Meira, nai do pai da nosa terra

Coa colaboración de

As rutas a cabalo pola serra de Meira son un dos principais atractivos da Casa Cazoleiro, segundo nos explica Álvaro López (dereita), que rexenta o negocio desde 1991. CC-BY-SA Fernando Mahía

Meira semella un punto de partida perfecto. Perfecto para empezar o día, unha ruta de sendeirismo, un negocio ou toda unha vida. Mirade se Meira é o punto de partida ideal que ata o mesmísimo río Miño decidiu comezar alí, no corazón da serra, o seu traxecto de 315 quilómetros polas sagradas terras de Galicia.

A nai do pai da nosa terra, reza o lema escrito no parque que acompaña as primeiras augas do Miño na súa chegada á vila meirega. A orixe desas augas está un pouco máis arriba, no Pedregal de Irimia, en plena Serra de Meira. Un lugar polo que pasaremos máis adiante, porque se comezamos a nosa viaxe falando de puntos de partida e introducimos a metáfora clásica do río como nacemento-inicio, traxecto-nó e desembocadura-desenlace, o lóxico sería empezar por acudir ao mosteiro de Santa María de Meira, onde se puxeron as primeiras pedras do que acabaría sendo a vila actual. 
Pero non. Porque isto é Meira.
 

Un concello de pouco menos de 2.000 habitantes capaz de dar vida a produtoras cinematográficas como Gaitafilmes, directores como Eloy Enciso (recentemente premiado no Festival de Marsella pola súa película Todo es cárcel) e iniciativas culturais como Eme de Meira.

CC-BY-SA VINTE

Tratándose de apaixoados do cinema experimental e os modos alternativos de construír ou desenvolver historias e eventos, sería unha falta de respecto empregar unha cronoloxía convencional para narrar a súa experiencia.

Así que podiamos probar unha estrutura un pouco diferente. Crebar a liña temporal. Atravesar unha ponte de Einstein-Rosen para adentrarnos nun espazo-tempo lonxano, fusionalo co presente e marabillarnos cos posibles resultados.

A cuestión é que non contabamos con maquinaria para tanta parafernalia, así que empregamos un atallo e decidimos entrar na ferretería Álvarez Chaín. Porque entrar en Álvarez Chaín é traspasar un umbral cara a outro mundo; é camiñar por unha postal conxelada no tempo, podendo palpar coas mans lembranzas que pensabas que quedaban unicamente na memoria.

Unha exposición de ferramentas de labranza acompaña á entrada, e unha vez dentro, os estantes e as paredes emerxen sobrecargadas de obxectos de diversa índole: porcelanas, vasos, potas, martelos. Pomos de porta. Un tirachinas. Un alambique. Unha bicicleta. Como di Merche, "temos todo de todo, pero algo sempre falta".

Artigos á venda na ferretería Álvarez Chaín, de Meira. CC-BY-SA Fernando Mahía

Merche instalouse en Meira cando tiña 16 anos. A súa familia vivía en Barcelona, pero un verán, cando seus pais estaban de vacacións, viron que se traspasaba un negocio na vila. Non había máis que falar. Sacaron a Mercedes do colexio de monxas e a familia cambiou o Llobregat polo Miño.

Merche medrou, púxose a traballar na ferretería, coñeceu ao seu marido, sumouse ao negocio, tiveron un fillo, medrou, estudou, uníuse á tenda, o pai de Mercedes fíxose maior, faleceu hai dous anos... todo un ciclo vital que aconteceu mentres Álvarez Chaín permanecía alí, impasible, como testemuña e escenario do inevitable paso do tempo. Para todos menos para o seu propio espírito.

"Nós valoramos moito manter esta esencia. Moita xente ata nos pide facer fotos porque chama a atención", explica Merche, que aínda que podía estar xubilada, prefire seguir alí, acompañando as lembranzas de toda unha vida: "Para min isto é como ter outro fillo".

Merche permanece á fronte da ferretería Álvarez Chaín. CC-BY-SA Fernando Mahía

A ferretería, que conste, tampouco é un anticuario. Moitas das ferramentas, utensilios e apeiros son modernos. Pero é inevitable que a vista se quede prendida dalgunha das variadas reliquias que se exhiben: "Moitas produtoras de series e cine alugaban algún dos obxectos para gravacións de época. Pero gustábanlle tanto aos actores, que acabábanas mercando", narra a dona da ferretería, nunha referencia cinematográfica que lle vai estupenda ao redactor desta reportaxe para dar paso ás seguintes testemuñas.

"Moita xente ata nos pide facer fotos porque chama a atención", explica Merche, que aínda que podía estar xubilada, prefire seguir alí, acompañando as lembranzas de toda unha vida: "Para min isto é como ter outro fillo", di a dona da ferretería Álvarez Chaín

Porque, como contabamos un pouco máis arriba, o cinema é unha parada obligatoria nesta viaxe. E boa parte desta culpa tena a asociación Eme de Meira. Un grupo de amantes da sétima arte, que, ante todo, son meiregos con ganas de facer cousas pola súa vila.

"Procuramos facer actividades ao longo de todo o ano, aínda que son menos das que nos gustarían porque as axudas que temos son poucas", explica Felipe, presidente do colectivo.

Eme de Meira dinamiza a vila con eventos de distinta índole, desde obras de teatro a magostos, pasando polo ciclo de cinema Mestre Mateo ou a homenaxe que cada Nadal lle rinden a Xosé da Flor, antigo presidente da asociación que faleceu hai xa varios anos: "Traemos uns monologuistas e algunha xente de renome para ter unha noite de humor, algo que a el lle gustaba moito", conta o presidente.

Eme de Meira dinamiza a vila con distintas actividades, como o ciclo Mestre Mateo de Cinema CC-BY-SA Cedida

O colectivo fundouse en 2007, e Felipe recoñece que, despois de tantos anos, algunhas actividades "organízanse soas": "Pasa co ciclo Mestre Mateo, por exemplo. Hai un local en Meira cunha pantalla que incluso hai cines que non a teñen tan boa. Pero o local non ten persoal. Entón nós prestámonos para iso e podemos poñer proxeccións moi decentes", explica. "E, detrás diso, ao mellor vén xente que fai curtas ou proxectos novos e chámannos para ver se poden vir", engade.

"Procuramos dar todas as facilidades posibles, pero creo que nunca dixemos non a nada, aínda que nos meteramos nalgún fregado importante", relata entre risas este meirego.

Un dos directores que mantivo relación coa asociación foi o meirego Andrés Goteira, como lembra Felipe: "Antes de que Gaitafilmes fixese Dhogs, tiñan curtas, e poñiamolas aquí, nas festas", recorda.

Tamén lembra os seus inicios o propio Andrés Goteira. En Meira naceu, en Meira descubriu a súa relación co cinema e en Meira decidiu montar a súa produtora, Gaitafilmes:"A miña relación con Meira é total, son puro meirego".

Andrés Goteira, na imaxe, con Morris, decidiu montar a súa produtora Gaitafilmes en Meira, a súa vila natal. CC-BY-SA Aigi Boga

"O meu grupo de amigos compartía as mesmas inquietudes. Xuntabámonos para intentar expresarnos dalgunha maneira. A min sempre me chamou a atención o cine, e axudeime deste grupo para facer curtas, meterme nese mundo, probar e ver como se facía. Despois continuamos medrando e profesionalizándonos un pouquiño", conta o cineasta.

Para Goteira, establecer a súa produtora en Meira non só é lóxico, senon que "non ten ningunha contra": "Quizais en Santiago ou na Coruña podes atoparte un taller ou un festival. Hai cousas que te inspiran tamén. Pero aquí inspírante outras cousas, como o día a día, o cotián ou as vidas normais. Non estás tan metido no cinema ou nesa canle que te pode atrapar demasiado. Aquí estamos nun sitio cómodo, coñecémonos ben, temos un espazo noso no que podemos ter unha oficina e todas as argalladas, e noutra cidade sería outra historia", explica o director.

"Se tes que ir a un mercado, pois vas a Berlín ou a Barcelona. Ao final, teñen que ir todos para alá e é onde te xuntas eses tres ou catro días cun grupo de xente que busca películas para distribuír. Pero pasan eses días e volves", engade Goteira.

Para Andrés Goteira, fundador de Gaitafilmes, establecer a súa produtora en Meira non só é lóxico, senón que "non ten ningunha contra"

O director meirego vén de rematar Monstro, unha longametraxe protagonizada por Morris, que se atopa en pleno proceso de distribución e pronto chegará á gran pantalla: "Son 80 minutos en silencio. Non hai diálogos, é unha película distinta, estraña e moi sensorial. É unha viaxe introspectiva cara ao noso interior, unha maneira de sentir que na nosa mente hai varias capas", conta Andrés. 

Goteira, iso si, non olvida a viaxe que para el supuxo Dhogs, a súa primeira longametraxe e a que o puxo no círculo de grandes cineastas do país (Dhogs conquistou 13 Mestre Mateo 2017, incluídos mellor película, director, guion e montaxe): "Agora que fixemos unha película con todas as da lei, ves como cambian as cousas. É outra marcha diferente, pero valoras moito aquela enerxía que tiñamos. A inocencia, o non saber o que fas, o tirarte ao baleiro... Iso non se volve a vivir. Agora entras na canle convencional e tes certo presuposto, pero é moi difícil volver a vivir aquel amor teenager", narra. 

A festa da malla celébrase a finais de agosto, pero para os organizadores é un esforzo de todo o ano CC-BY-SA Asociación de Amigos da Malla de Meira

E como no hay dhogs sin thregs (pido desculpas), despois de falar con Felipe e con Andrés fixemos o propio con Manuel Pardo. Porque a cultura transgresiva e rompedora de Meira non está pelexada co coidado das tradicións e da sabedoría popular. Por iso a vila produce cine experimental, pero tamén triunfa con celebracións nas que se distingue o esencial do secundario. Ou, noutras palabras, onde se sabe separar o gran da palla, algo que acontece na Festa da Malla

Manuel é o presidente da Asociación de Amigos da Malla de Meira, o colectivo encargado, xunto co Concello, de recrear ano tras ano unha malla tradicional: "Curiosamente, cando empezou a recreación da festa de Meira, na Ribeira de Piquín, onde eu nacín, aínda se mallaba", lembra Manuel.

Meira xa contaba naquel ano 1992 con outra maquinaria máis avanzada. Por iso puxeron en marcha esta celebración, para non olvidar o proceso que tantos e tantos agricultores realizaban cada ano para separar o cereal. "Eu nacín no 69 e tocoume mallar. Pero os que en 2026 non viron nunca unha malla de verdade e só a coñecen a través de recreacións como esta son moitísimos", explica o presidente do colectivo.

A Asociación Amigos da Malla de Meira, recrea ano tras ano, xunto co Concello, unha malla tradicional

A festa da malla celébrase a finais de agosto (este ano o 23, aínda que pode ser que haxa dous días de festa e tamén se celebre o 22), pero para os organizadores é un esforzo de todo o ano. "Son máquinas moi vellas. Tes que preparalas e iso dá moitísimo traballo. Ás veces dan problemas e hai que amañarse sobre a marcha como se pode", recoñece Manuel.

A celebración, iso si, nunca correu o risco de ser cancelada, por moitos inconvenientes técnicos que puidesen xurdir: "Nunca chegamos a ese punto porque tampouco é fácil que nos rindamos", comenta o presidente entre risas.

Todos os anos xuntan para comer o cocido (en agosto) unhas setecentas ou oitocentas persoas na Festa da Malla. CC-BY-SA Asociación de Amigos da Malla de Meira

Durante a festa non só se malla, senón que tamén se recrean outras tradicións que se levaban a cabo unidas ao propio feito de mallar: "Antes de mediodía, parábase a facer un descanso, e tomábanse buñuelos con viño. Era o que se facía nas airas. Nos aquí facémolo tamén, e ofrecémoslle os buñuelos tamén ao visitante", explica Pardo. 

"Tamén se fai o cocido típico das mallas. Que din que en agosto, coa calor, non entra comida pesada. Pero iso non é verdade. Vaia se entra!", comenta Manuel, que di que todos os anos se xuntan para comer "unhas setecentas ou oitocentas persoas", ademais de toda a xente que pasa pola festa e non queda a xantar, "que son miles de persoas".

A mención á comida de Manuel espértanlle a un as ganas de meter algo no estómago. E como non é día 23 de agosto e aínda non está preparado ese cocido da malla -saboroso e provocador de suor a partes iguais-, decidimos facerlle unha visita á Peixeiría de Meira, ubicada na Praza Maior.

Alí, traballando con soltura co seu coitelo, aténdenos Jorge López. Jorge cóntanos que naceu en Asturias, pero leva xa "22 ou 23 anos" na vila. Porén, non chegaría ao mundo do peixe ata anos despois, case por casualidade: "Eu adicábame a outra cousa, pero a miña muller, hai uns oito ou nove anos, colleu a peixería porque se traspasaba".

Jorge López, na peixería de Meira. CC-BY-SA Fernando Mahía

O (agora) peixeiro asegura que, por fortuna, o cambio foi sinxelo: "Foi unha boa transición porque os antigos donos axudáronnos bastante e explicáronnos como funcionaba o negocio", explica.

Jorge recoñece que a súa conversión a peixeiro abriu un mundo que para el era bastante descoñecido: "Sinceramente, antes de ter a peixería limitábame a comer catro cousas. Pero agora que vas coñecendo e sempre che sobra algo de por aquí e algo dacolá, sempre atopas un prato que te sorprende e está moi rico".

E como chegamos famentos ao seu negocio, preguntámoslle por unha receita recomendada para estes días de calor: "Agora no verán estamos en plena campaña de bonito, así que é unha boa opción. Se vai calor, podes facelo á prancha cunha ensaladiña fresca", conta Jorge, cuxo peixe favorito "é o salmón".

Maquinando entre facerlle caso a Jorge ou levar algún peixiño para facer á brasa, o fotógrafo Fernando Mahía, sempre máis atento á realidade que servidor, recordoume que estabamos en Meira, non na casa. Complicábase o tema de cociñar. Así que, despois de rexeitar asar unhas sardiñas no capó do coche (por falta de temperatura non foi), pensamos que o mellor sería darse unha volta pola Tapería O Arguiñano.

Argimiro rexenta a Tapería O Arguiñano desde 2012. CC-BY-SA Fernando Mahía

A tapería atópase casi fronte á peixería de Jorge, tamén na Praza Maior. Alí espéranos Argimiro, que se atopa rexentando o negocio desde o 2012: "Eu levo na hostalaría desde os 16 anos. Primeiro como traballador, tiven outros negocios por aquí o lado e aquí acabei", conta o xefe e camareiro do local.

O Arguiñano está aberto desde primeira hora da mañá ata ben entrada a noite, así que funcionan con servizos distintos dependendo do tramo do día. "Comezamos ás seis da mañá cos almorzos. Traballamos moi ben o tapeo na barra, á hora dos viños, e tamén temos racións, pratos combinados ou menús do día", explica Argimiro.

A pesar de que son varias as tapas que teñen boa aceptación entre a clientela do Arguiñano, ningunha é tan ben recibida como as aliñas de polo: "Os luns son moi concorridos polas aliñas, son moi famosas. A receta vén dunha señora moi maior que tivo antigamente o bar. Un día pedinlle a receita e deuma. Foi todo un éxito e, por riba, a señora que me fixo o favor aínda me agradeceu que seguira usando a súa receita", expón Argimiro.

"Nós somos unha tenda de pobo moderna. Por unha parte a xente pode entrar a ver, dar unha visual e marchar, como acontece nas grandes tendas das cidades. Pero mantemos a proximidade e o trato dos comercios das vilas pequenas", conta Laura Gómez, encargada da tenda Bicos de Fío

A seguinte parada no noso camiño é  Bicos de Fío, a tenda de roupa que é xa un emblema da vila. E se na ferretería Álvarez Chaín o que encandila ao visitante é a súa personalidade férrea e a sensación de estar vivindo outro tempo, en Bicos de Fío un queda atrapado pola súa estética contemporánea, a pulcritude e a súa aposta pola vangarda.

Iso si, se algo teñen en común ambos negocios, é a amabilidade de quen os rexenta.

A tenda de roupa Bicos de Fío é xa un emblema da vila. Na foto, Laura Gómez, encargada. CC-BY-SA Fernando Mahía

Laura Gómez é a encargada da tenda e parella do fundador do negocio, Pablo López, que se adica máis ás "tarefas que non se ven", como nos explica a propia Laura.

Bicos de Fío cumpriu este ano unha década na que xa se consolidou como un dos comercios indisolubles da vila grazas á súa capacidade de conxuntar dous aspectos: "Nós somos unha tenda de pobo moderna. Por unha parte a xente pode entrar a ver, dar unha visual e marchar, como acontece nas grandes tendas das cidades. Pero mantemos a proximidade e o trato dos comercios das vilas pequenas", conta Laura.

O comercio meirego vende "roupa moderna, para a rúa pero tamén para ir un pouco máis finos. Temos variedade de estilos e prendas para todas as idades", remarca Laura.

Outra das fortalezas de Bicos de fío é o comercio online. A páxina web foi unha aposta da marca para achegarse ao cliente e o resultado foi un éxito, segundo nos explica a encargada: "Hai xente que entra na web desde a casa para ver o que temos ou se hai talle, e logo achéganse aquí a mercar. E outros que xa mercan directamente por internet. Algúns veñen a recoller o pedido á tenda, pero tamén se entrega. Vendemos para toda España", asegura.

"Por aquí pasa xente de Meira, pero tamén da Pontenova, Riotorto, a Ribeira... Meira é unha vila con bastantes servizos e abarca un rango de bastante xente", indica Laura.

E é aí onde Laura Gómez dá no cravo. Non só para a súa tenda, senón para todo o burbulleo da vila. Porque Meira é un concello pequeno, con apenas 46 quilómetros cadrados e pouco más de 1.700 habitantes. Pero a súa situación fai dela un lugar vivo, con xente entrando e saíndo dos seus múltiples comercios, con nenos correndo polo Paseo Central, con terrazas ateigadas de xente. Con citas para arreglar as unllas no centro de estética de Noelia López ou con cuadrillas de baranda no Tibor, o pub rexentado polo mito da hostalaría lucense -e influencer de renome- Plenario Veiga. Nun pobo que que latexa a pleno rendemento, cun músculo tan potente que consegue mandar o seu sangue máis de 300 quilómetros Galicia abaixo, ata desembocar na Guarda.

O atractivo de Meira é social, pero tamén patrimonial. A vida desenvolveuse arredor do mosteiro de Santa María de Meira, fundado no século XII pola orde cisterciense. A impresionante igrexa de Meira ou a belísima Casa Consistorial son parte viva do legado do mosteiro, e para coñecelos un pouco máis a fondo, pedimos unha cita con Yoani Jartín, técnica de turismo do Concello.

Na que foi, probablemente, a mellor decisión desta visita pola terra meirega.

Yoani Jartín, técnica de turismo do Concello, no mosteiro de Santa María de Meira. CC-BY-SA Fernando Mahía

Facer unha visita guiada con Yoani é viaxar polo tempo e polo espazo da man dunha condutora excepcional. Reproducir aquí as súas palabras sería como intentar captar o aroma do café a través dunha fotografía. Porque non é só o que: é o como, o cando. Un detalle nunha porta. Un dato histórico. Unha ventá tapiada. Un anécdota. Unha explicación. Unha pequena broma.

Coñecemos os segredos da sala das reliquias e aprendemos a valorar a luz que se filtra polos ventanais do templo grazas a Yoani Jartín, técnica de turismo do Concello

Yoani mestura os ingredientes como unha cociñeira apaixoada e talentosa. Sen medir as cantidades porque xa as coñece. Sen quedarse curta nin alongarse, porque a información brota e flúe con suavidade. Por ela soubemos que o edificio do Concello foi unha ampliación posterior e albergou durante séculos unha facultade de Filosofía. Que non se celebran feiras coincidentes coa de Meira en 30 quilómetros á redonda por un decreto real aínda vixente. Que os fieis só podían chegar ata certo punto da igrexa para oír misa debido a que era un mosteiro de clausura. E soubemos sobre procesións, festas, obras e peches; sobre retablos e gravados; sobre pilas bautismais e tumbas. Coñecemos os segredos da sala das reliquias e aprendemos a valorar a luz que se filtra polos ventanais do templo.

Incluso lle pedimos que nos falase dalgúns dos recunchos menos coñecidos que esconde Meira, máis alá das coñecidas visitas ao mosteiro ou ao Pedregal de Irimia: "Se me poño a falar de todo o que temos por aquí non sei se nos chegará o día!", respondeu animada.

Aínda así, tivo tempo a mencionarnos rutas de sendeirismo, como a Miño-Eo; a fervenza da Mexadoira, cos seus 15 metros de caída; o punto máis alto da Serra de Meira, máis alá do Pedregal, desde onde se divisan desde A Mariña ata Os Ancares; ou algúns dos paseos ocultos no parque Profesor Río Barxa, o espectacular recuncho verde da vila.

Deixamos a Yoani con ganas de saber máis, coa idea de voltar outro día e a misión autoimposta de expandir a súa palabra.

(De verdade, se tedes ocasión de ir por Meira, concertade con ela unha visita).

Parque Profesor Río Barxa, un fermoso refuxio verde na vila de Meira. CC-BY-SA Fernando Mahía

Saímos da vila para coñecer os proxectos que se desenvolven máis alá da capitalidade municipal e comarcal. Un deles é Casa Cazoleiro, unha casa de turismo rural ubicada na ladeira oeste da serra, a apenas cinco minutos en coche. O seu dono é Álvaro López, que rexenta o negocio desde 1991.

A propia Serra de Meira é, precisamente, un dos principais encantos de Casa Cazoleiro: "O noso atractivo máis grande son as rutas a cabalo. Estamos nunha contorna única para montar e desfrutar", conta Álvaro.

Como para non desfrutar. As rutas lévanse a cabo por camiños que discorren entre árbores caducifolias e sendeiros que atravesan a natureza máis pura. Estes itinerarios montados desde a casa de turismo rural duran en torno a unha hora: "Non é recomendable facer máis tempo porque cansas, colles maniotas e quedas coa sensación dunha mala experiencia", explica o responsable do negocio.

"O noso atractivo máis grande son as rutas a cabalo. Estamos nunha contorna única para montar e desfrutar", conta Álvaro López propietario de Casa Cazoleiro

Deste xeito, a xente queda encantada e volve: "Ben sexan persoas soas, parellas ou grupos, nenos pequenos ou xente maior, os que proban volven para repetir".

A cabalo, en bicicleta, en pé ou en coche, un pode rematar de ascender a serra de Meira e descender pola cara leste cara Seixosmil, a outra parroquia das dúas que conforman o municipio. Nesta parroquia atopámonos coa gandería Marrondo, unha explotación familiar que foi pasando de pais a fillos.

Álvaro López, de Casa Cazoleiro, levando un cabalo para facer unha ruta pola serra de Meira. CC-BY-SA Fernando Mahía

A gandería é unha das principais actividades económicas do concello meirego, aínda que a súa orografía dificulta o traballo con respecto a outras comarcas lucenses como a Terra Chá.

"Esta non é unha zona favorecida para a gandeiría. Nós temos moitas terras en alugueiro, e non están cerca. Algunhas fincas igual as tes a 15 ou 20 quilómetros. Isto eleva os custos para traer a comida, para aboalas, para cortar a herba... Todo vai encima dos cartos. Ademais son fincas pequenas, non hai moitas terras que sexan grandes para meter maquinaria. Hai as que hai, cada un ten as súas e non sobran. Somos varios e hai moi pouco terreo".

Quen fala é Eva. Ela chegou á explotación non por liña familiar directa, senon pola súa parella. Recoñece que non chegou ao sector por vocación, aínda que "ao pasar os anos empézaslle a coller gusto": "Eu son diplomada en Relacións Laborais e teño un ciclo superior de Xestión Administrativa de Transporte. Traballei dous anos nunha oficina, tivemos dous fillos sendo eu bastante nova e o salario non era moi aló. Así que marchei para traballar na explotación, porque dentro do que cabe, é rendible", lembra.

Eva, da Gandeiría Marrondo, na parroquia de Seixosmil. CC-BY-SA Cedida

A explotación medrou "desde as 41 vacas de muxir e 80 cabezas que había cando casei no 2005" ata as "140 vacas e 260 cabezas" coas que contan hoxe en día. Polo medio, un proceso de adaptación á vida na granxa con varios pros e algunhas contras.

"Traballas para ti e podes organizarte. As cousas hai que facelas, pero moitas podes facelas cando queiras. Outras non, porque os animais póñense enfermos, hai que coidalos, alimentalos, levalos ao veterinario ou muxilos", explica.

Esa atadura ao lugar, inseparable do traballo na granxa, é o gran paradoxo do agricultor. Porque é a gran vantaxe e o principal inconveniente. Porque a Eva non lle permite escaparse unha fin de semana de vacacións ou acudir a certas celebracións. Pero fixo que puidese adicar tempo á crianza dos seus fillos, axudalos cos deberes, levalos á escola ou ilos buscar ás actividades extraescolares.

 "Temos un proxecto de robots de muxido para mellorar a calidade de vida. Vai todo automatizado e mesmo tes unha app que te avisa de cando hai un problema", relata Eva, da Gandería Marrondo

O principal obstáculo é a hora de muxir, a única cita ineludible e que non podes organizar para facer a unha hora ou outra. Por iso están realizando un gran investimento en tecnoloxía: "Temos un proxecto de robots de muxido para mellorar a calidade de vida. As vacas vanse muxindo e non tes que estar alí a unha hora concreta. Vai todo automatizado e mesmo tes unha app que te avisa de cando hai un problema", relata.

Os fillos de Eva teñen agora 17 e 18 anos, unha idade na que aínda non saben se se involucrarán no negocio familiar. "Agora mesmo están estudando. Hai unha parte na que me gustaría que se quedaran, porque sei que o negocio funciona. Pero, para vivir disto, téñenche que gustar os animais, involucrarte moito e renunciar a moitos praceres que outra xente ten", explica.

Paisaxe meirego CC-BY-SA Fernando Mahía

Un ruido lonxano alértanos despois de dicirlle adeus a Eva e fai que un escalofrío percorra o noso corpo. Fernando Mahía mira cara min sen ter moi clara a súa orixe.

-Será un lobo? -pregunta.

-E non será o motor dun coche? -respondo.

-Para, para. Como vas confundir o son dun lobo co dun coche? Non te quedarías pillado naquela historia das narracións non convencionais e o cinema experimental coa que empezaches a fiar a reportaxe? -dime o Fernando.

Entón comprendo outra vez.

Porque isto é Meira, o único lugar do mundo onde os lobos e os coches soan exactamente na mesma frecuencia. A dunha canción memorable que levan varias décadas interpretando os irmáns Vallejo.

Sergio e Diego, Diego e Sergio. Ao o volante o maior, cantando as notas o máis novo. Con dous campionatos de España no seu palmarés, tres subcampionatos, multitude de podios e decenas de vitorias polas estradas de España. Nunha aventura que comezaron sendo só uns nenos na vila meirega.

Diego e Sergio Vallejo, os lobos de Meira. CC-BY-SA Vallejo Racing

"O meu pai tiña unha compra-venda de coches en Meira e aos oito anos xa me deixaba maniobrar con eles", conta Sergio, que non podía parar de fixarse no seu pai cando arrancaba no seu vehículo.

"Eu miraba para os coches e quería andar nos coches. Cando viaxabamos, sempre me fixaba en como conducía papá. Entón, cando me deixou coller o volante, xa sabía todo o que tiña que facer", relata Vallejo, que recoñece que algunha toleada ten feito polas pistas de Meira adiante: "Daquela non era como agora. Había menos controis e tampouco tiñas esa sensación de perigo".

"O meu pai tiña unha compra-venda de coches en Meira e aos oito anos xa me deixaba maniobrar con eles", conta Sergio Vallejo, que non podía parar de fixarse no seu pai cando arrancaba no seu vehículo

Sergio trasladou a súa paixón pola condución ao mundo dos rallyes, e o seu irmán Diego acompañouno en canto puido subirse ao asento dereito. De feito, foi precisamente no debut de Diego como copiloto (nun rallye na Coruña no 1989, cando o menor dos Vallejo tiña apenas 16 anos) cando lles quedou o alcume que os acompañaría para sempre: "Ese día saíra unha nova no xornal de que había lobos na Serra de Meira. Competimos no rali, gañamos uns tramos que había de noite e con néboa e aí nos quedou o dos Lobos de Meira".

O piloto meirego Sergio Vallejo CC-BY-SA Vallejo Racing

Desde aquela, mil aventuras xuntos, outras tantas cada un por separado e unha paixón que dura ata o día de hoxe: "Agora compito só de vez en cando por pasar o rato e porque me sigue gustando conducir. Hai nada gañei a Subida A Pontenova, será porque aínda sigo en forma, pero o que desgasta moitto é ter que andar buscando patrocinios", recoñece Sergio.

O piloto meirego dirixe na actualidade unha escola de condución, ten un pequeno taller en Lugo e traballa na formación de pilotos. De feito, vén de viaxar a Bolivia co seu irmán para acompañar ao xovencísimo piloto Óscar Fuertes jr., de só 14 anos, e fillo do piloto Óscar Fuertes (co que Diego Vallejo competiu no Dakar): "Diego vai de copiloto e eu de coordinador", detalla.

Atravesamos a toda velocidade as últimas palabras con Sergio para encarar tamén as últimas liñas desta pequena viaxe por Meira, na que aínda nos queda unha última etapa, a primeira, onde nacen unhas cousas para morrer outras. No Pedregal de Irimia, pai do pai da nosa terra.

Moitos estudos sinalan que o Miño nace no Pedregal de Irimia CC-BY-SA Fernando Mahía

Aínda que tradicionalmente se ubicaba o nacemento do Miño en Fonmiñá (Pastoriza), xa hai moitos anos que os estudos conclúen que as primeiras augas do Miño son as que brotan neste punto da cara oeste da Serra de Meira, a uns 700 metros de altitude. E o enclave ten un carisma que non pode negar ni no máis fanático dos pastoricenses, co son da auga repenicando baixo a morena, unha acumulación de pedras depositadas na ladeira por un antigo glaciar.

 Hai moitos anos que os estudos conclúen que as primeiras augas do Miño son as que brotan  no Pedregal de Irimia, na cara oeste da Serra de Meira, a uns 700 metros de altitude

Alí, asubiando oculto entre as rochas, o Miño ten o seu primeiro contacto con Galicia, dun xeito irremediablemente galego; un río por baixo dun río, que algún diría que non sabe se sobe ou se baixa (pista: baixa), pero que é incapaz de respostar que se aquí, que se acolá, que se un pouco máis abaixo, que se iso xa veremos.

Así, nesa paisaxe rocambolesca, aflora o río e murcha esta peza, que se despide lembrando a figura irrepetible de Avelino Díaz, o Poeta de Meira:

¿Quen dixo, craro río Miño
que naces en Fumiñá
se xunta Monterredondo,
xa pasas, feito un rapaz?

¡Se xa: na Ponte de Meira
semellas ser un lanzal
mozo, que canta as cantigas
i ó lonxe vai troulear!

Meira, desde a serra. CC-BY-SA Fernando Mahía
Rubén de Rosende

Rubén de Rosende

Lucense en Compostela. Gústame sacarlle parecidos á xente e os chistes de 'ábrese o telón'

Tamén che interesa

  • Vinte na vila

    Castro de Rei Manter os pés na terra para poder tocar o ceo

    Castro de Rei transpira puro Terrachaísmo. Os seus camiños e pistas infinitas mestúranse e desaparecen entre o verdor dos prados, o son dos tractores e a mirada despreocupada do gando vacún, motor eterno da comarca. Agora ben, reducir este concello á actividade agrogandeira sería un erro tan grande como pensar que no universo só existe baleiro. 

    Por Castro de Rei discorren milenios de historia e olladas vangardistas; respírase crecemento e compromiso social; florecen proxectos froito do agarimo e adicación plena, e tamén se materializan ideas que agroman do máis profundo do propio ser. Porque Castro de Rei hai un e hai moitos, todo depende de onde queira buscar cadaquén.

    Coa colaboración de

  • Vinte na vila

    Vinte en Lalín Arte, astronomía e cocido, que non falte, no corazón de Galicia

    Lalín é moito. Nesta vila estratexicamente situada naceu a investigación astronómica de Galicia con Ramón María Aller; é unha terra de artistas internacionais, como Laxeiro ou Colmeiro, que nunca deixaron de mirar cara á súa casa e un lugar onde a máis recoñecida festa gastronómica galega, a do Cocido, dura un mes enteiro. Cruzamento de camiños e lendas, Lalín é unha vila con vida propia, poboación estable, a cabeceira da comarca do Deza, onde sempre hai unha escusa para nos achegar… e volver. 

    Lugares

    Coa colaboración de

  • Vinte na vila

    Barreiros: acougo e calma onde o mar namora

    No corazón da Mariña, co Atlántico batendo nun areal virxe e infinito, Barreiros ofrece acougo, natureza e vida. A que atrae os milleiros que chegan no verán e da que gozan os que alí viven todo o ano. Nun concello que mantén o inevitable impacto dunha burbulla inmobiliaria que se pasou moito de rosca, pero que reivindica un presente atraínte e un futuro prometedor nunha contorna única. 

    Lugares

    Coa colaboración de

  • Vinte na vila

    Vinte no Carballiño. As augas, o polbo e ‘mil’ bares para quedar

    Vinte na vila estivo no Carballiño o 19 de decembro. Polas rúas soaban as panxoliñas e a veciñanza apuraba as compras do Nadal. No noso percorrido puidemos gozar dun paseo a pé polas rúas do centro ou pola beira do Arenteiro, admirar a paisaxe da contorna, a Ínsua do Poetas; e degustar O Carballiño, desde as deliciosas cañas fritas ata o histórico polbo, á feira, claro. Estamos nunha vila marcada pola emigración e as divisas que chegan para converterse en impoñentes chalés; as augas termais sanadoras, a súa situación xeográfica estratéxica e a omnipresenza de bares e restaurantes, algo que aplauden tanto locais como visitantes.

    Lugares

    Coa colaboración de

  • Vinte na vila

    Vinte en Folgoso do Courel: “Se se esgota un plan de vida, tes que inventar outro”

    Había moitas pingadas na estrada, sinal de que chegaramos ao Courel e de que estamos no tempo grande da castaña. Case non parou de chover en todo o día, pero todo o mundo nos dixo que estabamos alí na mellor época. Pódese ir ao Courel en calquera momento do ano, pero hai que volver no outono. 

    Nesta nova entrega do Vinte na vila percorremos Folgoso do Courel un 31 de outubro. Mel, castañas, doces, turismo rural, a gandeiría e mesmo o blues e o jazz mestúranse nesta reportaxe audiovisual co son da chuvia, e as voces dos protagonistas que nos falan desde o seu lugar: "Decateime de que vivimos no ceo aquí". 

    VINTE na vila

    Coa colaboración de

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.