Festival Intersección. A retranca europea máis subversiva de Total Refusal manexa os videoxogos

O Festival Intersección da Coruña arranca este martes con máis de 70 películas e unha chea de estreas, entre as que se atopa a primeira retrospectiva no Estado do colectivo Total Refusal, que se define a si mesmo como un grupo de guerrilla pseudomarxista de intervención e reapropiación artística dos videoxogos.

Cunha sorte de retranca europea moi subversiva Total Refusal crea proxectos audiovisuais realmente divertidos e críticos a partir das imaxes de videoxogos mainstream como Battlefield ou Grand Theft Auto. Xogan os videoxogos mais non fan o que deberían, segundo as normas, mentras comentan a historia ou a arquitectura do lugar. «O feito de ver a personaxes facendo cousas que non se espera deles, como pasear entre bombas por Los Ángeles é algo cómico. É algo que me interesa porque grazas á estética conseguen que a súa mensaxe chegue a máis público», detalla o director do festival, Gonzalo Veloso.

 

«Xogan a videoxogos pero subverten as lóxicas. No canto de facer as misións que o xogo indica, fan outras cousas inesperadas. Pasean polos espazos e gravan audios falando de arquitectura, historia ou calquera outra cousa». Gonzalo Veloso, director Festival Intesección, explica así a actividade do colectivo Total Refusal, protagonista da sección Retrospectiva neste ano. 

Veloso observa unha gran dose de sarcasmo no traballo de Total Refusal que se apropia das imaxes do videoxogos para crear a súa propia historia e a seu propio discurso. Como se fosen gamers que transmiten as súas partidas estes creadores contemporáneos non buscan gañar, senón que foxen das misións e eluden a violencia. 

Con esta sorte de retranca europea moi subversiva Total Refusal crea curtas ou proxectos audiovisuais máis longos realmente divertidos e lúdicos a partir das imaxes de videoxogos mainstream como Battlefield ou Grand Theft Auto. «O feito de ver a personaxes facendo cousas que non se espera deles, como pasear entre bombas por Los Ángeles é algo cómico. É algo que me interesa porque grazas á estética conseguen que a súa mensaxe chegue a máis público», detalla o director do festival da Coruña e principal responsable desta primeira retrospectiva integral no colectivo no Estado. 

«O cinema europeo está a buscar outras linguaxes e outras formas de expresarse e de ensanchar o propio concepto de cinema», argumenta Gonzalo Veloso

«Esa lóxica de facer cinema sen cámaras, con mecanismos que non están previstos para facer películas como é a captura dunha pantalla interésame moito. O cinema europeo está a buscar outras linguaxes e outras formas de expresarse e de ensanchar o propio concepto de cinema», argumenta Gonzalo Veloso.

Total Refusal é un colectivo de intervencion artística con sede en Viena. CC-BY-SA Cedida

Total Refusal, con sede en Viena, é un colectivo fundado en 2018 que se define a si mesmo como un grupo de guerrilla pseudomarxista de intervención e reapropiación artística dos videoxogos. Co seu traballo o colectivo formado por artistas, investigadores e cineastas defende a tese de que vendo os videoxogos con outros ollos podemos entender o funcionamento real do mundo.

Total Refusal, con sede en Viena, é un colectivo fundado en 2018 que se define a si mesmo como un grupo de guerrilla pseudomarxista de intervención e reapropiación artística dos videoxogos

Poñendo o foco nos personaxes non xogables, por exemplo, Total Refusal fai unha lectura política sobre os videoxogos e o traballo en Hardly Working, un dos proxectos máis premiados do grupo. Nesta obra centran a súa atención nos personaxes secundarios, que só están alí para achegar algo de «realidade». Carpinteiros, mozos de corte, lavandeiras ou varredoras. «Todos eles son mostrados atrapados nun traballo sen fin, como Sísifo. Unha actividade que se fai por completo nas rúas, á vista de todos. Non existe espazo privado para a clase traballadora. Nin o son: cando o traballo finaliza, limítanse a mirar á noite, á lúa durante horas, esperando que o ciclo comece de novo. Eses momentos de improdutividad son fermosos, coma se o algoritmo non fose quen de vixiar ás súas creacións pola noite. Como se soñaran cun mundo (ou cun xogo) mellor», relata Javier Trigales, guionista, crítico de cinema e curador da nova sección do festival, Clásicos Modernos.

«O que máis me chama a atención é que o resultado desas intelectualidades son pezas divertidas», argumenta Gonzalo Veloso, que subliña que no festival foxen de películas densas e tediosas. «Queremos chegar á xente, a nosa aspiración non é ser un festival minoritario». 

Con ese espírito nace a sección Clásicos Modernos, onde se vencellan películas consagradas coas estreas do festival. «O cinema de hoxe será o cinema clásico do futuro», argumenta o director do Intersección. 

Nesta primera edición de Clásicos Modernos Javier Trigales escolleu dúas curtas de Total Refusal, Hardly Warking e Kinderfilm polo seus vinculos cos clásicos Sen Perdón (Clint Eastwood, 1992) e Corrupción en Miami (Michael Mann, 2006), que se proxectarán o venres 25 e o sábado 26 no teatro Colón.

Fotograma de Hardly Working, de Total Refusal. CC-BY-SA Cedida

A retrospectiva programada consta de dúas sesións de proxeccións na Filmoteca de Galicia. A primeira sesión será o xoves 24 de outubro ás 20.30 horas con Operation Jane Walk, Featherfall, How to disappear, Deconstructing the bridge e Superwonder.

A segunda sesión será o venres, 25, ás 18:00 horas na Filmoteca de Galicia. Proxectarase Red Redemption, Hardly Working e Kinderfilm. Ademais, ás 19.00 haberá unha masterclass onde membros de Total Refusal responderán as preguntas relacionadas co xogo crítico como estratexia para a produción de medios subversivos.

O día 30, a cineteca Matadero acolle tamén a estrea de Disaster Tourism, que definen como unha clase-performance ambientada en Namalsk, unha illa ficcional rusa situada no estreito de Bering no xogo DayZ. 

Vanesa Vázquez

Vanesa Vázquez

Viguesa do Calvario. Comecei e aprendín en Atlántico Diario, Radio Vigo e Expansión. Cada día conta e agora contámolo en VINTE e Praza.gal. 

Tamén che interesa

  • Recuncho Gamer. «O videoxogo é o produto cultural máis completo»

    Guión, música, ilustración, deseño. Todo isto está nos videoxogos, onde, ademais, hai unha compoñente interactiva que permite cambiar a historia segundo a destreza de quen xogue. No Recuncho Gamer que vén de facer catro anos e recibir distincións como o premio Youtubeiras e o Mil Primaveras da CTNL, falan de videoxogos desde Galicia e en galego, claro. «Hai videoxogos que poden ter uns valores máis ricos e outros que poden ser máis de consumo fácil, pero iso pasa tamén no cine e na literatura, pasa en todo», explica o fundador do Recuncho Gamer.

    Iago Gordillo pon en valor o traballo que están a facer os estudios indies, con historias máis diversas e representativas en xénero ou raza. Se esperan detalles do Call of Duty ou o Fifa, este non é o lugar.

    Videoxogos
  • Sabela Eiriz. A mirada no lugar compartido

    De cativa Sabela Eiriz (Lugo, 1991) sempre quixo ser escritora, e mesmo actriz, mais foi atrapada pola maxia da fotografía, que se converteu na súa profesión. «Son fotógrafa e artista multidisciplinar». Antes, explica, dicía que era artista visual pero se sente máis cómoda coa expresión «multidisplinar» porque no seu traballo adoita combinar a imaxe con textos e vídeos.

    Neste 2024 Sabela Eiriz encadea exposicións, como a do Sarao Studio, en Ferrol, ou a Galería Néboa de Lugo, que conxuga co seu traballo na docencia da expresión plástica na Universidade da Coruña. 

    A memoria, o baleiro, ou os vínculos son as temáticas que traslocen nunha expresión artística sempre sincera e libre de artificios. Nuclear.

    Artes

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.