Entrevista | Iván Castiñeiras: “A película é unha oda á xente do rural, a eses deuses que resisten como as pedras”

Iván Castiñeiras, director de "Deuses de pedra", no festival PlayDoc, onde gañou o premio a mellor película galega. CC-BY-SA Cedida

Un recoñemento inesperado. Así cualifica Iván Castiñeiras o que está a acontecer con Deuses de Pedra, a súa primeira longametraxe como director. Trátase dunha “película pequena feita con moito cariño”, segundo el mesmo indica, onde empregou material gravado ao longo de quince anos e está a percorrer festivais internacionais con varios premios xa acadados. Un éxito inesperado, mais non inmerecido para un proxecto de gran beleza que homenaxea as súas terras da infancia, na frontera entre Galicia e Portugal; e, sobre todo, recoñece a súa veciñanza, eses "deuses de pedra" que resisten alí, aínda que cada vez sexa máis difícil manterse en pé.

 

Estreada en festivais de Rotterdam, Tesalónica, Uruaguai… premiada no Documenta Madrid (mellor película española e premio do xurado novo), no Indie Lisboa, con outros dous premios e no noso PlayDoc (Tui) resultou a mellor película galega. Son 15 anos de rodaxe, moito traballo detrás e chegan os recoñecementos. Esperaba tantos premios?

Non. É algo totalmente inesperado. Non é unha peli que aspirara a gañar festivais. É unha peli pequeniña feita desde un punto de vista moi persoal e non esperaba que tivese esta acollida.

Si, pero é unha película con moita beleza. Como xurdiu este achegamento tan persoal a esta familia na fronteira entre Galicia e Portugal?

Xorde en 2008 no territorio que fora da miña infancia. Un territorio que non acabo nunca de coñecer ben porque só pasaba alí os veráns e algúns momentos do ano. Eu son dunha aldea que se chama Cádavos, que pertence ao concello da Mezquita. Entón en 2008 coincidiu que estaba a acabar os estudos de cinema en Lisboa e deume por comezar un proxecto de investigación, case máis de corte antropolóxico e tamén cinematográfico e aí xurdiu a curta que se chama “A Raia”, que de feito comparte algúns materiais coa longametraxe. Esta curta abordaba sobre todo a cuestión do contrabando. Pero ao ir alí a gravar fun atopando diferentes capas e contextos. Alí descubrín a escola infantil de Mariana e xurdiu un desexo de voltar regularmente e ese lugar tornouse na miña escola de cinema, onde puiden probar moitas cousas e me acollían moi ben. Realmente non tiña a noción de que ía converterse nunha longa. 

Cando pasou o proxecto a converterse nunha longametraxe?

Foi despois, cando xa tiña o material e decidimos narrar unha historia. A determinada altura xa entendín que a última persoa que marcharía do lugar pola idade sería Mariana, entón xa conseguín proxectar que este era un ciclo que se ía pechar con ela. E que a partir de aí Cinda quedaría a vivir soíña na aldea, despois de ter criado os fillos. Aí tiven a sorte de recibir unha bolsa artística de Casa Velázquez e logo apareceu Ángel Santos como produtor. E foron aparecendo outros apoios e con eles a partir de 2022 xa se comezou a articular a última fase de rodaxe que foi no verán do 2023 e toda a posprodución e montaxe que acabou en febreiro de 2025. De feito o corpo é máis dunha curta, que se presenta en 2012 pero quédome con ganas de máis porque comezo a coñecer outros personaxes e a abordar outros suxeitos. Entón iso era como case as miñas vacacións. Deixábanme unha casiña onde quedarme. Eu co que ía gañando como director de fotografía, que é a miña profesión e o que me dá de comer- ía investindo en comprar película e revelar, e cunha cámara prestada de 16 mm, dun modo moi precario porque era eu só ou con algunha axuda. Por iso me sorprenden os recoñecementos.

"Deuses de Pedra" recibiu os premios a Mellor Película Española e do xurado mozo no Documenta Madrid, celebrado na Cineteca. CC-BY-SA Cedida

É documental, pero tamén hai ficción ou iso parece por veces.

En todo o primeiro bloque ata que chegamos ás minas con Mariana adulta, hai un xogo de linguaxes máis plural. Era unha etapa máis de investigación e descuberta, de querer xogar coa linguaxe e hai moitas gramáticas: hai o documental de observación, o antropolóxico, o cinema directo, a ficción. É moi visible cando é un ou outro. Cando aparece a ficción son eu a propor certos xogos, organizo o set, dispoño a cámara, pero a totalidade de cousas que filmei pertence a eles. 

"Eu nunca escribín un diálogo. Escribín o relato da profesora sobre a lenda pero cando as personaxes falan fronte a cámara son elas que se expresan coa súa propia linguaxe"

Nunca descontextualicei para ficcionar algo que estivera fóra do seu día a día ou da representación de tempos que eles non viviran. Todo o que se relata aí ten unha conexión directa co seu pasado directo ou co seu presente. Eu nunca escribín un diálogo. Escribín o relato da profesora sobre a lenda pero cando as personaxes falan fronte a cámara son elas que se expresan coa súa propia linguaxe. Na segunda parte xa entramos máis nunha narrativa documental porque filmo a Cinda no seu día a día, no seu traballo e non altero nada. E logo hai algo tamén de ficción. Hai un híbrido, porque eu poño como decantadores ou aceleradores do proceso para que a personaxe vaia cara a ese lugar. Ás veces suceden milagres e ás veces é a entidade da propia película en si mesma que vai máis lonxe dos meus propios desexos. A peli ten a súa propia identidade.

Iván Castiñeiras, durante a rodaxe de "Deuses de pedra". CC-BY-SA Cedida

Desde logo que é un proxecto especial, que comeza en branco e negro e logo cambia a cor. Por que?

A idea do branco e negro é remitir ao espectador a un tempo ambiguo. Ti non sabes se esas imaxes están filmadas nos anos 60 ou 70, 90 ou 2000. Ese é un xogo que quería marcar na película e que está explícito tanto no branco e negro como na cor. Un xogo de ambivalencia temporal ou circularidade. Ás veces parece que se dilúen as fronteiras entre presente e pasado igual que entre ficción e documental. O branco e negro axudaba un pouco isto. A curta de “A Raia” está en branco e negro e logo decidín, xunto co montador, Antonio Trullén, utilizar eses materiais, comezar co branco e negro e a determinada altura pasar a cor, porque a propia película o estaba a esixir, a colorimetría da rexión e ao paso ao presente dun modo marcado.Tamén hai un toque de humor que se procura na montaxe. A primeira secuencia de cor é o contrabando e logo voltamos de novo ao branco e negro. Ata que despois, aos 40 minutos da peli xa se instala a cor de novo e xa non xogamos cos cambios de cor. Digamos que a película é unha consecución de resonancias e como se montou foi desde unha lóxica máis sensible ca racional, sobre todo na primeira parte. 

"O desafío era non non saber se o espectador ía tolerar 40 minutos de estar vendo personaxes sen un aparente fío condutor"

Cal era o principal desafío á hora de construír a película, con tanto material gravado?

Na primeira parte quería transmitir unha idea de territorio moi vasta, moi caledoscópica. Ese era o desafío. Non saber se o espectador ía tolerar 40 minutos de estar vendo personaxes sen un aparente fío condutor. Era un pouco o desafío e tamén era un reflexo do que foi o meu proceso de captura de imaxes. Eu cheguei a ese territorio. Fun acumulando materiais sen tampouco ter unha noción clara de cara a onde ía e moi nervioso, moi excitado polas distintas xanelas que se ían abrindo. Na montaxe quería partillar esa experiencia de pasar do xeral ao particular e do caleidoscópico a algo singular e preciso. 

En "Deuses de pedra" podemos ver Mariana desde a escoliña ata que marcha á Universidade. Na imaxe, con 16 anos. CC-BY-SA Deuses de pedra

O despoboamento do rural é unha temática fundamental no filme. Querían deixar tamén presente está alerta do que está a pasar?

Creo que o espectador proxecta a onde o leva a película. É evidente que ese territorio está en decadencia. Está a desmembrarse. E é evidente que os responsables políticos, non os locais que son os únicos que fan algo, senón os da Xunta de Galicia e o Goberno central non fan nada e parece que lles dá igual que se baleire. Cada vez as infraestruturas son menos. Cada vez as posibilidades laborais son menos. Van pechando escoliñas, centros de saúde… Eu creo que ou non regulan ben ou hai un propósito. Non me podo crer que non se poda facer nada. Hai moitos modos de facelo: poñendo estruturas viables, desfiscalizando, hai mil modos para que a xente poida vivir nesa zona marabillosa, pero teslle que dar facilidades de apoialos. 

E cal sería ese propósito?

Creo que o propósito é que o territorio quede a expensas da utilización por entidades que o que menos lles interesa é protexer o territorio e vivir dun modo ecolóxico, como está a facer esta xente. Está a desvelarse tanto en Portugal, como en Galicia ou Estremadura, que hai intereses moi fortes extractivistas ou de facer minería, moitas veces de forma ilegal e sen coñecemento da poboación. E nun rural envellecido é moito máis difícil loitar ou impedir que isto suceda. Este é o panorama. A película non ten un propósito político pero ao retratar durante quince anos un territorio daste de conta de todo o que está suceder. 

No filme recréanse tradicións e vida cotiá na fronteira entre Galicia e Portugal. CC-BY-SA Deuses de pedra

Hai un pouso triste nese discurso sobre a situación do rural que tamén se reflicte no filme.

Non me interesa para nada mostrar unha imaxe tráxica do rural. Esta película para min é unha oda a esta xente, a estes deuses que resisten aí como as pedras e para min hai unha esperanza. O lugar e o territorio é marabilloso. Pode haber un rexurdimento do rural. Eu espéroo e deséxoo. E quero chamar a atención aos responsables políticos para que fagan algo. Hai exemplos en Portugal magníficos de zonas comunitarias que se volveron a rehabilitar e son superviables e cada vez chaman a máis xente.

Que percorrido lle agarda agora á película?

Agora seguirá roldando por festivais e a idea é que tentase saír a salas, pero é algo complicado. É unha peli pequena e igual a súa distribución se ten que facer dun modo máis manual, contactando cos concellos ou vendo que outros modos habería para que a xente poida vela. Polo momento temos festivais, que é bastante. E logo veremos.

"Non me interesa para nada mostrar unha imaxe tráxica do rural. O lugar e o territorio é marabilloso. Pode haber un rexurdimento do rural. Eu espéroo e deséxoo. E quero chamar a atención aos responsables políticos para que fagan algo"

Xa ten algunha idea para un novo proxecto ou de momento vai desfrutar da viaxe de Deuses de Pedra?

Teño a idea de facer algo, un documental, que tente responder á pregunta de que é o amor. Boto de menos certo cinema que se facía antes na rúa onde había unha abordaxe directa á xente, que tiña a posibilidade de expresarse. Agora teño que sentar a escribir e mirar que apoios pode haber para levantar este proxecto.

Vanesa Vázquez

Vanesa Vázquez

Viguesa do Calvario. Comecei e aprendín en Atlántico Diario, Radio Vigo e Expansión. Cada día conta e agora contámolo en VINTE e Praza.gal. 

Tamén che interesa

  • Entrevista | Zeltia Outeiriño: «Grazas a este filme puiden escoitar a miña nai, coñecela, mirala e admirala»

    Este venres, 31 de xaneiro, chega aos cinemas de Galicia a película Filmei paxaros voando, primeira longametraxe que asina a directora galega Zeltia Outeiriño. 

    A crise dos 40 moveu a realizadora a subir un chanzo creativo e lanzarse a facer unha película para falar de desarraigo familiar e interpelar a sociedade sobre os coidados, a atención sociosanitaria e os nesgos de xénero, o idadismo ou os silencios da homofobia nos felices anos 80.

    Cinema
  • Andrea Varela. O talento de Foz que protagoniza ‘As Neves’

    «Que vos parece facer unha peli?» Con esta frase Sonia Méndez, a directora de As Neves, confirmaba as rapazas que chegaran á última fase dos castings a súa escolla final. Entre as elixidas atopábase Andrea Varela, quen realmente non o cría daquela, con 18 anos, mais acabaría por protagonizar o filme.

    As Neves chega este venres aos cinemas como a primeira longametraxe de ficción da directora viguesa Sonia Méndez. A historia, rodada na Fonsagrada, xira en torno a mocidade, as súas relacións e como se divirten nunha vila da montaña lucense. Elas e mais eles, coma todos, fan un uso intensivo das redes sociais a través do móbil, viven hiporconectadas, feito que iguala a xuventude de cidades e aldeas.

    Cinema
  • Lidia Veiga, a bulebule de Arzúa: «sempre fun moi dramática»

    Lidia Veiga ía para avogada, mais a día de hoxe é un dos talentos da interpretación que máis está a despuntar en Galicia, aínda que ela, máis que actriz, considérase unha traballadora cultural. Defensora da creación colectiva, Veiga protagoniza o filme “Cando toco un animal”, un proxecto valente que amosa realidades emocionais e sexuais explícitas e, ao tempo, afastadas da pornografía. «Fíxose porque tiña que existir», defende a actriz galega. En plena xira por teatros coa irreverente e divertida “Iribarne”, Veiga está a descubrir o seu propio talento para a dobraxe e aínda terá tempo para presentar, o vindeiro 23 de marzo, a gala dos Premios Mestre Mateo.

    Cinema

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.