Saímos do miradoiro de Gundián, en Vedra, coa intención de ir seguindo o curso do río Ulla ata que se funde coa ría de Arousa e chegamos a Rianxo. Viaxamos en coche, cos ollos ben abertos a todo o que se agocha no camiño e imos da man de Rosalía de Castro, coa que nos subimos a unha dorna en Padrón, e de Manuel Antonio, que nos acompaña na travesía marítima.
«Abride esa fiestra, que quero ver o mar». Estas últimas verbas de Rosalía de Castro desde o seu cuarto na Casa da Matanza de Padrón lévannos de viaxe polo río Ulla, que para a xente da zona era o seu mar, a conexión máis directa co exterior e unha vía fundamental de comunicación. Quixemos coller o río desde un punto alto que non quedase moi lonxe da que é nosa principal vía de comunicación, a AP-9 (de nada, Audasa). Por iso comezamos esta ruta no miradoiro de Gundián, en Vedra. O que non sabía era que este lugar me ía transportar á infancia, pois non era a primeira vez que estaba alí.
Lembrei o viaduto do tren nada máis baixar do coche. Desde que en 2008 construíron a nova vía a paisaxe mudou bastante. Estás a menos de vinte minutos da zona vella de Santiago, pero o tempo semella que vaia máis lento. Agora no miradoiro estás entre dous viadutos, o do ferrocarril vello e o das novas vías para alta velocidade. Nese alto case non se ve ningunha casa, quedan tapadas pola vexetación, así que a pesar de estar ao lado de todo (hai un hipermercado na mesma estrada) podes ter uns minutos de desconexión total. Eu centreime en gravar na memoria como se estreita o río, sen prestarlle demasiada atención á parede vertical de pedra que transcorre desde o miradoiro ata el. Cousas de ter vertixe.

Aparcamos o coche preto da oficina de turismo de Ponte Ulla e camiñamos pola parroquia de Noveledo, á marxe do río, ata o Santuario da Virxe de Gundián, do século XVIII, que destaca polo seu pórtico e polo campanario no que remata a fachada. Desde aquí tes unha vista desde abaixo do novo viaduto sobre o que vimos de estar, que convive cos carballos que arrodean a capela. Estamos en terreo do Camiño de Santiago, por aquí pasan o Camiño de Inverno e a Vía da Prata. É un día solleiro de febreiro e non hai moito movemento, pero atopamos un peregrino intrépido. Paramos na Taberna de Gundián a beber algo. Dan comidas e fan callos por encargo. Coincidimos coa Garda Civil de tráfico, non había máis bares abertos. Paga a pena entrar na igrexa de Santa María Magdalena, pero estaba pechada.
Se tedes máis reflexos ca min, botade o coche a un lado no camiño para ver ben a antiga cheminea do serradoiro de Lema
A seguinte parada foi inesperada. Conduciamos pola estrada Vedra-Lestedo (N-525) e de pronto tiñamos enfronte unha cheminea idéntica en altura á da antiga fábrica de Massó en Bueu. Se tedes máis reflexos ca min, botade o coche a un lado no camiño para ver ben a antiga cheminea do serradoiro de Lema, aparentemente conservada en perfecto estado. Seguimos camiño, pero aos poucos minutos atopamos a parroquia de Santa Eulalia de Vedra, coa igrexa e o camposanto ao lado do campo da festa. Había unha persoa coidando do cemiterio, unha avoa termando do neto na porta da súa finca e un adolescente paseando co can polos camiños. Nin un ruído (comentario de urbanita, si).
O cemiterio parroquial de Vedra rematouse no ano 1915 grazas ás 10.000 pesetas que xuntaron preto de cen veciños da zona emigrados en Bos Aires, á doazón dos terreos do emigrante retornado Bartolomé Vilanova Barros e ao traballo da veciñanza que ficou na vila. Así o lembra un cartel no muro exterior de pedra. Cómpre que non esquezamos a nosa Historia.
Vedra
-
Miradoiro de Gundián (Vedra) -
Viaduto do ferrocarril vello en Gundián (Vedra) -
Ponte Ulla (Vedra) -
Ponte Ulla (Vedra) -
Igrexa de Santa María Magdalena de Ponte Ulla (Vedra) -
Un peregrino en Ponte Ulla (Vedra) -
Arredores da igrexa parroquial de Vedra -
Igrexa parroquial de Vedra -
Un camiño en Vedra -
Concello de Vedra -
Antigas fábricas no municipio de Vedra -
Taller do artista Arturo Álvarez en Vedra -
Igrexa de San Pedro de Sarandón
Non moi lonxe da casa do Concello de Vedra, no núcleo da vila, e seguindo a estrada CP-9801, atopamos o taller do creador humanista Arturo Álvarez, co que é posible contactar a través do seu sitio web para visitar o espazo. Álvarez di que na actualidade o seu traballo céntrase «na realización de esculturas, pezas únicas ou limitadas, coa luz como fío condutor». Baixando desde a súa casa-taller cara ao río pódese cruzar a ponte de Sarandón, que une Vedra coa Estrada, pois neste tramo o río funciona de unión entre as provincias da Coruña e Pontevedra.
En San Miguel de Sarandón naceu a xenebra Nordés, así que planificando a visita pódese aproveitar para coñecer a casa do seu creador e o proceso polo que chegou a dar coa súa fórmula perfecta. Un recinto ben bonito. Descubrímolo camiño da ponte medieval de Pontevea, que nos pareceu outra desas paradas obrigadas do día. Unindo Teo coa Estrada, ten un paseo fluvial moi agradable e desde alí é posible chegar camiñando ata a área recreativa do Xirimbao. Así e todo nós collemos o coche ata alí porque as tardes deste febreiro, por moi solleiras que sexan, son ben frías. No verán será outro conto.
O Xirimbao mantén o seu encanto todo o ano. Este inverno o río baixa con forza, ten un caudal poderoso, xa nolo advertiron antes de vir, pero a ponte colgante estaba aberta, así que non había demasiado perigo. Cruzala só é apto para valentes –digo eu– aínda que é certo que se move máis nos extremos que no medio, onde a vista do río paga a pena. Rodeando esta zona atopamos unha ruta de sendeirismo que explican moi ben no Wikiloc (a biblia das rutas a pé ou en bici): é un trazado circular duns seis quilómetros que parte de Pontevea e vai por unha beira do Ulla ata cruzar a ponte colgante e volver pola outra beira. Para quedar a durmir, en VINTE xa vos temos falado da nosa fascinación polas cabanas rurais, así que vos deixamos por aquí dúas opcións: Moradas no Ulla e Cabanas da Ulla.
O bo deste tipo de rutas é que ti vas marcando os tempos e sempre está ben pasar un pouco do GPS. O máximo que pode pasar é que te atopes nun camiño de Herbón dando marcha atrás entre fincas co desnivel da ladeira da montaña porque vén un coche no outro sentido. Sobrevívese. Como nos dixeron unhas veciñas ás que collemos no seu paseo diario tras comprobar que todo quedaba en orde no camposanto, «aquí os camiños sonche todos cativos».
Pensade en dedicarlle unha fin de semana a esta ruta porque hai cousas de sobra que ver Ulla abaixo. Comezamos de novo na zona de Padrón. Sen o río Ulla non se pode explicar a Historia de Galicia. Agora que saímos dun bienio Xacobeo hai que mencionar o seu papel na lenda do apóstolo Santiago. Seica os discípulos Teodosio e Atanasio construíron unha ‘barca de pedra’ na que se levou a cabo a ‘traslatio’ dos restos do apóstolo desde a ría de Arousa, subindo polo Ulla ata o ‘porto’ de Iria Flavia (Padrón) para despois levalos a Compostela.
Desde Herbón ata Rianxo é o tramo navegable do río, é ao que lle chaman a ría de Padrón. Funcionaba case coma unha estrada antes de que existisen as actuais estradas asfaltadas e cambiásemos galeóns por coches. Ata os anos 50 do século pasado era a principal vía de transporte ata Santiago desde a Arousa. A xornalista e veciña da zona Rocío Castro cóntanos antes de emprender a viaxe que a finais do século XIX había rexistradas entre Cesures e Padrón unhas 200 dornas. Todo isto desapareceu coa chegada das estradas, pero en Cesures poden verse os vestixios nas fábricas que se instalaron nesta zona.
O Ulla funcionaba case coma unha estrada antes de que existiran as actuais estradas asfaltadas e cambiásemos galeóns por coches
De feito, dúas aldeas das dúas bandas do ‘mar’, A Ponte (Padrón) e Porto (Cesures), son aldeas mariñeiras: alí os homes ían ao mar desde os 12 anos coma na Illa de Arousa, salienta Rocío Castro. Tan mariñeiras como que a súa patroa é o Carme. En Flavio, Rosalía de Castro refírese así ao Ulla: «La ría seguía su camino hacia el mar, entre fecundos sembrados de maizales y viñedos». É unha das múltiples veces que o Ulla aparece na súa obra, aínda que non o mencione directamente, como nos apunta Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro.
Angueira lembra a escena náutica que Rosalía describe desde as Torres de Hermida en Lestrobe no poema “Como chove miudiño”, de Cantares gallegos, cando di ¡Que inchadiña branca vela / antre os millos corre soa, / misteriosa pura estrela! / Dille o vento en torno dela: / «Palomiña, ¡voa!, ¡voa!». Para celebrar o 150 aniversario da publicación de Cantares gallegos, a Casa de Rosalía recuperou a ‘Inchadiña branca vela’, que reúne no mes de xullo embarcacións tradicionais de todo o país desde a praia fluvial de Vilarello (Valga) ata Padrón.
Podedes poñer no coche o “Como chove miudiño” na voz de Uxía para a publicación de Galaxia Rosalía Pequeniña. Sobra dicir que a visita á Casa de Rosalía en Padrón é necesaria nesta ruta. Sempre que vou acho algo novo no que pensar sobre ela, a súa vida e as obras nas que é inmortal. Se tedes tempo, ide polo paseo do Espolón ao carón do río Sar e cruzade a ponte de Santiago.
Se nunca fuches á romaría viquinga de Catoira podes planificar esta ruta por esas datas
Seguimos baixando cara ao estuario do río Ulla, á altura de Catoira, vila de unión e de gran relevancia histórica. Se nunca fuches á romaría viquinga podes planificar esta ruta por esas datas, cambia moito ver xente por todas partes nesta zona, a verdade. Catoira tamén é o sitio máis próximo para coller o tren Vigo-A Coruña desde O Barbanza, así que a súa importancia estratéxica segue intacta.
Paramos un momento para falarvos da banda sonora que pode acompañarvos na viaxe. Temos varios exemplos de grupos nas proximidades pero teño que comezar polos meus preferidos, os de Abanqueiro (Boiro) Triángulo de Amor Bizarro, que ademais este ano presentan novo disco. De Dodro é Secho, ao que escoitamos en VINTE nas Miudiño Sessions d’A Regueifa Plataforma 2.0 nun acústico desde o hórreo da Miguensa, nas Terras de Iria. De Bexo é o músico Lois Brea, co que falamos neste vídeo no que nos ensina a súa aldea. Desde Valga, os sons máis extremos veñen da man do grupo Músculo!.
Se tedes tempo, botádelle un ollo á ruta das brañas de Laíño, en Dodro, e mais parade na illa de Bexo. Buscando un punto no que ver o final do río, antes de que se funda coa ría de Arousa, decidimos que o mellor era a punta das tres cruces, pero o acceso no inverno non estaba moi practicable... Así que fomos na busca do petróglifo dos mouchos, na parroquia de Santa María de Leiro (Rianxo), no que abundan os motivos animais e tamén figuras antropomórficas. De aí baixamos á praia do Lodeiro, onde o río xa non é e o que hai é ría.
Agora en terra / arredado de min mesmo / por un oucéano de singladuras / o vento da Ría / vai virando a folla de cada emoción. Manuel Antonio
Como todos os ríos rematan no mar, esta ruta tamén o tiña que facer, e para iso imos da man de Manuel Antonio, o noso poeta do mar. Voulle coller uns versos prestados cos que se entende ben o espírito da viaxe. Enchéronnos o vaso / con toda a auga do Mar / pra compor un cocktail de horizontes. É unha estrofa do poema "Navy bar", de De catro a catro. Chegamos ao porto de Rianxo. Para nós e mediodía, é venres e vese actividade de camións no peirao. Hai unha grúa enorme parada e outra de menor tamaño que se prepara para mover unhas pedras. Non hai moita xente pola rúa á beira do mar, pero chegan as voces desde a terraza do bar Cofradía. Sentamos. É un bar dos de verdade, dos que colocan as cadeiras mirando cara á rúa a ambos lados das mesas. Polas conversas, entendo que varios dos homes que están nas mesas do outro lado da porta son mariñeiros xubilados. Un deles está alí co seu neto, que vai dunha mesa a outra saudando.
Un paseo por Rianxo dá para moito, para achegarse a Castelao e Manuel Antonio, por suposto, mais tamén a Rafael Dieste. Deixámosvos en boas mans e despedímonos de volta coa axuda do noso poeta do mar, que di, precisamente no poema "Adeus": Agora en terra / arredado de min mesmo / por un oucéano de singladuras / o vento da Ría / vai virando a folla de cada emoción.