Cinema

Dez momentos que desbordan unha década de (S8)

VINTE

O (S8) Mostra de Cinema Periférico arrinca unha nova edición, a décima xa, desde que en 2010 abrollase na Coruña un festival que quería celebrar o cinema analóxico, o raro, o experimental, o recuperado. Desde aqueles comezos, que tiveron por sede o vello cárcere da Coruña, foron ducias de artistas internacionais os que pasaron pola mostra a ofrecer proxeccións, charlas, performances e obradoiros, e tamén moitos galegos que puideron presentar os seus traballos menos convencionais. Dez anos de cheiro a celuloide que queremos repasar destacando dez dos momentos máis especiais do (S8).

O (S8) Mostra de Cinema Periférico arrinca unha nova edición, a décima xa, desde que en 2010 abrollase na Coruña un festival que quería celebrar o cinema analóxico, o raro, o experimental, o recuperado. Desde aqueles comezos, que tiveron por sede o vello cárcere da Coruña, foron ducias de artistas internacionais os que pasaron pola mostra a ofrecer proxeccións, charlas, performances e obradoiros, e tamén moitos galegos que puideron presentar os seus traballos menos convencionais. Dez anos de cheiro a celuloide que queremos repasar destacando dez dos momentos máis especiais do (S8).

  • 01

    2010. O celuloide toma o cárcere.

    Comezaba a primeira edición cunha retrospectiva de Iván Zulueta como plato forte, mais tamén con grandes nomes como o de Bruce McClure, Mark Rappaport, María Cañas ou Alberte Pagán, que xa quedarían para sempre vinculados ao festival. Viviuse unha velada delirante de ‘Trash entre amigos’ con Nacho Vigalondo e outros comentando en directo un filme de culto de Amando de Ossorio. O antigo cárcere da Coruña converteuse nunha gran sala de xogos grazas ao colectivo Mobileskino, que accionaba grandes videoxogos de Arcade a través de proxectores de Super 8. Todo un manifesto do cinema expandido e performativo que non precisa salas senón que ten moitas maneiras de estimular os nosos sentidos. E así quedaba inaugurado o (S8) e con el unha década de cinema periférico na cidade. 

  • 02

    2011. Guy Sherwin e novas creadoras de cine galegas.

    Visitou o festival un dos grandes mestres do cinema performativo, o londinense Guy Sherwin, que trouxo varias das súas pezas curtas e ofreceu unha sesión de live cinema en directo. A xente da Revista Lumière fixo daquela este vídeo resumindo o encontro que tivo co público. Nesta edición estivo tamén proxectando no cárcere o colectivo Left Hand Rotation e o festival seguiuse achegando á creación galega en novos formatos, presentando traballos de creadoras como Peque Varela, María Ruído, Lara Bacelo ou Xisela Franco

  • 03

    2012. Peter Kubelka, galego adoptivo.

    En 2012 o (S8) trasládase ao Centro Ágora da Coruña, recén estreado. O público da mostra íase ampliando e, por primeira vez, as performances que eran para adultos tamén se proxectaron en sesións especiais para nenos e nenas. O festival recibiu aquel ano a Michael Nyman, que ofreceu un cine-concerto tocando no piano a banda sonora da película O home da cámara de Vertov, e tamén o veterano cineasta austríaco Peter Kubelka.  Segundo nos conta a organización Kubelka “namorou de Galicia e ao rematar o festival alugou unha furgoneta para visitar lugares tan emblemáticos como o Castro de Baroña.” Durante eses días sentiuse galego e “interviu un prato de polbo”, como podemos ver na imaxe. 

  • 04

    2013. A bisneta de Méliès.

    A inauguración da cuarta edición do (S8) tivo como protagonista este año as ensoñadoras películas do pioneiro do cine Georges Méliès, con dous convidados de excepción: Marie-Hélène Lehérissey, bisneta do cineasta, narrando en directo as películas,  e o seu tataraneto, Lawrence Lehérissey tocando a músiaca no piano. A Coruña tivo así a experiencia de poder ver cine coma se estivese no 1900. O festival puxo ese ano o foco en Arxentina, con creadores como Claudio Caldini. Tamén estiveron os cineastas norteamericanos Ben Russell e Ben Rivers, Jaime Chávarri presentando as súas primeiras películas feitas en super 8, e proxectouse por primeira vez a obra de Lois Patiño

  • 05

    2014. Cando a Coruña foi Osaka

    En xuño de 2014 a cidade encheuse de aires orientais: o país convidado era Xapón. A xente podía atopar gueishas calquera día paseando pola rúa Real, e ata sete creadores nipóns mostraron o seu cine de vangarda. Entre eles Takahiko Iimura, pioneiro do cine experimental xaponés. O apartado Sinais estivo dedicado a Eloy Domínguez Serén, que presentaba Anacos, cadernos filmados das súas viaxes a distintos países. E Xurxo Chirro presentaba Une histoire seule, filme que buscaba a inspiración en Godard

  • 06

    2015. Ken Jacobs e o 3D analóxico

    A 6ª edición estivo marcada pola presenza de Ken Jacobs, que trouxo por primeira vez a España a súa lanterna máxica nerviosa, coa que se podía ver 3D analóxico sen gafas. O cineasta norteamericano impartiu unha masterclass que se pode ver enteira aínda en Youtube. O país convidado foi Brasil e os Sinais estiveron dedicados a Xacio Baño, mentres puidemos ver pezas doutros creadores galegos como Marcos Nine, Carla Andrade ou Miguel Mariño

  • 07

    2016. Impresións, subversións, visións.

    O festival recibiu a visita de Martha Colburn, unha das máis relevantes figuras da animación experimental, punk e subversiva, que presentou unha selección dos seus traballos en 16mm e unha sesión de VJ xunto a Jesús Guisado.   A séptima edición do (S8), titulada “Os novos impresionistas”, estivo tamén marcada pola presenza do francés Jacques Perconte e do canadense Stephen Broomer. O foco de Sinais púxose en Xiana Gómez-Díaz (Xiana do Teixeiro) e presentouse ademais a peza colectiva Visións, realizada por 10 cineastas galegas dentro do proxecto ‘Cinema e Muller’ da Deputación de Pontevedra. 

  • 08

    2017. Luther Price: celuloide baixo terra

    Visitou o festival Luther Price. O cineasta enterra bobinas alá onde vai. Nesta ocasión enterrou filmes tamén na Coruña. No (S8) din que "non sabemos onde están, porque sempre o fai en secreto aínda que sospeitamos que é polos arredores da Torre de Hércules". Ese ano tamén estiveron autoras tan importantes como Cecile Fontaine, María Cañas ou Diana Toucedo

  • 09

    2018. Philip Hoffman: facer cine con flores e con auga de mar.

    Philip Hoffman trouxo ata a Coruña en certo modo a súa Film Farm de Canadá. Impartiu un taller de catro días baixo a filosofía do que el chama o Process Cinema. Co 16mm como formato guía, e revelando con materiais ecolóxicos como flores silvestres e auga de mar, uns días únicos da man dunha das figuras esenciais do cinema artesanal e diarístico. O (S8) dedicou tamén un ciclo a María Ruido que incluíu unha exposición, unha retrospectiva e a estrea da súa obra Mater Amatísima

  • 10

    2019. Dez anos de festival.

    O (S8) aborda a súa décima edición totalmente consolidado na Coruña como unha cita internacional de referencia para o cinema experimental.  México é o país onde o festival pon o foco este ano, no que tamén recibirá a visita de cineastas tan importantes como a chilena Jeanette Muñoz, a peruana Madi Piller ou a neoyorkina Naomi Uman, que xa estivera no festival. No apartado de creación galega temos os Sinais dedicados ao traballo de Carla Andrade e a estrea mundial de 7 limbos, obra de Berio Molina e Alexandre Cancelo que intervén na paisaxe sonora ofrecendo unha abraiante experiencia performativa na que é esencial poñer a orella. Na web do festival podemos consultar o seu completo programa.  

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.