Nervo, voz de Rebeliom do Inframundo, durante un concerto. CC-BY-SA Candela Lora
Xuntábanse detrás da estación de autobuses de Ponteareas nos primeiros 2000, onde os edificios a medio construír suxerían estar nunha especie de inframundo. Era un lugar perfecto para esas primeiras rimas salvaxes da mocidade e para armar unha rebeliom que continúa a día de hoxe. Alcumárano o Nervo pola súa intensidade ao rapear, mais a voz de Rebeliom do Inframundo chámase Cristopher Machado Ibáñez e naceu en Caracas en 1988, aínda que xa de ben cativo chegou para quedar a Galicia, a terra dos seus pais emigrantes. O Nervo está de parabéns: deixou un traballo que o oprimía para dedicarse completamente a súa paixón, a música, e Rebeliom vén de publicar o seu quinto disco: Orgulho (Galunk Producións). O grupo inicia nos vindeiros días a xira de presentación deste traballo en salas, cun único bolo galego para este formato: será na Capitol de Santiago o 8 de maio.
Este 26 de febreiro xa podemos escoitar os 12 temas do voso quinto disco, Orgulho, onde atopamos moita rabia, crítica social e a necesidade urxente de mover os marcos. Si, a min este disco colleume nunha situación de petar. Eu levaba dez anos no meu traballo e dinme conta, agora escoitando o disco, que si que estaba queimado cando o escribín. Tiña o pensamento de que me estaba a custar moito escribir este disco e non o estaba a conseguir, directamente, porque tiña unha carga de ansiedade e estrés brutal. Cando estás en momentos de moita ansiedade e estrés a creatividade mingua. Tes que estar relaxado e conectado ou conectada contigo mesma para facer cousas, senón é moi complicado. Entón, custoume infinito, moitísimo. É máis, foi deixar o traballo e escribir cinco ou seis cancións de corrido para o disco. Eu neste caso petei e tiven a valentía e o apoio suficiente para dar o paso e dicir ‘ciao’, antes estou eu que calquera empresa e calquera traballo. Algo que creo que todos e todas deberiamos pensar. Eu sempre apostei todo pola música e polo grupo, pero sempre tiven esa pena de non ter dedicado polo menos dous anos ao que amo. E agora dixen, vou facelo e vou durmir súper tranquilo porque é algo que me dá paz.
A canción protesta ficou no terreo do rap. O rap e o hip hop naceron para protestar, como un movemento contra o racismo e a exclusión social. Agora están tentando vender que pode haber rap de dereitas. O que pode haber é alguén que rime palabras e que sexa de dereitas, pero iso non é rap nin representa o hip hop como tal. O rap sempre meteu moita felpa de cara ao sistema e moita autocrítica de cara a un mesmo e cara a onde vai a sociedade. Nós tamén estamos nese pau e moitas das cousas son autocrítica pura e dura. Aquí ninguén é o salvador ou salvadora de nada. O primeiro culpable, son eu realmente. E en base a tentar ver os meus erros vexo tamén os erros da sociedade e por que eu teño eses que veñen derivados de cousas que nos forzan facer.
"Estamos nunha era de desinformación total, coa dopamina e o cortisol polas jodidas nubes. Non estamos tendo tempo a pararnos, estar cun mesmo e pensar, realmente"
Apelades á necesidade de rebelarse. Estamos adormecidas ou mesmo reprimidas? Estamos nunha era de desinformación total, coa dopamina e o cortisol polas jodidas nubes. Non estamos tendo tempo a pararnos, estar cun mesmo e pensar, realmente. Neste disco hai bastante felpa a nivel social. Agora que a extrema dereita xa non ten vergoña a dicir as desfachateces e barbaridades que di é normal que teñamos que alzar a voz e dicir “non”. Non é normal que partidos de ultradereita como o de Santiago Abascal saian dicindo que apoian o modelo de Donald Trump e Milei, porque son barbaridades. Milei, que leva un ano, xa se ve como acaba de endebedar á Arxentina, como acaba de meter a moita máis xente na pobreza e esta reforma laboral que quere levar a cabo. Acabamos de ver a Donald Trum invadir países e crear unha SA ou SS no seu país. Estamos jodidamente tolos? A xente quere iso? Eu creo que non. Eu creo que lle está a lavar o coco á xente e hai un problema social e de educación de base: non pode haber un neno de 16 anos dicindo que con Franco se vivía mellor, porque iso quere dicir que na casa non falan con ese neno
O problema é que estamos nunha sociedade que quere que os fillos sexan educados polos profesores en vez de polos pais. Un mestre non pode cargar con iso e ademais, o sistema de educación xa sabemos o que é. Pretende tratar por igual a 20 ou 30 nenos cando cada individuo é dunha forma. E ao final o que fai é que un neno ou unha nena colapse mentalmente, crea que non vale, haxa fracaso escolar, teñamos menos xente estudando, etc. Ti tes que ocuparte de educar os teus fillos, de contarlles o que pasou. Xa que non hai moitos mestres que conten o que pasou realmente cóntalles ti. O franquismo non foi só a Guerra Civil. Ese xenocidio durou moito máis tempo, seguiron fusilando moito máis tempo xente. Falamos de que no 72 meteron o meu sogro preso por repartir octavillas para unha manifestación. Entón, iso é o que queredes? Non o van conseguir pero se o conseguisen ían flipar. Despois tamén están as redes sociais, que por exemplo, no caso de Twitter, antes era a miña rede de referencia e desde que a pillou Musk é un niño de ratas. É un momento moi convulso.
No disco tamén atopamos un tema chamado “Carminha”, quen é? Carminha é unha tía incrible. Non ten nada e o ten todo. É unha persoa 100% empoderada. Eu realmente escribín esta canción vendo ás miñas amigas e pensando, “rompes con todo, rompes co esquema social totalmente e dáche igual. Tes unha valentía e unha coraxe brutal”. Carminha é a miña mellor colega e unha muller impresionante. Pode con todo e decide por ela mesma.
É de agradecer que haxa feminismo explícito nun grupo de hip hop totalmente masculino, polo menos na aparencia. Pero como non o vai a haber se cremos extremadamente na igualdade? Claro que o hai. Hai unha parte moi importnte de Rebeliom de Inframundo que non se ve, pero que está de sempre, que é Iria Medraño. Fai coros en moitas cancións, canta as cancións populares que abren e pechan os discos.
"Temos a posiblidade de facer cousas que antes serían inviables como videoclips dunha calidade moi boa e investir en son ou en máster e sobre todo temos unha sorte infinita, que temos moita xente con nós. A xente apóianos"
Van xa 14 anos desde aquela Sorpresa, logo chegaría Lume e Rebelión (2016) e un gran respaldo do público. Chegou o voso momento? Eu penso que si, temos xa moita experiencia, estamos facendo o que queremos. Temos a posiblidade de facer cousas que antes serían inviables como videoclips dunha calidade moi boa e investir en son, en máster, en moitas cousas que antes non se podía e sobre todo temos unha sorte infinita, que temos moita xente con nós. A xente apóianos e iso, xúrocho, que é incrible; porque seguiriamos a facer música igual pero eu tamén entendo que sería moito máis difícil seguir 15 anos na música se ao final non hai x recoñecemento, a cabeza pode facerche malas xogadas. Nós temos moita sorte niso, tamén nola traballamos, pero temos moita sorte. Nós e a nosa xente somos o mesmo, aínda que poida parecer tópico, é o que sentimos.
Se falamos do tipo de música atopamos rap hardcore, electrónica e mesmo tradición galega. Como xorde esta mestura? De forma natural. Tradición galega sempre hai, porque partimos da base de que somos galegos e galegas e temos ese carácter e esa cultura que nos fai escribir dunha forma ou dicir as cousas dunha forma pero en Lume e Rebeliom foi cando comezamos a incorporar cantigas populares. A min venme de forma natural porque levo coa miña compañeira 19 anos e na súa casa sempre se cantou, sempre se escoitou A Roda ou Fuxan os ventos e eu ao entrar nesa familia comecei a ver iso e a flipar, a dicir “isto é unha jodida marabilla”. E seguimos a facelo. Por exemplo no tema “Bate fado”, os coros que hai son os colegas de Candeán. É algo natural: como non imos meter tradición galega se vivimos nela?
"Nós somos un grupo curioso. Dentro do rap tocamos mil estilos e ritmos diferentes sen perder a nosa esencia. Incluso en directo ás veces sae un gaiteiro a tocar. E por que non? Por que quedarse co de sempre"
Non todos o fan. Efectivamente. Nós somos un grupo curioso. Dentro do rap tocamos mil estilos e ritmos diferentes sen perder a nosa esencia. Incluso en directo ás veces sae un gaiteiro a tocar. E por que non? Por que quedarse co de sempre. Ti imaxina que a xanela da túa habitación dá a unha paisaxe preciosa pero eu se estou pechado nesa habitación vendo para esa paisaxe, nuns anos vou pensar que é unha paisaxe horrible. Cansas desa paisaxe, precisas praia, monte e mil cousas. E na música é exactamente igual, como na vida. Hai que evolucionar, cambiar e probar distintas cousas.