo rollo entre todos", engade Alex.

Polas rúas de Celanova, este decembro. CC-BY-SA Iago Cortón

Para este mozo empresario, un día normal de traballo comeza ás oito da mañá, cando chegan os provedores a levarlle os produtos, sempre de proximidade e se prepara para unha nova xornada laboral. Queda, do oficio, co trato da xente, que lle fai máis levadeiro o cambio de estacións, do verán, ateigado de visitantes, ao inverno, onde a meirande parte da súa clientela é da zona. "Os da casa", como lle gusta dicir.

Esta taberna situada baixo os soportais da zona vella presume nas súas fotos da historia dunha vila, que sempre viviu do comercio e que foi lugar de esparexemento de escritores vencellados ao Rexurdimento galego e de figuras como San Rosendo, bispo de Mondoñedo, algo que se reflicte no seu rico patrimonio.

"Fixéronme tres despedidas pero sempre volvín", confesa Berta López, unha coruñesa que, despois de varios anos traballando no eido do turismo nesta comarca ourensá, quixo dar un xiro á súa vida tras quedar no paro e decidiu apostar por abrir un negocio que considera bo para a vila.

Neste establecemento, fundado en 1912, e que busca ser unha chiscadela á "casa de todos", esta muller, natural de Neda comparte o cariño por esta vila da que estivo a piques de marchar ata "tres veces" pero que nunca deixou.

Negocios como este, lembran a importancia que tivo o comercio nesta vila, na que hai que remontarse moi atrás para lembrar outras actividades, como as feiras de gando, onde a xente comerciaba con animais, tal e como recolle na publicación da revista Raigame, o historiador local Antonio Piñeiro.

"Celanova é como dar un paseo pola historia de Galicia", asegura Berta López,  responsable de CasAberta

"É no sitio no que mais a gusto estou, aquí teño a tranquilidade que busco, é un lugar tranquilo para vivir. Se necesitas algo, todo o mundo está disposto a axudar, nunca te sentes sola". Para Berta, Celanova é como dar "un paseo pola historia de Galicia". Cando colleu o negocio a súa premisa foi clara: "Tocarlle o mínimo imprescindible á estrutura orixinal para que fora funcional, pero nada máis".

Asentado sobre un pequeno negocio que se dedicaba á principios de século á venda de teas e fíos ademais de pequenos arranxos de televisores e radios, CasAberta é unha boa opción onde tomar un viño entre as catro paredes que recollen unha pequena escolma de obxectos antigos: dende tocadiscos ata sulfatadoras, lámpadas, multímetros, máquinas de coser ou un negativo de cristal.
 

Vista desde a rúa Emilia Pardo Bazán, en Celanova. CC-BY-SA Iago Cortón

Como técnica de Turismo, Berta reflexiona sobre o "avance tremendo" experimentado por esta vila ourensá nos últimos anos e que agora empeza "a recoller os seus froitos despois de anos de traballo". Iso si, é consciente dos retos actuais como son o acceso á vivenda ou a mellora nas comunicacións, un problema que extrapola a outros concellos, con obxectivo de que a xente queira quedar a vivir e "fixar poboación".

A pouca distancia de CasaAberta, a nosa seguinte parada é Sabores, un singular restaurante rexentado por Miguel Angel Estévez, co apoio do maître Rafael Vejarano e o xefe de cociña Israel Sandoval, que trata de abrirse un oco na gastronomía galega cunha proposta diferente.

Sobre as persoas que chegan ao restaurante, Miguel confesa que non son necesariamente de Celanova ou Ourense senón tamén de fóra, de lugares como Vigo ou Madrid. O boca a boca funciona, e neste caso a súa experiencia por medio globo.

Oriúndo de Monte Redondo, en Padrenda, marchou sendo novo fóra de Galicia, a Madrid, Estados Unidos, Emiratos Árabes ou Irlanda onde abriu decenas de restaurantes e coñeceu moitos tipos de sabores, que agora trata de levar ao seu negocio. Cun detalle, cando chegou a covid pensou que era o momento de volver e mercar unha casa en Galicia. Impulsado pola súa parella, finalmente xurdiu o restaurante, convencido de que era necesario ofrecer "unha proposta diferente a Celanova".


"Queremos quedarnos definitivamente aquí despois de anos por moitos países. Estamos convencidos de que foi a mellor decisión. O que máis nos gusta de Celanova é o sentido de comunidade",  subliña Miguel Ángel Estévez, do restaurante Sabores


Segue mantendo os soños que tivo de neno. "Gustaríame ver como Celanova se converte nun punto de encontro onde a xente veña a comer e no que se sinta a gusto, sen perder a nosa filosofía". Polo momento, xa está pensando en novos proxectos, como unha trattoría e un café onde a xente poida vir ler ou xogar a partida".

"Queremos quedarnos definitivamente aquí despois de anos por moitos países. Estamos convencidos de que foi a mellor decisión. O que máis nos gusta de Celanova é o sentido de comunidade. Continuamente te están tendendo a man, todo o mundo quere axudarte, unha vez te coñecen", engade.

Fachada do mercado de Celanova. CC-BY-SA Iago Cortón

"Celanova é un sitio idóneo para vivir. E moi tranquilo e moi seguro para ter unha familia, aquí coñecémonos todos. É habitual que cando vas tomar un café podas ter unha conversa agradábel. Por riba de todo, destacaría o sentido de comunidade", asevera Manuel Cardoso, empresario e creador de contido.

Para proba, salienta a ratio que ten esta comarca en canto a centenarios. "E un éxito que esta terra teña a maior ratio per capita de centenarios. Vivir nunha contorna tranquila e agradábel permite que podas vivir tamén mais anos".

Iniciativas non faltan nesta localidade que a piques estivo de gañar o concurso de Ferrero Rocher, algo que serviu para “unir” a todo un pobo. “Un día reunímonos varios porque criamos necesario facer algo máis, así que decidimos chamar a cabalería pesada. Fomos ao mosteiro e fixemos un vídeo onde nomeamos a influencers galegos coa idea de que eles se fixeran eco da iniciativa", explica. Un minuto despois, engade, un respondeu e iso levoulles a facer "un vídeo diario".

Cardoso bota en falta mais apoio das administración e do propio Concello a hora de xerar iniciativas que permitan o despegue de Celanova, citando o elevado número de locais pechados. Coinciden os entrevistados tamén no problema da falta de maiores servizos de transportes, que acheguen á capital ourensá coa vila.

Pola contra, defende a unión veciñal a través das asociacións que lles axudan a desenvolver iniciativas que permitan poñer a Celanova no mapa para dinamizar a vida cultural e a economía dun pobo.

Berta López asegura que nos últimos anos é raro que non haxa algunha actividade. Dende o Samaín ata Magostos ou festas tradicionais como A Ramallosa ou a Romaría Etnográfica Raigame, en Vilanova dos Infantes.

Investigadores que se achegaron á vila amósanse sorprendidos pola calidade de vida, a súa hospitalidade, unha alimentación baseada nos produtos de proximidade e un estilo de vida activo, grazas a organización de múltiples actividades, que fan desta vila unha boa opción para vivir, con sorte, mais dos cen anos.

Lorena R. De la Torre

Lorena R. De la Torre

Xornalista e nai de Noa. Licenciada en Comunicación Audiovisual, sempre estiven vencellada ao xornalismo na prensa escrita, despois dun breve paso polo mundo da realización, agora como freelance. Sempre interesada nunha conversa e en contar unha boa historia en Galicia.

Tamén che interesa

  • Vinte na vila

    Vinte en Folgoso do Courel: “Se se esgota un plan de vida, tes que inventar outro”

    Había moitas pingadas na estrada, sinal de que chegaramos ao Courel e de que estamos no tempo grande da castaña. Case non parou de chover en todo o día, pero todo o mundo nos dixo que estabamos alí na mellor época. Pódese ir ao Courel en calquera momento do ano, pero hai que volver no outono. 

    Nesta nova entrega do Vinte na vila percorremos Folgoso do Courel un 31 de outubro. Mel, castañas, doces, turismo rural, a gandeiría e mesmo o blues e o jazz mestúranse nesta reportaxe audiovisual co son da chuvia, e as voces dos protagonistas que nos falan desde o seu lugar: "Decateime de que vivimos no ceo aquí". 

    VINTE na vila

    Coa colaboración de

  • Vinte na vila

    Antas de Ulla: pan, queixo e un tesouro agochado no quilómetro cero

    Os debates sobre ese punto equidistante de todos os recunchos do país que tanta literatura produciron hai trinta anos enmudeceron cando o Instituto Xeográfico Nacional determinou que o quilómetro cero está no municipio de Antas, o menos poboado da comarca da Ulloa. Propoñemos unha viaxe ao descoñecido corazón de Galicia por un territorio onde nace o río Ulla, asombrado polo monte Farelo. Farémolo acompañadas por un feixe de persoas que desafían a profecía autocumprida de que nos sitios pequenos non hai nada que facer.

    VINTE na vila

    Coa colaboración de

  • Vinte na vila

    Vinte en Vilagarcía Onde a xente se coñece e (aínda) saúda pola rúa

    ‘Vinte na vila’ regresa por todo o alto con Vilagarcía. Unha cidade onde a xente chega para quedar a vivir e a veciñanza dá a benvida. Grazas ao apoio de Caixa Rural Galega, percorremos Vilagarcía e descubrimos o fervedoiro que é o mercado aos martes e sábados, a historia moi presente da súa fundación, coa unión de Carril, Vilaxoán e Vilagarcía; coñecemos tamén a Ángel, o do Carrito, co seu histórico quiosco no centro e admiramos Cortegada, a illa recuperada polo pobo de Vilagarcía, que hoxe pertence ao parque nacional Illas Atlánticas. Nesta singradura manexan o temón a escritora Montse Fajardo e o actor Carlos Blanco, expertos cicerones para amosar a vila de García.

    VINTE na vila

    Coa colaboración de

  • Vinte na vila

    Vinte en Ribadeo. Tranquilidade e dinamismo no «epicentro» da Mariña

    Cun par de días en Ribadeo abonda para que a xente te saúde pola rúa, che recomenden un chocolate na tenda ou saúdes a moitos dos veciños no camiño do porto ata o faro de Illa Pancha pola beira da ría. A comarca da Mariña e a proximidade con Asturias marcan o carácter desta vila que sempre fixo de ponte para os viaxantes e soubo converterse en lugar de referencia para as parroquias da zona

    VINTE na vila

    Coa colaboración de

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.