Fabas con xabaril en Casa Aurelio. CC-BY-NC Jorge Guitián
As terras centrais da Coruña son un reservorio gastronómico que hai que percorrer sen présas -ás veces, mesmo, sen rumbo- para ir atopando todo o que teñen que ofrecer. Adentrámonos nas comarcas do centro, polo Val do Dubra, Tordoia ou Trazo, coas súas paisaxes tranquilas, coa súa tradición gastronómica ben conservada e coas súas feiras e mercados, entre os máis vivos, aínda, da provincia.
Non é doado establecer o centro xeográfico dun espazo de contorno irregular como o que ten a provincia da Coruña. Aínda así, nunha intuición tan aproximativa como pouco científica, penso que o día que os xeógrafos se poñan ao tema, ese punto ha de caer non moi lonxe do lugar onde se atopan os concellos de Val do Dubra, Tordoia e Trazo, no medio da zona pola que nos movemos nesta ocasión.
Ese fito non ten máis importancia que a simbólica, pero se o pensamos ben, non falamos dun símbolo calquera, senón do centro, do quilómetro cero, do embigo da provincia; o lugar no que -podemos supoñer- as influencias doutros territorios están máis afastadas e, ao mesmo tempo, o punto no que todas as tradicións da provincia converxen, en certo sentido.
Esa situación estratéxica fai desta zona un destino cómodo para quen veña desde Compostela, A Coruña ou mesmo desde Ferrol, pero tamén un campo base perfecto para descubrir a provincia ou, como nesta ocasión, moverse por un territorio tan pouco coñecido como interesante, no plano gastronómico como en tantos outros.
Hoxe comezamos polo sur, porque por algures hai que comezar; por Bembibre, capital do Val do Dubra, que é punto de partida perfecto para rutas de sendeirismo, xunto ao río ata a fervenza do Rexedoiro, ou cara ao norte, para ir explorando vilas como Rial, O Rieiro ou Campo de Carlexo mentres se ascende cara ao miradoiro do Picoto, no monte de Boiro, desde o que a panorámica do val é impresionante. É unha subida esixente, así que é mellor facer aprovisionamento antes.
A panadería Bembibre é o lugar perfecto, coas súas empanadas tradicionais, para levar algo para o camiño. Desde aquí, toca decidir se camiñamos ou facemos turismo de estrada. E desta, decidímonos por conducir cara ao nordés, a ver o espectacular dolmen de Cabaleiros, en Tordoia, de camiño á Vía Verde que, aproveitando o antigo trazado ferroviario, vai de Compostela a Cerceda, ou de Cerceda a Compostela, que tanto ten, atravesando terras de Oroso, Ordes e Tordoia.
Hai estacións, algunhas abandonadas, dunha arquitectura rexionalista con certo engado -a de Trasmonte, a de Queixas, a de Fosado- hai tramos que atravesan bosques mestos, de árbores centenarias e ambiente sempre húmido, puntos nos que descansar, con bancos e mesas nas que dar conta do que traíamos na mochila desde a panadería e aproveitar o sol de inverno. É un traxecto doado, cómodo, que se adapta á condición física de quen desexe percorrelo e que dá unha idea ben clara das paisaxes de veigas e carballeiras destas terras do centro.
De aquí a Carballo -pouco máis de media hora. Nada está lonxe nestas terras- a coñecer a feira que ten lugar os xoves e o segundo e o cuarto domingo de cada mes, ademais do quinto, se o hai, no que se celebra o Feirón. A meternos no ambiente, a comprar, a ver comprar. A tomarlle o aperitivo, que para iso a feira está en pleno centro e temos aí as terrazas da Nova Ferradora e do Colón, asomadas ao balbordo do mercado, os bares da Rúa Coruña e a Taberna O Mexillón, cos seus 91 anos ás costas. E despois a visitar a Carmela, a italiana que elabora queixos na rúa Barcelona partindo de leite da comarca.
Viramos cara o sur, pola de Padreiro, que así, se hai tempo, aínda paramos na fervenza de Castriz e subimos ata os muíños. E de alí a Santa Comba, unha vila que, dun xeito discreto, acabou por converterse nun dos centros gastronómicos da provincia grazas ao Retiro da Costiña, un dos tres restaurantes con dúas estrelas Michelin en Galicia, pero tamén aos case 80 anos de historia dunha casa mítica da tradición culinaria destas terras: Casa Aurelio.
Desde 1948 leva este restaurante á beira da Corredoira da Torre, ata á que chegaron e chegan xeracións de clientes chamados polos seus pratos de caza ou polo traballo con grella, lume e carnes de vacún seleccionadas. É outono, así que optamos pola perdiz con verza. E polo xabaril con fabas, despois. E marchamos coa sensación de ternos asomado a unha parte da nosa historia gastronómica, a un feito cultural ao que deberíamos regresar con máis frecuencia.
Hora de buscar onde facer noite. Pode que pola zona de Zas e de Baio, na Casa Leonor de Aurora ou no hotel Casa do Vento; pode que nas cabanas de Air Fervenza, en Dumbría, con vistas ao embalse, ou en O Camiño Fala, que así temos tamén unha estupenda opción para cear sen deixar o aloxamento.
Ao día seguinte, xa que estamos pola zona, o seu sería un paseo por Brandomil e Limideiro, atentos á pegada romana: esa charca que foi unha mina, ese remate dun muro que, en realidade, é un capitel con dous milenios de historia; a ponte, o que queda da calzada, as murallas do castro, asomando por baixo dos carballos, á beira do Xallas. E así, facemos tempo ata o mediodía, que hai boas opcións pola zona.
Se non queremos alonxarnos, Casa Pego, en Antes, coa súa mítica carne á pedra, é unha boa opción. Pero é que 15 minutos máis alá está Casa Salvador, cos seus máis de cen anos facendo bacallau ao forno, para poñernos a cousa complicada. E un pouco máis adiante Casa Barqueiro, e A de Totó. E o Manduca cara ao oeste, na Picota, a parrillada Hermida se preferimos conducir cara ao norte… Será por alternativas.
Ou, se é domingo, podemos baixar ata Negreira, para asomarnos ao seu mercado, comprar unha rosca na panadería Xallas, tomarlle un café no Cotón ao chegar e un viño na Guarida, con vistas á capela e ao pazo, ou na terraza do Porto e camiñar á beira do Barcala, se o tempo o permite, ata o refuxio de Covas.
E podemos, despois, seguir cara ao sur, ata as Torres de Altamira, xa ás portas das terras de Compostela. Ou cara a norte, a achegarnos ás Terras de Soneira a través dos petróglifos, as eiras e os hórreos monolíticos en Berdoias. Podemos virar cara ao oeste a asomarnos á Costa da Morte, baixar á Ría de Muros e Noia, adentrarnos novamente nas terras do Anllóns. Pero será noutra ocasión, porque polo de agora temos bastante con estas comarcas do centro, coas súas paisaxes tranquilas, coa súa tradición gastronómica ben conservada e coas súas feiras e mercados, entre as máis vivas, aínda, da provincia. E, ademais, alguén nos falou doutra casa de comidas, o San Cristobal, aí, en Portomouro, remontando un pouco o Tambre, e haberá que ir probala, digo eu.