Lucía Estévez A nova cineasta da que todos falan este ano

Hai un ano pouca xente coñecía o nome de Lucía Estévez. Pero esa pouca xente predicaba a boa nova: tes que coñecer esta rapaza, unha crack. O 2018 foi avanzando e o seu nome ía soando cada vez máis: é a que gañou o Premio María Luz Morales de ensaio, fixo o videobook de non sei quen, fixo o trailer dunha obra de teatro, fixo un fashion film, fixo unha peza de videodanza, presentou unha curta en Curtocircuito, fixo outra para o Chanfaina Lab, traballou de script e de asistente de cámara en varias pelis e series… para, vai a modo, quen dicías que era esta ghicha? E por que todo mundo fala dela dun ano para acó? 

“Si, a verdade é que fixen moita bobina este ano”. É a maneira que ten Estévez (Vigo, 1994) de quitarlle importancia á voráxine profesional á que se enfrentou durante todo 2018.  Mais recoñece que “foi tamén moi creativo a nivel individual, foi a primeira vez que me vin como autora. Atopei unha liña que seguir á hora de contar as cousas, atopei un discurso”.  E fíxoo sobre todo con Sendeiro, a curtametraxe que presentou no último Curtocircuíto, un conto de irmáns protagonizado pola actriz Cristina Andrade, que con 23 anos é outra nova promesa da nosa interpretación. 

“Con Sendeiro atopei na dirección de actrices un camiño que me interesa moito, o de que elas teñan liberdade de xogar e de seren actrices creadoras, e logo contar a historia que eu quero contar pero implicándoas desde o principio no proceso creativo”. Algo semellante ao que fixo con Melania Cruz en Arrolo, unha peza para o Chanfaina Lab de San Sadurniño, na que “investigamos a idea de escoitarnos no silencio: Melania é unha muller que está soa nun cuarto e grava nunha cinta de casete a súa rutina, e ao final de cada día pon a cinta e lembra as súa accións por medio da escoita». Coa actriz de Dhogs e con María Vázquez avanza tamén no seu próximo proxecto de curtametraxe, titulada Luceiro, na que insiste nesta idea de crear canda as actrices: “neste caso serán temas en torno á parella, a familia, as resposabilidades que adquirimos, os coidados”. 

Estévez puido facer Sendeiro grazas a unha das axudas de talento da Agadic, e aproveita cada oportunidade que lle facilita o sector para expremer ao máximo os recursos e sacar adiante as ideas que lle bolen na cabeza. Presentouse aos premios María Luz Morales cun ensaio atípico sobre os personaxes femeninos no noso audiovisual, no que a protagonista é súa nai. Con Muller Personaxe gañou o premio e puidemos coñecer como era Lucía de cativa: “Quero traballar desde o persoal”, explica, “creo que aí atopei o lugar desde o que contar cousas. Ademais interésame moito analizar a miña relación coa imaxe, desde que o ano pasado atopei varias cintas de VHS con gravacións caseiras. Estívenas revisando e claro, esas imaxes sacadas por meus pais son todos os recordos que eu teño. Gustaríame separarme un pouco desas imaxes para xerar a miña propia memoria». 

Con isto, bum, decatámonos de que a relación coa imaxe da xente que naceu nos 90 é moi diferente ás xeracións anteriores, e a saber que pasará coas crianzas que agora protagonizan as redes sociais de seus pais. A Lucía Estévez tamén lle atraen os contidos feitos para internet, segue a moitos youtubers e instagramers, e o seu manexo desta rede social é moi consciente: “trato de ter o Instagram que a min me gustaría ver. Creo que son bastante esixente coa xente á que sigo, gústame que me achegue cousas. E coa mesma esixencia, ás veces preparo moito as publicacions. O Instagram axúdame a ser autora”. 

© Lucía Estévez

Vemos así como as novas xeracións son moito menos puristas que os seus irmáns maiores do Novo Cinema Galego que teñen o cine un pouco máis fetichizado e foxen da contaminación con outros medios. Lucía Estévez entrou na facultade de Comunicación Audiovisual de Pontevedra porque lle gustaba a fotografía e acabou atopando a súa vocación na dirección, entendendo o audiovisual como un espazo moi amplo no que traballar. Así, ademais das súas pezas de autora puxo o seu talento ao servizo de creadores de outras disciplinas, como a obra de teatro A leituga, onde fixo uns vídeos promocionais pouco habituais no ámbito teatral galego que se moveron de marabilla nas redes. 

Ou o fashion film Sestelo, en colaboración co bailarín Miguel Sestelo e o deseñador de moda vigués Marcos Carrera, con fotografía de Nico P. Pampín.  

Non sería a única colaboración con bailaríns, pois na videodanza Lucía Estévez atopou outra vía de expresión autoral pouco típica, con pezas com Tempo en loita, Mofa ou Change That Tune, premiado no festival We Are Ads, e de novo con Miguel Sestelo.

Ademais destas pezas de creación, e das que están en camiño, podemos ver o nome de Lucía Estévez nos como auxiliar de cámara ou script nos créditos de películas como Trote de Xacio Baño, Matria, a curta de Álvaro Gago premiada en Sundance, ou Arima, a primeira longa de Jaione Camborda, que se estrea en 2019. Estas teñen en común que se rodaron en galego e que teñen personaxes femininas abordadas desde puntos de vista diferentes, algo no que ela quere seguir a traballar. Como o fai Antes de perder a serie dixital de Sonia Méndez que se estreará proximamente en Playz e na que Estévez foi script, xunto cun amplo equipo técnico no que as mulleres son maioría. 

Estas creadoras da xeración inmediatamente anterior son influencia para Lucía Estévez, que ten en Carla Simón (Verán 1993) un referente total como directora. Aínda que moitas das súas referencias creativas veñen doutros ámbitos como a pintura, onde atopou unha grande inspiración para escribir e crear personaxes: “agora mesmo a miña referencia é Juan Gris”. E tamén é moi importante a música (“Teño unha lista de Spotify que se chama Nu, aí vou metendo artistas que me inspiran para determinados traballos”) ou a fotografía: “interénsanme moito o que fai Leticia T. Blanco traballando as cores, ou a obra do pontevedrés Miguel Vidal”.

Estévez cóntanos isto e moito máis nunha tarde de outono na que acaba de chegar da gravación de Serramoura, onde empezou a traballar de foquista na última temporada. Hai que seguir a "facer bobina", a aprender en todos os medios posibles, a acadar independencia económica para poder levar adiante os seus traballos máis persoais. Se Lucía Estévez, aos seus 24 anos, foi quen de facer todo isto no último ano, que non terá feito cando teña dez anos máis. 

 

Velaquí a bobina: 

María Yáñez

María Yáñez

Xornalista. Levo vinte anos traballando na rede e no audiovisual. Adoro as revistas en todos os seus formatos. Agora dirixo VINTE da man de Praza.gal.

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.