7 artistas de aquí e de vangarda que vas poder coñecer grazas ao WOS

VINTE

Do 11 ao 15 de setembro celébrase unha nova edición do WOS, o festival que leva seis anos levando a Compostela as propostas máis estimulantes da música contemporánea e de vangarda, xunto coa exploración de artes visuais e tecnolóxicas. Con medio cento de actividades espalladas por distintos locais da cidade, o WOS tráenos o melloriño do panorama internacional (Holly Herndon, Plaid, Gazelle Twin ou Bendik Giske) pero tamén porá o foco nos artistas galegos de música experimental e de vangarda, nun showcase que será o vindeiro xoves 12 na SGAE. Se non os coñecías, aquí chos presentamos, canda algún outro destacado do festival. 

Do 11 ao 15 de setembro celébrase unha nova edición do WOS, o festival que leva seis anos levando a Compostela as propostas máis estimulantes da música contemporánea e de vangarda, xunto coa exploración de artes visuais e tecnolóxicas. Con medio cento de actividades espalladas por distintos locais da cidade, o WOS tráenos o melloriño do panorama internacional (Holly Herndon, Plaid, Gazelle Twin ou Bendik Giske) pero tamén porá o foco nos artistas galegos de música experimental e de vangarda, nun showcase que será o vindeiro xoves 12 na SGAE. Se non os coñecías, aquí chos presentamos, canda algún outro destacado do festival. 

  • 01

    Clara!

    A coruñesa Clara! (na imaxe de cabeceira) leva uns anos vivindo en Bruselas, onde se estableceu como DJ facendo parte do colecrivo prankster PRR! PRR!. Promete facernos bailar coa súa particular mestura de ritmos de diferentes orixes desde os anos 90 ata actualidade. Asinou as mixtapes Reggaetoneras 2 (Gravats, 2016) e Reggaetoneras 3 (Gravats, 2018), e este ano publicou o seu primeiro EP en solitario, Meneo, no que canta con ira, sarcasmo e sedución sobre os seus propios ritmos de reggaeton. O seu último traballo, en formato 12’’, é Meiga de Acero, con dous temas: “Meiga” e “Acero”.

  • 02

    Chago

    Chago, alter ego do compostelán Iago Pedreira, leva uns anos axitando a escena underground da súa cidade. Cofundador de Colapso, colectivo nómade xestado entre Santiago de Compostela e Berlín (onde fixa a súa actual residencia), Pedreira é tamén un dos artífices de Codex Club, un monstro bicéfalo que se nutre de artistas locais e internacionais que deambulan entre o risco e a experimentación, afastados de modas e circuítos anquilosados. Tal como nos informan desde o WOS: «Chago propón no seu híbrido live/djset unha formulación allea a calquera canon, utilizando elementos etéreos que dan forma a unha colaxe de texturas polimórficas, sons postapocalípticos e ritmos accidentados que converxen nunha experiencia afastada de toda zona de confort, propiciando no público novas lecturas e percepcións enriquecidas». Convidámoste a que escoites unha das súas últimas mixtapes

  • 03

    Elektrógena

    Gema Albo leva aos pratos desde 2004 co nome de DJ Elektrogena. O electro escuro e industrial é a base das sesións que deseña e mestura, aderezado con ambient, dubstep, ou mesmo música clásica. Nacida na Coruña, Albo vive e traballa entre Lugo e Madrid, e foi unha das confundadoras do colectivo 22áTICO, en cuxas festas é DJ de xeito habitual. Poderemos gozar das súas mesturas na sesión do sábado 14 pola tarde na terraza do CGAC. Aquí un dos seus DJ set

  • 04

    Margarida Mariño

    Mariño esténdese por agrupacións coma a Orquestra Sinfónica Vigo 430, a Orquestra Ressonnance (Suiza), ou La Vía del Concerti (Italia) entre outras. A súa exploración dos límites sonoros e estéticos do violoncello lévana a experimentar con xéneros onde o seu instrumento non é tan común, coma o Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra, a música espontánea, ou participar en colectivos de improvisación libre. A súa proposta en solitario presenta un repertorio orixinal para cello e pedais de efectos e loops cos que logra crear únicas e sorprendentes texturas e complexas orquestacións que dan lugar a un estilo moi personal no que xéneros tan aparentemente diverxentes coma o postrock, o triphop ou a música clásica vibran cunha soa voz.

  • 05

    Harrga

    Harrga (“queimadura” no dialecto marroquí darija) naceu a mediados de 2017. Empuxados pola escalada da crise migratoria, Miguel Prado (Nzumbe) e Dali de Saint Paul (EP/64, Viridian Ensemble e DSC) decidiron render homenaxe aos ‘Harragas’ (persoas que cruzan as fronteiras ilegalmente e queiman os seus papeis, perdendo así a súa identidade). En maio deste ano lanzaron o seu álbum de debut, Héroïques Animaux da Misère é unha meditación sobre o horror que se filtra polas fendas das fronteiras. Ao converter a inocencia branca sobre o Mediterráneo negro nun espectáculo de horror de supervivencia, Harrga tenta secuestrar as traxectorias de son da diáspora. Dali de Saint Paul mestura poética e política, cantando en francés, darija e algo de inglés. Cospe con lume e furia, aínda que hai unha compaixón tanxible nas súas dolorosas lamentacións. Combinados co singular deseño noise de Miguel Prado, evocan unha visión feroz e completamente anómala da música industrial contemporánea.

  • 06

    Xiselr

    Xoán-Xil López é xa un veterano da arte sonora en Galicia e a nivel internacional. Estivo implicado en proxectos tan importantes como Escoitar.org, Ulobit ou Mediateletipos. O seu novo alter ego preséntao no WOS na sesión deste xoves. Chámase Xiselr e baséase “no uso de texturas sonoras drone interpretadas cun instrumento electrónico de construción propia, que propón unha reinterpretación da zanfona á vez que investiga sobre novas posibilidades expresivas da síntese sonora e a performance electrónica”. Desde o punto de vista experimental e contemporáneo, Xiselr aproxímase á esencia, máis que á forma, do imaxinario da cultura sonora galega e a unha tradición na que os bordones teñen unha extensa presenza. Estará no WOS presentando o traballo no que está a traballar neste momento, Non Uniform Circular Motion, no que os sons son xerados integramente por un set de dous instrumentos creados polo mesmo, facendo uso de hardware aberto, unha dinamo e múltiples sensores. O título deste traballo fai alusión ao concepto do “eterno retorno” -repetición, cambio e recorrencia-, e á conexión que existe entre certas sonoridades da música contemporanea e algunhas prácticas musicais pre-tonais.

  • 07

    7 limbos

    Despois de presentarse por primeira vez este ano no S8, poderemos ver no WOS 7 limbos, que xa vos dicimos aquí que será unha das películas máis abraiantes que poderedes ver este ano. Atrevémonos a dicir mesmo que é un dos filmes máis importantes desta década que logo remata, pois é a culminación de anos de traballo e experimentación por parte dunha xeración de artistas que se moveron sempre nas marxes do institucional. O artista fonsagradino Berio Molina, vinculado no pasado a colectivos como Alg-a ou Escoitar, leva ao formato cinema os seus experimentos sonoros e visuais en colaboración co realizador vigués Alexandre Cancelo, vinculado a SinSal e coautor de documentais como Contrafaces ou Contra a morte. 7 limbos é unha experiencia sensorial para deixarse levar polos sons, as texturas, os bruídos da natureza e o latexo interior da cidade. 

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.