Os doces da Panadería Gómez, en Teixeiro. CC-BY-SA Jorge Guitián
Seguramente o gran descoñecido, cando menos en termos turísticos, o leste, ese territorio no que nacen algúns dos grandes ríos que atravesan a provincia da Coruña, é un territorio pouco poboado, pero cargado de sorpresas, tamén no ámbito gastronómico. Repartida entre catro comarcas oficiais -as de Arzúa, Melide, Ordes e Betanzos- esta terra hai que percorrela. Son estas terras panceiras, coñecidas polas súas empanadas, os seus biscoitos e as súas roscas. E moito máis. Neste novo Vinte en ruta percorremos o territorio do inesperado.
Arredor de 1960 Jesusa e Manuel, o seu home, plantaron un carballo xunto ao empalme de Lanzá. El era zapateiro, pero pouco tempo despois decidiron abrir unha panadería, para complementar a economía doméstica.
65 anos máis tarde, os seus fillos Teresa e Fernando García dirixen Casa Zapateiro, un dos obradoiros de pan con máis sona na contorna. E o carballo, que continúa alí, xunto ao aparcamento, forma parte do logotipo da empresa.
A súa non é unha empresa anómala neste territorio no que, máis alá de Teixeiro e Curtis, que non chegan aos 2.000 habitantes, non hai núcleos urbanos de importancia. Repartida entre catro comarcas oficiais -as de Arzúa, Melide, Ordes e Betanzos- esta terra hai que percorrela. Non é, como outras, territorio de cascos históricos, centros urbanos comerciais ou grandes monumentos, aínda que destes últimos algún hai, e ben salientable, senón de camiños e estradas, de rutas de sendeirismo e de paisaxes abertas.
Ben se ve cando un conduce cara a Teixeiro, nos confíns da Coruña. As escaseza de vivendas, máis aínda de vilas ao pé da estrada, contrasta coa densidade de poboación na parte occidental da provincia. Por iso, estas son terras perfectas para camiñar, para dedicar a mañá a remontar os ríos e deixarse ir polos Montes da Tieira buscando a fervenza das Gándaras ou, máis ao norte, a da Rexidora, ás portas de Curtis; camiñar ata a ponte medieval de Guisó, sobre un Mandeo aínda bravo e pequeno, e continuar ata o pazo de Golmar.
Pode que sexa unha boa idea parar antes nunha panadería. Na mencionada Casa Zapateiro, que ofrece tamén a posibilidade de tomarlle un café, se é que imos cara ás terras de Mezonzo. Ou en Doces e Faragullas, no centro de Teixeiro. Porque estas son terras panceiras, coñecidas polas súas empanadas, os seus biscoitos e as súas roscas.
Vindo do oeste, entramos nas terras do Tambre, inzadas de muíños á beira dos regos,como o de Pontedapedra, en Gradamil, ou o de Miguel, en Agrolongo, lugares convertidos hoxe en áreas recreativas perfectas para refrescarse no verán. E onde hai muíños, hai pan. Velaquí está a panadería do Marquiño, desas sen rótulo na porta, das que hai que atopar guiándose polo arrecendo, convertida nun nome mítico do mundo do pan da comarca.
Aí está, tamén, o despacho de López, en Curtis, ou o de Gómez, en Teixeiro, na praza do concello, que ofrece, ademais, algunhas larpeiradas nas que paga a pena entreterse: galletas -non deixes de probar as súas Teixugueiras de noces- bombóns, bicas…
Se é hora xa do aperitivo, aproveita e para no Norfolk, que esa terraza interior está moi ben e o pincho de tortilla tamén é interesante. Ou no Qubik. E despois, achégate ata o Centro Etnográfico, á saída da vila, un espectacular proxecto arquitectónico, artellado a través de catro volumes que se estenden á beira do bosque e que acollen exposicións e encontros, pero onde tamén podes atopar información sobre produtores agroalimentarios destas comarcas. E se o día está bo, rodea o edificio á procura da senda fluvial do rego do Carregal, breve e doada de percorrer.
Se xá é hora de comer, pode ser unha boa opción ir cara ao sur, collendo a AC-231. Aquí vas atopar o desvío a Ciadella, o campamento romano mellor coñecido da provincia. E en As Cruces, o Mesón Manolo, famoso polos seus cocidos. Ou, se o prefires, unha rareza na zona, o restaurante La Piazzetta, con especialidades italianas e boas pizzas. Nesta comarca vas atopar opcións para todos os gustos.
Non imos descubrir agora Sobrado e o seu impoñente mosteiro. Seguro que xa estiveches antes, pero paga a pena revisitalo e, xa que vimos coa gastronomía como guía, deterse na súa tenda e preguntar polo doce de leite que elaboran os cistercienses da súa comunidade.
Podemos, despois, continuar por estas terras, avanzando guiados polos nomes antigos de vilas asociados ao mosteiro: A Porcariza, A Casa do Gado, A Albariza, O Muiño dos Crego, As Abeleiras… nomes que evidencian a intensa produción alimentaria deste val no pasado e que son un pretexto coma outro calquera para internarse por estradas secundarias, atopar vilas ás que, doutro xeito, non teríamos chegado e avanzar, sen rumbo, deixando que sexa a toponimia e non o GPS a que nos leve, pode que ata o dolmen do Forno dos Mouros, xa no límite con Lugo.
Se desta volta prefires ir cara ao norte, tampouco escasean as opcións: A Taberna da Pobra, na que deberías probar as troitas, se as teñen, é perfecta para visitar despois as ruínas do castelo de Mesía; El Caserío de Tifón, xa por terras de Coirós, no que son recomendables os asados de costela; A Brasa de Beche, entrados en Abegondo, ou o difícil de imaxinar Xente no Camiño, en Presedo, inzado de obras do pintor Alfredo Eiras.
Estas terras do norte, no estremo das comarcas polas que nos movemos nesta ocasión, son perfectas tamén para camiñar á busca de petróglifos como os das Penas de Mende, os de Mundín ou os da Penabelá, en Coirós, e ir baixando, máis tarde, cara ao sur.
Porque aínda nos queda, neste percorrido, unha parada con tempo en Curtis. Para visitar o novo museo de María Antonia Dans, unha das pintoras galegas máis interesantes da súa xeración; para sorprendernos coa monumentalidade da casa azul, no cruce da rúa Antonio Pintor. E para comer no Exprés.
O restaurante Exprés, aberto en 1938, é a referencia gastronómica da zona, unha desas casas de comidas de sempre, das que van quedando cada vez menos, rexentada xa pola terceira xeración da mesma familia. A atmosfera do local está á marxe de modas e de tendencias, como suspendida no tempo. O mesmo pasa coa súa carta, de cociña caseira, de memorias e de aromas de lume maino. Ten sona a súa tortilla de pescada, coma os callos que fan os domingos ou o peixe miúdo fritido. E para os afeccionados aos estufados de sempre, non pode faltar a lingua.
É curioso, o destas comarcas. Pode que un chegue coa sensación de que hai menos que ver, unha cantidade menor de opcións, que noutras zonas. Despois, ao internarse no territorio, ao deixarse ir polas estradas, vai descubrindo que os prexuízos só valen para desbotalos, que aquí a escala, como o ritmo, é outro, pero que opcións non faltan.
Estas terras do Tambre e do Mandeo son unha alternativa a un turismo máis convencional, á escala monumental dunha Compostela e ao ir e vir dos Camiños de Santiago; unha alternativa tranquila, de paisaxes amplas e estradas estreitas, de casas de comidas e panaderías antigas. De bosques ben conservados, igrexas que aparecen, de súpeto, tras dunha curva para abraiarnos, como a de Santa María de Mezonzo; de casas rurais nas que apetece quedar e de convocatorias como o Festival da Luz, en Boimorto. Son as terras deses dous ríos, como son as terras do pan. Pero son, tamén, pode que sobre todo, as terras do inesperado