A costa do Ortegal, un miradoiro infinito

Coa colaboración de Turismo da Deputación da Coruña

Cantís no Ortegal, na parroquia de Loiba (Ortigueira) CC-BY-SA Miguel Pardo Pereira

Hora e tres cuartos. É o que tardamos no coche en bordear a costa desde Cedeira a Estaca de Bares. Ha ser máis tempo, a non ser que decidamos obviar os numerosos miradoiros que o camiño ofrece para contemplar o litoral alto, bravo, agreste e pedreiro do Ortegal. Unha paisaxe mística, solitaria, aberta e inmensa cara ao mar, en contraste co espeso eucaliptal que deixamos ás nosas costas. 

 

Partimos de Cedeira, concello que histórica e xeograficamente pertence ao Ortegal, por moito que a división comarcal da Xunta o situase en Ferrolterra. Vila elegante e mariñeira, de porto destacado, coas súas galerías e estreitas rúas na zona antiga. Onde degustar o tradicional marraxo ou os percebes, que sempre tiveron sona sen fachenda e que agora presumen de gañar o primeiro Mundial destes crustáceos. 

A estrada que nos conduce a Santo André de Teixido (vai de morto o que non foi de vivo) afástanos de veigas e arborado para dar paso á Serra da Capelada, ás bestas e ao ruído dos pasos canadenses. Subindo ata que o miradoiro do Chao do Monte, a máis de 350 metros de altitude, pousa de súpeto o Atlántico ante a nosa ollada. Ao fondo, a pequena aldea e a peculiar igrexa, visita obrigada da xente da zona (e de tanta outra). 

Santo André de Lonxe, parroquia de lendas e ofrendas, hábitat natural da herba de namorar para agochar no peto daquela cativa que nos gustaba. Así faciamos, para non levar a contraria. Tampouco cando a familia instaba a pedir un desexo bebendo dos tres canos da Fonte do Santo. O primeiro? Que non nos sentase mal a auga dun manancial no que se le con claridade: No potable

Santo André de Teixido, parroquia de lendas, historias e ofrendas, loce chantada nun val da Serra da Capelada, que baixa vertical cara ao mar para formar os cantís máis altos da Europa continental

Naquelas visitas anuais evitabamos pisar calquera animaliño que —advertíannos— podía ser a reencarnación daqueles que non viñeran de vivos. E rematabamos o día mercando os sanandresiños, eses coloridos amuletos feitos con miga de pan pola veciñanza. Remedios para o amor, a saúde, o traballo e o que fixese falta. 

Seguindo, no camiño cara ao cabo Ortegal, a estrada empínase ata alcanzar a Vixía da Herbeira, punto máis elevado da serra e dos cantís máis altos da Europa continental, de 613 metros. Vistas inmellorables nun lugar onde os máis pequenos, coma se dunha proba iniciática se tratase, tratabamos de impornos ao forte vento. Aló embaixo, o bruído que fai intuír o mar cando a brétema —tantas veces—impide velo. Ás costas, impoñentes eólicos que comparten espazo co gando ceibo, que observa quedo, coma se nada, o insistente nebruzar. Esa néboa que molla, chuvia miúda que case non se ve pero enchoupa. 

Santo André de Teixido CC-BY-SA Turismo Xunta de Galicia

Poucos metros antes, outro miradoiro acolle unha placa en lembranza de Leslie Howard, mítico actor británico, un dos protagonistas de Foise co vento, que morreu nestas augas en plena Segunda Guerra Mundial cando o avión no que viaxaba foi derrubado por bombardeiros nazis. Na mesma costa onde aínda se gardan recordos daquelas batallas bélicas en zona de paso de submarinos. Cadáveres, enterros en silencio e sobreviventes que regresaron en vida para logo quedar a descansar para sempre. 

A riqueza xeolóxica impulsou a creación do Xeoparque Mundial da Unesco Cabo Ortegal, na terra coa única praia de area negra non volcánica ou con algunhas das rochas máis antigas do planeta

A estrada descende cara a Cariño, porto pesqueiro e de antigas conserveiras (quedan poucas), municipio de peculiar carácter mariñeiro... Terra de pixíns, xentilicio de orgullo que comparten heroes de guerra venerados en París —o comandante Cariño— ou José Tojeiro, icona pop. Foi aquí onde lle botaron a droja no Cola Cao. E aquí e noutros lugares da comarca onde podemos degustar os irrenunciables berberechos fritos ou as sardiñas lañadas. Peixe aberto, pasado por salmoira e secado ao sol como símbolo gastronómico.

Para entrar —ou saír— de Cariño hai que pasar pola (parroquia da) Pedra, como algún cartel lembraba ata non hai moito. Desde alí, cara ao alto, está o Miradoiro da Miranda, pode que a mellor atalaia da zona, a case 500 metros de altura e que permite comprobar a tortuosa entrada da ría entre Estaca de Bares e cabo Ortegal. 

Faro do cabo Ortegal, coas Aguillóns ao fondo CC-BY-SA Deputación da Coruña

Cara ao mar, na península da Figueiroa, a estupenda praia de Fornos, longo areal acurrunchado, de area fina gris encarnada, peculiar característica que achega a enorme riqueza xeolóxica destas terras. As que a levaron a ser núcleo principal do Xeoparque Mundial da Unesco Cabo Ortegal, incluído nunha rede de territorios no mundo que destacan polo seu patrimonio xeolóxico. Con rochas únicas a estudar, cantís de récord e fitos como a única praia de area negra non volcánica da que se ten constancia: a de Teixidelo, aos pés da Herbeira. 

As vellas pedras agroman como en ningures, precisamente, no cabo Ortegal, máis ao norte. Ao pé do faro e ante os fermosos cantís emerxen unhas rochas, as ecloxitas, de grande interese científico, referentes na xeoloxía mundial e simple beleza salvaxe para a maioría. Os Aguillóns —os tres illotes máis afiados— serven de símbolo para toda unha comarca e conforman os escudos de Cariño, Ortigueira e Cedeira. Das rochas máis antigas do planeta segundo os xeólogos, vestixios da antiga costa de Galicia hai 20.000 anos. Desde aquela, o nivel do mar non deixou de subir para ir gañando terreo. 

Vista da ría de Ortigueira desde un miradoiro CC-BY-SA Deputación da Coruña

Pero aí seguen eles. Impasibles aos continuos golpes de mar. Achegando algúns dos mellores percebes do mundo. Ollando ao leste a ría de Ortigueira, máis aló Estaca de Bares e ao oeste, a Serra da Capelada, baixando cara ao mar para formar os impresionantes cantís que varias rutas en barco permiten fitar desde embaixo. 

Os Aguillóns, tres pedras referentes na xeoloxía e de beleza salvaxe, emerxen do mar ao pé do cabo Ortegal e serven de símbolo da comarca, presentes nos escudos de varios concellos

Cara a Ortigueira, a estrada serpea paralela ás sinuosas entradas da auga na costa. Mareas baixas infinitas nun percorrido a escasas padas de remo pero de vinte minutos en coche. Curvas e voltas ata pasar Mera e encetar a recta de San Claudio, parroquia que con numerosos exemplos de arquitectura indiana deita luz sobre o impacto que a emigración a Cuba tivo no lugar. 

O seu escolar —un dos moitos que a diáspora sufragou na zona para o ensino da cativería— é desde hai anos, tras un acordo coa Deputación, un museo que lembra as antigas escolas de indianos e o influxo de Cuba nun municipio que ten o seu maior cemiterio —un dos meirandes do mundo— a sete mil quilómetros. Na Habana, o panteón dos naturales de Ortigueira garda os restos de milleiros de paisanos. 

Costa do Ortegal desde Loiba CC-BY-SA Miguel Pardo Pereira

Na vila, aínda hoxe, as festas reservan unha procesión á Virxe da Caridade do Cobre, patroa de Cuba, imaxe traída desde a illa por veciñanza emigrada. Percorre as rúas da elegante zona histórica, coroada polo muíño de vento construído no Campo da Torre sobre un antigo poboado castrexo, coas súas fachadas modernistas e o pequeno pero brillante Teatro da Beneficencia. A cada esquina, bandeiras das nacións célticas que explican a devoción dos orteganos polo seu Mundo Celta (si, aquí ao festival internacional díxoselle sempre así). Un certame de balde, impulsado pola recoñecida Banda de Gaitas da localidade. Que multiplica por cen a poboación en poucos días e deixa estampas únicas: da mestura xeracional e de tribos urbanas ao mar de tendas de campaña no piñeiral de Morouzos, entrada dun extenso areal de varios quilómetros. 

Cara ao leste, continuamos estrada ata chegar ao porto de Espasante, núcleo mariñeiro, de praias preferidas na contorna, coas típicas casas con balaustrada, de vella historia e tradicións conservadas. A escultura dun porco lembra que aquí o cocho é o rei, ceibo pola parroquia todo o ano e alimentado pola veciñanza ata que é poxado en xuño para sufragar as festas. 

Piñeiral de Morouzos, en Ortigueira CC-BY-SA Miguel Pardo Pereira

O percorrido prosegue cara a Loiba, onde un desvío nos leva ao asento que un veciño colocou para contemplar as vistas dos cantís e tornalo no “mellor banco do mundo”. O camiño á praia do Picón pasou a ser zona de selfies, parada obrigada e aparcamento para as excursións. The Cliffs – Picon Seaside Cottage, reza o anuncio dunha das casas que agora é apartamento turístico. A un paseo, xa no concello de Mañón e bordeando a salvaxe costa, a impoñente praia do Esteiro, co seu piñeiral e ondas idóneas para os amantes do surf. 

Desde Loiba, onde "o mellor banco do mundo", cara ao punto máis setentrional da península, atopamos os portos de Bares e do Barqueiro, pequenos núcleos mariñeiros dos que poucos quedan

De aí cara a Bares, o porto do Barqueiro, núcleo litoral dos que poucos quedan, no fermoso esteiro do río Sor, con estreitas rúas e pequenas casas con tellados de lousa. Ao carón, a recoñecida ponte que conecta co Vicedo, na Mariña, e separa as provincias da Coruña e Lugo. 

Máis ao norte, Estaca de Bares, previo paso por un porto que é o máis antigo de Galicia en activo e que hai catro séculos tiña unha puxante actividade de caza de baleas. Cara ao cabo, pasamos antes polo Semáforo, outro miradoiro de vistas inigualables que foi punto de observación marítima, posto militar, base meteorolóxica e de comunicacións e hotel de luxo. 

Vista da ría de Ortigueira CC-BY-SA Turismo de Galicia

A estación ornitolóxica, perto do faro construído a mediados do século XIX, evidencia a relevancia de toda esta costa para a observación do tránsito de centos de miles de aves migratorias. Nun lugar de importancia xeoestratéxica tamén, coa antiga —e pouco coñecida— base militar da Mariña dos Estados Unidos, que leva abandonada desde 1991, cando se puxo final a trinta anos de presenza militar norteamericanos nesta esquina privilexiada do mundo, a máis setentrional da península. 

Estaca de Bares foi base militar dos Estados Unidos e é lugar privilexiado para a observación dos centos de miles de aves migratorias que por alí pasan

No máis norte do norte. Onde se traza a liña simbólica que separa o Atlántico do Cantábrico. Ou non. A eterna disputa parece decantarse oficialmente polo cabo Ortegal, onde unha placa advirte de que aquel é o quilómetro cero. Tanto ten. En realidade, as augas levan batuxando e mesturándose toda a vida nun litoral que ofrece paisaxes únicas. Coma o seu mar. 

Miguel Pardo

Miguel Pardo

Entre A Coruña e o Ortegal. Antes en La Opinión, Depor Sport, L-V ou Xornal de Galicia. Co-autor de La imagen del mundo árabe y musulmán en la prensa española (2010, Fundación Tres Culturas).

Tamén che interesa

  • Vinte en ruta

    Mercados, veigas e casas de comidas: viaxe gastronómica ao centro da provincia

    As terras centrais da Coruña son un reservorio gastronómico que hai que percorrer sen présas -ás veces, mesmo, sen rumbo- para ir atopando todo o que teñen que ofrecer. Adentrámonos nas comarcas do centro, polo Val do Dubra, Tordoia ou Trazo, coas súas paisaxes tranquilas, coa súa tradición gastronómica ben conservada e coas súas feiras e mercados, entre os máis vivos, aínda, da provincia.

    Gastronomía

    Coa colaboración de Turismo da Deputación da Coruña

  • Vinte en ruta

    De Carballo á Coruña pola beira do mar

    Hai moitas maneiras de viaxar de Carballo á Coruña. 35 quilómetros que se fan en 33 minutos segundo Google Maps pola AG-55. É sábado, loce o sol. Dámoslle as costas á AG-55 e perfilamos a liña do mar, deixándonos levar polas ondas (en coche, porque non sabemos surfear). Paseamos coa cámara na man e os ollos abertos, falamos con xente interesante, comemos cousas ricas e aprendemos historia. Todo en 24 horas. 

    Lugares

    Coa colaboración de Turismo da Deputación da Coruña

  • Vinte en ruta

    Entre o Tambre e o Mandeo: terras de pan e sorpresas

    Seguramente o gran descoñecido, cando menos en termos turísticos, o leste, ese territorio no que nacen algúns dos grandes ríos que atravesan a provincia da Coruña, é un territorio pouco poboado, pero cargado de sorpresas, tamén no ámbito gastronómico. Repartida entre catro comarcas oficiais -as de Arzúa, Melide, Ordes e Betanzos- esta terra hai que percorrela. Son estas terras panceiras, coñecidas polas súas empanadas, os seus biscoitos e as súas roscas. E moito máis.Neste novo Vinte en ruta percorremos o territorio do inesperado.

    Gastronomía

    Coa colaboración de Turismo da Deputación da Coruña

  • Vinte en ruta

    De Ferrol a Betanzos. Onde a cociña evoluciona sen prexuízos, mais con raíces

    A que sabe un país?  Dicir que sabe só á súa tradición é simplificar, á parte de que a cuestión acaba por levarnos de cabeza a outra pregunta -que é a tradición, en realidade?- que, nun bucle infinito, terminaría por dirixirnos a outras, sucesivas, sen darnos unha resposta clara. 

    Un territorio non ten un sabor único, de igual xeito que unha cultura non ten únicamente unha expresión; ten, de feito, o arrecendo dunha acumulacion de elementos, de capas distintas, superpostas, que dan forma a unha realidade única, marcada polo lugar e, sobre todo, polos xeitos, cambiantes, nos que a xente se relaciona neles a través da alimentación. 

    Vinte en ruta regresa cunha proposta para visitar un destino moi gorentoso nas terras de Ferrol a Betanzos.

    Gastronomía

    Coa colaboración de Turismo da Deputación da Coruña

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.