Outras películas de Oliver Laxe que podemos ver na rede

VINTE

A chegada da triunfante ‘O que arde’ ás salas comerciais suscita o interese de moito público por ver, tal vez por primeira vez, o resto da súa filmografía. A boa nova é que a maioría deslas están dispoñibles online. Se ben o mellor espazo para velas é unha sala escura, non hai moita excusa para non coñecer a fondo o traballo do noso cineasta máis prestixioso. Nesta listaxe imos desde as súas primeiras curtas a filmes doutros directores nos que Laxe participou. 

A chegada da triunfante ‘O que arde’ ás salas comerciais suscita o interese de moito público por ver, tal vez por primeira vez, o resto da súa filmografía. A boa nova é que a maioría deslas están dispoñibles online. Se ben o mellor espazo para velas é unha sala escura, non hai moita excusa para non coñecer a fondo o traballo do noso cineasta máis prestixioso. Nesta listaxe imos desde as súas primeiras curtas a filmes doutros directores nos que Laxe participou. 

  • 01

    Grrr! nº 7: Y las chimeneas decididieron escapar (2006)

    A primeira curta que forma parte da filmografía oficial de Óliver Laxe é esta peza en super 8mm e branco e negro rodada en Londres, cidade á que o director se desprazou en 2006 e onde formou parte da plataforma de cine experimental Nowhere Lab. Alí elaborou esta “sinfonía da cidade rota e fragmentada para coller a pulsión dun mundo mecánico onde o formigón colisiona coa natureza”. Coa curta xa tería Laxe o seu primeiro contacto con festivais: foi seleccionada no Festival de Cinema de Xixón e levou o premio Val del Omar no Festival de Granada. Pódese ver na canle de Vimeo de Zeitun Films e está distribuída para o circuíto artístico e educativo pola plataforma Hamaca

  • 02

    Grrr! nº 8: Suena la trompeta, ahora veo otra cara (2007)

    A seguinte e última curta da serie “Grrr!”, da que non coñecemos as 6 primeiras pero que se define na plataforma Hamaca como "pequenos gruñidos ante a realidade onde a nostalxia se impón sobre o presente“. Neste filme Laxe xa se despraza ata Marrocos para retratar en secuencias efémeras un grupo de obreiros que traballan na construción dun dos estadios proxectados para a que ía ser a Copa do Mundo de Fútbol de 2010. E xa vemos diante da pantalla a Shakib Ben Omar, que será protagonista nas dúas primeiras longas do director. Pódese ver na canle de Vimeo de Zeitun Films e está distribuída para o circuíto artístico e educativo por Hamaca

  • 03

    París #1 (2008)

    A curta pola que se empezou a falar de Óliver Laxe en Galicia (moitos lembran aquel visionario post de Martin Pawley titulado “Viva Óliver Laxe!”, que enxergaba en 2008 a chegada do Novo Cinema Galego) é a primeira que rodou no noso territorio. A pesar do seu título, París #1 sitúase fisicamente nos Ancares e é un caderno de viaxe á aldea da familia materna do cineasta. Estampas dunha visita no verán con amigos, coa familia, con veciños, animais, paisaxe e, xa daquela, helicópteros contraincendios. Perfecta para ver despois de O que arde e seguir gozando da ollada de Laxe sobre a súa xente cercana, sabendo que é coa perspectiva dun fillo de emigrantes en París. Pódese ver na canle de Vimeo de Zeitun Films e está distribuída para o circuíto artístico e educativo por Hamaca

  • 04

    Todos vós sodes capitáns (2010)

    Coa súa primeira longametraxe o director fixo entrar o cinema galego por primeira vez, e non última, no Festival de Cannes. Foi seleccionado na Quincena de Realizadores e aslí levou o premio Fipresci da crítica internacional. Unha fazaña histórica que permitiu que o filme puidese verse nalgunhas salas comerciais, na súa versión orixinal en árabe, francés e español con subtítulos en galego. Nela Óliver Laxe ponse diante da cámara para rodar a súa experiencia nun obradoiro con nenos que viven nun fogar de acollida de menores en Tánxer, Marrocos. Pódese ver en Filmin e tamén na web GaliciaLe, da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, que a ofrece de balde para quen teña o carné de calquera biblioteca pública. 

  • 05

    Mimosas (2016)

    Con Mimosas Óliver Laxe dá un salto máis no que xa empeza a ser un idilio co Festival de Cannes. A súa segunda longametraxe selecciónase para a Semana da Crítica do festival, onde leva o Gran Premio, que será o primeiro de moitos en distintos certames. Rodada nas montañas do Atlas en Marrocos e de novo en árabe, Mimosas afástase do documental para narrar con épica de western e minimalismo oriental a viaxe dunha caravana que acompaña un ancián ao lugar do seu enterro. Una ollada sobre a fe que transcende relixións. Está tamén en Filmin e no catálogo GaliciaLe da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, onde tamén se pode atopar en DVD. Distribúe NUMAX

  • 06

    O salvaxe leva o seu tempo (2018)

    Esta pequena xoia está agochada na canle de Youtube da plataforma Fálame de San Sadurniño. En 2017 Óliver Laxe foi un dos cineastas convidados ao Chanfaina Lab, un encontro-residencia de creadores audiovisuais que durante unha fin de semana teñen que rodar unha peza no concello de San Sadurniño. Laxe chegou e filmou esta fermosa peza con Nadia Acimi e unha grea de cabalos salvaxes. Na sinopse que vemos na web cóntase a intrahistoria desta curta, que Laxe define así: "Facer unha película é querer domar o salvaxe, capturalo. Este nos atrae e estimula: un mundo salvaxe, unha vida salvaxe, un amor salvaxe... Esta película é un retrato de seres indomables".

  • 07

    Reserva da Biosfera na mirada de Óliver Laxe (2018)

    Esta curta documental de 5 minutos está feita polo equipo de Miramemira, a produtora de O que arde, co asesoramento de Óliver Laxe para retratar a comarca e as persoas que protagonizan o último filme do cineasta. Unha peza breve e fermosa coa que achegarnos un pouco máis a personaxes reais como Amador, Elena ou Inazio na súa realidade como habitantes da montaña luguesa, e coñecer como é a vida alí. 

  • 08

    Bonus track: Love Me Not (Lluís Miñarro, 2019)

    Pechamos a lista cun filme aínda por estrear en salas comerciais e que non o dirixe Laxe senón o prestixioso e indómito cinesta Lluis Miñarro. Love Me Not presentouse no último Festival de Rotterdam e é unha moi libre e subversva adaptación de Salomé, a traxedia bíblica que escribira Óscar Wilde, protagonizada por Ingrid García-Johnson, Francesc Orella, Lola Dueñas e si, Óliver Laxe, que nesta ocasión actúa interpretando a un profeta Bautista encerrado en Guantánamo. Tárdanos poder vela nalgún festival de por aquí, nos cinemas ou, se non chega, agardamos que poida estar máis cedo que tarde dispoñible na rede. 

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.