Electrónica. Nistra levan ao Sónar os sons caboverdianos de Burela

Será este xoves 18 cando o proxecto de Adrián Canoura e Anxo Ferreira poña a bailar os asistentes ao Festival Internacional de Música Avanzada de Barcelona. Unha boa ocasión para volver disfrutar da proposta dos de Burela que mestura a electrónica, os visuais e os ritmos caboverdianos da comunidade negra da Mariña.

Nistra é un proxecto burelao formado polo cineasta Adrián Canoura, director da curtametraxe Salitre nas veas  ou da premiada Caerán lóstregos do ceo,  e polo músico Anxo Ferreira, que xa ten ampla experiencia debido ao seu paso por bandas como Dirty Socks ou os actuais Novedades Carminha

O dúo empezou en 2015 sacando dous temas nos que mesturaban electrónica coa música de Batuko Tabanka, o colectivo musical de mulleres caboverdianas de Burela. Baiuca (onde tamén pon os visuais Canoura) deu coa tecla de xuntar electrónica e música tradicional pero Nistra xa o facían antes coa música e o fenómeno social e cultural tan particular de Burela. 

En 2015 tamén fixeron un minidocumental, Batuko Exploration, unha fascinante peza a medio camiño entre o documental e a experimentación que se pode ver enteira en Youtube. Aínda que pareza o Bronx nos anos 70, moitas das imaxes incribles que aquí se ven son de Burela nos 80. Batuko Exploration: caboverdianos falando galego que parecen Michael Jackson, mariñeiros galegos de toda vida, Burela daquela e hoxe, as mulleres de Batuko Tabanka, a música de Nistra e o talento visual de Canoura. Para ver sen pestanexar.

Como proxecto paralelo ás súas respectivas carreiras, Nistra vai amodo, sen pretensións e cando a cousa vai xurdindo. No 2016 entregaron un EP de 6 temas, Mästra, que afondaba no carácter experimental do dúo. Canda o disco presentaron un videoclip para o tema "Mastharam", no que Canoura xoga co vídeo analóxico para compoñer unha peza moi atractiva.

Nistra levan un tempo sen tocar en directo pero chegan agora ao Sónar de Barcelona en formato DJ Set. Acontecerá o xoves 18 no Sónar de día. Vai ser a unha hora infernal con este tempo, á unha e media da tarde, mais con todo un boa plataforma para que o público internacional que asiste a este festival coñeza este proxecto que mestura o visual co o electrónico e con ritmos non só de Caboverde senón de case calquera lugar do mundo. 

Adrián Canoura e Anxo Rodríguez, Nistra. © Nistra

Burela, sitio distinto

Burela ten unha poboación moi nova, cunha idade media de 36 anos fronte aos 47 de toda Galicia. Hai unha gran comunidade caboverdiana na vila perfectamente integrada desde os anos 80. E o galego é o idioma máis falado, especialmente pola mocidade (no 2009 os datos eran de 86% de falantes entre a xente máis nova). E tamén falamos dun dos portos pesqueiros máis importantes do Cantábrico. Con todo este universo arredor de Burela era de esperar que culturalmente agromasen propostas interesantes.

De Burela ou con ligazóns nesta vila saíron desde inicios do 2000 para acó proxectos como o propio Modelo Burela ou o Proxecto Neo, festivais como o Osa do Mar ou compoñentes de bandas como The Homens, As casas Longas, Oh! Ayatollah, The Brosas ou os citados Nistra e Batuko Tabanka. Recentemente tamén soubemos de Big Boyce. Este rapaz de Cabo Verde chegou en 2015 a Burela na última fornada de inmigrantes do seu país e desde aquela está intentando abrirse camiño no mundo do rap e o trap cantado en crioulo caboverdiano. Este foi o seu primeiro single, gravado nas rúas de Burela.

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.