Pensar amodo, repensar e decidir. Algo tan sinxelo como tomar o tempo necesario para facer as cousas ben pode semellar un pensamento algo excéntico na tiranía do agora mesmo que goberna pero foi unha das liñas vermellas que marcou o cineasta Álvaro Gago durante as clases na Aula do Festival Novos Cinemas. Para o alumnado esa dirección desde a «paciencia e a tenrura» resultou algo «moi inspirador» para a creación das súas obras audiovisuais, que foron estreadas este martes no Teatro Principal de Pontevedra.
«Ideas temos moitas, pero realmente ideas que merezan a pena tampouco hai tantas. Está ben tomarse un tempo para reflexionar antes de lanzarse a un proxecto, porque vas convivir con el moito tempo. Realmente me interesa este asunto ou é un amor fugaz, froito dun impulso puntual?» O cineasta vigués Álvaro Gago comezou nestes termos o obradoiro Cine rachado e consciente na praza do teu pobo, que impartiu para unha decena de estudantes do Campus de Pontevedra nos últimos dous meses dentro das actividades do Festival Novos Cinemas. O resultados audiovisuais do taller, as curtametraxes, foron presentadas este martes no Teatro Principal de Pontevedra.
«Eu sempre digo que vendo unha folla de excel se pode percibir a ética dunha película e case entrever as calidades das persoas desde un punto de vista humano», argumenta Gago
Ían ser tres sesións mais resultaron catro e algunhas titorías, chamadas, correos, WhatsApps, e as horas extras que cumprisen para poder completar o traballo e sobre todo sentar as bases para realizar proxectos audiovisuais reais no futuro. «Durante o taller apelo a ser conscientes dos procesos de produción das películas. Tamén desde a dirección dunha peza convén estar moi en contacto cos números. Eu sempre digo que vendo unha folla de excel se pode percibir a ética dunha película e case entrever as calidades das persoas desde un punto de vista humano», argumenta Gago. Tal e como reflicte o propio nome do taller o cineasta defende un cinema consciente. E, tamén, rachado, en alusión á busca dun modo de diferenciación, a atopar «unha fenda por onde se pode coar a vida real nunha época na que se producen máis cousas e máis homoxéneas ca nunca». Rachado, consciente e tamén próximo, cunha idea de proximidade máis emocional ca xeográfica. «As historias que lles suceden aos nosos veciños son importantes e teñen valor», defende Álvaro Gago.
Tenrura, paciencia, cariño, comprensión. A priori non semellan as palabras máis relacionados cun obradoiro de cinema, mais son as escollas de Gala Rodríguez, Rocío Campoy e Tristán Rodríguez, alumnado do taller, para se referir ás aulas impartidas polo creador de Matria.
Tenrura, paciencia, cariño, comprensión. A priori non semellan as palabras máis relacionados cun obradoiro de cinema, mais son as escollas do alumnado do taller para se referir ás aulas impartidas polo creador de Matria
Rocío Campoy levaba tempo coa idea de se anotar aos talleres de Novos Cinemas, e este foi, por fin, o ano. Graduada en Belas Artes pola UVigo, Campoy recoñece que cando viu o título do obradoiro non lle cadraba moito pero probou igual. «Eu adoito facer pezas máis experimentais e depresivas e atopeime cunha bomba de amor que é Álvaro, que me amosou que tamén se poden facer obras desde a tenrura. Inspira a crear», defende. Rocío Campoy asegura que nunca tivera unha experiencia así na Facultade. «Álvaro foi moi próximo e familiar. Un día fomos de paseo á Illa das Esculturas e comentabamos as nosas ideas e el ía guiándonos. Foi moi construtivo e penso que o resultado do meu proxecto é moi honesto», asegura Campoy, que actualmente forma parte do Colectivo Artístico Resaca Emocional, colaborando no traballo audiovisual.
Tempo. Tristán Rodríguez subliña «o valor de pensar as cousas varias veces» como unha das aprendizaxes do obradoiro. «Dábache tempo a pensar no que estás a facer, algo que na carreira non pasa. Non hai tempo. Fas para aprobar», lamenta o estudante de segundo curso de Comunicación Audiovisual. «O curso foi incrible. Axudoume a ver que se poden facer as cousas doutra maneira e volver ilusionarme coa carreira», di Tristán Rodríguez.
«Foi unha experiencia súper chula. Con Álvaro Gago foi moi relaxado, feito desde a máxima tenrura, comprensión e cariño cara ás nosas pezas», indica Gala Rodríguez, graduada en Comunicación Audiovisual
Para Gala Rodríguez, pola súa banda, graduada en Comunicación Audiovisual no pasado curso, esta era a terceira vez que participaba no taller de Novos Cinemas. «Foi unha experiencia súper chula. Con Álvaro foi moi relaxado, feito desde a máxima tenrura, comprensión e cariño cara ás nosas pezas», indica Rodríguez. Tamén membro do colectivo Resaca Emocional, Gala Rodríguez subliña especialmente o proceso de guía para enfocar as ideas que lle axudou a apostar pola súa vivencia persoal de chegada ao barrio vigués de Coia –ela procede de Ourense- e crear unha sorte de sinfonía do seu novo barrio. Segundo relata, o propio Gago é de Coia e púxoa en contacto con xente do barrio que el coñece para axudala na súa composición.«Agora a peza está rematada, despois dun longo proceso de traballo, de dedicarme a falar con xente e gravar e síntome moi orgullosa do resultado», asegura Rodríguez.
Non era o primeiro nin o segundo taller de cinema que impartía Álvaro Gago pero si o máis extenso no tempo e por tanto, o que máis gozou. «Como docente acabas coñecendo máis a quen tes diante. Co roce faise a confianza e elas e eles tamén son máis atrevidos na súas formulacións», argumenta o cineasta, coautor –xunto Con Coral Piñeiro e Fran Rodríguez Casal -do vídeo de cabeceira do festival deste ano, que emana tenrura de principio á fin. Preguntado pola súas propias achegas cara ao alumnado, Gago asegura non ter unha resposta clara: «supoño que podo achegar unha maneira de afrontar as cousas, froito da miña propia experiencia; e unha serie de visionados e lecturas», engade.