Play-Doc. Os documentais máis estimulantes da colleita galega que poderemos ver en Tui

María Yáñez

O Play-Doc de Tui, que celebra a súa 15ª edición do 3 ao 7 de abril, destaca sempre por traer o mellor do panorama internacional co seu exquisito criterio á hora de seleccionar obras e autores moi difíciles de ver aquí en pantalla grande. Mais tamén, cada ano, ofrece unha escolma de cine documental feito en Galicia ou por galegos que nos permite coñecer as nosas diversas e persoais olladas sobre o mundo. Imos ver cales son os autores e pezas documentais escollidas deste ano. 

O Play-Doc de Tui, que celebra a súa 15ª edición do 3 ao 7 de abril, destaca sempre por traer o mellor do panorama internacional co seu exquisito criterio á hora de seleccionar obras e autores moi difíciles de ver aquí en pantalla grande. Mais tamén, cada ano, ofrece unha escolma de cine documental feito en Galicia ou por galegos que nos permite coñecer as nosas diversas e persoais olladas sobre o mundo. Imos ver cales son os autores e pezas documentais escollidas deste ano. 

  • 01

    'A Typical Morning', de Arancha Brandón

    Arancha Brandón (A Guarda, 1995) é unha artista multidisciplinar que vive na actualidade en Barcelona. Presenta no Play-Doc esta curta que viaxa entre o pasado e o presente a través das vivencias da súa nai na aldea de Figueiró (Tomiño). Unha peza creada no no obradoiro #Aula de Eloy Enciso do Festival Internacional Novos Cinemas de Pontevedra, que continúa a liña de exploración da memoria familiar que xa nos amosara en Cando mamá pechou as caixas, premiada o pasado ano no OUFF e en Xociviga. 

  • 02

    'Empalaos - Valverde de la Vera', de Iria Sanjurjo

    Iria Sanjurjo leva tempo afincada en Madrid como realizadora e montadora e é a primeira vez que amosa o seu traballo nun festival galego. A peza que presenta en Tui fai parte da súa primeira serie documental, "Rituales y fiestas ancestrales de la península ibérica y Europa”, e nela acompaña os empalaos de Valverde de la Vera ao longo do proceso íntimo de preparación como penitentes. Neste ritual, filmado cunha ollada fotográfica moi interesante, afloran emocións, tenruras e valores, así como unha solidariedade colectiva necesaria para que os empalaos leven a cabo as súas promesas.

  • 03

    'Gallo', de Antonio Díaz Huerta

    A produtora galega Frida Films (Trote, María e os demais) coproduce este documental sobre o campión de surf vasco Aitor Francesena, que se presentou no pasado Festival de San Sebastián. Aitor naceu cun glaucoma conxénito que fixo que perdera a visión do seu ollo dereito con tan só catorce anos. Aínda que os médicos recomendaron que non volvese a facer surf, decidiu non seguir os seus consellos e perdeu a vista nun fatídico accidente mentres o practicaba. Tiña 39 anos. Hoxe, 5 anos despois do accidente, Aitor quere demostrar que as persoas con discapacidades poden enfrontarse a calquera reto que se propoñan, pero para iso terá que prepararse física e mentalmente. Sobre todo terá que vencer as dúbidas e os medos por volver a revivir o accidente que o deixou cego.

  • 04

    'Hamada', de Eloy Domínguez Serén

    Eloy Domínguez Serén estreou no prestixioso IDFA a súa última longametraxe, unha coprodución entre Suecia, Noruega e Dinamarca rodada nun campamento de refuxiados saharauí. Os mozos protagonistas de Hamada pasan os seus días amañando coches, loitando por un cambio político que nunca chega e soñando cun futuro que probablemente non sucederá. Con todas as expectativas, enerxías e ilusións da xuventude, soñan con elevarse sobre as fronteiras físicas que os arrodean. Despois de percorrer varios festivais recala en Tui, onde xa fora premiada a súa anterior longametraxe, No Cow In The Ice, en 2016 e perto da gasolineira onde rodou Jet Lag, un dos seus traballos anteriores. Así que pode dicirse que o de Meaño, un dos nosos cineastas máis internacionais, volve xogar na casa.  

  • 05

    'Ilha', de Alexandre Cancelo

    Esta singular peza vén producida polo festival Sinsal e nela a Illa de San Simón é protagonista. Alexandre Cancelo, realizador que leva tempo vinculado ao festival, estrea en Tui Ilha pero non agardemos unha reportaxe turística ou de promoción do Sinsal. Así de suxerente é a súa sinopse: “Os ecos dunha illa perduran no espazo e na memoria. As voces resoan vivas. Un momento e un lugar, os vivos son sombras que transitan entre a paisaxe descolorida da enseada. A historia pousa no presente. A historia proxecta o seu lamento. Tres trobadoras. Un aparello que atrapa a voz. Unha pintora que trae de volta a cor. «Son illas afortunadas, son terras sen ter lugar. Onde o rei mora esperando. Mais se imos espertando, cala a voz e hai só mar»”.

  • 06

    'Lucía en la noche', de David Varela

    O vigués David Varela leva anos traballando en Madrid como realizador de documentais e tamén á fronte da asociación DOCMA. Na actualidade codirixe o festival Documenta Madrid. Non é a primeira vez que presenta os seus traballos como cineasta no Play-Doc, e desta vez elixe o festival para presentar en primicia Lucía en la noche, unha curta feita coas imaxes que gravou no seu móbil da súa filla de catro anos, nas que esta conta os seus soños e trata de interpretalos e á vez de discernir que significa estar durmida e cal é a diferenza entre a vixilia e o sono.  

  • 07

    'Manoliño Nguema', de Antonio Grunfeld

    Marcelo Ndong, tamén coñecido como Manoliño Nguema, naceu en Malabo, capital de Guinea Ecuatorial, hai máis de 60 anos, cando o país aínda era unha colonia de España. Sendo moi novo viaxou a Galicia, en 1968, formándose grazas a unha bolsa de estudos no Circo dos Muchachos de Bemposta. Despois de dar a volta ao mundo varias veces actuando nos espectáculos desta pioneira escola de circo, decidiu volver a Guinea a comezos dos 90, onde acabou creando a primeira escola de circo do país. Este documental, dirixido por Antonio Grunfeld, percorre a súa vida e os seus proxectos, grazas ao impulso da ONGD Waka Films e da produtora Fílmika Galaica, coa colaboración da Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso).  Podes coñecer máis sobre a súa historia nesta reportaxe de Marcos Pérez en Praza

  • 08

    ‘Rexistros. Xeografía de San Sadurniño’, de Adrián Canoura

    No último ano o nome de Adrián Canoura está presente como unha das grandes revelacións do cinema experimental e tamén no ámbito da música acompañando cos seus visuais o proxecto Baiuca. Foi convidado á última edición do Chanfaina Lab de San Sadurniño e a peza resultante foi seleccionada para este Panorama Galicia no Play-Doc. Así di a súa sinopse:  "Unhas árbores, uns animais, luces, cores, espazos… Unha navegación sensorial polas aldeas de San Sadurniño, onde ver é reter-percibir, onde o ollo non está contaminado e goza a través da aventura da percepción. Parafraseando a Stan Brakhage: «Cantas cores hai nun campo de herba para o bebé, que gatea ignorante do ‘verde’? Cantos arcos da vella pode crear a luz para o ollo non educado? Canto consciente das variacións nas ondas de calor pode ser ese ollo?»"

  • 09

    'What You Gonna Do When The World Is On Fire', de Roberto Minervini

    No verán de 2017, unha serie de brutais asasinatos policiais de mozos afroamericanos provocan unha grande conmoción en todo o país. Unha comunidade negra en América do Sur trata de facer fronte aos efectos persistentes do pasado e saír adiante nun país que non está do seu lado. Mentres, os Black Panthers preparan unha protesta a gran escala contra a brutalidade policial. O reputado cineasta italiano Roberto Minervini achega neste documental unha meditación abrasadora sobre a cuestión racial en América. A conexión galega vén polo seu director de fotografía, o vigués Diego Romero Suárez-Llanos, que é a terceira vez que traballa man a man con Minervini. Ao italiano dedicóuselle unha retrospectiva na última edición do festival compostelán Curtocircuíto.

  • 10

    'La estrella errante', de Alberto Gracia

    Hai quen lle chama a Alberto Gracia “o cineasta máis punk do panorama galego” e no seu último filme mantense fiel a esa fama. Estreada o pasado ano no Festival de Rotterdam e premiada no Festival de Sevilla, La estrella errante proxectarse en Tui dentro dunha nova sección, North By Nortwest, na que comparte espazo con documentais feitos en Asturias e no País Vasco. O filme viaxa a Vigo con Rober Perdut, músico dunha banda maldita de punk dos 80 chamada Los Fiambres. Pero non agardemos unha biopic musical ao uso senón máis ben unha “polémica, visionaria e radical película que xoga ao despiste cunha estrutura claramente rupturista”, tal como comentaba despois de vela en Sevilla o crítico Brais Romero en A cuarta parede. O trailer xa nos dá pistas de que non é unha película fácil. 

María Yáñez

María Yáñez

Xornalista. Levo vinte anos traballando na rede e no audiovisual. Adoro as revistas en todos os seus formatos. Agora dirixo VINTE da man de Praza.gal.

O cinema galego máis novo

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.