Vinte no Carballiño. As augas, o polbo e ‘mil’ bares para quedar

Coa colaboración de

Collage feito con fotos do Carballiño: templo da Veracruz, a escultura da pulpeira, o Muíño das Lousas no río Arenteiro, a Confitaría Cerviño e a Insua dos Poetas. CC-BY-SA Vanesa Vázquez/VINTE

Vinte na vila estivo no Carballiño o 19 de decembro. Polas rúas soaban as panxoliñas e a veciñanza apuraba as compras do Nadal. No noso percorrido puidemos gozar dun paseo a pé polas rúas do centro ou pola beira do Arenteiro, admirar a paisaxe da contorna, a Ínsua do Poetas; e degustar O Carballiño, desde as deliciosas cañas fritas ata o histórico polbo, á feira, claro. Estamos nunha vila marcada pola emigración e as divisas que chegan para converterse en impoñentes chalés; as augas termais sanadoras, a súa situación xeográfica estratéxica e a omnipresenza de bares e restaurantes, algo que aplauden tanto locais como visitantes.

 

CC-BY-SA VINTE

Chegar ao Carballiño é doado. A menos de 20 minutos de Ourense, arredor dunha hora desde Santiago ou Vigo moitos sinalan a súa localización como un dos seus puntos fortes. Chegar é o comezo. 

O seguinte é coñecer o lugar e, para facelo contamos, en primeiro lugar, cun guía de excepción: Lino González García, director da oficina de Caixa Rural Galega desde hai 21 anos e veciño da vila. 

Camiñamos desde a céntrica rúa Curros Enríquez onde se atopa o lugar de traballo de González García cara ao parque municipal, que moitas persoas relacionamos coa famosa Festa do polbo, en agosto. Pero aínda non chegamos alí. 

A primeira parada é a praza do emigrante, onde se atopa a fonte do “Munten”, unha escultura feita polo artista carballiñés Xesús Carballido. “Tanto O Carballiño como a comarca son terras que deron moito emigrante tanto para a América, Venezuela, Panamá, México, como para Europa, a Suíza, Alemaña, Francia ou , Inglaterra. E froito diso foron as divisas todas que viñeron, que se poden apreciar no urbanismo da vila e da contorna, con chalés e propiedades moi rechamantes”, detalla Lino González García.

Fonte do “Munten”, do artista carballiñés Xesús Carballido. CC-BY-SA Vanesa Vázquez/VINTE

Camiñar polas rúas do Carballiño con este veciño da vila ao lado supón parar para saudar e responder consultas a cada paso: “Bo día, Lino, miraches iso? Logo me paso”…

Con máis de 14.000 habitantes, O Carballiño é o concello máis poboado da provincia despois da capital, claro. E, segundo nos contan, un dos que ten máis bares. “Eu non sei en que lugar do ranking estamos,  sei que tiñamos fama de ser a vila con máis locais hosteleiros da provincia", asegura González. 

O Carballiño é unha vila balneario con moita tradición na hospedaría para aloxar a quen viña tomar as augas ao Gran Balneario tanto en casas particulares como en pisos e locais hosteleiros. “Podemos autodenominarnos como vila de servizos,  que xirou sempre entre o termalismo e a gastronomía pero hai anos xa que se industrializou bastante e temos o polígono copado e en marcha unha ampliación”, explica Lino González.

Con máis de 14.000 habitantes, O Carballiño é o concello máis poboado da provincia despois da capital, claro. E, segundo nos contan, un dos que ten máis bares 

O percorrido continúa pola arteria comercial que é a rúa Rosalía de Castro. “Ola Lino!”. Quen saúda é Silvia Baranda, concelleira e pulpeira. 

Seguimos para coñecer a rúa Perfectino Viéitez, lugar indispensable para o tapeo ou ir de copas moi próxima á Praza Maior.

Aquí vemos o edificio da familia Quiroga, onde Emilia Pardo Bazán pasou temporadas da súa vida, xa que estivo casada con José Quiroga, da parroquia de Banga, onde tamén tiñan un pazo.

E entramos no Barrio antigo de Flores, cerna e orixe do Carballiño. Deixamos a Casa Gazpara á dereita, atopamos a histórica Fonte do Concello (1876), para chegar ao Pub Vaivén, un clásico que leva 40 anos no Carballiño, ou A Bodega. Enfronte deste local cómpre deterse e observar as fotos antigas penduradas do muro, nas que se pode ver a recreación da “Baixada de Pepa Loba” e serven tamén de homenaxe a Rosa Núñez, fundadora da Bodega e impulsora da feira do barrio de Flores. 

O barrio das Flores despídenos co recendo do pan recén feito do Forno das Flores... pero cómpre seguir a descubrir O Carballiño, que aínda queda moito. 

E velaquí unha recomendación para non perder: facer parada na confitaría Cerviño, na rúa Tomás Mosquera, e mercar as cañas fritas recheas de crema, unha auténtica delicia. “A confitaría fundárona os meus pais, aínda que os meus avós xa traballaban nisto, sobre todo con rosquillas”, explica María José Cerviño, propietaria do negocio. Con máis de 70 anos de historia, e unha ducia de persoas empregadas, Cerviño vende as súas cañas tanto no despacho da vila como online e son moitos os restaurantes de Madrid, Barcelona ou Burgos, por poñer algún exemplo que reciben o seu produto. 

Lino González e María José Cerviño, na porta da histórica confitaría do Carballiño. CC-BY-SA Vanesa Vázquez/VINTE

Maria José Cerviño non esconde a receita das cañas fritas: fariña, manteiga de porco, auga e o azucre. Todo na súa xusta medida e logo hai que facer a crema, claro, moi suave, feita no día con ingredientes naturais. Máis nada. Así de sinxelo, así de difícil. Mellor probalas. 

Lino González acompáñanos ata a nosa seguinte parada: o restaurante Muíño das Lousas, erixido sobre o río Arenteiro. Pero de camiño aínda temos tempo para contemplar o Gran Balneario do Carballiño ou a a Carballeira do Parque Municipal, onde se fai a Festa do Pulpo, que se celebra cada segundo domingo de agosto desde 1962 e foi declarada Festa de Interese Turístico Internacional en 2022. Percorremos a avenida do parque, cos chalés dos galegos da diáspora a ambos os dous lados; unha piscifactoria no Arenteiro, mesmo un xardín de plantas aromáticas, con reloxo solar incluído ou a antiga fábrica de papel da Lavandeira, que hoxe en día forma parte do Parque Etnográfico do Arenteiro.

Maria José Cerviño non esconde a receita das cañas fritas: fariña, manteiga de porco, auga e o azucre. Todo na súa xusta medida e logo hai que facer a crema, claro, moi suave, feita no día con ingredientes naturais. Máis nada. Así de sinxelo, así de difícil. Mellor probalas

No Muíño das Lousas a súa xerente Alba Fernández explica que están alí grazas a unha concesión pública do Concello do Carballiño. “Grupo Barazal fíxose coa concesión no ano 2020, despois dunha custosa restauración e abrimos ao público en xullo do ano 2021”, detalla. Desde entón o restaurante nunha referencia como asador e nunha parada obrigada para quen visita O Carballiño.

Estamos no Carballiño e aquí a xente sabe e a historia confirma que hai que probar o polbo. Hai moitas opcións para catar este manxar na vila polo que nos deixamos aconsellar por quen sabe. María del Mar Lage, pulpeira e secretaria da Asociación de Pulpeiros do Carballiño, guíanos cara á Pulpería Fuchela. Alí, Juan Álvarez afánase en sacar tapas e máis tapas de polbo á feira mentres nos explica que este é un negocio que está na súa familia de sempre, que pasou de xeración en xeración e que o segredo para que saia tan bo está na calidade da mercancía, aínda que tamén hai que saber facelo, claro.

Juan Álvarez, no Fuchela. O Carballiño CC-BY-SA Vanesa Vázquez/VINTE

María del Mar Lage é de familia pulpeira, da pulpería Ruzo, que leva o polbo por toda Galicia e alén da nosa terra. “Sempre que se leva nunca queda. Sobrará outra cousa, pero o polbo non”, explica.

Pero de onde vén esta tradición pulpeira, nun lugar do interior como é O Carballiño? É popularmente coñecida a explicación histórica sobre o Mosteiro de Oseira e a chegada do polbo en cantidades inxentes como pagamento desde as zonas costeiras, sobre todo desde o século XVI. “As propiedades do mosteiro chegaban á zona de Marín e Bueu, entón os frailes cobraban impostos e a xente que non podía pagar con cartos pois pagaban peixe”, explica Lage. Foi chegando o polbo, que daquela era moi barato e tiñan tanto excedente no Mosteiro que comezaron a comercializalo e lugares como Arcos (parroquia do Carballiño) comezaron a vendelo nas feiras. “Foise consolidando esa tradición e desde o século XVII, nos escritos parroquiais xa consta o oficio de pulpeira, co nome dunha señora ao lado, para axudar a economía familiar”, salienta Lage.

A tapa xigante da Festa do Pulpo leva 600 kg de polbo. CC-BY-SA María Jesús Otero Ogando

No comezo era un oficio de mulleres, tal e como referencia a escultura da pulpeira da praza maior, e aínda que hoxe en día hai grandes pulpeiros e pulpeiras, cómpre poñer en valor a figura da muller na consolidación desta tradición. “Foron mulleres moi valentes, porque eran unhas condicións de vida complicadas; tiñan que saír por aí de noite, madrugar moitísimo, e ir ao mellor soa, e nunca pararon. Temos que agradecerlles e estamos moi orgullosas delas, porque non pararon nunca seguiron, seguiron, seguiron e estamos aquí gracias a elas e iso haino que decir así”, subliña a pulpeira e secretaria da asociación do Carballiño.

“Sempre que se leva nunca queda. Sobrará outra cousa, pero o polbo non”, explica María del Mar Lage

De Arcos precisamente é Antonio Pérez, a quen atopamos no Fuchela. Pérez é polbeiro en Cidade de México, onde leva xa 10 anos traballando no restaurante La Número 1. “O polbo triúnfa tamén por alí, claro que si, preparado á feira con aceite de aquí”, explica.

“A asociación naceu en 2008, para evitar o intrusismo e tentar conseguir unha marca para nós. E hai seis anos entramos xente nova na directiva para darlle algo máis de visibilidade, asistir a eventos e abrila en xeral algo máis, para que se incorporasen novos membros”. Jesús Pereira é o presidente da Asociación de pulpeiros do Carballiño e relata que hai actualmente 30 familias ou empresas polbeiras na asociación, na súa meirande parte ambulantes aínda que tamén as hai con restaurante propio. 

Foto histórica na Pulpería Fuchela, do Carballiño CC-BY-SA Vanesa Vázquez/VINTE

O oficio vai pasando de xeración en xeración e continúa. “Eu desde os 10 anos levo indo ás feiras cos meus pais”, explica Jesús Pereira. Monterroso, Chantada, Palas de Rei, Xinzo, Carballedo, Guitiriz, O Carballiño... as polbeiras e polbeiros do Carballiño alimentan as feiras por toda Galicia case cada día da semana. E, aos domingos, tamén, cando saen arredor de 60 furgonetas do Carballiño para poñer o polbo por todo o territorio.

A Insua do poetas

O noso percorrido para coñecermos O Carballiño remata na Insua dos poetas, un parque monumental onde dialoga a natureza coa literatura e as artes plásticas, segundo explica o presidente da Fundación Insua do Poetas e impulsor do proxecto, o escritor Luis González Tosar.

Paseando polo parque, situado en Esgueva (parroquia de Madarnás), atopamos unha sorte de galería da literatura galega. “Son paneis en gran tamaño, é a única que existe desta materia. Son grandes retratos de escritores e escritoras da literatura galega. 

O escritor Luis González Tosar, na galería da literatura galega da Insua dos Poetas. CC-BY-SA Vanesa Vázquez/VINTE

Comeza por Rosalía de Castro, continua con Curros Enríquez, con Eduardo Pondal, con Valentín Lamas Carvajal, e así sucesivamente cos autores do século XIX, desde o rexurdimento ata a época máis actual. "Na parte de enriba, están representados os membros da Xeración Nos, pola significación que teñen, como marcar un antes e un despois nas letras galegas”, detalla González Tosar.

Todos os anos, no terceiro sábado de xullo, aquí celebran a Festa da palabra coa homenaxe a un escritor ou a unha escritora. “Vaise cumprir agora o 20 aniversario desde que estamos traballando neste proxecto, que é de grande envergadura”, indica Tosar.

“O parque ten unha función didáctica e ao mesmo tempo un espazo para pasear, para reflexionar”, asegura  Luis González Tosar

O obxectivo é exaltar a cultura propia de Galicia, mediante os seus autores e autoras máis representativos. É un espazo moi grande, son casi nove hectáreas de extensión, e cada escultura corresponde a un autor ou a unha autora. "Non se se trata de poñer unha escultura, senón que durante todo o ano facemos actividades relativas a ese autor homenaxeado", explica o impulsor do proxecto.

O de 2026 será o ano de Otero Pedrayo, pero tamén homenaxarán o primeiro xornal que apareceu hai 150 anos en lingua galega, O Tío Marcos da Portela, que dirixía Valentín Lamas Carvajal. “E tamén homenaxearemos, como non, a Ramón Cabanillas, que consideramos un poeta fundamental, porque marca a chegada do Modernismo á literatura galega, e fanse 150 anos do seu nacemento”, relata González Tosar.

Na Insua do Poetas fan actividades variadas, fundamentalmente encamiñadas ao alumnado, a escolares de toda a provincia de Ourense. O profesorado pode percorrer o parque e desenvolver unha clase de literatura galega ao aire libre, co apoio das impoñentes esculturas instaladas. “O parque ten unha función didáctica e ao mesmo tempo un espazo para pasear, para reflexionar”, asegura Tosar, que destaca tamén a autorías das obras artísticas: José Cid, Buciños, Azislo Manzano, Ramón Conde ou Antón Pulido, entre outros.

A Insua dos poetas, a Festa do pulpo, o carnaval de verán, o San Cibrao, xa en setembro, o templo de Veracruz, obra do arquitecto Antonio Palacios, o CD. Arenteiro, as cañas de crema. Todos son referentes dunha vila moi viva onde non falta de nada. “Temos Facenda, varios colexios, instituto de Secundaria, Pazo de Xustiza con dous xulgados, balneario... Eu creo que O Carballiño hoxe ten de todo, é unha cidade pequeniña. E estamos céntricos, para poder visitar outras cidades. É cómoda, podes ir andando a todas partes. Á hora de vivir, é cómoda e tranquila”, resume Maria del Mar Lage.

María del Mar Lage co templo da Veracruz detrás. O Carballiño. CC-BY-SA Vanesa Vázquez/VINTE
Vanesa Vázquez

Vanesa Vázquez

Viguesa do Calvario. Comecei e aprendín en Atlántico Diario, Radio Vigo e Expansión. Cada día conta e agora contámolo en VINTE e Praza.gal. 

Tamén che interesa

  • Celanova, a tranquilidade dunha vila onde a xente vive máis de cen anos

    Celanova ou "Cella nova", segundo recollen algúns estudos, é unha parada obrigada á hora de entender a historia e a literatura galegas, nunha vila que ademais de ser berce dos poetas galegos, tamén presume, e moito, de lonxevidade. Percorremos Celanova xunto a persoas emprendedoras do comercio, o sector lácteo ou a restauración, que coiciden no carácter acolledor dunha vila onde todos se coñecen.

    VINTE na vila

    Coa colaboración de

  • Vinte en Folgoso do Courel: “Se se esgota un plan de vida, tes que inventar outro”

    Había moitas pingadas na estrada, sinal de que chegaramos ao Courel e de que estamos no tempo grande da castaña. Case non parou de chover en todo o día, pero todo o mundo nos dixo que estabamos alí na mellor época. Pódese ir ao Courel en calquera momento do ano, pero hai que volver no outono. 

    Nesta nova entrega do Vinte na vila percorremos Folgoso do Courel un 31 de outubro. Mel, castañas, doces, turismo rural, a gandeiría e mesmo o blues e o jazz mestúranse nesta reportaxe audiovisual co son da chuvia, e as voces dos protagonistas que nos falan desde o seu lugar: "Decateime de que vivimos no ceo aquí". 

    VINTE na vila

    Coa colaboración de

  • Vinte en Monforte. Que che importe que somos de Monforte

    Cantáronlle os Siniestro Total e cantáronlle os Yellow Pixoliñas. Escribiulle Antón Lopo e sobre esta vila de pasado marcado por condes e cardeais pivotou a obra do poeta galego máis punk, Lois Pereiro. A estación do tren e a capitalidade comarcal marcaron profundamente o pasado deste lugar no que hoxe a xente nova pelexa por marcar un punto e á parte na decadencia do interior da provincia de Lugo cun festival de cine, asociacionismo veciñal e negocios de forte activismo rural, ecoloxista e cultural. Que che importe que somos de Monforte.

    VINTE na vila

    Coa colaboración de

  • Antas de Ulla: pan, queixo e un tesouro agochado no quilómetro cero

    Os debates sobre ese punto equidistante de todos os recunchos do país que tanta literatura produciron hai trinta anos enmudeceron cando o Instituto Xeográfico Nacional determinou que o quilómetro cero está no municipio de Antas, o menos poboado da comarca da Ulloa. Propoñemos unha viaxe ao descoñecido corazón de Galicia por un territorio onde nace o río Ulla, asombrado polo monte Farelo. Farémolo acompañadas por un feixe de persoas que desafían a profecía autocumprida de que nos sitios pequenos non hai nada que facer.

    VINTE na vila

    Coa colaboración de

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.