Collage cos carteis das series web finalistas nos XXIII Premios Mestre Mateo. CC-BY-SA VINTE
Son curtas e de baixo orzamento. As series web ou microseries convertéronse nos últimos anos na porta de entrada ao mundo audiovisual dos novos creadores. Especialmente desde a pandemia e cada vez con mellor factura, coñecemos propostas ben interesantes que pasan do universo Youtube ás plataformas de contidos como agalega.gal ou Filmin.
Este ano as series web finalistas nos Premios Mestre Mateo son Poscoito, Pringadas, Pulp Air e A moza que abortou e o contou. Falamos coas directoras sobre os seus traballos, a ilusión do premio ou mesmo do pertinente cambio de nome para a categoría ‘serie web’, porque na web estamos todas, non si?
«Escollemos o teléfono como dispositivo de gravación, concretamente un Iphone, unha decisión que tivo moitas cousas positivas, pero tamén moitos rompedeiros de cabeza». Rosalía Quiroga (A Guarda, 1993) creadora, xunto con Eire Cid, da serie A moza que abortou e o contou, explica que ao gravaren co teléfono puideron crear esa sensación de realidade, de documental -que non é- e inmiscir o público nesa cea de Nadal onde sucede todo. A propia cámara, que manexa a irmá pequena da protagonista, forma parte da narrativa, pero tamén supuxo moitas dificultades polo formato vertical.
Alén das cuestións técnicas, a serie coproducida por Brava está a ter moi boa acollida e desde xaneiro reside no catálogo da plataforma Filmin. Conta a historia de Cora, unha moza de 20 anos que aborta e decide contarllo á sua familia durante a cea de Nadal. «O aborto é un dereito que sempre está pendendo dun fío e en calquera momento poden cambiar as cousas como xa pasou na Arxentina, Polonia ou EE UU. A serie nace na nosa preocupación polo avance da extrema dereita», subliña Quiroga, que conta co premio Xohana Torres polo seu documental Mal Olladas.
'A moza que abortou e o contou' achega a historia de Cora, unha moza de 20 anos que aborta e decide contarllo á sua familia durante a cea de Nadal
A moza que abortou e o contou consta de 4 capítulos de 10 minutos con continuidade entre eles, que se desenvolven durante unha cea de Nadal. Realizouse en gran parte grazas ao premio ao mellor proxecto acadado no Carballo Interplay en 2023, onde foi estreada un ano despois.
Para Anita Pico Pulp Air é a primera experiencia como directora neste formato despois de dirixir varias curtametraxes e traballar como guionista. Pico, que foi seleccionada para o programa de talentos BBC New Creatives, asegura que foi «moi bonito» escribir e dirixir esta sitcom con forma de mockumentary (falso documental). «Estiven vivindo en Londres moitos anos e no aeroporto de Heathrow a porta de embarque para A Coruña sempre era a última. Camiñaba cara alí e os acentos ían cambiando segundo me achegaba e de aí naceu a idea», explica Pico (A Coruña, 1995). O proxecto xa fora finalista no Carballo Interplay, motivo polo que situou finalmente o aeroporto en Carballo.
Pablo Meixe, Isabel Garrido, Lucía Veiga ou Andrea Vilariño forman parte do elenco da primeira serie de Henkfunk Studio, composta, de momento por tres capítulos de entre 10 e 12 minutos. «Era un reto por ser comedia e ser en galego, pero tiña moitas ganas de facer algo desde aquí coa súa retranca. E acadamos un produto internacional, pero da terra», indica a directora.
«A serie non se dobrou e puidemos levar o idioma e a retranca galega a Italia, EE UU ou Perú, con chistes moi nosos e referencias propias como as Carrilanas de Esteiro. O humor é internacional», subliña Anita Pico, directora de 'Pulp Air'
Unha vintena de festivais xa exhibiron Pulp Air durante 2024, con moi boa acollida no HollyShorts de Los Ángeles, segundo detalla Pico. «A serie non se dobrou e puidemos levar o idioma e a retranca galega a Italia, EE UU ou Perú, con chistes moi nosos e referencias propias como as Carrilanas de Esteiro. O humor é internacional», subliña.
Despois dun ano a gozar dos festivais, Pico valora as posibilidades de facer máis capítulos de Pulp Air –os que existen foron grazas a unha axuda de Agadic- e anuncia que neste 2025 espera que a serie estea nalgunha plataforma de contidos en aberto.
«Todos os episodios empezan despois dunha relación sexual. É un proxecto que normaliza e rompe tabús», argumenta o director de 'Poscoito', Héctor Rodríguez
Poscoito supón o debut de Héctor Rodríguez (Arteixo, 1998) cunha creación propia no audiovisual despois de traballar como axudante de dirección tras se graduar en Imaxe e Son na Coruña en 2019. Esta experiencia valeulle para coñecer actores e actrices que non dubidaron en participar no seu primeiro proxecto profesional. «Todos os episodios empezan despois dunha relación sexual. É un proxecto que normaliza e rompe tabús», argumenta o director. Lidia Veiga, Isabel Garrido, Melania Cruz ou Tito Asorey protagonizan os primeiros episodios, que están a piques de se estrear na plataforma agalega.gal e que contan no seus créditos con nomes como Lucía C. Pan na dirección de fotografía.
De momento Poscoito conta con tres episodios de cinco minutos, pero Rodríguez asegura que xa está a guionizar novas historias. A serie foi estreada nunha ducia de festivais de todo o mundo e recoñecida con numerosos premios desde o Golden Lion Film Festival (India) ata os Cinematography & Photography Awards (Londres).
A serie Pringadas, pola súa banda, xa fora nomeada pola Academia pola súa primeira temporada, estreada en 2022. «Penso que saíu nun momento moi intelixente porque entón non existía contido para xente postadolescente e etopei un nicho», asegura a directora, Belén Puime (A Coruña, 1998). Daquela tiña 23 anos, viña de rematar a carreira e buscaba a posibilidade de facer algo, «polo menos ter un portfolio», segundo indica . Presentou o proxecto no Carballo Interplay, gañou, e a serie converteuse nunha existosa realidade que se pode ver na plataforma Filmin (primeira temporada) ou en agalega.gal (as dúas temporadas) con Lara Álvarez, Carmela Vázquez e Camila Ferreyra como protagonistas.
«Eu quería falar desde a verdade pero non quería un produto intimista, quería unha ficción sinxela con cousas coas que a xente poida conectar», explica Puime. A primeira temporada foi finalista nos Mestre Mateo pero non gañou e agora a directora agarda con ilusión esta segunda oportunidade que se resolverá o sábado 15 de marzo pola noite en Lalín. «Gañe quen gañe, vai quedar na casa, pero mentiría se dixese que non quero gañar. A ver se desta vai», di Puime.
«Eu quería falar desde a verdade pero non quería un produto intimista, quería unha ficción sinxela con cousas coas que a xente poida conectar», explica Belén Puime, creadora de 'Pringadas'
A directora pon en valor a cantidade e a calidade das series web presentadas este ano –trece en total- que gañaron en profesionalidade, grazas, en parte, ás axudas do Agadic, que xa remataron. Para Belén Puime as series web sería aquelas que son curtas ou de baixo presuposto. «Na plataforma de agalega.gal xa as denominan microseries, igual cumpría reformular o nome», cuestiona.
Sobre a continuidade da serie, producida por Brava e a TVG, asegura que aínda non hai nada pechado. «Aínda acabamos agora a segunda temporada, con outros tres capítulos de 11 minutos, pero por min que haxa tres ou catro temporadas», subliña Belén Puime.