Mocidade mobilizada “Levamos moitos sopapos no sindicalismo, pero de cando en vez temos algunha vitoria”

Manifestación pola vivenda en Vigo, este mes de outubro de 2026. CC-BY-SA BNG

A manida “desafección política da mocidade” vai por barrios. Non é xeral nin moito menos e cómpre escarvar un pouco nos datos e fuxir de mantras para coñecermos a realidade. Precariedade e desilusión fronte a rabia e fortaleza. Aos que son mozos e mozas na actualidade, a xeración Z e parte dos millenials, non lles puxeron as cousas doadas para acceder a unha vida adulta independente –traballo? casa? formar unha familia propia?- pero non por iso deixan de ter conciencia política e mesmo de clase. Basta con observar as protestas da Porta do Sol de Madrid e as manifestacións pola vivenda destes días en Galicia para comprobar que a mocidade destes anos 20 tamén sabe mobilizarse e moi ben para provocar cambios. A nivel sindical a mocidade vai perdendo peso porcentual polo atraso no acceso ao traballo, aínda que non sucede en todas as organizacións igual. 

 

“Eu entrei por un tema laboral propio pero xa tiña a convicción política e quedei. Para min é fundamental que a xente da nosa idade se comprometa, porque se non loitamos agora nós, que somos os máis novos, quen vai loitar despois? Adrián Pardal é de Valga e ten 27 anos. Leva pouco máis dun ano afiliado á CIG, mais asegura que está “moi contento” e non se arrepinte de ter creado a lista xunto cun compañeiro do Gadis non que traballa desde hai cinco anos. Na CIG hai 5.000 mozos e mozas como Adrián, que supoñen un 5% do total da afiliación do sindicato nacionalista, unha porcentaxe que non ten variado nos últimos dez anos.

A trillada “desafección política da mocidade” non é xeral. Cómpre peneirar un pouco nos datos e fuxir de titulares repetidos para coñecermos a realidade. No recente foro que a Deputación da Coruña organizou en Santiago xunto coa Fundación Praza Pública co título “O papel da mocidade na crise democrática” constatouse a existencia dunha mocidade activa, comprometida e loxicamente cansa e enfadada das súas condicións vitais. A mocidade desencantada tamén se mobiliza, como amosan as protestas pola vivenda dos últimos días tras o desafiuzamento de Maricarmen en Madrid, que tamén percorreron as rúas galegas. Neste contexto, o asociacionismo é unha sorte de fortaleza que ten no sindicalismo unha ferramenta para acadar melloras laborais, e, por tanto vitais. 

Adrián Pardal, da CIG, nunha protesta laboral. CC-BY-SA Cedida

“O número neto de afiliadas e afiliados menores de 30 anos aumentou de forma continuada ano tras ano, en consonancia co crecemento global da afiliación”, explica Renato Núñez, secretario confederal de Afiliación da CIG. Núñez pon en valor que se mantivese a porcentaxe do 5% afiliación da mocidade durante a última década pese “suposta desafección da mocidade, do atraso na súa incorporación ao mercado laboral e do envellecemento da poboación”, di. “Unha posible explicación é que proxectamos unha imaxe de sindicato combativo e dinámico. A nosa ampla participación nos piquetes e nas mobilizacións pode facer que a mocidade se sinta máis atraída pola nosa forma de actuar e de defender os dereitos laborais”, salienta. 

"A nosa ampla participación nos piquetes e nas mobilizacións pode facer que a mocidade se sinta máis atraída pola nosa forma de actuar e de defender os dereitos laborais”, salienta Renato Núñez, da CIG

Noutra tesitura están na UXT Galicia, que contabiliza unha baixada do 37% de afiliados e afiliadas menores de 35 anos nos últimos anos. “Sobre todo a partir do 2012, coincidindo coa reforma laboral imposta polo goberno do PP con Mariano Rajoy, que trouxo moita precariedade e inestabilidade para o mercado laboral deste país e que afectou dun xeito máis incisivo á poboación máis moza”, detalla Raquel Estévez, secretaria xeral de Ruge Galicia, organización xuvenil do sindicato.

“Sufrimos salarios máis baixos e maior inestabilidade co conxunto da poboación. Mellorou moito coa última reforma laboral, porque é verdade que o diálogo social, ao final, pois funciona, está claro, porque os resultados saen. Pero non penso que sexa un problema de conciencia social. Eu penso que é un problema de que tamén é complicado axustar as contas ao fin de mes para afiliarte e ao final é un gasto e a xente prioriza máis outras cousas”, explica Estévez, viguesa de 35 anos, que traballa en Zara Home.


UXT Galicia contabiliza unha baixada do 37% de afiliados e afiliadas menores de 35 anos nos últimos anos.   "Penso que hai como un problema de base e moita xente non sabe o que facemos”, lamenta Raquel Estévez, responsable de RUGE Galicia

 “Non debería ser así, porque é importante. Cando xa estás no mercado laboral vas aprendendo pero ao principio moitas veces non sabemos nin debullar unha nómina. E o sindicato está aí para asesorarnos, para organizarnos. Penso que hai como un problema de base e moita xente non sabe o que facemos”, lamenta.

Mobilización pola vivenda. Detrás da pancarta, segunda pola esquerda, Raquel Estévez, secretaria xeral de RUGE Galicia. CC-BY-SA RUGE Galicia

“Existe unha desafección porque nos están introducindo a través do sistema capitalista un individualismo que nos fai esquecer completamente o colectivo. Cando só miramos o individuo o sistema democrático non nos vale para nada porque non queremos ser iguais ao que temos ao lado, só miramos ao individuo e recaemos en pasar moitas veces por riba do outro. A medida que avanza o sistema capitalista imponse un individualismo feroz”, asegura Áxel Portas. Con 32 anos, este mozo do Hío (Cangas) leva xa afiliado á CUT desde 2019 cando comezou a traballar de repartidor a media xornada para unha panadaría ou limpando praias para o concello. 


“Existe unha desafección porque nos están introducindo a través do sistema capitalista un individualismo que nos fai esquecer completamente o colectivo", explica Áxel Portas, de 32 anos, afiiliado da CUT

“A mocidade xa non recorda facer traballos comunitarios como ir cos veciños a podar as viñas e demais. Esas pequenas tarefas colectivas na actualidade desapareceron case completamente en Galicia. As redes sociais tamén proxectan esa imaxe de individuo único e especial e vas ter todo o que queres se te esforzas.Todo iso xera frustración e desafección, que non deixa de ser un grupo de xente que quere acabar co sistema socialdemócrata, recortando en dereitos sociais e colectivos en beneficio dos que son privados. Se queres ter sanidade, págate o teu seguro de saúde”, argumenta Portas.

Áxel Portas leva afiliado á CUT desde 2019. CC-BY-SA Cedida

“Os sindicatos son unha ferramenta para os traballadores ter unha protección á hora de desenvolver o seu traballo, así como mellorar as súas condicións de vida e mesmo coa máxima de tentar cambiar o sistema capitalista. Levamos moitos sopamos no sindicalismo, pero de cando en vez temos algunha vitoria que nos enche de orgullo”, defende Axel Portas.

Na CUT o número de afiliados menores de 30 anos descendeu un 20% nos últimos quince anos, mais a nova afiliación, que fixo case duplicar o número de persoas sindicadas nos últimos seis anos, provén na súa maioría da franxa de entre 30 e 40 anos. Moita desa nova afiliación, segundo lamenta o secretario xeral do sindicato, non é estable. “Moitas veces non veñen cunha militancia sindical de conciencia de clase senón que veñen a un sindicato porque é onde lle arranxan os problema do chollo. Nesa franxa de idade hai un aluvión pola vía da asesoría xurídica e aí está realmente o problema ideolóxico”, explica Ricardo Castro.

“Eu creo que non é culpa da mocidade. Hai un auto-odio, de que non queremos ser clase traballadora, queremos ser outra cousa e iso vén do que lles transmitimos os maiores. A nivel social hai unha transmisión de que hai que mellorar, de que somos clase media, que para min é un concepto falso”, detalla. “Logo, un factor fundamental para min está no neoliberalismo este que crece desde os anos 70 e incide en que o individuo é responsable do seu futuro e ten que buscar solucións ao medio ambiente, por exemplo, exoneramos de culpa ao sistema e todo depende do individuo”, asegura Castro.

Unha acción de protesta da CUT. CC-BY-SA CUT

Para o responsable sindical este individualismo incide en que as organizacións colectivas como os sindicatos deixan de ter sentido, algo ao que se suma o propio contexto do traballo, de precariedade, con “nómades do laboral”, aspectos todos que dificultan, segundo explica, adquirir unha conciencia de clase.

Desde CCOO Galicia poñen o foco tamén na precariedade laboral da mocidade e no retraso na idade de comezar a traballar. Antes había máis posibilidades de emprego e máis estable. “Cando nos anos 80 no século pasado hai unha incorporación masiva de mulleres e mozos ao mercado laboral, hai un cambio de sistema produtivo; pasamos dunha economía baseada na industria, construción e pouco nos servizos a un mercado baseado no sector servizos, con contratación temporal e a este mundo é onde se incorpora a mocidade: cambia o mundo, cambian os sectores produtivos e as relacións laborais”, argumenta Maica Bouza, secretaria de organización de CC OO Galicia.

Bouza subliña tamén o desenvolvemento do teletraballo desde a pandemia ou os cambios nos centros de traballo tradicionalmente masivos como podía ser un estaleiro como Barreras, en Vigo. “Aí había milleiros de persoas xuntas nun mesmo espazo e era máis doado facer acción sindical, pero agora é unha empresa das que se chaman de síntesis, e a xente está máis dispersa. É moi complicado que se ti non te relacionas cos teus compañeiros adquiras conciencia de clase. As relacións laborais cambiaron”, explica. 

Manifestación de CCOO Galicia. CC-BY-SA CCOO

A responsable de organización de CCOO  entende a desafección da mocidade polos sistema político pola precariedade, que lle impide tomar decisións a longo prazo. “Nos anos 60 do século pasado non pensabas con 30 anos estar na casa, porque había traballo e había que axudar á economía familiar e marchabas, pero agora con 20 anos e estudas e cando tes 30, segues na casa porque non atopas traballo”, indica Bouza. Con todo, a sindicalista defende que “non é culpa da mocidade, que non teñan inquietudes ou conciencia política, senón que viven nun mundo diferente que lles leva a adquirila máis tarde. Eu resístome a pensar que os mozos e as mozas de 16 ou 18 anos non teñen ningunha ideoloxía política porque si que a teñen. Hai algúns que, erradamente, se deixan arrastrar polo que venden as forzas de dereita e ultradereita pero hai moitos e moitas que teñen claro que non están de acordo co que pasou en Ceuta, que están en contra de que se exploten os inmigrantes e tantas cousas”, defende. 

 “Non é culpa da mocidade, que non teñan inquietudes ou conciencia política, senón que viven nun mundo diferente que lles leva a adquirila máis tarde" , defende Maica Bouza, de CCOO

A día de hoxe en CCOO Galicia hai afiliadas 1.547 persoas traballadoras menores de 30 anos o que supón o 3,5% do total, fronte as 1.183 –un 2,8%- do total que había en 2016. “Négome a que digamos que hai desafección en Comisións Obreiras porque existe unha porcentaxe de xente nova, que é pequena, pero non é moi diverxente da porcentaxe de traballadores e traballadoras novas que hai nas empresas porque son cousas que van parellas. A media de idade da persoas que están traballando está nos 40 e a media na afiliación ao mellor é de 50 e pico porque a xente se incorpora máis tarde ao mercado laboral”, conclúe Maica Bouza.

Vanesa Vázquez

Vanesa Vázquez

Viguesa do Calvario. Comecei e aprendín en Atlántico Diario, Radio Vigo e Expansión. Cada día conta e agora contámolo en VINTE e Praza.gal. 

Tamén che interesa

  • 20 anos da Gentalha do Pichel. Loita cultural desde as marxes

    A comezos de 2004 un grupo de mozos e mozas que viñan dos movementos estudantís crearon unha asociación co obxectivo de darlle pulo cultural á cidade de Santiago. Cun ideario reintegracionista, independentista, feminista e ecoloxista 20 anos despois ten no seu haber fitos como a recuperación da figura do Apalpador, a creación das escolas Semente ou o pulo á Liga Gallegacia, de fútbol gaélico mixto. 

    Hoxe en día este proxecto autoxestionado está máis vivo ca nunca fiel aos seus principios políticos e culturais e aberto á participación de todas as persoas que os compartan. A Gentalha monta este ano un “festivalón” de dous días para a súa tradicional festa do 17, aínda que, en verdade, o Pichel celebra a súas letras todos os días do ano.

    Movementos sociais
  • Historias da mocidade en Lugo

    Historias da mocidade en Lugo: Movementos sociais

    En Lugo móvense moitas cousas en torno ao deporte, o activismo, a participación xuvenil, o asociacionismo… e é a xente nova quen está impulsando moitos destes movementos, ou que chega de fóra con ganas de contribuír e mellorar a cidade. As protagonistas de hoxe compártennos as súas experiencias e motivacións para apostar polo seu futuro aquí, facendo avanzar a sociedade en distintos ámbitos. 

    Lugares

    Coa colaboración do

  • Igualdade, vivenda e diversidade: o activismo move os marcos nos anos 20

    Xa está en marcha Mover os marcos. Festival das ideas para unha vida mellor. Este mércores arranca en Compostela a segunda edición dun festival pouco convencional que busca a reflexión para achegar ideas que poidan axudar a mocidade de hoxe en temas como a vivenda, o medio ambiente, as identidades, os dereitos ou a lingua. Falamos coas persoas que este venres pola tarde participarán na conversa “Vivir na Galiza dos anos 20”, sobre os necesarios activismos do día a día que, afortunadamente, están a mover os marcos para avanzar en dereitos e oportunidades. Son Daniela Ferrández, Iria Nande, Barry Elhadj Mamadou e Sonia Díaz. 

    Ofrecido por

  • Entrevista | Nervo, Rebeliom do Inframundo “Neste disco hai bastante felpa a nivel social. Coa extrema dereita sen vergoña temos que alzar a voz”

    Xuntábanse detrás da estación de autobuses de Ponteareas nos primeiros 2000, onde os edificios a medio construír suxerían estar nunha especie de inframundo. Era un lugar perfecto para esas primeiras rimas salvaxes da mocidade e para armar unha rebeliom que continúa a día de hoxe. Alcumárano o Nervo pola súa intensidade ao rapear, mais a voz de Rebeliom do Inframundo chámase Cristopher Machado Ibáñez e naceu en Caracas en 1988, aínda que xa de ben cativo chegou para quedar a Galicia, a terra dos seus pais emigrantes. O Nervo está de parabéns: deixou un traballo que o oprimía para dedicarse completamente a súa paixón, a música, e Rebeliom vén de publicar o seu quinto disco:  Orgulho (Galunk Producións). O grupo inicia nos vindeiros días a xira de presentación deste traballo en salas, cun único bolo galego para este formato: será na Capitol de Santiago o 8 de maio.

    Música
  • Juana Dolores: «A revolución é inevitable, a non ser que os capitalistas acaben de destruír o mundo»

    «Traballar por un salario é renunciar cada día á plenitude da vida», di Juana Dolores. A artista catalá participa no Carballo Interplay co seu discurso lúcido que emprega os argumentos da política e a estética para promover a organización da mocidade fronte ao sistema capitalista. Unha mensaxe que colleu forza nas súas obras e que está presente tanto nas súas pezas teatrais como nos textos que ten en marcha

  • OU ké! A política ourensá para a «abandonada» mocidade

    OU ké! é un medio de comunicación enfocado ás redes sociais que aborda a política coa linguaxe das xeracións máis novas e pretende contar a actualidade de Ourense para este público. Detrás do proxecto está o comunicador Iván Iglesias, que se xuntou co tamén comunicador Iván Olmos para despegar en pleno fervor da política ourensá 

    VINTE na rede

    Co patrocinio de

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.