Nove pelis (e máis cousas) que non podes perder en Novos Cinemas

Cibrán Tenreiro

Hoxe empeza en Pontevedra a terceira edición de Novos Cinemas, o festival internacional de cinema da cidade, que ten de particular o que indica o seu nome: non que os filmes que proxecta sexan novidades (que tamén), senón que se centra no cinema feito por novos e novas cineastas. Isto déixase ver nas películas a competición, que son a primeira ou segunda longametraxe destes talentos emerxentes, pero tamén nas numerosas actividades formativas para o alumnado da cidade (dende primaria ata a Universidade) e nun certo espírito de inmediatez e busca e apaixonamento xuvenil que atravesa a programación. Logo de dúas edicións en xuño, o festival pasa ao inverno, o momento no que máis presta meterse nas salas, e en VINTE propoñémosvos unhas poucas cousas que ver alí durante esta semana.

Hoxe empeza en Pontevedra a terceira edición de Novos Cinemas, o festival internacional de cinema da cidade, que ten de particular o que indica o seu nome: non que os filmes que proxecta sexan novidades (que tamén), senón que se centra no cinema feito por novos e novas cineastas. Isto déixase ver nas películas a competición, que son a primeira ou segunda longametraxe destes talentos emerxentes, pero tamén nas numerosas actividades formativas para o alumnado da cidade (dende primaria ata a Universidade) e nun certo espírito de inmediatez e busca e apaixonamento xuvenil que atravesa a programación. Logo de dúas edicións en xuño, o festival pasa ao inverno, o momento no que máis presta meterse nas salas, e en VINTE propoñémosvos unhas poucas cousas que ver alí durante esta semana.

  • 01

    Un violent désir de bonheur

    Nun momento político tan necesitado de ilusións e imaxinación revolucionaria como o actual, pode ser ben interesante botar a vista atrás para botar a vista adiante cun filme como a ópera prima do francés Clément Schneider: este “violento desexo de alegría” é unha fábula sobre o amor, o colectivo e a individualidade, protagonizada por un monxe que se ve inmerso no proceso de (auto)descubrimento da Revolución Francesa. A banda sonora, con cancións de Patti Smith ou Marianne Faithfull, dálle á película un aquel punk e conecta as ideas dun e outro tempo. Schneider, nacido en 1989, é o máis novo dos participantes na Sección Oficial e estará en Pontevedra para a estrea en Galicia do seu filme.

  • 02

    Chuva é cantoria na aldeia dos mortos

    Nun festival como Novos Cinemas non podía faltar algún filme de coming of age, ese subxénero que retrata o paso da nenez á idade adulta. Claro que hai máis maneiras de facelo que as de clásicos como Supersalidos, The Breakfast Club ou Rebelde sen causa. Chuva e cantoria na aldeia dos mortos, de João Salaviza e Renée Nader Messora, sitúase nun contexto ben diferente ao centrarse en Ihjac, un indíxena krahô do norte do Brasil. Aos seus quince anos, ten que facerse cargo do funeral polo seu pai, e tamén da súa muller e o seu pequeno bebé. Entre pesadelos, parece escoitar a voz do seu pai chamalo á fervenza e sente as súas molestias e dores como posibles revelacións chamánicas. O filme, outro dos destacados da Sección Oficial, levou o Premio Especial do Xurado da sección Un Certain Regard de Cannes, onde o equipo protestou na alfombra vermella contra o xenocidio indíxena no Brasil.

  • 03

    The World is Full of Secrets

    Neste filme do americano Graham Swon (que estará tamén en Novos Cinemas para presentalo), unha voz de muller lembra un feito terrible do seu pasado: nunha noite de verán de 1996, cinco adolescentes reúnense nunha casa dun barrio residencial. Para matar o tempo, comezan a narrar historias de terror, e unha competición morbosa entre elas empeza. Ángel Santos, director artístico do festival, descríbeo como “un filme de terror posmoderno, sen acción nen sangue, só co propio relato”, e nel reflíctese a asociación da bruxería e os contos do sobrenatural coa opresión das mulleres. 

  • 04

    <3

    Ademais da Sección Oficial, Novos Cinemas ten outra sección competitiva, Latexos, dirixida ao público máis novo e protagonizada polas problemáticas e os xeitos de pensar (e facer) da xeración millennial. É o lugar perfecto para un filme titulado <3, que segundo Ángel é “unha especie de Comizi d’Amore de Pasolini sobre os usos e costumes dos amoríos no parque do Retiro”. No trailer deste filme de María Antón Cabot podedes ver amor, luz de verán, natureza na cidade e paos selfie. É só unha mostra desta sección de películas feitas “sen case nada máis que a vontade de facelas”, que inclúe tamén obras como Young and Beautiful, de Marina Lameiro, ou El silencio es un cuerpo que cae, de Agustina Comedi.

  • 05

    Apuntes para una película de atracos

    Máis aló das seccións competitivas, Novos Cinemas ofrece tamén a oportunidade de ver filmes que comparten o seu espírito. É o caso da película de apertura desta edición, Apuntes para una película de atracos. Na súa segunda longa, Elías León Siminiani achégase ao xénero dunha maneira ben particular, iniciando co envío dunha carta ao “Robin Hood de Vallecas” e saltando entre o diario fílmico, o ensaio, a investigación ou o retrato. Por diante, o entusiasmo dos descubrimentos constantes e o carácter xoguetón do cine de Siminiani, que protagonizará tamén un dos Encontros do festival. O segundo filme de Eloy Domínguez Serén, Hamada, protagonizará pola súa banda a clausura.

  • 06

    The Dead / Dublineses

    Nicholas Ray dicía que cada filme, cada escena e mesmo cada plano debería filmarse como se fose a primeira ou a derradeira vez, pola incerteza e paixón de quen pon nesa acción todo o que leva dentro. En Novos Cinemas bautizaron como Por primeira ou última vez unha sección que presenta a primeira (ou a derradeira) película dalgún cineasta, e que lles permite disfrutar “do pracer de ver cinema fóra de tempada, de estreas ou modas, polo pracer de velo e falar del”. Desta volta, a elixida é The Dead (Dublineses), a adaptación de James Joyce que supuxo o testamento fílmico de John Huston. O crítico José Manuel López acompañará a sesión cunha clase maxistral sobre o cineasta.

  • 07

    Os Mutantes

    O movemento e a vertixe da mocidade, vistos en tres adolescentes que viven na rúa, protagonizan Os mutantes, un dos filmes máis importantes de Teresa Villaverde, a quen se dedica a retrospectiva de Novos Cinemas este ano. Villaverde é unha das pioneiras (con Pedro Costa ou Manuel Mozos) da reconversión estética do cinema portugués a comezos dos anos noventa, cun cinema ideoloxicamente radical pero cheo de beleza. O festival pontevedrés acollerá a proxección de tres das súas películas.

  • 08

    Galician Bizarre

    Despois dunha enchente de películas senta ben unha pausa e un pouco de movemento, que tantas horas no asento son malas para as costas. As Noites de Novos Cinemas funcionan como lugar de reunión e celebración ao remate das proxeccións, e teñen este ano as propostas do colectivo Galician Bizarre (que tamén comparten ese espírito inmediato e apaixonado) como eixo vertebrador. Así, haberá concertos de Selvática ou Esposa (este en sesión vermú) ou pinchadas de música galega a cargo dos bizarros, coa sección completada coas actuacións de Disco Las Palmeras!, Rayotaser, Pantano, Trompas de Farlopio ou Glitter & Litter.

  • 09

    Aula

    Para rematar, nun festival non hai por que velo todo dende fóra. En Novos Cinemas a parte formativa ten un peso destacado ao longo do ano, e a sección Aula ofrece a oportunidade de aprender ás persoas interesadas nas diferentes facetas do cinema. En concreto, as rapazas e rapaces de 8 a 12 anos poderán participar en Pensando en imaxes, un obradoiro de cartelería para cinema que parte dos deseños clásicos de Saul Bass, e Teresa Villaverde protagonizará un encontro gratuíto no que compartirá as claves da súa maneira de entender o cinema, no que empezou con 22 anos. Ademais, o festival dará inicio coa proxección das pezas creadas no obradoiro Un camiño posible que dirixiu Eloy Enciso hai uns meses con alumnado da UVIGO.

Cibrán Tenreiro

Cibrán Tenreiro

Cibrán Tenreiro escribe (no blog Bolsa de Patacas), toca (en Esposa, Monstruo ou Zara), fala (na vida e, ás veces, na Radio Galega) e é Doutor en Comunicación pola USC.

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.