MiniCans. O Festival de Cans tamén é para a rapazada

© Festival de Cans

Esta fin de semana desenvolverase outra edición do Festival de Cans. Canda el, e pasando máis desapercibida, teremos unha ampla e atractiva oferta para o público máis novo baixo o nome de MiniCans. 

O Festival de Cans xa vai pola súa XVI edición e segue medrando, sobre todo en calidade e oferta. O que empezou sendo ese pequeno festival de curtas na actualidade é un festival de sona con seccións de ficción, non ficción, animación e videoclips. E ademais Cans converteuse nun lugar de encontro cunha oferta variada e interesantísima que inclúe retrospectivas, coloquios e música. Desde o inicio sempre tivo programación infantil pero desde hai 5 anos conta tamén cun espazo plenamente consolidado dedicado á rapazada: MiniCans

MiniCans é un espazo onde se desenvolverán actividades relacionadas co cine especificamente orientadas aos máis cativos. Conta con parque infantil, área de xogos e zona de xantares con menús infantís (e tamén vexetarianos, celíacos e veganos). A programación é moi completa, así que imos debullala para ver de non perder ningún obradoiro.

Imaxe deste Festival de Cans 2019. © Festival de Cans

Obradoiro de cine “Da imaxinación á pantalla - Participa Méliès”

Neste obradoiro, que tivo moito éxito o ano pasado, os rapaces e rapazas participantes farán cunha tablet unha curtametraxe fantástica con efectos especiais sinxelos. Terán que guionizala, gravala e editala. O taller estará coordinado polo realizador e educador Alexis Borrás, que ten traballado con directores do talento de Juanma Bajo Ulloa ou Borja Cobeaga e que é profesor da Universitat Autònoma de Barcelona. As pezas que se fagan participarán no concurso Participa Méliès, unha iniciativa da Obra Social La Caixa.

Imaxe do obradoiro do ano pasado. © Festival de Cans

Proxecto contra a violencia de xénero “Xénero/Historias”

Neste proxecto impulsado polo Concello do Porriño participou xuventude de entre 13 e 15 anos dos catro institutos que hai no municipio. En total máis de 250 estudantes que realizaron ao longo do curso escolar 11 curtametraxes sobre o problema da violencia machista. Todo o proxecto estivo coordinado polo pedagogo Rubén Barciela e foi posible grazas ao realizador Xosé David Gamallo e a pedagoga Cristina Míguez. O resultado de todo o traballo poderase ver en Cans cunha estrea absoluta das pezas para todo o festival.

Despois da estrea das curtametraxes, terá lugar unha festa na que algúns alumnos interpretarán cancións de hip hop con letras escritas por eles e relacionadas tamén coa violencia machista. Todo isto no marco do obradoiro Xénero/versos. Algunha destas cancións foi utilizada como banda sonora nas curtametraxes e será editada co apoio da Fundación SGAE. As imaxes que seguen son dalgúns dos participantes do ano pasado.

Cre-accións: Obradoiro creativo de stop-motion.

Ramiro Rodríguez dos Santos, impartirá este obradoiro no que as nenas e os nenos participantes farán un guión para despois levalo á practica en stop-motion. Falamos de rapazada de entre 4 e 12 anos, que aprenderán a utilizar esta técnica. A imaxe que levamos á portada pertence a este obradoiro.

A Caixiña de Mistos

A Caixiña de mistos é unha actividade guiada por Mr. Misto e co tempo converteuse nunha das de máis éxito do Festival de Cans. Consiste por unha banda nun obradoiro de iniciación á curtametraxe centrado nos máis pequeniños e pola outra na que probablemente sexa a primeira experiencia cinematográfica de moitos deles, nunha caravana vella e customizada na que entrarán sós e asistirán á proxección de pezas de animación.

A Caixa dos Mistos de MiniCans. © Festival de Cans

Son-Cinema 

Esta actividade está centrada nas emocións que a música e o son, en relación coas imaxes, poden provocar no espectador. Conducido por Juanma LoDo, fará un repaso polas músicas de filmes moi coñecidos para, a partir delas, e utilizando sintetizadores e obxectos do cotián, xogar cos nenos e nenas comprobando como varía a percepción das imaxes en función da música.

Contacontos ilustrado sobre María Casares

Polo Correo do Vento, o colectivo especializado en actividades lúdicas coa lectura, a creatividade e a comprensión oral en galego, guiará esta actividade para que as nenas e nenos escoiten unha historia narrada mentres fan un guión debuxado, ou o que ven sendo un storyboard. Desta maneira aprenderán a utilizar este tipo de ferramenta dunha maneira divertida. Despois tamén realizarán un obradoiro de debuxo sobre a actriz María Casares

Música

Ademais de todo o que citamos tamén haberá concertos en MiniCans. Su Garrido Pombo, recente gañadora nos Premios da Música Martín Códax na categoría de canción de autora, estará presentando o seu primeiro disco en solitario Quedo a vivir aquí. Os Psychotropic Boom ofrecerán o seu divertido repertorio con instrumentos de vento, no que tocarán clásicos musicais de películas famosas. E por último tamén estará Pakolas, co seu espectáculo infantil Cores, contos e rock’n’roll no que combina música, narración e os debuxos en directo coa ilustradora Laura Romero, coñecida polo seu proxecto Musicas galegas ilustradas.

Laura Romero e Pakolas. © Festival de Cans

Toda a programación do Festival de Cans pode consultarse na súa web e tamén no seu Facebook, onde haberá imaxes de todas as actividades.

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.