Filmika Galaika volve ás súas orixes con 'Krakatoa': “É máis ca unha película”

Instalación do filme "Krakatoa" no Festival de Rotterdam. CC-BY-SA Cedida

O filme Krakatoa vén de vivir a súa estrea no festival de cinema de Rotterdam. Alí os pases estiveron cheos para presenciar un produto cinematográfico diferente, que nace como live cinema e performance artística coas miras postas en centros de arte. En Krakatoa acompañamos a un pescador de Indonesia na súa actividade ata que chega a erupción do volcán, a destrución e o son máis forte xamais ouvido. Para Beli Martínez, produtora executiva con Filmika Galaika, é unha película “superauténtica e radical” que lles permitiu volver ás orixes.

 

O son máis potente xamais rexistrado. O ruído da erupción do volcán Krakatoa en 1883 non está gravado pero os escritos da época detallan que se puido escoitar en todo o mundo e rompeu tímpanos a quilómetros de distancia. A erupción provocou tsunamis, decenas de miles de mortos, cambios na climatoloxía e os ceos cambiaron a cor alaranxada naqueles días en todo o planeta. Hai quen vincula o cadro de “O Grito” de Munch con esta última consecuencia do suceso, que ben puido ter experimentado o pintor na época. 

Still de "Krakatoa": o pescador chega á illa deserta. CC-BY-SA Filmika Galaika

Na película Krakatoa, que vén de vivir a súa estrea no Festival Internacional de cinema de Rotterdam, acompañamos a un pescador en Indonesia na súa actividade nunha plataforma ata que chega a grande erupción do volcán. Non é unha película de diálogos nin música, pero si que hai son. Moito e moi bo, a cargo de Nicolas Becker, gañador dun Premio Óscar polo seu traballo en The sound of metal, onde un batería se vai quedando xordo. 

“Unha especie de Robinson Crusoe experimental”, segundo relata Beli Martínez, produtora executiva do proxecto e fundadora de Filmika Galaika. O filme recolle a propia experiencia do único actor, Roni Hensilayah, mariñeiro indonesio que sufriu na realidade a forza dun maremoto que o levou a unha illa deserta. 

“O proxecto, ademais de como película, desde o seu comezo está concibido tamén como live cinema e como instalación”, relata Martínez. No festival de Rotterdam tiveron a oportunidade de amosar as tres facetas de Krakatoa no mesmo espazo. “Montamos unha instalación e o día que se inauguraban estes espazos expositivos fixemos a película en directo, tanto a realización como a banda sonora, entre Carlos Casas, que é o director, e Nicolas Becker, que o deseñador sonoro”, detalla a produtora galega.

Krakatoa estreouse no festival de Rotterdam na sección Harbour, non competitiva, onde xa estiveran o ano pasado con Ariel de Lois Patiño. “Foi un acerto elixir o festival porque é un espazo e un público maduro, que se abre a novas experiencias. Fomos programados nos primeiros días do festival e tivemos sold out en todas as sesións”, explica Martínez. 

Still de "Krakatoa": Kesuma sobrevive nunha plataforma de pesca de bambú. CC-BY-SA Filmika Galaika

“Ten documental, ten ficción, ten experimental e no fondo tamén é unha película narrativa: é un mariñeiro que está nunha plataforma traballando e vive a erupción”, subliña Beli Martínez. Mais Krakatoa é sobre todo unha película sensorial, para ver en pantalla grande e experimentar nas galerías dos museo que acollan a súa instalación e posta en escena en directo. 

“En pantalla grande podes sentir  a película dentro do corpo en canto a vibración. Na última parte entramos no mundo do microscópico, na parte máis experimental e podes chegar a sentir certa incomodidade, se che afectan as luces estroboscópicas. É moito máis que narración”, asegura Beli Martínez, desde Filmika Galaika. A produtora defende que a súa filosofía é buscar películas que indaguen en formas e formatos e neste caso tamén lles atraía o feito de poder ter unha instalación, que fose tamén unha performance e poder facela en directo, ademais de poder indagar en conceptos sobre a natureza e a nova ecoloxía. 

Con estas peculiaridades, o percorrido de Krakatoa será diferente. Resultará moi difícil que chegue a unha sala de cinema comercial, pero xa desde o comezo estaban a pensar en circuítos de cinema alternativos como galerías e museos porque “é máis ca unha película”, segundo destaca a produtora. 

Instalación do filme "Krakatoa" no Festival de Rotterdam o día da inauguración. CC-BY-SA Anya Shah

O certo é que hai xa algún tempo que hai unha tendencia -non moi mainstream- de creadores e creadoras cinematográficos en museos, tal e como fixo Oliver Laxe con Sirat no Reina Sofía, ou no propio CGAC, onde tamén estivo Lois Patiño, Elena Girón, Samuel Delgado ou Jaione Camborda. “No noso caso, a instalación permite unha nova forma de achegarse ao cinema, hai unha interacción do espectador coa obra. Pode entrar ou non, percorrer o espazo e decidir cando saír, por exemplo”, detalla Martínez.

Krakatoa é unha coproducción europea entre España, Francia, Reino Unido e Polonia, producida por Filmika Galaika (Galicia), MAP Productions (Francia), AMI – Artist Moving Image (Reino Unido), La Banda Negra (Canarias) e Etnograf (Polonia). A produtora galega achega o 80% e por iso, segundo, apuntan, se imos a concepción clásica da nacionalidade do cinema, é unha película galega. 

O filme contou coas axudas do ICAA para o cinema experimental e foi rodado maioritarimente en Indonesia, aínda que tamén pasou polas Illas Canarias e mesmo pola Costa da Morte. 

Un proxecto cinematográfico por un lado é un produto cultural e, por outro, económico e por tanto, defende Beli Martínez, “hai que achegarse á idea de cinema como algo moito máis complexo que só unha narración”. A galega defende que a nivel económico, as coproducións entre varios países para facer unha película permite que poidan “asumir unha serie de riscos que se o facemos de forma illada, porque o risco sería moi alto e polo tanto a probabilidade de crise maior”, asegura. Ademais, a probabilidade de entrada en determinados circuítos tamén medra co apoio de distintas produtoras. “Se en Sirat non estive El Deseo, probablemente non estaría nos Óscar, iso é que che dá: potencial económico, visibilidade e o know how, o saber facer. As películas son algo moito máis complexo que só diálogos”, puntualiza. 

Still de "Krakatoa", dirixida por Carlos Casas. CC-BY-SA Filmika Galaika

Martínez asegura que en Filmika Galaika só apostan “por proxectos que nos gustan, nos interesan ou nos apelan dalgunha forma. Sexa porque hai un cuestionamento da forma ou da narración, pero sempre buscamos ese punto de risco e de aventura, que iso é a vida”. E defende que agora mesmo en Galicia o ecosistema é rico, amplo e variado e o importante é que non se limita. “Hai uns anos sería impensable facelo pero por sorte agora hai certo espazo para facer este tipo de películas que son en boa medida innovadoras”, di. 

“Para min é como volver ás orixes. Facer algo moi diferente, apetecíame algo así como cando fixemos Vikingland. O seu percorrido será o que sexa, pero quería facer algo diferente e radical, algo que digas, só nós poderiamos facer esta película. E nese sentido é volver ás orixes para min, porque ultimamente tiñamos máis películas narrativas, ficcións e demais e isto é o que nos gusta a nós. É superauténtica”, conclúe.

Vanesa Vázquez

Vanesa Vázquez

Viguesa do Calvario. Comecei e aprendín en Atlántico Diario, Radio Vigo e Expansión. Cada día conta e agora contámolo en VINTE e Praza.gal. 

Tamén che interesa

  • Entrevista | Iván Castiñeiras: “A película é unha oda á xente do rural, a eses deuses que resisten como as pedras”

    Un recoñemento inesperado. Así cualifica Iván Castiñeiras o que está a acontecer con Deuses de Pedra, a súa primeira longametraxe como director. Trátase dunha “película pequena feita con moito cariño”, segundo el mesmo indica, onde empregou material gravado ao longo de quince anos e está a percorrer festivais internacionais con varios premios xa acadados. Un éxito inesperado, mais non inmerecido para un proxecto de gran beleza que homenaxea as súas terras da infancia, na frontera entre Galicia e Portugal; e, sobre todo, recoñece a súa veciñanza, eses "deuses de pedra" que resisten alí, aínda que cada vez sexa máis difícil manterse en pé.

    Cinema
  • Entrevista | Zeltia Outeiriño: «Grazas a este filme puiden escoitar a miña nai, coñecela, mirala e admirala»

    Este venres, 31 de xaneiro, chega aos cinemas de Galicia a película Filmei paxaros voando, primeira longametraxe que asina a directora galega Zeltia Outeiriño. 

    A crise dos 40 moveu a realizadora a subir un chanzo creativo e lanzarse a facer unha película para falar de desarraigo familiar e interpelar a sociedade sobre os coidados, a atención sociosanitaria e os nesgos de xénero, o idadismo ou os silencios da homofobia nos felices anos 80.

    Cinema
  • Aula do Festival Novos Cinemas. Álvaro Gago amosa o camiño creativo: paciencia co maxín

    Pensar amodo, repensar e decidir. Algo tan sinxelo como tomar o tempo necesario para facer as cousas ben pode semellar un pensamento algo excéntico na tiranía do agora mesmo que goberna pero foi unha das liñas vermellas que marcou o cineasta Álvaro Gago durante as clases na Aula do Festival Novos Cinemas. Para o alumnado esa dirección desde a «paciencia e a tenrura» resultou algo «moi inspirador» para a creación das súas obras audiovisuais, que foron estreadas este martes no Teatro Principal de Pontevedra.

    Cinema
  • Vinte almorzando en Cans con Nerea Barros

    A voz profunda e serena de Nerea Barros protagoniza este novo almorzo con Deleite, que fixemos no Festival de Cans, onde a actriz e directora recibiu o Chimpín de Prata. Gañadora dun premio Goya polo seu papel en "La Isla Mínima", afronta agora novos retos detrás das cámaras coas longametraxes "Raíces" e "O da miña nai" . 

    Con ela falamos da súa infancia no Eixo, en Santiago, onde creceu feliz, cun campo de xogos "inmenso" ou da súa relación coa lingua galega e por que tomou a decisión de falala "o mellor posible" aos 14 anos. "Os meus pais sufriron acoso por ser galegofalantes e comigo falaban en castelán. Iso sempre foi unha ferida aberta dentro de min que me descolocaba", asegura Nerea Barros. 

    VINTE almorzando con Deleite

    Coa colaboración de

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.