De Carballo á Coruña pola beira do mar

Coa colaboración de Turismo da Deputación da Coruña

Vista de Caión. CC-BY-SA Lucía Junquera

Hai moitas maneiras de viaxar de Carballo á Coruña. 35 quilómetros que se fan en 33 minutos segundo Google Maps pola AG-55. É sábado, loce o sol. 

Dámoslle as costas á AG-55 e perfilamos a liña do mar, deixándonos levar polas ondas (en coche, porque non sabemos surfear). Paseamos coa cámara na man e os ollos abertos, falamos con xente interesante, comemos cousas ricas e aprendemos historia. Todo en 24 horas. 

 

Para min Carballo sempre fora unha vila de paso. De camiño a outro lugar. Ou incluso unha vila da que aproveitar o seu lecer de extrarradio. Os que somos do lado occidental da Barcala, adoitamos ir ao cine a Carballo, ao Multicines Bergantiños, para escapar das aglomeracións de certo centro comercial da capital e ver as últimas estreas. Neses cines teño visto grandes obras mestras da sétima arte como Super Mario Bros, Minecraft ou Peter Rabbit, que escapan das salas máis alternativas. Así que o meu primeiro consello, se vas a Carballo, é ir ao cine. Sempre vai ben e pode salvar unha tarde chuviosa. 

A capital de Bergantiños destaca pola súa vida cultural, de oferta ampla e para todos os gustos, con eventos referenciais como o Fiot ou o Carballo Interplay. (Poderíase cadrar a visita cun destes acontecementos para pasar uns días redondos.) Nada que envexar ás grandes cidades, todo o podes facer sen saír da vila. Pero como dicía, para min o centro do lugar era totalmente descoñecido e levei unha grata sorpresa. Teñen ata augas termais! Que máis se pode pedir? 

O balneario de Carballo aparece como un grande edificio de granito, con amplas cristaleiras e moitas luces. Desde a rúa xa se pode percibir o arrecendo da auga quente. A existencia de augas termais nun lugar é un achado de primeira orde desde tempo dos romanos. En gran parte, Carballo debe o seu crecemento a esas augas. De feito, o Concello ten unha web arredor da historia do balneario, a partir do traballo de investigación de Gregorio Casado e Rosa Mª Franco Maside, estudosos da romanización, onde se ve esa importancia. Quedamos con ganas de comezar a ruta desde unha das habitacións do hotel balneario. Queda para a próxima. 

Aproveitamos para presentar os nosos respectos ao mural de Amaia Arrazola, ilustradora recentemente falecida, que agora perdura en Carballo para sempre a través da súa “deusa Epona no inframundo”

O primeiro que chama a atención aos visitantes son as súas paredes cheas de arte. Grandes graffitis de diferentes artistas que en moitos lugares están transformando o espazo urbano, gris e homoxéneo, en auténticos museos ao aire libre. Este é un caso. Aquí hainos para todas as sensibilidades, renovados periodicamente grazas ao Rexenera Fest. Nós aproveitamos para presentar os nosos respectos ao mural de Amaia Arrazola, ilustradora recentemente falecida, que agora perdura en Carballo para sempre a través da súa “deusa Epona no inframundo”. clic.

Nesta mañá solleira de sábado, o centro da vila está cheo de xente, cos seus pequenos comercios e bares abertos, pero tamén outras actividades na axenda que saen do habitual, como un bautizo ou unha exposición de coches. O bo tempo anima a saír. 

Chus, a dona de Calzados Susa, detrás do mostrador da súa tenda. CC-BY-SA Lucía Junquera

clic. Chus, a dona dunha zapatería, cáchame facéndolle unha foto ao seu escaparate. Convídanos a entrar. “Esta é a tenda aberta máis antiga de Carballo. Abrimos nos anos 50. Debe de ser das máis vellas”. O argumento da antigüidade vai perdendo forza, pero non a personalidade da tenda. “Foi primeiro taberna e logo pasamos ás zapatillas”. As paredes da tenda están recubertas, literalmente, de caixas de zapatillas. “Co cambio de temporada, poñemos arriba as zapatillas de verán e baixamos as de inverno, así quedan máis a man. Cando pasa o frío, facemos de novo o cambio”. Zapatillas Susa é o reino das zapatillas e do encaixe de Camariñas (Susa, nai de Chus, naceu en Muxía) en Carballo. Presta facerlle unha visita. 

Zapatillas Susa  é o reino das zapatillas e do encaixe de Camariñas (Susa, nai de Chus, naceu en Muxía) en Carballo. Presta facerlle unha visita

Nuns poucos metros cadrados temos o centro neurálxico de Carballo. Partindo de Zapatillas Susa, por suposto, atopamos tamén o Museo de Bergantiños, a Igrexa de San Xoán Bautista, a praza e a Casa do Concello e a taberna O Mexillón. Non sabemos se é a taberna aberta máis antiga de Carballo, pero podería selo, xa que abriu no ano 1934. Neste tempo só estivo uns meses pechada, cando os donos orixinais se xubilaron, pero rapidamente un novo emprendedor quixo rescatala. 

Interior da taberna O Mexillón, onde se ve unha parte da súa colección de pratos decorativos. CC-BY-SA Lucía Junquera

Polo Mexillón non pasa o tempo. Unha muller fuma un cigarro na terraza mentres agarda a que remate o bautizo na igrexa do lado. clic. Ben poderiamos estar corenta, cincuenta anos atrás. Dentro, o mesmo. Non querería soar repetitiva, pero a situación así o require. As paredes do Mexillón están recubertas, literalmente, de pratos decorativos con recordos chegados de medio mundo. clic. Toda unha vida de dietas. Que llelo pregunten aos ‘Amigos dos 50’, unha reunión anual de compañeiros desa década, que se citan cada verán no Mexillón. 

As paredes da taberna Mexillón están recubertas, literalmente, de pratos decorativos con recordos chegados de medio mundo

Seguimos o noso paseo. Batemos cunha exposición de coches eléctricos de último modelo. Un grupo de homes deambula darredor coas mans ás costas, pensando se cadra en adquirir un. “Vai mercar un coche?” “Eu? Non, ho! O meu coche vaime xubilar a min”. De todos os enquisados, ningún ten intención de mercar un coche eléctrico, pero ata eu lle vexo certo pracer a iso de ir opinando sobre motores e combustibles e dicir: “grazas, só estou mirando”. (Máis adiante nesta ruta faremos parada nun museo de historia da automoción. Terán algún día un vehículo eléctrico en exposición como hoxe teñen un Ford T?)

Interior da libraría Clarión coa súa libreira, Eva, detrás do mostrador (Carballo) CC-BY-SA Lucía Junquera

Unha última parada antes de saír do centro de Carballo: a libraría Clarión. En todo lugar de ben, hai unha libraría ou dúas que actúan de dinamizadoras da lectura e espazo de encontro para amantes das historias. Clarión (e a súa libreira, Eva) é ese espazo, co seu club de lectura que atrae a autoras e lectoras por igual. E coa súa canle de instagram e tiktok que tamén atrae a moita xente, porque hai que abrazar a modernidade (sen rexeitar a tradición).

Agora si, poñémonos en marcha, pero aínda non cruzamos os límites municipais de Carballo. É imprescindible visitar a praia de Razo. Estamos no outono, pero esta é unha praia desestacionalizada. Recibe a maioría de visitantes a finais do verán, cando o vento e as temperaturas son máis propicias para a práctica do surf. Pero en pleno mes de novembro, tamén hai valentes que desafían as augas frías e se botan ao mar. As ondas hoxe, para unha persoa profana no tema coma min, están impresionantes. Un grupo de surfeiros deleitan aos visitantes coas súas manobras e custa separar a vista. clic.

Pero non só de ondas e surf vai a cousa. Esta mañá hai xente paseando, soa ou coas súas mascotas, por este grande areal de máis de cinco quilómetros. Un can saltarico dedícase a perseguir dende a area, sen moito éxito, aos surfistas. Un pescador empoleirado a unhas rochas deleita a uns nenos coa súa última captura, quizais un sargo? clic. A praia de Razo está para pasar horas nela e non aburrirse, pero nós seguimos o noso camiño, co mar guiándonos, ata o seguinte porto: Caión. 

A praia de Razo está para pasar horas nela e non aburrirse, pero nós seguimos o noso camiño, co mar guiándonos, ata o seguinte porto: Caión. Antes, un alto para observar desde a distancia a lagoa de Baldaio

Antes, un alto para observar desde a distancia a lagoa de Baldaio, un lugar de encontro para a auga salgada e a doce. clic. E tamén para as loitas veciñas pola protección deste ecosistema. Dise que moitas casas da contorna están cimentadas sobre area da lagoa, cando esta só debería servir de fogar para as aves, os peixes e os mariscos que alí habitan. En especial, para un paxaro pequeniño de patas longas, a píllara das dunas, que gosta moito de Baldaio e de Razo. Mira que vimos de todo no paseo polo areal, pero á píllara non a pillamos.

A lagoa de Baldaio. CC-BY-SA Lucía Junquera

Para chegar a Caión hai que subir e logo baixar. O núcleo queda nun recullo, apenas unha península atravesada polo mar e a terra. A beleza do mar contrasta coa cuestionable planificación urbanística. O cemento é o rei. Da vila mariñeira que vivía da caza das baleas pouco queda. Con todo, gozamos igual do seu paseo marítimo e da praia. clic. E dos canelóns con lumbrigante do restaurante DamaJuana

A praia de Caión desde o paseo marítimo. CC-BY-SA Lucía Junquera

O seguinte punto na ruta é o concello de Arteixo. Non vou negar que neste caso fixeramos unha excepción de paisaxes verdes, praias e centros urbanos para botarlle un ollo ao polígono de Sabón. Alí están os “headquarters” (así lle chaman) de Inditex, un complexo moderno con moito branco e moito cristal, co céspede perfectamente cortado e perfectamente verde. Dende fóra víanse as máquinas de coser e os manequíns, agardando ao luns para volver vestir os modelos que serán tendencia en medio mundo. 

No Museo de Automoción e Historia hai un impresionante Graham-Paige 610 do ano 1928. Un coche doado por Mª José Nieto Seoane, que o tiña abandonado nun pallal

O noso obxectivo non era ver manequíns, senón coches. A uns poucos metros de Inditex está o Museo de Automoción e Historia. Mahi para as amigas. Os protagonistas son os vehículos motorizados, desde os primeiros modelos saídos ao mercado no século XIX e coidadosamente preservados nos talleres do museo, pero tamén hai fonógrafos, radios, cámaras de fotos, televisores… Alguén puxo unha recensión en Google dicindo que se precisan varios días para ver todo. Non lle falta razón. 

Un coche modelo Graham-Paige 610, doado por María José Nieto Seoane ao Museo de Automoción e Historia (Arteixo) CC-BY-SA Lucía Junquera

Non hai coche eléctrico (aínda), pero si un impresionante Graham-Paige 610 do ano 1928. clic. Un coche doado por Mª José Nieto Seoane, que o tiña abandonado nun pallal. Non sei quen é Mª José Nieto Seoane, pero gústame imaxinala ao volante do seu Graham Paige, manexando con destreza polos camiños da aldea, conducindo ao centro da vila os días de feira e deixando a todo o mundo coa boca aberta. E se fixo algunha vez a mesma ruta que hoxe facemos nós nun Peugeot 308? No museo tiveron a ben recrear o escenario no que atoparon o coche. Cantos haberá coma este nos pallais?

Os 35 quilómetros que nos separan de Carballo, esa media hora que indica o gps, fanse curtos e sen sentido, unha vez descobres o pracer que é saír de autoestradas, autovías e vías rápidas

Cando saímos do museo, dúas horas máis tarde, o sol comeza a poñerse. A última parada é A Coruña, a gran cidade, que nos recibe coas súas chemineas fumeantes. Alí quedaremos a cear antes de emprender o camiño de volta. Os 35 quilómetros que nos separan de Carballo, esa media hora que indica o gps, fanse curtos e sen sentido, unha vez descobres o pracer que é saír de autoestradas, autovías e vías rápidas. Si que me dá tempo a darlle voltas a unha idea: de cantas maneiras diferentes se podería viaxar de Carballo á Coruña?

Lucía Junquera

Lucía Junquera

Nacín na Baña en 1997. Graduada en Xornalismo pola USC e en Fotoxornalismo pola UAB. Comunico desde os micros da Radio Galega desde o 2020, nas seccións de cultura e deportes. Son vogal do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.

Tamén che interesa

  • Vinte en ruta

    Entre o Tambre e o Mandeo: terras de pan e sorpresas

    Seguramente o gran descoñecido, cando menos en termos turísticos, o leste, ese territorio no que nacen algúns dos grandes ríos que atravesan a provincia da Coruña, é un territorio pouco poboado, pero cargado de sorpresas, tamén no ámbito gastronómico. Repartida entre catro comarcas oficiais -as de Arzúa, Melide, Ordes e Betanzos- esta terra hai que percorrela. Son estas terras panceiras, coñecidas polas súas empanadas, os seus biscoitos e as súas roscas. E moito máis.Neste novo Vinte en ruta percorremos o territorio do inesperado.

    Gastronomía

    Coa colaboración de Turismo da Deputación da Coruña

  • Vinte en ruta

    De Ferrol a Betanzos. Onde a cociña evoluciona sen prexuízos, mais con raíces

    A que sabe un país?  Dicir que sabe só á súa tradición é simplificar, á parte de que a cuestión acaba por levarnos de cabeza a outra pregunta -que é a tradición, en realidade?- que, nun bucle infinito, terminaría por dirixirnos a outras, sucesivas, sen darnos unha resposta clara. 

    Un territorio non ten un sabor único, de igual xeito que unha cultura non ten únicamente unha expresión; ten, de feito, o arrecendo dunha acumulacion de elementos, de capas distintas, superpostas, que dan forma a unha realidade única, marcada polo lugar e, sobre todo, polos xeitos, cambiantes, nos que a xente se relaciona neles a través da alimentación. 

    Vinte en ruta regresa cunha proposta para visitar un destino moi gorentoso nas terras de Ferrol a Betanzos.

    Gastronomía

    Coa colaboración de Turismo da Deputación da Coruña

  • Vinte en ruta

    Vinte en ruta #03. Polo Ulla abaixo: desde Vedra ata Rianxo

    Saímos do miradoiro de Gundián, en Vedra, coa intención de ir seguindo o curso do río Ulla ata que se funde coa ría de Arousa e chegamos a Rianxo. Viaxamos en coche, cos ollos ben abertos a todo o que se agocha no camiño e imos da man de Rosalía de Castro, coa que nos subimos a unha dorna en Padrón, e de Manuel Antonio, que nos acompaña na travesía marítima.

    Lugares

    Coa colaboración de Turismo da Deputación da Coruña

  • Vinte en ruta

    Vinte en ruta #02. Terras do norte: da ría de Ferrol a Ortegal

    O norte do norte, arredor das últimas rías altas atlánticas, merece unha visita por moitos motivos. Hai quen decide achegarse para coñecer as súas paisaxes e os seus valores naturais, hai que chega chamado polo seu patrimonio monumental. Nós, desta volta, propoñemos unha ruta pola costa ártabra guiada pola gastronomía. Por Jorge Guitián. Con fotografías de Adrián Baúlde.

    Gastronomía

    Coa colaboración de Turismo da Deputación da Coruña

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.