Historias da mocidade en Lugo: Movementos sociais

Coa colaboración do

En Lugo móvense moitas cousas en torno ao deporte, o activismo, a participación xuvenil, o asociacionismo… e é a xente nova quen está impulsando moitos destes movementos, ou que chega de fóra con ganas de contribuír e mellorar a cidade. As protagonistas de hoxe compártennos as súas experiencias e motivacións para apostar polo seu futuro aquí, facendo avanzar a sociedade en distintos ámbitos. 

 

Camilo

© O Novo Normal

«Teño 28 anos e nacín en Colombia, na cidade de Pamplona, pero por cousas da vida acabei en Lugo coa miña familia. No colexio, a partir dos 14 anos empecei a aprender o galego e a falalo. Encántame Lugo e toda a súa realidade, especialmente todo o que ten que ver co Arde Lucus.  

Comecei a involucrarme nos primeiros anos do Arde Lucus hai doce ou trece anos, cando eramos apenas catro amigos que nos reuniamos para facer unha festa. Desde ese momento xa me enganchei. 

Agora formo parte dunha asociación que se chama Tir Na n'Og, onde facemos recreación histórica, especialmente en Lugo e no Arde Lucus, aínda que cada vez saímos máis fóra. Somos castrexos e centramonos, sobre todo, na época da Idade do Ferro, que é a nosa base. Recreamos un poboado que se chamaba Namarini, que estaba na costa lucense. Centramos moita das actividades de pesca e no marítimo e temos ata barcas que fixemos nós, que probamos no Miño e que… flotan! (Risas). Tamén temos redes e nasas. Cada asociación é un mundo, hainas máis lúdicas e máis culturais. Nós tentamos trasmitirlle á xente como era o día a día nun poboado castrexo. Tamén facemos moitas actividades para nenos e nenas, e representación de forxa e actividades de loita. De feito, temos varios integrantes que son de Inglaterra e que veñen cada ano facer recreación de armamento de loita. É algo moi vistoso. Tamén temos teares e facemos vídeos divulgativos. Cada ano intentamos inventar cousas novas. 

O que máis me gusta do Arde Lucus e deixar o móbil de lado, e estar toda a fin de semana coa roupa de castrexo, facendo actividades sin parar: hai que facer forxa? pois botas unha man, hai que que cocer algo? pois axudas coa comida. É algo parecido a un festival de música, pero metido nunha burbulla histórica. Encántame. 

Arde Lucus comezou sendo unha actividade de tres amigos, e ágora xa é algo coñecido a nivel internacional, algo que atrae moitísimo turismo. Cada ano hai máis asociacións que, como a miña, tentan achegar o seu grao de area para que o festival sexa cada vez mellor.  Estou moi orgulloso do que facemos». 

 

Francis

© O Novo Normal

«Chámome Francis e teño 25 anos. Son de Lugo e son o secretario do colectivo ALAS, unha asociación que defende os dereitos do colectivo LGTBI.

Tiven unha vida tranquila ata que cheguei ao instituto, pero aí xa comezou a cousa a torcerse. Acoso escolar, bulliyng, malleiras, as miradas da xente pola rúa… esas cousas. Cando empecei a decatarme de quen era eu realmente, do que sentía, e de que non tiña por que esconderme, foi cando comezaron os problemas.

Na miña experiencia, o Lugo de hai uns anos non era unha cidade acolledora para a xente do colectivo. Ultimamente si que parece que a cousa mellorou: temos máis apoio das institucións e dos medios, e estásenos a dar, pouco a pouco, máis visibilidade. Ainda así queda moito por facer. 

Por exemplo, á nosa asociación achégase moita xente nova que non sabe a quen recorrer ou con quen falar. Son rapaces que non contan co apoio dos seus pais, por exemplo, e iso é algo que doe. Máis en pleno século XXI, no ano 2022. E notamos unha cousa curiosa: moitas veces parece que a xente máis maior, xente que viviu o franquismo, é a que máis nos acolle ou nos apoia, mentres que cada vez hai unha porcentaxe máis grande de xente nova que nos rexeita. Iso é algo moi triste. 

Eu, en calquera caso, quero seguir vivindo aquí, e xa estou montando un negocio, un salón de peiteado. Lugo é a cidade na que me criei e na que crecín, na que están os meus amigos e a miña familia. E vou seguir traballando para que sexa unha cidade cada vez máis tolerante, un lugar onde se respecte a todo o mundo sin que importe a condición sexual».

«Lugo é a cidade na que me criei e na que crecín, na que están os meus amigos e a miña familia. E vou seguir traballando para que sexa unha cidade cada vez máis tolerante».

 

Adiaratou

© O Novo Normal

«Chámome Adi, teño 23 anos e son deportista paralímpica. Levo nove anos vivindo en Lugo. 

O mellor de Lugo é que é uha cidade acolledora, sobre todo polas persoas. E a cidade en si é pequena e abarcable para todo o mundo. Sinto que ten moito atractivo, aínda que a xente nova, moitas veces, non llo vexamos. Penso que promover a cidade entre as mozas e mozos sería unha boa cousa. Tentar que se interesen pola cidade, pola súa cultura e historia. Que non a valoren, simplemente, porque é súa cidade. E a xuventude tamén debe de facer un esforzo por coñecela.

O deporte ten un papel fundamental en Lugo. Hai moitísimas instalacions, e a xente está moi interesada en practicalos. É unha cidade da que xurdiron moitos paralímpicos coma min, tamén outros atletas como Adrián Ben, e que está mellorando moito. Non só no deporte senón, penso, en xeral. Lugo é unha cidade marabillosa. Ese é o motivo polo que os lucenses sentimos morriña cando estamos lonxe.

Como crítica, pediría que a cidade sexa máis accesible, tanto para as persoas maiores, como para xente con discapacidade. Iso sería algo importante».

 

Yago

© O Novo Normal

«Chámome Yago, son lucense de nacemento e teño agora mesmo 18 anos. Estudo a carreira de mestre en Santiago de Compostela.

Aínda que estudo en Santiago veño a miúdo aquí, tanto para ver a familia como para realizar labores de mantemento da cidade, e a participar en actividades que contribúan a mellorar o que temos.

Colaboro cun proxecto do concello que está dentro da Axenda Urbana 2030, que é un proceso de participación da mocidade no que entramos mozas e mozos de entre catorce e trinta anos. Chámase Consello da Mocidade e a participación é global, o que buscamos son perfís de xente que poida achegar e que queira traballar. Abordamos temas sociais, de urbanismo, de ecoloxismo e de todo tipo. Agradecemos que o Concello empece a tomar este tipo de medidas que son, para nós, moi necesarias.

Xa de pequeno encantábanme os temas sociais, temas nos que sentía que podía cambiar algo, non por ter un papel importante, senón por incluír a xente que non o tiña. Sobre todo a xente nova, para que vexan que a súa voz é importante e non se amarren na casa. Para que vexan que entre todos temos moito Lugo por cambiar. As veces non sabemos dos mecanismos que existen para transformar as cousas e, pouco a pouco, é preciso ir activando novas canles. 

Moitos rapaces novos ven Lugo como un amarre, un pouco coma un cárcere. Ven outras cidades e pensan que son mellores, pero a realidade é que ningunha de elas cambiou na noite para a mañá. Temos moito por facer, pero penso que a forma de vivir de Lugo é moi saudable. É unha cidade económica, tranquila e sostible. Cun patrimonio cultural moi importante que temos que preservar entre todos, e outros tipos de patrimonio, como o natural, nos que aínda temos moito que traballar. Estanse comezando a promover cambios ecolóxicos, pero aínda hai que seguir remando moito por aí. É necesario promover espazos naturais onde a xente nova pode socializar, traballar e estar comodamente. É cara a onde vai o mundo.

A mocidade, moitas veces, non é consciente destas cousas ata que lle chega a información. Por iso as redes sociais son ferramentas imprescindibles. Temos que trasmitirlles que Lugo é unha cidade que ten moito que dar, e que todos temos un papel que xogar no seu futuro».

«Temos moito por facer, pero penso que a forma de vivir de Lugo é moi saudable. É unha cidade económica, tranquila e sostible». 

 

Jéssica

© O Novo Normal

«Chámome Jéssica, teño 25 anos e son de Colombia. 

Cheguei a Lugo hai catro meses, e todo o periplo que vivimos ata acabar aquí foi como un conto. Un cúmulo de casualidades. 

Non sabiamos que documentacion nin permisos necesitabamos, xa que chegamos a Madrid como turistas. Dixéronnos dunha aplicación, Idealista, e por aí atopamos unha habitación en Lugo. Non sabíamos nin onde era nin como vir. Chegar ata aquí xa foi unha aventura.

Xa durante a viaxe houbo varias cousas que me chamaron a atención. Eu son enxeñeira ambiental, e gustáronme moito as paisaxes que víamos, porque eran moi variadas. En Colombia non temos estacións, como aquí, así que a natureza é máis homoxénea. Tamén me encantou a énfase que se lle dá ao medio ambiente neste país. Vimos hectáreas cheas de paneis solares e de muíños de vento, algo que nunca tivera a oportunidade de ver no meu país. Decateime enseguida da importancia que se lle dá á natureza e ao seu coidado neste país. Penso que cando teña fillos e lles conte esa viaxe e todo o que pasamos ata chegar a Lugo, non o van crer.

Outra sensación que tiven ao chegar á cidade é a de que se mima o patrimonio e se valora a Historia. Non hai máis que ver a Muralla, por exemplo. E os parques. Hai árbores de centos de anos, e moitas especies de flores que atraen a moitos polinizadores, o cal é fantástico. Tamén vexo que os parques están coidados, igual que os ríos. É que a xente recicla, que fai a súa parte. Son cousas importantes e, o feito de que aquí se valoren, faime sentir coma na casa. O cambio foi grande, pero estou moi feliz. Encantaríame poder quedar aquí e exercer a miña carreira. Encantaríame poder contribuír a mellorar Lugo». 

 

«Sinto que esta é unha cidade que, aínda que sexas de fóra, faite sentir lucense moi rápido»

María

© O Novo Normal

«Chámome María e son de Tui. Teño 25 anos e levo 7 vivindo en Lugo, desde o 2015, cando vin estudar Veterinaria. Acabei hai algo máis dun ano e agora estou traballando do meu.

Sinto que esta é unha cidade que, aínda que sexas de fóra, faite sentir lucense moi rápido. 

No meu ámbito profesional, como Tui non ten casi rural nin gandería a práctica veterinaría está moi restrinxida aos animais domésticos, basicamente cans e gatos. Aquí cos anos tamén fun descubrindo unha parte da veterinaria que descoñecía, que é a do veterinario rural. Gústame moito, e sinto que Lugo é o mellor sitio para seguir desenvolvéndome nese aspecto.

Hai un par de anos, eu e varios amigos da carreira decatámonos de que non había nada en Lugo que tivese moito peso a nivel organizativo –ou nós non o coñeciamos– con respecto ao activismo e á loita en defensa dos dereitos do colectivo LGTBI. Nós tiñamos algo de experiencia co movemento estudiantil, e vimos que existía unha organización a nivel galego, Avante LGTB+, coa que coincidiamos a nivel ideolóxico, e decidimos implementala aquí en Lugo. Despois chegou a pandemia e tivemos que parar un pouco, e tamén descubrimos máis xente traballando en prol do noso colectivo. Igualmente, moita xente do noso ámbito se animou a participar e fomos quen de facer bastantes cousiñas.

Penso que Lugo é unha cidade amable para o colectivo, ainda que tamén pode ser que teña unha visión nesgada, a dunha persoa que xa pasou aquí esa idade de empezar a ser ti mesma, que é a etapa universitaria. Na miña vila natal, por exemplo, si que me sentía un pouco máis coartada. Tamén dá a casualidade de que en Veterinaria hai moita xente do colectivo, así que sempre notei un ambiente acolledor e inclusivo. En calquera caso, a miña experiencia como persoa LGTBI aquí sempre foi positiva. E vexo que a xente moi nova –xente de quince, dezaseis– está moi concienciada e súper a tope co activismo, e que viven nun contexto que oxalá tivese eu en Tui cando tiña a súa idade. Penso que hai un progreso social, xeral, en toda Galicia. E en Lugo tamén, claro. Eu son super hooligan de Lugo. (Risas). Para min é a cidade ideal para vivir». 

 

O Novo Normal: A Coruña

O Novo Normal: A Coruña

O Novo Normal: A Coruña xurdiu dun momento histórico, dunha pandemía que nos mudou a vida a todos, e como un xeito de darlle sentido ao que estabamos a vivir. É un proxecto fotográfico vivo, que segue a evolucionar. Podedes seguilo en Instagram e en Facebook.

María Yáñez

María Yáñez

Xornalista. Levo vinte anos traballando na rede e no audiovisual. Adoro as revistas en todos os seus formatos. Agora dirixo VINTE da man de Praza.gal.

Tamén che interesa

  • Historias da mocidade en Lugo

    Historias da mocidade en Lugo: Cultura

    Algo se está a mover en Lugo. A capital acolle unha nova fornada de creadoras e axentes culturais que, trala pandemia, decidiron regresar ou simplemente quedar a vivir na cidade. Algo que de primeiras non entraba nos seus plans. E atoparon un Lugo diferente, con máis xente nova e máis oferta de cultura e lecer, pero tamén o Lugo de sempre visto agora con outros ollos: os dunha nova xeración que valora a calidade dunha vida máis lenta, máis barata, máis próxima e en contacto coa natureza. 

    Lugares

    Coa colaboración do

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.