Entrevista | Zeltia Outeiriño: «Grazas a este filme puiden escoitar a miña nai, coñecela, mirala e admirala»

Este venres, 31 de xaneiro, chega aos cinemas de Galicia a película Filmei paxaros voando, primeira longametraxe que asina a directora galega Zeltia Outeiriño. Conversamos sobre esta película intimista, sincera e entretida coa realizadora, con orixes en Ourense, criada en Vigo e nacida en Madrid por casualidade en 1978. 

A crise dos 40 moveu a Zeltia Outeiriño a subir un chanzo creativo e lanzarse a facer unha película para falar de desarraigo familiar e interpelar a sociedade sobre os coidados, a atención sociosanitaria e os nesgos de xénero, o idadismo ou os silencios da homofobia nos felices anos 80. «Unha mirada cara a dentro, cara á familia desde un punto de partida de desacougo, de desarraigo”, explica a directora, que tiña a idea de centrar o filme na figura do seu tío Antonio Outeiriño, artesán téxtil e galeguista, pero acabou situando na cerna á súa nai. «Buscando a Antonio atopeime coa miña nai Socorro», detalla.

 

A familia de Zeltia Outeiriño é da zona de Ourense e alí, en Bentraces, tiña (e ten) a súa aldea, onde ían en familia as fins de semana ou nas vacacións como tantos ourensáns que viven en Vigo. Alí están moitos das lembranzas felices da súa nenez. Estudou na Facultade de Comunicación de Pontevedra Publicidade e Relacións Públicas e marchou moi nova para Barcelona, co soño de dedicarse ao cinema. Alí fixo Comunicación Audiovisual, traballou de operadora de cámara e apostou polo ámbito social en procesos de vídeo participativo. Viaxou moito durante unha época e fixo algúns proxectos en Colombia, outros en México en colaboración con asociacións. Agora, como profesora de Imaxe e Son, experimenta unha estabilidade laboral que lle permite seguir a desenvolver proxectos creativos sen perder de vista Galicia, onde prometeu -e anhela- volver.

O 31 de xaneiro chega aos cinemas galegos Filmei paxaros voando, despois de pasar polo festival  L´Alternativa en Barcelona, onde recibiu unha mención especial; o Cineuropa, ou abrir o Culturgal. Agora xa está o traballo feito. Que feedback está a ter na súa primeira longametraxe?

Polo de agora fixemos eses pases e teño moitas ganas de ver como a recibe o público nas salas de cine. Polo de agora as experiencias están sendo boas. É unha película que trata moitos temas que son moi universais, que nos interpelan a todos, moi emocionais. Hai moito sentimento contido que xera reaccións nos espectadores e iso é moi interesante.

En proxectos anteriores sempre había un compoñente de solidariedade, de conciencia social, temas relacionados cos dereitos humanos. En traballos máis curtos e corais, ás veces. Pero para a súa primeira longametraxe opta por falar da súa intimidade, de sentimentos e de familia. Foi un cambio grande.

Si, foi un cambio grande porque outros proxectos eran de feitos máis colectivos, eran películas máis corais e eu non saía ou estaba de forma moi secundaria. E de súpeto esta película é unha mirada cara a dentro, cara a familia desde un punto de partida de desacougo, de desarraigo, de reflexionar sobre o vivido e indagar na biografía persoal e familiar. Ese foi o punto de partida e era a necesidade que tiña nese momento. Foi como un desexo, algo que brotaba con moita intensidade e tirei por aí. Pero penso que hai temas, miradas e elementos que aínda que a priori sexan moi diferentes dos proxectos anteriores si que están. A mirada máis social, de busca do comunitario, de transformación, de reivindicación dos dereitos das persoas, ou tamén os procesos participativos da arte como unha potencia de transformación e de vida. Isto está noutros proxectos e neste tamén.

Di que a película naceu nun momento de crise vital. Hai algo de catárquico neste proxecto, nese reencontro coa súa nai?

Si. A película emerxeu coa crise dos 40, como con esta sensación de desencanto ou insatisfacción do que pensabas que sería a vida ou como te vías con 40 anos e como te ves. E este anhelo e entusiasmo creativo, estas ganas de facer películas, querendo reflexionar sobre a necesidade da liberdade individual, da autoafirmación da vida propia pero como se pode conxugar iso coa lealdade á familia; no meu caso á miña nai, cuns valores moitísimo máis conservadores. Como amar en liberdade, como poder vincularse cando hai estes universos ideolóxicos que son tan antagónicos. 

«O filme emerxeu coa crise dos 40, con esta sensación de desencanto ou insatisfacción do que pensabas que sería a vida ou como te vías con 40 anos e como te ves» 

Ese era o punto de partida e a idea de desarraigo, de que eu emigrei vinte anos antes a Barcelona e prometín que regresaría pero non regresei. Pero tampouco decidira non regresar. Unha situación de limbo na que nos quedamos moitos galegos e ao mellor cando chegan a unha idade, no meu caso, aos 40, foi o momento de reflexionar un pouco sobre todo iso. Tamén a miña nai, que se facía maior, que demandaba cada vez máis coidado, que a min me doía cada vez máis a distancia. Comezou por alí, pero como diría Chris Marker «un nunca sabe o que está a filmar» e o que nos tocaba vivir abriu unha morea de temas máis e o feito de crear esta película foi unha oportunidade para o encontro. Para eu poder mirar a miña nai doutra maneira, non soamente como nai senón tamén na súa vertente máis artística e luminosa como artista e como muller tamén.

Hai outro personaxe moi importante na película, o seu tío Antonio Outeiriño.

O meu tío viviu moi intensamente nos anos 80. El era un artesán téxtil galeguista moi creativo que nesa época desenvolveu todo un traballo de recuperación do tecer tradicional galego levado tamén ao deseño e á vangarda xunto coa súa irmá Concha Outeiriño, que seguiu o seu legado. Entón todo ese mundo tan creativo tivo unha pegada moi forte en toda a miña familia e a nena que eu era nos anos 80 mamou de todo iso. Eu todo o tempo quero mirarme na figura do meu tío Antonio, dialogar con el, aprender del, porque para min era un referente de liberdade que ao mesmo tempo sempre estivo moi apegado á súa familia e eu admirábao moito por estas dúas vertentes.

«É unha película feita sen distancia emocional ningunha, efectivamente, e aí radica toda a súa forza e a súa fraxilidade» 

O que pasou é que buscando a Antonio atopeime coa miña nai Socorro. Neste filmarnos a cotío vin que ela tamén era unha artista do cotiá e non só, tamén era música, cantautora, directora do coro do Centro Cívico de Coia (Vigo). Eu fago a proposta de cantar e rodar xuntas unha canción, que facemos xunto co meu irmán Marcos, que tamén é músico. Ao final en torno a toda esa súa arte e ese meu anhelo de filmar tamén nos serviu para divertirnos, para achegarnos, para mirarnos doutra maneira, vivir e ser felices. É unha película feita sen distancia emocional ningunha. Efectivamente, e aí radica toda a súa forza e a súa fraxilidade. Na montaxe esa falta de distancia emocional foi difícil de tecer

Zeltia Outeiriño xunto a unha imaxe do seu tío Antonio, nun 'still' da película 'Filmei paxaros voando'. CC-BY-SA Ringo Media/Sétima

Fala de montaxe case artesanal.

A montaxe foi un proceso moi longo no que participaron diversas mans de montadoras, comigo tamén. Podo destacar a Núria Campadabal e Nuria Mosqueira, que foron dúas figuras fundamentais neste proceso tan longo de montaxe e logo tamén desde o programa de postprodución da Pompeu Fabra. Houbo moita xente do cinema que acompañou este proceso e facilitou que finalmente vise a luz. 

Cando nace a película? Hai partes rodadas durante a pandemia, segundo podemos ver.

A película naceu durante a pandemia no marco do Máster en Documental de creación na Universidade Pompeu Fabra que eu cursaba. Comecei a tecer secretamente a película primeiro na miña cabeza xa antes e logo comecei a gravar, porque ten esa liña de cinema diario e eu coa miña cámara gravo os meus familiares, sobre todo a miña nai, durante as visitas a Galicia e logo algunha situación cotiá en Barcelona. Entón ese dispositivo podía poñelo en marcha cando eu quixera, porque tiña equipo propio. Xa comecei en 2018 a pensar na posibilidade dunha película e a facer algunhas probas. De feito, hai algunha escena da peli que é desa época e logo xa se puxo en marcha todo o mecanismo de facer unha proposta de dossier, atopar as produtoras, catalá e galega. 

Foi importante contar con Ringo Media e Sétima.

Si, Mireia Graell, en Cataluña,  e Silvia Fuentes, en Galicia. Mentres, eu seguía gravando esta liña de cinema diario e pillounos polo medio a pandemia, efectivamente. Logo iso combínase na película co material de arquivo e outra liña un pouco máis poética e onírica coa directora de fotografía, Lucía C. Pan, de gravar os lugares, a casa da aldea en Bentraces, onde están os obxectos e a esencia do espírito do meu tío Antonio Outeiriño, que eu busco alí, as paisaxes ou o o taller de tecido artesán onde aínda traballa a miña tía Concha Outeiriño. 

Zeltia Outeiriño rodou en Bentraces, Vigo e Barcelona para crear 'Flimei Paxaros Voando'. CC-BY-SA Ringo Media/Sétima

Ao comezo ía ter máis protagonismo Bentraces, onde estaban os recordos do seu tío, pero finalmente tamén Vigo acapara moita metraxe

A película, aínda que incluía esa liña de cinema diario onde eu dialogaba coa miña nai, o meu foco estaba no meu tío Antonio. Quería indagar e coñecer todo ese mundo de entusiasmo creativo dos 80. Había unha mirada nostálxica cara a esa época, que foi a miña infancia. En Bentraces el organizou a rodaxe dun fashion film e claro, tiña arquivo de todo iso, filmado polo meu pai Pepe, que era o cineasta da familia. Eu desenvolvera moito a nivel creativo todo ese imaxinario. Sabía perfectamente todo o que quería filmar aquí e efectivamente despois, polo que nos tocaba vivir, resultou que a miña nai era a gran protagonista do filme. Moito do imaxinado caeu porque todo non cabe. 

A película ía chamarse Patarinos, por que cambou de idea?

En Bentraces á nosa familia, que é por parte do meu pai, chámannos “os patarinos” porque meu avó de pequeno atopou un pichón no camiño da fonte do Santiño e dixo «mira papá, hai un patarino», e desde entón a toda a nosa familia nos chaman os patarinos, que sería como os paxariños. Na película hai un tecer en torno aos paxaros, as gaiolas, as plumas, que teñen que ver co argumento e era moi pertinente chamala Patarinos, pero como a miña nai o eclipsou todo e situouse no centro do filme, non nos cabía explicar a anécdota do meu avó paterno e decidimos cambiar o título. 

A súa nai pídelle, para permitir a gravación, que a película consiga axudar alguén, polo menos ás implicadas. Acadouse este obxectivo?

Sen dúbida, ás implicadas si que nos serviu. Partimos dun punto onde había moito desencontro, moitas dificultades de comunicación precisamente por pertencer a mundos ideolóxicos tan distintos, por ter levado vidas tan diferentes e por estar eu tan ausente e non ser capaz de permanecer ou de atopar a maneira de estar ben xuntas, de buscar algo que compartir sen que esas diferenzas ideolóxicas fagan saltar polos aires calquera tipo de encontro. Pero grazas a tecer o filme eu puiden estar máis, quedar a escoitar, coñecer máis a miña nai, mirala e admirala. E cocrear xuntas, porque gran parte da autoría da película tamén é dela. Foi algo moi participativo todo o que fixemos e grazas a todo iso nos achegámonos máis, sen dúbida.

«Hai outros temas como que tipo de atención sociosanitaria están recibindo as persoas maiores, en concreto as mulleres, a fibromialxia e os diagnósticos, ou o idadismo, sobre os que como sociedade temos que reflexionar» 

Por outro lado penso que tamén pode axudar a outras persoas, porque pola experiencia dos pases que fixemos ata agora, creo que lle interpela moito á xente. Faille reflexionar sobre o tema dos coidados, da relación coa familia. E logo tamén hai outros temas como que tipo de atención sociosanitaria están recibindo as persoas maiores, en concreto as mulleres. O tema da fibromialxia e dos diagnósticos, hai un nesgo de xénero aí. O idadismo ou o silencio obrigado pola homofobia da sociedade. Son temas que como sociedade temos que reflexionar e creo que tamén é unha achega.

Vanesa Vázquez

Vanesa Vázquez

Viguesa do Calvario. Comecei e aprendín en Atlántico Diario, Radio Vigo e Expansión. Cada día conta e agora contámolo en VINTE e Praza.gal. 

Tamén che interesa

  • Aula do Festival Novos Cinemas. Álvaro Gago amosa o camiño creativo: paciencia co maxín

    Pensar amodo, repensar e decidir. Algo tan sinxelo como tomar o tempo necesario para facer as cousas ben pode semellar un pensamento algo excéntico na tiranía do agora mesmo que goberna pero foi unha das liñas vermellas que marcou o cineasta Álvaro Gago durante as clases na Aula do Festival Novos Cinemas. Para o alumnado esa dirección desde a «paciencia e a tenrura» resultou algo «moi inspirador» para a creación das súas obras audiovisuais, que foron estreadas este martes no Teatro Principal de Pontevedra.

    Cinema
  • Andrea Varela. O talento de Foz que protagoniza ‘As Neves’

    «Que vos parece facer unha peli?» Con esta frase Sonia Méndez, a directora de As Neves, confirmaba as rapazas que chegaran á última fase dos castings a súa escolla final. Entre as elixidas atopábase Andrea Varela, quen realmente non o cría daquela, con 18 anos, mais acabaría por protagonizar o filme.

    As Neves chega este venres aos cinemas como a primeira longametraxe de ficción da directora viguesa Sonia Méndez. A historia, rodada na Fonsagrada, xira en torno a mocidade, as súas relacións e como se divirten nunha vila da montaña lucense. Elas e mais eles, coma todos, fan un uso intensivo das redes sociais a través do móbil, viven hiporconectadas, feito que iguala a xuventude de cidades e aldeas.

    Cinema
  • Lidia Veiga, a bulebule de Arzúa: «sempre fun moi dramática»

    Lidia Veiga ía para avogada, mais a día de hoxe é un dos talentos da interpretación que máis está a despuntar en Galicia, aínda que ela, máis que actriz, considérase unha traballadora cultural. Defensora da creación colectiva, Veiga protagoniza o filme “Cando toco un animal”, un proxecto valente que amosa realidades emocionais e sexuais explícitas e, ao tempo, afastadas da pornografía. «Fíxose porque tiña que existir», defende a actriz galega. En plena xira por teatros coa irreverente e divertida “Iribarne”, Veiga está a descubrir o seu propio talento para a dobraxe e aínda terá tempo para presentar, o vindeiro 23 de marzo, a gala dos Premios Mestre Mateo.

    Cinema
  • Arancha Brandón dispáralles aos estereotipos

    Máis que chegar ao mundo da moda, foi a moda a que entrou aos poucos no seu maxín. E o seu interese foi crecendo na medida en que se decataba do seu propio corpo. Arancha Brandón asina cada proxecto cun recoñecemento: será a protagonista da sección Terra do Festival Curtocircuíto e o seu traballo foi seleccionado por PhotoVogue como novo talento para expor en Milán. «Desde que comecei a traballar en moda tiña claro que non era para formar parte dun sistema que consolide estereotipos», asegura.  E como executar esa revolucion? Disparando sen parar.

    Fotografía

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.