Dez propostas para non perder no Carballo Interplay

Collage con algunhas das propostas da XII edición do Carballo Interplay CC-BY-SA VINTE

Este xoves comeza a XII edición do Carballo Interplay, cunha completa programación ata o domingo 27 con grandes nomes como Andy Chichester, Facu Díaz, Miguel Maldonado ou Ana Polo e máis dunha ducia de proxecións de webseries de todo o mundo, destacando estreas como a da serie Mariliendre, do director galego Javier Ferreiro. 

O Carballo Interplay cumpre nesta edición doce anos como un evento de referencia en Galicia, o único dedicado a tratar desde a reflexión, a diversidade e a aprendizaxe as tendencias na rede e pioneiro na comunidade en crear un espazo de encontro físico entre as persoas que crean contido no dixital, especialmente entre a comunidade galega. 

Todas as actividades son de balde, aínda que para algúns shows foi necesario facer reserva de entrada. “Rajando con… Facu Díaz e Miguel Maldonado”, o CFA con Bob Pop ou o directo do podcast Keep it cutre atópanse, polo momento, sen prazas, pero hai oco noutras propostas. 

O show de Facu Díaz e Miguel Maldonado no Carballo Interplay ten as entradas esgotadas CC-BY-SA Cedida

Se non tes tempo para gozar de todo o festival, aquí vai unha escolma de actividades que non podes perder. E lembra, moitas delas tamén estarán en streaming desde a canle de Youtube do Carballo Interplay! 

1. Kit de autodefensa dixital con FEMBLOC 

A finalidade deste obradoiro é visibilizar que son as violencias machistas dixitais e dar ferramentas para combatelas, a través dunha guía visual que ofrece recursos esenciais para afrontar as violencias machistas dixitais desde unha perspectiva feminista e de empoderamento. Porque o que pasa nas redes tamén é real, e ten un impacto fóra das nosas pantallas. 

Unha oportunidade para aprender a controlar a información que compartes, facer sexting seguro, ou crear contrasinais fortes dunha forma didáctica e fácil de comprender. 

Día: Xoves 24 

Hora: 10:30 

Lugar: Mercado de Carballo 

Cartel de Delirio Sketchs CC-BY-SA Delirio Sketchs

2. Estrea de Delirio Sketchs 

Os Delirio Sketchs son capítulos cun aire camp e trash de entre dez e quince minutos de duración, cargados de intensidade e humor febril, nos que se abordan desde o surrealismo e o delirio máis intelectualizado diferentes problemáticas que afectan a nosa sociedade. Diferentes xanelas de conflicto representadas por irreverentes sketchs cunha mistura de coreografías, cancións, reportaxes e momentos estelares de “famoseo underground galego” os sketchs funcionan como parte dun todo e son diferentes espellos, do caleidoscopio que é a nosa realidade. 

A serie gañou na pasada edición o premio a Mellor Produción e está dirixida por Bea Saiáns, quen presentará este traballo acompañada do elenco e equipo da serie. 

Día: Xoves 24 

Hora: 20:00 

Lugar: Mercado de Carballo 

3. O show de Non Saímos do Lixo

Se hai un fenómeno revelación na internet en Galicia nos últimos meses, son eles, prometido. O Show de NSDL é un laboratorio de comedia, stand up en galego que están a conquistar espazos máis alá da rede. Tras unha primeira época nos anos 2010-2012, Non Saímos do Lixo volveu en 2024 explorando novos formatos sen perder a gran dose de sátira política e humor que os caracteriza. 

Día: xoves 24 

Hora: 22:30 

Lugar: Axamonería, Carballo 

4. Coñecendo a… Andy Chichester

O Carballo Interplay é un espazo de encontro entre a comunidade dixital que crea contido en galego, tamén para a que está lonxe de Galicia. Andy Chichester chegará a Carballo desde Nova York para conversar co actor Federico Pérez, ao que coñeceu, como a moita outra xente de Galicia, a través das redes sociais. O seu compromiso coa nosa cultura, malia non ter ningún tipo de proximidade previa, é un dos temas dos que falarán. 

Día: Venres 25 

Hora: 19:00 

Lugar: Mercado de Carballo 

5. Zona Pro: Nin que fósemos O Faiadshhhh…

O Faiado é un proxecto creado en 2023 por estudantes de xornalismo e comunicación audiovisual, para comentar a actualidade sobre a cultura pop, galega e internacional, así como comentar tendencias, reflexionar e, sobre todo, botar unhas boas risas. O fenómeno do momento dos podcast en galego, que chega a Carballo por primeira vez en directo despois de gañar, na pasada edición, o premio a Mellor Canle. 

Ademáis esta actividade é unha previa perfecta á estrea da serie Mariliendre, xa que pasarán polos seus micros o seu director Javier Ferreiro e a actriz Blanca Martínez. 

Día: Venres 25 

Hora: 13:00 

Lugar: Mercado de Carballo 

Imaxe correspondente á serie Marieliendre, de Javier Ferreiro, que se estrea no Carballo Interplay. CC-BY-SA Mariliendre

6 'Abajo el trabajo!' con Juana Dolores, Christo Casas e Puto Mikel 

Este panel xuntará  a Juana Dolores, Christo Casas e Puto Mikel, tres pensadoras e creadoras anticapitalistas especialistas en eidos tan diversos coma o xornalismo, a arqueoloxía ou as artes dramáticas para falar da hiperprodutividade e a autoesixencia dentro do mundo da creación de contidos. 

Os medios de comunicación e os espazos culturais sempre están a pedir novos produtos, facendo que moitas creadoras vivan con frustración a incongruencia de facer discurso en torno ás críticas ao capitalismo e á hiperproductividade mentres son as súas peores xefas. Pódese vivir da creación sen autoexplotarse? As nosas mellores horas do día -e da vida- ocúpaas o traballo? 

Día: Sábado 26 

Hora: 11:00 

Lugar: Mercado de Carballo 

Christo Casas, antropólogo e xornalista. CC-BY-SA Cedida

7. Comunicar na diversidade, con Chaimaa Boukharsa, Lucía Mbomío, Voria Stefanovsky e “Guru” Jiménez 

Con un internet cada vez más hostil e un aumento do movemento reaccionario de ultradereitas, misóxino e racista, é máis importante que nunca comunicar na diversidade. Por iso contaremos con algunhas das creadoras e comunicadoras máis relevantes que hai neste momento na loita antirracista e contra a xitanofobia como Chaimaa Boukharsa, Lucía Mbomío, Voria Stefanovsky e “Guru” Jiménez. Queremos escoitalas e saber cómo axudar a mellorar os espazos de debate, como educar dun xeito igualitario e corrixir os nosos prexuizos. 

Día: Sábado 26 

Hora: 12:30 

Lugar: Mercado de Carballo 

Lucía Asué Mbomío participa no panel "Comunicar na diversidade", do Carballo Interplay. CC-BY-SA Cedida

8. 'Aquí no hay quien viva', con Ana Polo 

Dos creadores de 'El Precio Justo' chega 'Aquí no hay quien viva', o concurso de adiviñar o prezo dos pisos de alugueiro. A cómica catalana Ana Polo fará unha selección do mellor dos portais inmobiliarios para xogar todos xuntos a adiviñar o seu prezo (con total seguridade abusivo) dos últimos zulos dispoñibles. O vello truco de risa para non chorar ante a adversidade, esta vez en versión comunitaria (e con convidados sorpresa!) 

Para asistir tes que reservar a entrada aquí

Día: Sábado 26 

Hora: 22:30 

Lugar: Mercado de Carballo 

9. O lugar onde descubrir o talento dixital galego 

O Carballo Interplay é o fogar dos creadores dixitais en galego, pero tamén o espazo onde teñen que lucir os seus proxectos. No pitching de Produción de Contido Dixital en Galego os proxectos finalistas terán 10 minutos para defender a súa idea e lograr un premio de 3.000 euros para facela realidade. 

Os proxectos finalistas son Epidemia Invisible, de Román Varela, un proxecto multiformato que propón unha inmersión honesta e sensible na realidade da saúde mental en Galicia, combinando o formato principal dunha serie documental con pezas complementarias en formato videoblog ou reel; Escóitasme?, unha webserie de ficción do alumnado de 4º da ESO do instituto IES Arcebispo Xelmírez I de Santiago de Compostela; Artistas en Reserva, webserie de Martín Castro que segue a un grupo de mozos artistas que tentan abrirse paso no panorama actual das súas respectivas disciplinas; 90 e pico, unha webserie de comedia da Asociación Xuvenil Mómaro e Señoras con Recursos, unha webserie que é crítica feminista aos roles de xénero clásicos e xa caducos do sistema laboral, en clave de comedia disparatada, creada por Silvia Lorenzo e Paloma Otero. 

Día: Xoves 24 

Hora: 17:00 

Lugar: Mercado de Carballo 

Cartel para 'Señoras con recursos', de Silvia Lorenzo e Paloma Otero CC-BY-SA Cedida

Por outra banda, os finalistas aos premios de creación de contido dixital en galego, tanto a Mellor Canle, como a Mellor Creador/a terán que demostrar as virtudes dos seus proxectos noutro pitching, ante un xurado formado por Marta Pérez (docente na área de Comunicación Audiovisual e Publicidade da USC), Andrea Villa (codirectora do festival e programadora de actividades), Andy Chichester (filólogo, docente e xerador de contidos) e María Rúa (gañadora do premio na pasada edición na categoría de creación). 

Os finalistas na categoría de Mellor Canle son Rebelico Revista, un proxecto que presente a cultura tradicional galega dun xeito divertido e actual xa que o obxectivo principal é achegar a tradición galega á sociedade para romper estereotipos e poñela en valor; Descifrando a Historia, un proxecto de divulgación sobre historia de Galicia que conta con un podcast e xera contido en redes sociais como Instagram e Tik Tok; Galego para Peques, un proxecto audiovisual pensado para estender o uso do galego na infancia e o podcast Um Tee com Nee, podcast, no que Nee, unha persoa de xénero non binario, recolle o cambio da súa voz co tratamento hormonal de testosterona. Así, cada episodio relaciona a sua transición de xénero con outra transición cultural, de diversos pobos ao redor do mundo. 

Na categoría de Mellor Creadora son finalistas tres perfiles que usan Tik Tok como a súa principal rede para crear contido. Konachadas, unha conta de temas moi variados, pero sempre con un trasfondo activista. A súa creadora descríbeo como “retranca consciente”. A tiktoker Sara Seco, coñecida polos seus vlogs nos que narra o seu día día e outros contidos de beleza e lifestyle e Patri Otero, creadora que denuncia aquelas actitudes ou condutas que van en contra dos seus principios e valores. Tamén intenta darlle visibilidade a temáticas que están máis silenciadas e, sobre todo, facer reflexionar a aquelas persoan que consomen o seu contido. 

Día: Venres 25 

Hora: 16:00 

Lugar: Mercado de Carballo 

A creadora de contido Patri Otero. CC-BY-SA Cedida

10.Unha Sección Oficial de series para todos os gustos 

Vinte propostas de ata 12 países cunha a gran variedad de xénero, estilos e temáticas chegan a esta edición do Carballo Interplay. As proxecións dividiranse en bloques para gozalas ao longo do festival e o Xurado Oficial do certame (formado por Bob Pop, Albanta San Román e Jorge Boquete) determinará as gañadoras, que se anunciarán no Mercado de Carballo o domingo 27 ás 12:30, na gala presentada por Belén Puime e Miguel Canalejo. 

Toda a info sobre as series e horarios das proxecións aquí

Tamén che interesa

  • Series web nos Mestre Mateo. Sexo, humor e verdades sen filtro nas propostas das creadoras emerxentes

    Son curtas e de baixo orzamento. As series web ou microseries convertéronse nos últimos anos na porta de entrada ao mundo audiovisual dos novos creadores. Especialmente desde a pandemia e cada vez con mellor factura, coñecemos propostas ben interesantes que pasan do universo Youtube ás plataformas de contidos como agalega.gal ou Filmin. 

    Este ano, as series web finalistas nos Premios Mestre Mateo son Poscoito, Pringadas, Pulp Air e A moza que abortou e o contou. Falamos coas directoras sobre os seus traballos, a ilusión do premio ou mesmo do pertinente cambio de nome para a categoría ‘serie web’, porque na web estamos todas, non si?

    Creadoras
  • Prado Rúa: «Pois si, son unha influencer»

    María Rúa Rodríguez, Prado Rúa, comezou a subir vídeos ás redes sociais en 2020, cando a pandemia obrigaba a quedar na casa. En novembro dese ano en VINTE diciamos que era a «youtubeira do ano» e, catro anos despois, con 20.000 seguidores en Instagram, 23 primaveras, e presenza na meirande parte dos eventos culturais do país, Prado Rúa confesa que xa se sente unha influencer, aínda que sempre renegou dese termo. A ourensá está nomeada como mellor creadora dixital galega no festival Carballo Interplay que axiña comeza.

    VINTE na rede
  • Café Derby 21. Petiscos no Derby

    Programa especial no Café Derby 21 que desta volta vai con vídeo. Se queredes ver as caras das presentadoras falando con grandes creadoras da rede non vos perdades o novo programa feito desde o Festival Carballo Interplay. 

    Xunto a Nicolás Carreira, Carme Domínguez e Adrián Lede estiveron conversando Blondiemuser, Paula Jorge, Pablo Meixe e a tamén actriz Lidia Veiga. Durante máis dunha hora, a charla percorreu desde os nichos (non os funerarios) de contido que cada unha traballa na rede ata, por exemplo, os 'haters' ou mesmo os dereitos laborais das e dos influencers.

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.