O primeiro Ouvinte na vila defende o “xornalismo de corredoiras” e que non veñan os de fóra falar por nós

Coa colaboración de

Montaxe con fotos das reportaxes sobre Antas de Ulla, Folgoso do Courel e Vilagarcía de Arousa CC-BY-SA VINTE

O xornalismo de corredoiras, a necesidade de ir ao lugar e contar o que alí sucede por nós mesmas e mesmos. Esta foi unha das ideas que puxeron en valor as participantes no primeiro episodio do podcast Ouvinte na vila, a edición sonora da serie de reportaxes multimedia que a revista VINTE desenvolve coa colaboración da Caixa Rural Galega para coñecermos mellor as vilas e cabeceiras de comarca galegas a través das voces das persoas e o achegamento ao territorio. 

CC-BY-SA VINTE

“Ou contamos nós as cousas ou se as veñen contar os de fóra será un fracaso tamén como país e como xornalistas”, subliñou Marta Veiga, autora da reportaxe sobre Antas de Ulla, que  titulou Antas de Ulla: pan, queixo e un tesouro agochado no quilómetro cero . Veiga peneirou os detalles do seu artigo, xunto coas xornalistas Ana Liste e Vanesa Vázquez, que falaron tamén sobre cadanseu traballo sobre O Courel e Vilagarcía de Arousa, respectivamente, dentro da serie do Vinte na vila.

Durante este primeiro episodio da versión podcast do #VinteNaVila, as xornalistas coincidiron na importancia de pisar o terreo sobre o que falas para poder coñecelo e apostar por “conversas significativas”, deixándose guiar para poder facer un bo traballo xornalístico. Moitas veces pensamos que todo sucede nas cidades pero nas vilas hai un grande tecido cultural e asociacionismo, que en moitas ocasións é máis innovador, destacaron. “Moitas propostas destas que sairían en revistas de tendencias dos sitios que podemos considerar dos máis avanzados do primeirísimo primeiro mundo poden estar ao carón da túa casa e poden estar en lugares ben cativos e ben pequenos, pero nunca lle poñemos o foco”, explicou Marta Veiga. 

Durante a conversa, Veiga detallou que ela xa coñecía Antas, describindo as súa contorna como “mosaico de prados e carballeiras, con explotacións en extensivo de vacún que permite esta idea de país como foi antes desta deforestación inmensa que levamos padecendo desde o século XX”.

É algo bastante descoñecido para a xente que non é da zona pero en Antas, asegura a xornalista, o principal tesouro é este tecido e as redes asociativas que se forman, a iniciativa cultural tanto pública como privada e veciñal que xorde. E como nun municipio tan pequeno, que non hai instituto de secundaria, nunha comarca rural como é A Ulloa foron quen de artellar estas propostas culturais ao longo do tempo, porque a banda municipal por exemplo é centenaria, e partir de aí unha morea de iniciativas. Moitas das cales están detalladas na reportaxe.

 “Do pan falei pouco porque non queremos que se nos xentrifique e pode ser un problema, como acabas desposuída dun alimento porque se pon de moda nas panadarías gourmet. Quen queira probalo que se achegue e que se moleste en pasar polo lugar”

 “As persoas que vivimos en cidades, aínda que sexan pequenas moitas veces teñen esta idea, de que non hai unha oferta ao noso gusto”, salienta, para defender que non ten por que ser así e pon o exemplo de Patricia Coucheiro, integrante do grupo Zoela e participante en moitas das iniciativas culturais como a asociación Fiadeira, de música tradicional e moitos activismos. “Ela di que vive en Antas porque os seus afectos e a súa actividade cultural está en alí”, explica. “Do pan falei pouco porque non queremos que se nos xentrifique e pode ser un problema, como acabas desposuída dun alimento porque se pon de moda nas panadarías gourmet. Quen queira probalo que se achegue e que se moleste en pasar polo lugar”, conclúe.

A aldea de Paderne, en Folgoso do Courel. Vinte na vila. CC-BY-SA Ana Liste/Vinte

Para Ana Liste era a miña primeira vez no Courel e todo mundo lles dicía que era o mellor momento para ir, o tempo das castañas, segundo lembra. “Quedo coa convicción de que para facer xornalismo temos que ir aos sitios, falar coa xente e aínda que sexa un pouco apurado todo o que che dá poder mirar a xente á cara, escoitar memoria do país que inflúe totalmente en como é a vida hoxe, o contexto da xente o agarimo da xente, as paisaxes incribles, a luz nun día no que non deixou de chover. O que me queda agora é volver agora con máis tempo para facer algunha actividade relacionada coa castaña, o mel, ou a natureza”, subliña. 

Liste titulou a súa reportaxe sobre Folgoso do Courel: Se se esgota un plan de vida, tes que inventar outro , e iso foi que fixo Concepción Arza unha das veciñas coas que falou, que rexentou toda a súa vida o supermercado Urbarza, pero desde hai dúas décadas prioriza a elaboración de doces porque a actividade da tenda diminuíu. “Temos as tortas de castaña e as bolachas Morriña, que son practicamente ao que me dedico actualmente”, explica Arza na reportaxe.

Unha escultura do artista vilagarcián Juan Carlos Platis. CC-BY-SA Vanesa Vázquez/VINTE

Vanesa Vázquez, pola súa banda, non era a primeira vez que estaba en Vilagarcía. A realidade desta gran vila ou cidade é moi distante á de Antas ou O Courel, pero percorrela con persoas que a coñecen moi ben e preguntar con interese sempre permite saír con outra ollada do lugar. Vázquez titulou a súa reportaxe Onde a xente se coñece e (aínda) saúda pola rúaprecisamente pola proximidade que notou entre a veciñanza ao camiñar, por exemplo, xunto á xornalista e escritora Montse Fajardo, que a guiou polo Mercado.  “A xente de aquí non concibe comprar un tomate no supermercado, e moito menos o peixe”, explicaba Fajardo, que tamén apuntaba que ao mercado chega o pan de Carballo, de moita calidade, tal como constatou Karina, que atende nun dos postos.

Na súa reportaxe Vázquez tamén contou coa participación do actor Carlos Blanco, que puxo en valor a loita veciñal para salvar a Illa de Cortegada de ser urbanizada. “Teño 66 anos agora, pois 50 anos atrás máis o menos estivo a nada ser urbanizada”, detalla. A illa,di Blanco, “foi regalada graciosamente polo pobo de Vilagarcía á familia real e a familia real, graciosamente, quixo facer negocio. Cousas das familias reais. Pero protestamos e parouse. E conseguimos que agora formase parte do Parque Nacional das Illas Atlánticas e por tanto estea pura e conservada”, salientaba no artigo.

Foron moitas as voces que poidemos escoitar nesta conversa do primeiro Ouvinte na vila, que se corresponden cos testemuños recollidos nas distintas reportaxes, que no caso de Vilagarcía e O Courel, contaron tamén con gravación de vídeo no lugar a cargo de Xarda, cooperativa galega de comunicación. 

O proxecto do Vinte na Vila -co seu podcast- continúa nos vindeiros meses con novos achegamentos a Lalín, Castro de Rei, Meira e Sarria.

Tamén che interesa

  • Vinte na vila

    Vinte no Carballiño. As augas, o polbo e ‘mil’ bares para quedar

    Vinte na vila estivo no Carballiño o 19 de decembro. Polas rúas soaban as panxoliñas e a veciñanza apuraba as compras do Nadal. No noso percorrido puidemos gozar dun paseo a pé polas rúas do centro ou pola beira do Arenteiro, admirar a paisaxe da contorna, a Ínsua do Poetas; e degustar O Carballiño, desde as deliciosas cañas fritas ata o histórico polbo, á feira, claro. Estamos nunha vila marcada pola emigración e as divisas que chegan para converterse en impoñentes chalés; as augas termais sanadoras, a súa situación xeográfica estratéxica e a omnipresenza de bares e restaurantes, algo que aplauden tanto locais como visitantes.

    VINTE na vila

    Coa colaboración de

  • Vinte na vila

    Vinte en Ribadeo. Tranquilidade e dinamismo no «epicentro» da Mariña

    Cun par de días en Ribadeo abonda para que a xente te saúde pola rúa, che recomenden un chocolate na tenda ou saúdes a moitos dos veciños no camiño do porto ata o faro de Illa Pancha pola beira da ría. A comarca da Mariña e a proximidade con Asturias marcan o carácter desta vila que sempre fixo de ponte para os viaxantes e soubo converterse en lugar de referencia para as parroquias da zona

    VINTE na vila

    Coa colaboración de

  • Vinte na vila

    Vinte en Monforte. Que che importe que somos de Monforte

    Cantáronlle os Siniestro Total e cantáronlle os Yellow Pixoliñas. Escribiulle Antón Lopo e sobre esta vila de pasado marcado por condes e cardeais pivotou a obra do poeta galego máis punk, Lois Pereiro. A estación do tren e a capitalidade comarcal marcaron profundamente o pasado deste lugar no que hoxe a xente nova pelexa por marcar un punto e á parte na decadencia do interior da provincia de Lugo cun festival de cine, asociacionismo veciñal e negocios de forte activismo rural, ecoloxista e cultural. Que che importe que somos de Monforte.

    VINTE na vila

    Coa colaboración de

  • Vinte na vila

    Vinte en Melide. «A festa vai no ADN dos melidaos»

    Melide exerce como capital da Terra do Medio malia ser a da Terra do Medio unha xeografía aínda por cartografar, conformada á forza de andar nas feiras: un chisco de carácter gandeiro, un moito de identidade tendeira que afonda as súas raiceiras na Maragatería, por corredoiras de ida e volta, e un cen por cento de dedicación á troula. 

    Melide é hoxe unha desa vilas cabeceiras de comarca que o xeógrafo Rubén Lois —e tamén a Xunta— denomina «nodos para o equilibrio do territorio», fundamentais para corrixir unhas dinámicas que escoran as oportunidades cara ás cidades, sobre todo, as do eixo atlántico. Superado o ecuador do mes de xullo, Melide bule de xente nativa e retornada —e peregrina— e entrégase ao paso inexorable do seu esixente almanaque festeiro.

    Lugares

    Coa colaboración de

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.