Collage con algunhas persoas e lugares protagonistas de Castro de Rei. CC-BY-SA Fernando Mahía
Castro de Rei transpira puro Terrachaísmo. Os seus camiños e pistas infinitas mestúranse e desaparecen entre o verdor dos prados, o son dos tractores e a mirada despreocupada do gando vacún, motor eterno da comarca. Agora ben, reducir este concello á actividade agrogandeira sería un erro tan grande como pensar que no universo só existe baleiro.
Por Castro de Rei discorren milenios de historia e olladas vangardistas; respírase crecemento e compromiso social; florecen proxectos froito do agarimo e adicación plena, e tamén se materializan ideas que agroman do máis profundo do propio ser. Porque Castro de Rei hai un e hai moitos, todo depende de onde queira buscar cadaquén.
E que mellor sitio para comezar esa búsqueda que ir ata onde comezou todo. Ou non exactamente onde comezou todo, pero si onde se pode comprobar de primeira man como eran as cousas pola zona hai centos e centos de anos. O castro de Viladonga, ubicado na parroquia homónima, é un dos castros mellor conservados de todo o noroeste peninsular, e a posta en marcha nos anos 80 dun museo adicado exclusivamente ao xacemento permítenos coñecer in situ moitos dos elementos que conformaban a rutina da cultura galaicorromana nun periodo que abrangue máis dun milenio.
Elena Varela era, ata hai escasos días nos que pasou a unha vida mellor (a dunha merecidísima xubilación), a directora do museo. Aínda no cargo, Varela contounos o privilexio que supón para Castro de Rei ter un xacemento coma este: "É un dos castros máis importes de Galicia, e o que está máis investigado", explicou.
As excavacións en Viladonga iniciáronse "nos anos 70", e dada a abundancia de materiais, decidiuse construír un museo que foi inaugurado "en novembro de 1986": "As investigacións continuaron, as necesidades aumentaron e no ano 93 ampliáronse as instalacións. Agora contamos con tres salas adicadas exclusivamente ao castro e unha complementaria, na que se conta como empezaron os traballos, as funcións do museo e o contexto do castro na súa cultura".
No museo -que recibe anualmente entre 20.000 e 25.000 visitantes, moitos deles rapaces e rapazas en idade escolar- vemos ferramentas, adornos, recipientes ou moedas. Fragmentos de moitas vidas que agora somos capaces de imaxinar grazas ao traballo dos investigadores: "O traballo é moi minucioso, porque os materiais aparecen moi fragmentados. E, despois, completámolo con maquetas, fotografías, reproducións ou pezas audiovisuais. Porque o importante é que os visitantes entendan o que significa o castro. Hai que explicarlles que aqui había vida", lembra Elena.
Unha vida que, ademais, cómpre entender que non sempre era a mesma, por moito que hoxe en día vexamos a estrutura desta poboación como un único todo. “Cronoloxicamente, vai desde case o século sétimo antes da nosa era ata o sexto da nosa era". É dicir, hai casas por riba doutras casas, muros que non sempre estiveron aí e incluso unha evolución nos propios habitantes que ocuparon o xacemento ao longo de tantos anos: “Temos que contextualizar o castro na súa cultura, a castrexa e a galaicorromana".
Nesa cultura, os castros emerxen con abundancia: “Aínda que é certo que aparece no propio nome do municipio, a abundancia de castros non é exclusiva de Castro de Rei. É unha cousa de todo o noroeste da península. Hai parroquias nas que incluso hai dous", destaca a historiadora lucense.
(O que si que cómpre, antes de deixar Viladonga para seguir descubrindo as historias que garda este municipio, é lembrar esta sutil diferenza para moverse por esta terra e evitar un levantamento castrense:
- Castro de Rei: nome do concello e da capitalidade municipal
- Castro de Ribeiras de Lea: principal núcleo urbano do municipio
- Castro -sen apelido, solto, só Castro-: fai referencia a Castro de Ribeiras de Lea, non a Castro de Rei).
Esta visita a Viladonga lémbranos a realidade do ser humano como un animal social. A estruturación en clans ou a organización de tarefas colectivas daquelas aldeas primitivas favoreceron a evolución da sociedade ata a actualidade. E, hoxe en día, os pobos seguen a medrar se permanecen unidos.
Por iso, o asociacionismo cobra unha importancia vital, moito máis en concellos rurais como o de Castro de Rei. E por iso é fundamental resaltar o traballo que leva facendo ao longo de máis de dúas décadas a Asociación de Mulleres Rurais A Xuntanza.
“Cando nós empezamos, non había ningunha asociación onde ir. Fomos pioneiras na zona. Igual había algunha asociación de veciños, pero case nada”, conta María José Folgueira, presidenta do colectivo dende a súa fundación, hai 23 anos.
María José defende a importancia da Xuntanza como eixo vertebrador e destaca os dous piares fundacionais que resisten desde o minuto cero: “Nós reivindicamos que somos mulleres e que vivimos no rural. Hai moita xente que enche a boca falando do rural, e despois non move un dedo para evitar que se baleire”, explica a directiva da asociación.
A Xuntanza organiza cursos de pintura, de cantería, de talla ou de encaixe. Ensinan a restaurar mobles e a traballar coas mans. Fan comidas, rutas e excursións. En definitiva: enchen o calendario de propostas culturais, educativas e de ocio para que vivir en Castro de Rei pague aínda máis a pena.
O seu bo traballo, de feito, chamou a atención de xente de toda a comarca e máis alá: “Agora mesmo somos máis de trescentas socias. Hai xente de Castro de Rei, pero tamén de Cospeito, de Meira, de Lugo ou de Pastoriza”, relata María José.
Estar á fronte dun colectivo tan dinámico, iso si, ten un custo persoal para a presidenta: "Quitar quita moito tempo. Organizar, ir ás reunións, moverte a certos actos... Para recoller hai que sementar. A nós non nos vai mal e non me arrepinto de perder moitas horas, porque ten recompensa", asegura María José.
“Pero eu xa teño gana de remuda”, engade: “Despois de 23 anos e con 71 que teño, hai que ir pensando en que pase a seguinte. Eu fago un chamamento a que alguén se anime e comprométome a quedarme para axudar, porque sería unha pena que esto se perda. Pero eu teño tres netos e tamén me gusta estar con eles. A ver se chegamos ao 25 aniversario, e aí xubílome!”, exclama entre risas.
A historia de María José garda moitos paralelismos coa doutra veciña de Castro de Rei. A dunha muller que constrúe algo fermoso onde antes non había nada. A de horas e horas investidas sen pedir nada a cambio. A da vontade férrea de que non fraqueen as pernas a pesar do cansanzo acumulado. Porque, como pasa con María José e a súa loita constante para que A Xuntanza sexa motivo de orgullo para a veciñanza, Carmen Tojo converteuse nun referente feminino que traspasa fronteiras.
Hai pouco máis de dez anos, Carmen non entendía nada sobre fútbol sala feminino. “Non sabía nin que existía", recoñece. No 2026, o FSF Castro Bloques Cando transitou toda a temporada pola zona noble da Primeira División feminina, quedándose ás portas de ser un dos catro equipos que pelexen polo título de campión. Un fito demencial para un concello que apenas rolda os 5.000 habitantes.
Que pasou entre medias? Pois catro culleradas de talento, unha miguiña de fortuna e toneladas e toneladas de esforzo dunha muller incansable.
Esta crónica comeza, diciamos, hai pouco máis de dez anos. “Unha amiga díxome se quería xogar. Tiña unha filla á que lle gustaba o fútbol sala e fomos adestrar a un equipo que había en Rábade, pero botamos media temporada porque non había moito compromiso", lembra Tojo, nunha declaración involuntaria de intencións: as cousas ou se fan ben, ou non se fan.
Que facer enton? Abandonar? Buscarse outro equipo? Nada diso; Carmen tiña outra alternativa.
“Quería seriedade e dixen: por que non vou montar eu un equipo? Coñecía moitas rapazas que eran de por aquí, da zona, e un día tomando unhas cañas decidimos que había que formar un equipo en Castro, aínda que fose para xogar unhas pachangas", explica. Era o ano 2014 e acababa de nacer o FSF Castro.
Sen maiores pretensións nin metas marcadas, o club foi medrando. O equipo sénior ascendía de categoría e Carmen Tojo sumaba cada ano máis equipos nas categorías de formación, tanto femininos como masculinos, xa que eran moitos os nenos e nenas da zona que querían xogar ao fútbol sala en Castro.
“Seguimos cos ascensos e agora aquí estamos", na terceira campaña consecutiva na máxima división nacional. Moi preto de xogar o play-off polo título.
Carmen fala con paixón de todo o conseguido polo club, pero do que máis orgullosa está é de todo o traballo coa canteira: “O primeiro partido que xogamos foi en Xogade, a competición da Terra Chá. Perdemos 14-0 contra un equipo que era todo de nenos. Non obstante, a maior parte daquelas nenas están nesa foto", di a presidenta, mentras sinala o póster que encabeza as oficinas do club. Unha fotografía das campionas de España en idade xuvenil.
De botar pachangas a gañar partidos en Primeira. De perder 14-0 a subirse ao máis alto do podio. Un éxito sen parangón, pero cun custo persoal: “O sacrificio é enorme, e o certo é que cansa. Hai un punto no que tamén me quero dedicar máis a min. Para o futuro, só pido que, o día que me vaia eu, alguén poida seguir. Pero entendo que é moi difícil”, engade.
Tojo, iso si, tampouco quere pensar niso. Prefire “aproveitar o presente”. Un presente feliz e no que a simbiose entre o club e a veciñanza é a chave para que todo vaia sobre rodas: “Eu estou moi orgullosa do que fixen, pero Castro ten que estar orgullosísimo de ver o que fixo este equipo. Toda a xente que me apoia, os colaboradores da vila... A maioría de socios son do concello. Andamos polos 700. Temos 17 equipos, con máis de 170 rapaces e rapazas xogando nas categorías inferiores. Sen un pobo comprometido, sería imposible", conta Carmen.
“Eu estou moi orgullosa do que fixen, pero Castro ten que estar orgullosísimo de ver o que fixo este equipo. Toda a xente que me apoia, os colaboradores da vila... A maioría de socios son do concello”, asegura Carmen Tojo, presidenta do FSF Castro Bloques Cando
Aí é onde está o verdadeiro legado de Carmen Tojo e onde se percibe o impacto do deporte na sociedade. Porque o que importa (que tamén) non é achegarse os sábados a un pavillón ateigado para ver as mellores xogadoras do mundo. O que deixa pouso e ver ese mesmo pavillón, de luns a venres, con pais e nais recollendo aos seus fillos despois de adestrar. Ver as familias organizarse nas fins de semana para viaxar a Vilalba, a Lugo ou á Coruña para deter o espazo e o tempo e que, durante pouco máis dunha hora, todo o que importa no mundo se reduza a un rectángulo de 40x20.
O son do pavillón de Castro é estremecedor nas fins de semana, pero agora toca permanecer atentos a outra clase de ruído. Amigo! Semella o burbullear dunha tripa famenta. Xa é mércores e o corpo sábeo.
Hai quen di que Deus se botou a descansar o domingo porque, ao ser de fóra, non se deu conta de que o mércores había feira en Castro (de Ribeiras de Lea). Mais por boa parte da provincia de Lugo (e parte do estranxeiro) é ben sabido que o día santo, aquí, cae a metade da semana.
O mércores é día de mercados en Castro. O gandeiro ronda o medio século de vida, e aínda que perdeu parte da súa actividade tras a pandemia, continúa a ser un referente. De feito, forma con Silleda e Santiago de Compostela a representación galega en Asemga (Asociación española de mercados de ganado), cun total de nove en todo o territorio estatal.
Tamén hai feira, claro, onde un pode perderse e rebuscar entre postos de zapatos, camisetas, artesanía ou embutidos. Un paseo necesario e recomendable para ir abrindo o apetito mentres o inconfundible recendo a polbo inunda a carballeira de Castro.
Porque aquí, xa que por algo estamos en Galicia, chega a actividade principal de cada mércores. Os bares que circundan a arboleda están a rebentar, os bancos dispóñense debaixo das carpas e a cola que se extende dende a caseta acristalada fai que máis de un pense: “¿E pagará a pena esperar?”
Pois claro. Sempre paga a pena. A quen non lle vai gustar unha inxesta pantagruélica deste cefalópodo octópodo, sempre en boa compañía e en ambiente festivo?
Marisa e Suso, un matrimonio de Lugo, téñeno moi claro: “Cando fai bo tempo, así cara o verán, gústanos vir a Castro os mércores. Damos un paseo polo mercado, tomamos uns viños e despois comemos o polbo”, conta ela.
"Nós aquí vimos sempre polo polbo!", conta outro matrimonio -nesta ocasión de Sarria- camiño da cola.
Para que Marisa e Suso, a parella sarriá e os outros centos de persoas que acoden a Castro os mércores poidan cumprir co seu desexo, alguén ten que poñerse a cociñar. E entre todas as figuras reunidas xunto a caseta do polbo, emerxe unha silueta feminina ordenando, facendo xestos, movendo platos de madeira e brandindo unhas tesoiras como arma única ante un exército de potas xigantes.
Non é outra que Aurora Gómez, pulpeira de nome moi común entre as famosísimas pulpeiras de Arcos (O Carballiño), a terra prometida, que se desenvolve no traballo coa naturalidade que só pode dar a experiencia, mentres explica as bondades desta feira.
“Un día coma hoxe podemos servir unha duascentras ou trescentas racións. Outros días, incluso poden ser máis", conta a dona da lucense Pulpería Roberto.
E como non hai mellor amigo do polbo que o pan, a seguinte parada desta metaviaxe gastronómica farémola na Panadería Rozas. Un negocio con máis de medio século de antigüidade que tamén saca rédito do día da feira: “Notamos máis afluencia os mércores que outros días, porque aínda que moitos veñan á feira a pasear e non a mercar, sempre hai algún que para”.
Quen fala é Jose, de 35 anos e toda unha vida ligada ao pan: “De pequeno xa ía sentado co meu avó cando facía o reparto, ou andaba pola tenda xogando”. Agora é el quen está á fronte do negocio familiar, un negocio que mantén fiel á tradición.
“O único que se actualizou é o forno, que vai a péllets e non a leña. Pero facemos fermentacións longas, masas nai de cultivo, usamos fariña de proximidade moída en pedra... Séguese facendo como se fixo toda a vida", di Jose.
Este panadeiro reivindica o comercio de proximidade e o valor engadido de mercar nas vilas: “Nun centro comercial, eres un número nunha folla dun excel. Aquí, cando chegas ao mostrador, xa nos coñecemos por nome e apelidos, e posiblemente coñeza tamén aos teus pais ou aos teus netos”.
“Aquí, no mostrador”, engade, “a primeira hora xa coñeces das novas, tanto da actualidade como do que pasa no pobo. Agora porque xa temos bo internet, pero antes era o modo de saber das cousas", explica o artesán de Castro.
Jose tamén sente nostalxia da importancia que tiña o pan en tempos pretéritos: “Antes era o pan o que unía unha familia. O primeiro que se poñía na mesa e o último que se sacaba. Cando aínda se cocía nas casas, era o día que ían os fillos e os netos a comer cos avós”, lembra.
Aínda así, a pesar de vivir nunha época con máis présa e menos tempo para todo, Jose cre que dun tempo a esta parte hai certa recuperación polo valor dos procesos tradicionais: “Moita xente non lle dá importancia ao pan, pero desde a pandemia, noto que outros si se empezan a preocupar. Eu sei que non podo competir coas ofertas dun supermercado. Pero moitas desas barras viaxan 800 quilómetros conxeladas nun camión. As miñas viaxan pola beirarrúa na man da xente. É outro concepto diferente”, indica.
"Eu sei que non podo competir coas ofertas dun supermercado. Pero moitas desas barras viaxan 800 quilómetros conxeladas nun camión. As miñas viaxan pola beirarrúa na man da xente. É outro concepto diferente”, subliña Jose, da panadería Rozas
O que tamén é un concepto diferente é o que Jose ten do tempo. El e todos os panadeiros: “Eu nun día normal, á unha estou en pé para encender o forno e poñer as masas a andar. E as seis e media teño a tenda aberta ao público", detalla.
Mais o que podía ser un hándicap, José tómao como unha experiencia. “Cando me levanto, a vila está en silencio. O silencio da madrugada é diferente, hai que vivilo”.
Todo este traballo -Jose coce, reparte e vende na tenda- dá como resultado o mantemento de todo un símbolo en Castro como é a panadería Rozas, as súas barras, as súas empanadas ou o seu roscón de reis.
Un símbolo que incluso se incorporou á fala popular, como lembra o dono do negocio: “Mentres o forno da Rozas siga quente, os gandeiros funcionando e a feira chea, Castro vai ter moito que dicir".
Nin máis, nin menos.
Así que, como neste percorrido xa vimos fumear o forno da Rozas e comprobamos que a feira é todo un éxito, toca ver se os gandeiros cumpren co seu para que Castro siga tendo moito que dicir.
E parece que así é.
Segundo datos consultados no IGE, correspondentes ao ano 2024, Castro de Rei é o quinto concello de Galicia con máis poboación de vacas (11.523), só por detrás do municipio-antes-coñecido-como-A-Pastoriza (Pastoriza), Lalín, Mazaricos e Sarria.
José Carlos Vega é un dos responsables dese elevado número de reses. Concretamente, de medio milleiro delas na explotación que manexa na parroquia de Santa Locaia, aínda que tamén ten granxas en municipios próximos como Pol ou Cospeito.
“A estas alturas, o meu traballo xa é máis de xestión que físico, aínda que hai que arrimar o ombreiro igual. O máis importante é esa xestión e a toma decisións, que se empezan a parecer ás dunha empresa de calquera outro sector, pero coas particularidades do noso oficio", conta José Carlos.
As explotacións de José Carlos suman 25 traballadores “máis algún asesor externo", cun traballo que “pouco ten que ver” co que viviu cando era un neno: “Eu nacín no ano 1969 e lémbrome de haber catro vacas na casa. No ano 76 fixérase un establo que dicían que era moderno por ter un emparrillado no que se poñían as vacas. Hoxe en día, a comarca é unha das máis evolucionadas de Europa”, detalla.
O camiño, di, “foi longo”: “Acórdome de ir coa miña madriña levar unha xerra de leite ao pé da estrada, porque era onde pasaba o leiteiro. Co leite muxido á man. Despois, chegaron as primeiras muxidoiras de caldeiro, o circuíto, e as salas de ordeño. Nós seguimos muxindo en salas de muxido, máis tecnificadas, e estamos nun punto no que moitas explotaciós teñen muxidos robotizados”, asegura o gandeiro.
“Hai xente que di que lle gustaría iniciarse neste tipo de actividade, pero creo que están idealizando o rural, pensando en algo romántico e bucólico", José Carlos Vega, gandeiro
Estes niveis de tecnificación no proceso fan que, na opinión de José Carlos Vega, non sexa nada fácil para ninguén empezar de cero: “Hai xente que di que lle gustaría iniciarse neste tipo de actividade, pero creo que están idealizando o rural, pensando en algo romántico e bucólico. Na práctica, é máis parecido a montar outro tipo de negocio. Cos volumes dos que estamos falando, hai un montante de investimento moi alto. E non é fácil porque son moitos cartos os que se teñen que poñer en xogo", indica.
Ademais, a dispoñibilidade horaria é outro dos grandes hándicaps do sector. “É un traballo que funciona 24 horas os 365 días do ano. Unha vez que o asumes, tampouco é estar picando carbón cun pico. Pero esa constancia é necesaria”, conta José Carlos, que considera que este é precisamente un dos motivos de que, en moitas ocasións, se deteña a remuda xeracional.
“Hai xente nova que podería herdar unha explotación e bótase para atrás. Pero é normal, porque hoxe en día tes outro tipo de opcións que non che obligan a estar pendente todo o tempo”, engade.
Por fortuna, sempre hai excepcións. E se non, que llo digan a Juan Carlos Otero e a Julia Naval. Esta parella é a propietaria da granxa Fontixón, na parroquia de Ramil, que ten unhas 650 cabezas de gando vacún. A diferenza desta explotación con respecto doutras e que parece que o futuro está asegurado, xa que María e Andrea, de 19 e 18 anos, teñen a cabeza e o corazón posto no negocio.
Juan Carlos, como lle pasara a José Carlos, é gandeiro case desde que ten memoria. “Penso que traballo aquí desde que me din subido a un tractor, con dez aniños”, lembra.
Na explotación contan con cinco traballadores e a colaboración inestimable de María e Andrea: “As pequenas axudan moito. A pena é que sempre coinciden as campañas cando teñen que preparar os exames. Pero cando están elas, faise moito mellor o traballo", conta Juan Carlos.
Juan Carlos Otero e a Julia Naval teñen a granxa Fontixón, na parroquia de Ramil, con 650 cabezas de gando vacún. A diferenza desta explotación con respecto doutras e que parece que o futuro está asegurado, xa que María e Andrea, de 19 e 18 anos, teñen a cabeza e o corazón posto no negocio
Os estudos, neste caso, non son unha forma de cambiar de vida, senon de afianzar a propia. Ambas rapazas estudan en Lugo enxeñería agrícola, coa vista posta en formarse o mellor posible para incorporarse ao negocio familiar.
"Salvo que cambien de opinión", di bromeando o seu pai.
Toda esta actividade agrogandeira xera e necesita de certos servizos específicos asociados. É dicir, máis alá de tendas de alimentación, supermercados ou bares que xorden alá onde se establece poboación, hai negocios, como o que Germán Naval ten en Castro de Rei, que se relacionan simbioticamente coas explotacións.
Germán leva máis de 35 anos á fronte dun almacén na capitalidade municipal, no que dispoñen de toda clase de produtos para o campo e a vida agrícola. “Aquí cada vez hai máis vacas e menos xente”, laméntase Germán.
Como en moitos sectores, este veciño de Castro de Rei comprobou de primeira man como os traballos evolucionan e cambian co paso dos anos: “Antes vendías moito saco e tiñas que facer moito reparto coa furgoneta. Agora eso apenas se fai. Trabállase moito máis coa venta de graneles, pienso, abonos... Tamén funciona a venta de ferretería agrícola, tanto para as explotacións como para casas particulares", detalla.
Froilán é un gandeiro retirado moi querido na parroquia de Quintela, e que agora, coa sabiduría e a experiencia do paso dos anos e o seu coñecemento profundo das vicisitudes do día a día de Castro de Rei, exerce como xuíz de paz
A vida entre veciños, iso si, non sempre é perfecta. Xa algún dos entrevistados desmentiu a visión bucólica que se ten do traballo no campo, pero hai veces que xorden conflitos que necesitan dun árbitro imparcial que axude a resolvelos. E, en Castro de Rei, ese árbitro é Froilán Pérez.
Froilán é un gandeiro retirado moi querido na parroquia de Quintela, e que agora, coa sabiduría e a experiencia do paso dos anos e o seu coñecemento profundo das vicisitudes do día a día de Castro de Rei, exerce como xuíz de paz.
“Propuxéronmo hai uns anos e, o principio, dixen que non. Despois insistiron, acabei dicindo que si e xa estou na terceira lexislatura”, explica Froilán.
O xuíz de paz é elixido polo Pleno cada catro anos, e a súa función é mediar en conflitos de envergadura menor para evitar ter que ir ao xulgado.
“Antes tiñamos máis funcións. Levabamos o padrón, firmabamos defuncións, celebrabamos vodas civís... Agora todo iso xa non nos compete. O que nos quedan son, sobre todo, as conciliacións", conta o veciño de Quintela.
E de que tipo? Pois botádelle un pouco de imaxinación: Galicia, labradores, fincas... Efectivamente, é exactamente no que estades pensando.
“Os clásicos problemas da veciñanza son problemas de marcos”, relata o xuíz de paz.
Froilán explica que moitas das conciliacións chegan a bo porto e sinte unha gran satisfacción por evitar que os problemas acaben xudicializados. “Pensa que, ademais, moitos son veciños e coñecidos. Sempre che gusta que a xente que coñeces de vello chegue a un acordo e solucione un problema”.
Aproveitando a natureza resolutora de conflitos de Froilán, pedímoslle un favor. Porque, unha vez transitado polo comercio, o sector primario, a historia, os servizos, a gastronomía ou o deporte do municipio, faltábanos pousar a nosa ollada na creación artística da terra que viu nacer a Margarita Ledo.
"Coñezo un artista autodidacta que non se adica a isto profesionalmente, pero que fai cousas moi interesantes", responde Froilán.
E alá nos fomos a coñecer a Fernando Teijeiro Cupeiro.
Fernando Teijeiro vive a cabalo entre as súas dúas grandes paixóns: a cría de corceis de pura raza árabe e o traballo en madeira de castiñeiro. De feito, non son poucas as ocasións nas que ambas se fusionan, dando lugar a tallas, esculturas, baixorrelevos ou pinturas no que o protagonista indiscutible é o nobre mamífero equino.
Fernando Teijeiro vive a cabalo entre as súas dúas grandes paixóns: a cría de corceis de pura raza árabe e o traballo en madeira de castiñeiro
Fernando rexenta Alicorne, unha gandeiría adicada á cría de cabalos de pura raza árabe: “Actualmente teño uns 28”, conta este gandeiro, gañador de múltiples medallas e concursos cos seus cabalos. Pero o que moitos descoñecen é a outra paixón oculta do seu criador. “Iso que agora cada vez teño menos tempo. Non chegan os días a nada", explica Fernando mentres nos abre unha das estancias da súa finca, na que almacena a maior parte do seu contido artístico.
O cambio, salvo polo leitmotiv cabalar, é radical. Da pureza e transparencia dos animais correndo polas fincas, o ambiente torna en místico, máxico e trascendental.
O traballo escultórico de Fernando fala de historia, de mitos, de crenzas e do paso do tempo. "A min gústanme moito a historia e as lendas. Imaxinarme guerreiros celtas, as súas crenzas. Pensar nun mito coma o de Ícaro ou lembrar a historia de cando había gardas Templarios en Duancos, aquí, en Castro de Rei".
“Eu son autodidacta”, engade: “Primeiro fago mentalmente a escultura, fago un pequeno boceto e despois empezo a tallar nun só bloque, sempre en madeira de castiñeiro”, explica, se ben pode engadir en ocasións elementos metálicos ou doutra índole para dar máis forza ao seu traballo.
O percorrido por Castro de Rei está chegando á súa fin, e sería de xustiza despedirse por todo o alto. Pero alto, alto, altísimo. Tanto se merece unha despedida de altura este municipio chairego que imos pasar por unha das xoias ocultas da provincia de Lugo: o aeródromo de Rozas.
Fran Abelleira conta que o aeródromo de Rozas está vivindo un bo momento e a súa loita persoal pasa pola democratización da pilotaxe: “Temos unha escola de pilotos funcionando a pleno rendemento, con doce personas inscritas, dous recén examinados e unha lista de espera doutras dez persoas. Na escola contamos con tres aeronaves e a miña intención e comprar algunha máis para medrar por aí”, explica
A súa historia comeza como a da guía de programación do History Channel: nazis. Resumindo moito, os alemáns necesitaban descargar o material para montar as antenas que a neutral España permitiu instalar durante a II Guerra Mundial en lugares como Cospeito e Abadín, e o lugar elixido foi unha parcela chaira da parroquia de Rozas. Despois daquilo, quedan como fitos a construción de tres hangares (dos que aínda se mantén un), os voos regulares de Iberia e Aviaco que uniron durante un tempo o aeródromo con Madrid, a opción sobre a mesa para convertirse no gran aeroporto comercial de Galicia ou a creación nos anos 60 do Real Aeroclub de Lugo, institución indispensable que loitou para que Rozas se acabase convertendo na referencia que é hoxe en día.
Quen nos recibe no aeródromo é precisamente Fran Abelleira, presidente do aeroclub e neto dunha daquelas persoas que loitou para que non se desmantelaran as instalacións.
Fran conta que o aeródromo está vivindo un bo momento e a súa loita persoal pasa pola democratización da pilotaxe: “Temos unha escola de pilotos funcionando a pleno rendemento, con doce personas inscritas, dous recén examinados e unha lista de espera doutras dez persoas. Na escola contamos con tres aeronaves e a miña intención e comprar algunha máis para medrar por aí”, explica.
O poder contar con varias aeronaves a título colectivo é fundamental para compartir os gastos e facilitar o acceso ao voo: “Hai moitísimas persoas que non poden mercar un avión. Pero se é do club, ti ao mellor vés unha fin de semana e por 120 euros a hora inclúeche seguro, garaxe, mantemento, aceite, gasolina... Aí ten que estar a función do aeroclub. Porque se eu me adico a difundir a aviación, e logo tes que mercar un avión, non vale para nada. Pero se nos xuntamos 150 persoas e entre elas mantemos tres avións e voamos turnándonos, faise moito máis asequible", detalla o presidente do Real Aeroclub.
Isto non quita, por suposto, que o rango de investimento no mundo da aviación sexa moi amplo: “Para empezar a voar, tes que meter en torno a 60.000 euros. Podes comprar algunha aeronave máis barata, pero esa vai necesitar algo extra. E despois, pois como nos coches. Cen mil, douscentos mil, medio millón, un... a gama é moi grande. Como se tes un amigo que compra un Clío de segunda man e outro, un Ferrari”, di Fran.
O Real Aeroclub conta cuns 900 socios, con 150 formando parte da sección de aeronáutica: “Iso é porque temos un club de tiro moi potente, con 750 persoas, algunhas delas gañando campionatos de España e competindo en europeos e mundiais”, explica Fran Abelleira.
O directivo sinala que contar cunhas instalacións como as de Castro de Rei é un “auténtico privilexio”: "Temos unha pista asfaltada de 1,2 kilómetros de longo e 45 metros de largo. Pensa que moitos aeroclubs teñen que voar en aeroportos comerciais, onde todo é máis prohibitivo, e onde compartes instalacións con voos comerciais e de mercancías, que obviamente teñen prioridade", afirma.
"De feito, ao contrario do que se poida pensar, moitos dos socios non son nin da zona nin de Lugo. Veñen a voar desde Ferrol, Ourense, A Coruña ou Santiago, e tamén de Asturias ou León. Todo pola comodidade destas instalacións", engade Abelleira, que explica que incluso hai certo turismo de pilotos que van de aeródromo en aeródromo: “Temos nun dos hangares un avión duns alemáns que contactaron comigo desde Bilbao. Esta xente voa un día, pasa un par de días na localidade á que chega, vai voando ata outro lugar e así sucesivamente. Esta clase de turismo non está moi estendida por aquí, pero si en certas partes de Europa”, recoñece o presidente.
O aeródromo vive en xullo a súa semana grande coa celebración do critérium aeronáutico: “Vén unha empresa de paracaidismo, un globo aerostático, invitamos ao exército que sempre trae cousiñas... Máis dun socio e dun piloto coñeceunos nun critérium. Un ano houbo un rapaz que voou nun avión acrobático e o luns estaba na porta dicindo que quería ser piloto. Este rapaz non tiña nin coche, e aparecía aquí chovendo na súa moto. Quería ser piloto e sacouno enseguida", lembra Fran.
“É un día de portas abertas para ensinar as cousas que facemos. Pero eu sempre digo que as portas están abertas todo o ano. Calquera persoa pode vir cando queira e nós ensinámoslle encantados todo o que necesite saber", engade Abelleira.
Coas palabras de Fran despedimos este percorrido por Castro de Rei, un concello no que, como acabades de ver, podes chegar tan alto como o desexes. Pero sen olvidarse de manter sempre os pes na terra.