Festival Curtocircuíto. Cando o Equipo 64 filmaba Compostela sen turistas

Enrique Banet, Gonzalo Anaya e Ezequiel Méndez formaron hai 60 anos o Equipo 64 no contexto da Compostela universitaria. Xuntos asinaron varios documentais que se proxectan este mércores, día 2, e o vindeiro día 9, dentro do Festival Curtocircuíto, en Santiago.

 

«Daquela había que cortar a película con guillotina, lixala, e despois con acetona quedaba soldada». Enrique Banet rememora aqueles tempos, os dos seus comezos nisto do cinema, cando non había moita posibilidade de emenda nos erros mais existía moita autenticidade e naturalidade, segundo defende.

Enrique Banet, Gonzalo Anaya e Ezequiel Méndez formaron hai 60 anos o Equipo 64 no contexto da Compostela universitaria. Coñecéronse por frecuentaren o Cine-Club Universitario e xuntos asinaron varios documentais en 16 milímetros, que se van recuperar no Festival Curtocircuíto.

Concretamente, este mércores ás 20.30 horas, no Teatro Principal emitaranse O Camiño de Santiago (1964), Pórtico de Compostela (1965) e Malpica (1966). Ademais, o 9 de outubro ás 21:00 horas na Gentalha do Pichel aberá unha segunda quenda de proxeccións da obra do Equipo 64, con Compostela, Romeiros do Alén e Catro Prazas.

Fotograma de 'Romeiros do Alén', documental do Equipo 64. CC-BY-SA Cedida

Nestes auténticos documentos históricos pode verse a sociedade de entón, as rúas e as persoas e elementos como a Cruz de Ferro, punto de referencia do Camiño francés, tal e como era en 1964. «Vese como era hai 60 anos, cando había peregrinos de verdade e non como está agora, que fixeron unha auténtica aberración. A xente agora escribe nas pedras», lamenta Banet.

Antes de marchar á Escola Oficial de Cinematografía de Madrid, Enrique Banet estudaba Farmacia, mais a súa afección pola imaxe levouno a formar parte parte do CAC (Centro Amateur de Cine). O realizador lembra que xa levaba tres anos facendo películas co CAC cando formou o Equipo 64 cos seus colegas Anaya e Méndez. «Co CAC fixera un dramón ambientado no Pedroso e moito riu a xente ao miralo. Estabamos aprendendo todos», conta o agora investigador e profesor da UNED. 

O Equipo 64 dirixiu varios documentais en 16 mm co patrocinio da Caixa de Aforros de Santiago e elaborou un guión titulado Castelao, que non chegou a producirse pola disolución do grupo, entre outros guións inéditos que están hoxe depositados na Filmoteca de Galicia.

«Isto está mal feito cos ollos de agora, pero convén coñecer de onde vimos», explica Banet, ao tempo que recorda aqueles tempos nos que percorreron o Camiño desde Roncesvalles, ou conseguiron montar un andamio –que era do cine Metropol- diante do Pórtico da Gloria. «Naquela época non había tantas restriccións. Hoxe sería complicadísimo. Antes os composteláns tiñamos acceso ás nosas cousas e agora semella que a cidade é dos turistas», lamenta.

Vanesa Vázquez

Vanesa Vázquez

Viguesa do Calvario. Comecei e aprendín en Atlántico Diario, Radio Vigo e Expansión. Cada día conta e agora contámolo en VINTE e Praza.gal. 

Tamén che interesa

  • Horror no paraíso. Cine contra o esquecemento en ‘San Simón’

    Exterminio, liquidación, fusilamentos. Non é unha historia doada de contar. Non é fermosa, mais é real e debe coñecerse. Entre 1936 e 1943 pasaron polo campo de concentración de San Simón, na ría de Vigo, 6.000 presos. E aínda que os historiadores non acordan unha cifra sobre os asasinatos, sábese que alí eran continuos e masivos. Foron apenas sete anos de auténtico horror no paraíso que deron para moitas historias de violencia, separación, inxustiza e mesmo amor.  Moitas destas historias son recreadas na película ‘San Simón’, dirixida por Miguel A. Delgado, que se atopa en plena rodaxe. 

    Cinema
  • Andrea Varela. O talento de Foz que protagoniza ‘As Neves’

    «Que vos parece facer unha peli?» Con esta frase Sonia Méndez, a directora de As Neves, confirmaba as rapazas que chegaran á última fase dos castings a súa escolla final. Entre as elixidas atopábase Andrea Varela, quen realmente non o cría daquela, con 18 anos, mais acabaría por protagonizar o filme.

    As Neves chega este venres aos cinemas como a primeira longametraxe de ficción da directora viguesa Sonia Méndez. A historia, rodada na Fonsagrada, xira en torno a mocidade, as súas relacións e como se divirten nunha vila da montaña lucense. Elas e mais eles, coma todos, fan un uso intensivo das redes sociais a través do móbil, viven hiporconectadas, feito que iguala a xuventude de cidades e aldeas.

    Cinema
  • Carla Rivas. O outro gran descubrimento de 'O Corno'

    Todo o mundo fala de Janet Novás e o seu impresionante debut no cine como actriz protagonista de O Corno, mais o outro gran descubrimento chámase Carla Rivas e agora ten 18 anos. Ela interpreta a Luísa, unha das personaxes clave da película que vén de chegar ás salas de cine logo de gañar a Cuncha de Ouro no Festival de Cine de San Sebastián.

    Cinema
  • Lidia Veiga, a bulebule de Arzúa: «sempre fun moi dramática»

    Lidia Veiga ía para avogada, mais a día de hoxe é un dos talentos da interpretación que máis está a despuntar en Galicia, aínda que ela, máis que actriz, considérase unha traballadora cultural. Defensora da creación colectiva, Veiga protagoniza o filme “Cando toco un animal”, un proxecto valente que amosa realidades emocionais e sexuais explícitas e, ao tempo, afastadas da pornografía. «Fíxose porque tiña que existir», defende a actriz galega. En plena xira por teatros coa irreverente e divertida “Iribarne”, Veiga está a descubrir o seu propio talento para a dobraxe e aínda terá tempo para presentar, o vindeiro 23 de marzo, a gala dos Premios Mestre Mateo.

    Cinema

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.