Raúl Canoura e o seu fillo Adrián a bordo do barco de pesca familiar. CC-BY-SA Cedida
Inabarcable. A inmensidade do mar e unha deliciosa música protagonizan as primeiras imaxes e acompañan o espectador ao longo desta viaxe. Adrián Canoura embarca ao Gran Sol, por fin, xunto ao seu pai, patrón de pesca de altura, no barco familiar “Raúl Primeiro”. Alí grava o día a día dun barco pesqueiro e fai realidade a súa primeira longametraxe. Inspirado polos versos de Manuel Antonio executa unha peza documental de carácter experimental coa que pecha as feridas da distancia entre pai e fillo e cumpre o soño –compartido- de levar o temón do barco.
O festival Curtocircuíto, que arrancou este martes 30 de xuño en Compostela, inclúe a primeira longametraxe do cineasta e videocreador Adrián Canoura na súa sección de Psicoxeografías. A cita será o domingo día 5 de xullo ás 20.30 horas no Teatro Principal.
Canoura (Burela 1991) embarca ao Gran Sol no que serían as últimas mareas que facía o seu pai Raúl, patrón de pesca, á fronte do “Raúl Primeiro”. Alí grava moito material e comparte, por fin, tempo abondo co seu pai; comprende moitas cousas, e é quen mesmo de levar o temón, un feito co que cumpría así un soño, e sacaba unha espiña cravada que o acompañaba por non ter seguido a estela laboral familiar. Cos versos de Manuel Antonio como inspiración, a música de Anxo Ferreira arrola o espectador nunha viaxe polo mundo da pesca en alta mar e dos afectos non explícitos. Arancha Brandón dirixe a fotografía desta película producida por Zeitun Films.
En Fomos ficando sós asistimos a unha viaxe literal e outra máis poética, que se resolven con imaxes provenientes de tres fontes ben diferenciadas, segundo explica o director. Por unha banda está o material gravado por Raúl Canoura nos anos 80 e 90. “Son cintas que se van quedando no faiado da casa”; por outra banda está o material gravado nas dúas mareas que foi Adrián Canoura, en 2019 e en 2024. “Logo está esta especie de confluencia de dous mundos na instalación que deseñamos, entre camarote e ponte de mando, xuntando a idea dun estudio de realización tamén”, asegura Canoura, responsable tamén do guión da película xunto con Aldara Pagán. “A conclusión a que chegamos era que se parecía moito a situación onde meu pai está na ponte de mando con tantas pantallas, tantos botóns, e tantas cousas, ao traballo de dirixir unha película”, detalla.
Cos versos de Manuel Antonio como inspiración, a música de Anxo Ferreira arrola o espectador nunha viaxe polo mundo da pesca en alta mar e dos afectos non explícitos. Arancha Brandón dirixe a fotografía desta película, producida por Zeitun Films
Canoura estivo dúas campañas e dúas mareas duns 20 días cada unha no barco. En 2019 foi unha primeira aproximación, case como unha especie de borrador, segundo indica o director, para ver que se podia sacar de aí. “Naquel momento non tiñamos ningunha estrutura de produción aínda e usei os medios que tiña a disposición nese momento. Nesa altura meu pai xa estaba na brecha de xubilarse ou non xubilarse, xa era como unhas das últimas campañas que facía. Sempre tiven como esa espiña de ir gravar ou compartir tempo con el”, asegura. Daquela o proxecto aínda non estaba desenvolvido pero tamén foi un material que serviu de base para poder construír despois o proxecto para unha longa. En 2024 volvería xa cunha idea máis específica. Ata ese momento, Adrián Canoura nunca embarcara á pesca co seu pai.
Pero como se grava a inmensidade do mar? Neste proceso o realizador observou “unhas dicotomías enormes” xa que están esas “dualidades do macro e do micro”, asegura. “Está, efectivamente a inmensidade do mar pero tamén esa sensación de claustro, de estar pechado nun barco de 30 metros, con espazos estancos. Saes para fóra e estás no medio da nada, tal e como describía Manuel Antonio, que foi unha base para reflexionar sobre todo isto a través dos seus poemas”, detalla Canoura.
“Nese teu corazón innumerábel tamén enchen e devalan as mareas do meu corazón”. Alén do propio título, os versos de Manuel Antonio están presentes ao longo de todo o filme, sobreimpresionados sobre as imaxes. “Sempre foi un apoio e unha inspiración entre básica e vital, xa cando eu estaba con este ruxerruxe de poder gravar e facer algo relacionado con esta temática do barco e, o mar; antes de ter este corpo de longametraxe e de estar enfocado a que quedase unha historia íntima co meu pai, sempre estaba aí a referencia”, subliña. A obra do poeta vangardista tamén o levou a querer experimentar coa imaxe, segundo relata. “Esa poética inmensa que a min tamén me espertaba curiosidade a nivel plástico e a nivel visual de como se podía chegar a ese mundo que describía sen caer un pouco no documental técnico, non só rexistrar o que pasa na pesca e quedarnos aí, que seria ao mellor un pouco a metodoloxía máis directa ou máis simple. A min tamén me apetecía facer unha exploración visual e ver de onde se podía rascar algo máis de chicha e para iso os poemas sempre foron un punto de apoio moi importante”, relata Canoura.
A idea da longametraxe foi pasando por distintos momentos e procesos ata chegar á composición final. Ao comezo, segundo explica o director, había vías de desenvolver algo nun sentido máis antropolóxico, mesmo etnográfico pola temática da pesca, das problemáticas que hai, da propia metodoloxía. Aínda que efectivamente iso acaba aparecendo, o proxecto acabou subindo dimensións. “Con todo o mundo que falaba sempre me dicía: a ver, realmente o que queres é mostrar unha relación máis íntima e buscar a conexión co teu pai”, lembra Canoura. Entón, a medida que ía traballando e ao revisar as cintas antigas foi cobrando protagonismo a idea da incomunicación, das ausencias. “Creo que tamén lle pode resoar a moita xente do mar ao mellor da miña xeración, dos pais que marcharon moi novos que estiveron pouco na casa e practicamente ata fai uns anos non compartín vivencias en terra, na casa, co meu pai. Entón esa falta de comunicación con el, desa especie de coiraza que tamén se forma un pouco a xente do mar polas circunstancias laborais, claro, a min había algo por dentro que me ardía”, di.
A medida que ía traballando e ao revisar as cintas antigas foi cobrando protagonismo a idea da incomunicación, das ausencias. “Creo que tamén lle pode resoar a moita xente do mar ao mellor da miña xeración, dos pais que marcharon moi novos que estiveron pouco na casa e practicamente ata hai uns anos non compartín vivencias en terra, na casa, co meu pai", asegura Canoura
Adrián Canoura explica que quería entender por que pasou iso. “Xa só facer a película foi quizás unha escusa para compartir tempo xuntos, ver onde se desenvolvía el, onde se sentía quizás, ao mellor, máis cómodo a nivel funcional, de estar no barco, que realmente botando contas, podería ser que pasou máis tempo no barco que na casa”, asegura. Só compartir ese tempo co pai axudouno a comprender moitas cousas que de pequeno non fora quen e tentar tamén “sacar a espiña” de non ter seguido co traballo familiar. “Isto xa vén do seu pai, do meu avó, con quen tamén se daba esa situación, que a min tamén me chocaba. O meu avó faleceu hai uns anos, e claro, eu despois, valorando e pensando, tamén vía que neles non había esas situacións máis afectivas explícitas. Iso a min deume pena e fíxome pensar en que tampouco quero pasar por esta situación de que nunca haxa un amor explícito e que quede, navegando na nada. Entón, a película tamén serviu de catalizador e de escusa para esta situación”, relata.
Non falta na película de Canoura, como adoita facer nos seus proxectos, a experimentación, pese a tratarse dun documental e cos elementos da pesca no Gran Sol como protagonistas. “Sempre tente introducir unha especie de experimentación ou polo menos un traballo plástico máis inusual; entón tamén era aquí un desafío chegar a ese punto cunhas imaxes tan puramente realistas, dunha tripulación pescando nun barco… era unha situación que igual non era, a priori, moi sinxela pero si que a medida que fomos construíndo e escribindo tamén chegamos a este punto pois da instalación un pouco máis artística”, detalla o director.
Tamén o propio deterioro das cintas propiciou imaxes de tipo experimental que uniron a técnicas como o deseño en tres dimensións. “Moitas das cintas estaban deterioradas polo paso do tempo, polas humidades e que estaban aí como un pouco esquecidas no faiado. Entón, cando traballamos esta dixitalización das cintas moitas veces a rotura propia do vídeo, do glitch e do píxel, abriunos un mundo tamén de explorar un pouco ese traballo da memoria e da fragmentación e todo isto a través de manipular a imaxe. Tamén hai un 3D co barco, por dar esa plástica que eu xa viña traballando tamén e non perder un pouco o camiño do que máis me interesaba e combinar cos poemas para buscar aí un pouco esa poética e trasladala ao visual tamén”, explica Canoura.
En total, recompilaron preto de 100 horas de gravación polo que un dos maiores retos tamén foi o traballo “clínico” e denso de filtrar e quedar co material servible para montar a película.
Fomos ficando sós tivo a súa estrea no Festival Internacional de Cinema Documental de Ámsterdam en novembro, vén de gañar o Premio da Xuventude á Mellor Película no Festival Internacional de Cinema Documental de Navarra Punto de Vista e puido verse tamén noutras citas de referencia como o Documenta Madrid ou o Play-Doc.
Tras pasar estes días por Curtocircuíto, o documental seguirá a verse en festivais coa idea dunha estrea en salas de cinema a finais de ano. Ademais, o proxecto contempla aínda outra dimensión: levar a instalación creada para a película a espazos museísticos ou performáticos para ampliar así a experiencia do espectador, ao xeito que fan outras e outros creadores e como xa detallaban recentemente desde o proxecto da película Krakatoa (premio Mellor película nacional en Documenta Madrid).
Adrián Canoura compaxina o seu traballo como cineasta cunha intensa actividade como videocreador. Fixo pezas audiovisuais para Sen Senra, Guitarricadelafuente ou Laura Lamontagne e leva case dez anos poñendo imaxes ás melodías de Baiuca. “Levamos tempo traballando xuntos, desde o primeiro momento Álex quíxolle dar unha dimensión máis visual ao proxecto. Entón, tentamos levar ao terreo visual toda esa música que el produce a cabalo entre o tradicional e electrónica e buscar esa mestura de vangardismo a nivel de imaxes, que o proxecto teña a modernidade que require sen perder a raíz”, argumenta.
En plena xira de verán, a axenda do de Burela vai chea. Compaxina a súa presenza nos concertos de Baiuca coa promoción da súa primeira longametraxe, e tamén participa a nivel de edición de imaxe en Serenade, de Pedro Díaz. “Bendito problema. Estou contento e tentando tamén desfrutar e aprender do proceso día tras día”, subliña.