Repaso á mellor videocreación galega que podemos ver no festival Intersección

VINTE

Celébrase do 24 ao 27 de outubro a segunda edición de Intersección, o festival audiovisual que celebra o cruzamento entre a arte contemporánea e o cinema de vangarda. Este ano trae á Coruña a creadores recoñecidos internacionalmente como Dora García, J.P. Sniadecki ou Salomé Lamas, ao tempo que reúne unha selección dos mellores traballos de videocreación feitos en Galicia. Unha boa ocasión para saber quen está a despuntar neste terreo. 

Celébrase do 24 ao 27 de outubro a segunda edición de Intersección, o festival audiovisual que celebra o cruzamento entre a arte contemporánea e o cinema de vangarda. Este ano trae á Coruña a creadores recoñecidos internacionalmente como Dora García, J.P. Sniadecki ou Salomé Lamas, ao tempo que reúne unha selección dos mellores traballos de videocreación feitos en Galicia. Unha boa ocasión para saber quen está a despuntar neste terreo. 

  • 01

    Verónica Vicente

    O traballo de Verónica Vicente (Tomiño, 1988) transita da fotografía á performance para reflexionar sobre a identidade do individuo e a súa capacidade para adaptarse a unha sociedade limitada por todo tipo de pautas. O traballo que presenta en Interseccións, Figuras decorativas supón un acercamento ao corpo dende unha orientación contemporánea. Verónica Vicente propón transformar o corpo literalmente nun obxecto decorativo. Un obxecto que se cicela para adaptarse ao medio tomando unha postura que non lle resulta propia e renunciando ao seu estado anterior. Vicente é unha das nosas artitas máis premiadas nos últimos anos e a súa obra forma parte de diversas coleccións en España, Francia e Portugal.

  • 02

    Teresa Búa

    A fotógrafa e deseñadora téxtil Teresa Búa (Muxía, 1991) gañou en 2015 o primeiro premio do Certame de Artes Plásticas da Deputación de Ourense coa peza de videocreación que poderemos ver no festival: Jeada. Nela a artista achégase á lingua galega a través do fenómeno fonético da gheada, coma se dun retrato da súa zona xeográfica se tratase. Jeada ten a súa continuación noutra peza chamada Seseo que participou este ano no Premio Auditorio de Galicia para Novos Artistas e que se pode ver nesta web

  • 03

    Carla Andrade

    Carla Andrade (Vigo, 1983) xa é toda unha referencia na arte visual audioviusual contemporánea, con máis de vinte exposicións individuais e case incontables participacións en exposicións colectivas, festivais de cine e residencias artísticas. No Interseccións deste ano presenta en primicia dúas pezas:  Transfiguración (na imaxe) é “unha posta de sol observada mediante as propias limitacións das nosas capacidades cognitivas, na que os efectos ópticos revelan fidelidade á realidade e son, ao mesmo tempo, unha ponte aos procesos alquímicos que se producen durante este encontro diario coa alteridade radical”. E en Cando os ollos non bastan os textos da poeta Nieves Neira Roca fusiónanse con imaxes do lugar onde a artista medrou, “nunha fuga cara atrás como resposta á imposibilidade de representar unha realidade máis alá da propia”.

  • 04

    Lara e Noa Castro

    As irmás Castro (Ferrol, 1999) son xemelgas e videocreadoras. Agora con vinte anos estudan na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, pero a súa primeira oportunidade tivérona no Chanfaina Lab de San Sadurniño, comandado polo seu profesor no instituto Manolo González. Alí fixeron os traballos O ollo cobizoso (2016) e Pezas imposibles (2017), que é a videocreación que mostramos aquí. En Intersección presentan Correspondencia. O privire pentru alți ochi, unha serie de pezas realizadas a modo de cartas, nunha especie de correspondencia entre Galicia e Romanía: “Apropiámonos dos códigos da narración epistolar, buscando que nas cartas a forma se sobrepoña aos contidos e á súa cronoloxía, pero que de algunha forma exista unha reacción directa ou indirecta, causada nalgúns casos polo afán de contar, e noutros, pola necesidade de responder”.

  • 05

    Félix Fernández

    Félix Fernández (Viveiro, 1977) ten unha ampla traxectoria como performer, fotógrafo e videoartista. O seu traballo adoita xirar en torno ao corpo e como este serve como elemento sustendador da identidade. En Intersección estrea Subtextos de un patrón de mantenimiento, un traballo froito da súa intervención nas Torres Hejduk da Cidade da Cultura durante o 'Encontro de Artistas Novos' do 2015. Nela, “coma se dun conto se tratase, un narrador guíanos polas diferentes estancias subterráneas dunha arquitectura en construción, seguindo os movementos erráticos dunha personaxe gris, coa intención de mostrarnos as entrañas dunha crise institucional, dun descrédito popular das decisións dos seus dirixentes, dunha disfuncionalidade estrutural que o atravesa todo e onde a fraxilidade aparece asomada vertixinosamente dende o máis alto”, explica o creador.

  • 06

    Edu Fernández

    O artista Edu Fernández (Bilbao, 1987), a quen entrevistamos a principios de ano para este vídeo en VINTE, presenta en primicia o seu novo traballo, O bailaor de soituits. abandonado nun deses escenarios do feísmo galego e acompañado dunha cámara GoPro, interpreta unha danza dos tuits da súa conta de Twitter @dufpearl. A retranca e a arte urbana van da man nesta breve peza de videoarte, que foi inspirada polo extraordinario libro sobre o bailaor de flamenco posmoderno Israel Galván, El bailaor de soledades de Georges Didi-Huberman. A música é de Jchlbeats.

  • 07

    Iria Vázquez

    A artista Iria Vázquez presenta en premiere mundial a peza ENSAIO, como parte do proxecto Telos, que comprende e entrelaza distintos campos e disciplinas (fotografía, vídeo, danza, performance). É un proxecto de investigación artística, que se da en forma de laboratorio, en colaboración con artistas procedentes de diferentes ámbitos. Reflexiona, principalmente, sobre os elementos e conceptos que interveñen no proceso de xeración dunha obra.

  • 08

    Cillas Rodríguez

    A artista Cillas Rodríguez, ou Cillas Seyde (A Coruña, 1988), cunha interesante traxectoria en exposicións colectivas en Galicia e Portugal, presenta a premiere de Twins, unha instalación composta por dúas proxeccións de vídeo. As dúas proxeccións recollen un único plano-secuencia dun mesmo percorrido e posúen a mesma duración. Con todo, un dos vídeos reprodúcese máis lentamente que o outro. Este traballo interpreta o paradoxo da relatividade do espazo-tempo.

  • 09

    Iago Eireos

    Cunha ampla traxectoria no mundo da pintura, a instalación, a fotografía e a arte urbana, Iago Eireos (Lugo, 1980) presenta en Intesección Xustiza, peza audiovisual froito da instalación que realizou este ano para o Premio Auditorio de Galicia para novos artistas. Xustiza transita entre a linguaxe cinética e sonora e xera un xogo de forzas e movementos cíclicos que provocan unha resposta desde a tensión, o equilibrio e a inflexión. A obra forma parte da serie Nación S.A., un proxecto máis amplo que xorde da procura da identidade individual nun contexto global, onde se cuestionan as figuras, símbolos e sentimentos dunha colectividade indeterminada. 

  • 10

    Carme Nogueira

    Outra veterana da arte contemporánea galega que cada vez se prodiga máis no formato audiovisual é Carme Nogueira (Vigo, 1970), que desta vez trae a Intersección en primicia mundial a peza Llamada a la escuela, un traballo que deconstrúe unha pasaxe (a visita á escola) de Las Hurdes tierra sin pan de Buñuel (1933). Sobre o audio da versión sonorizada coa voz de Paco Rabal, a autora traballa poñendo á luz unha serie de materiais de arquivo que visibilizan outras realidades coetáneas á película: a das clases de dous profesores que traballaron con metodoloxías innovadoras en dous pobos das Hurdes. As imaxes de Llamada a la escuela son os materiais resultantes desta experiencia artística cuxa intención é agrandar o espazo da imaxinación e a posibilidade.

  • 11

    Vázquez/Arrieta

    Vicente Vázquez (Tarragona, 1976) e Usúe Arrieta (Arrasate, 1979), parella artística tamén coñecida como WeareQQ que participaran dos inicios do Novo Cinema Galego coa súa curtametraxe Canedo (2010) ou colaborando con Óliver Laxe na súa curta París #1, regresan presentando a peza BAJADA (Everybody gives up sooner or later). As horas previas á celebración da chegada do solsticio de verán, xs skaters da zona baixaban cos seus patines pola calzada que une o centro da vila co skate park a Kantera. Nos 90 instaláronse na calzada pasos de peóns elevados, aportando ao trazado un elemento difícil de sortear. Tras un accidente grave, a baixada deixou de celebrarse. A peza amosa unha traxectoria alternativa de descenso á Kantera, que transcorre entre a herba e o asfalto, cuxo punto de unión é difícil de sortear, e onde a descontinuidade aumenta cada vez que se intenta traspasar.

  • 12

    Alberte Pagán

    É difícil que falte nunha mostra de arte audiovisual algunha peza do prolífico, veterano e rebelde Alberte Pagán (O Carballiño, 1965). Nesta ocasión vainos mostrar un dos seus últimos traballos, titulado 6x9. Unha peza audiovisual composta con 75 vellas fotografias atopadas nun mercado de Helsinki a finais de agosto de 2019 e mercadas por 60€: “83 rostos anônimos que nos olham, às vezes de esguelho, desde há mais dum século. Mas sí ficam bem impressos nos cartóns os nomes das e dos fotógrafos. A falsidade da arte: fotografamos umha mulher, umha família, para imortalizá-la. O único que se conserva 150 anos despois é o nome do estudo fotográficoNom pode haver interpretaçom destas vidas congeladas no papel. Só o seu tamanho: 6 x 9 centímetros. E o tempo concedido: 7,5 segundos”.

Tamén che interesa

  • 7 artistas de aquí e de vangarda que vas poder coñecer grazas ao WOS

    Do 11 ao 15 de setembro celébrase unha nova edición do WOS, o festival que leva seis anos levando a Compostela as propostas máis estimulantes da música contemporánea e de vangarda, xunto coa exploración de artes visuais e tecnolóxicas. Con medio cento de actividades espalladas por distintos locais da cidade, o WOS tráenos o melloriño do panorama internacional (Holly Herndon, Plaid, Gazelle Twin ou Bendik Giske) pero tamén porá o foco nos artistas galegos de música experimental e de vangarda, nun showcase que será o vindeiro xoves 12 na SGAE. Se non os coñecías, aquí chos presentamos, canda algún outro destacado do festival. 

    Festivais
  • Dez momentos que desbordan unha década de (S8)

    O (S8) Mostra de Cinema Periférico arrinca unha nova edición, a décima xa, desde que en 2010 abrollase na Coruña un festival que quería celebrar o cinema analóxico, o raro, o experimental, o recuperado. Desde aqueles comezos, que tiveron por sede o vello cárcere da Coruña,  foron ducias de artistas internacionais os que pasaron pola mostra a ofrecer proxeccións, charlas, performances e obradoiros, e tamén moitos galegos que puideron presentar os seus traballos menos convencionais. Dez anos de cheiro a celuloide que queremos repasar destacando dez dos momentos máis especiais do (S8).

    Cinema

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.