Algo se está a mover en Lugo. A capital acolle unha nova fornada de creadoras e axentes culturais que, trala pandemia, decidiron regresar ou simplemente quedar a vivir na cidade. Algo que de primeiras non entraba nos seus plans. E atoparon un Lugo diferente, con máis xente nova e máis oferta de cultura e lecer, pero tamén o Lugo de sempre visto agora con outros ollos: os dunha nova xeración que valora a calidade dunha vida máis lenta, máis barata, máis próxima e en contacto coa natureza.
Antía
«Chámome Antía, teño 27 anos e fago cousas moi diferentes. Fago filmes, ilustración, fotos, teño unha horta… Intento aprender cousas que me permitan comunicarme e expresarme sin precisar de palabras.
Vivín en Lugo ata que fun á universidade. De máis nova non me sentía a gusto aquí, pero é que tampouco me sentía a gusto coa miña persoa. Penso que ese era o problema. Tiven que saír para atoparme a min mesma. Nun momento dado acabei en Portugal, estudando nunha escola de artes, e aí xa me empecei a sentir máis eu. Descubrín cousas como que, por exemplo, eu son unha persoa non binaria. Foi importante. Despois volvín. Sempre tivera a idea de que para realizarme necesitaba irme a Berlín, Madrid ou Barcelona, pero decateime de que non é necesario, de que Galicia está moi ben.
Síntome moi ligada a Lugo, pero penso que merece ter máis diversidade e oportunidades a nivel cultural. Agora estou preparando un proxecto novo, un lugar onde xente que está perdida ou soa, como estaba eu de adolescente, poida atoparse. Vai ser un espazo inclusivo de creación, a base de obradoiros e de talleres. Estou un pouco ata os narices da arte, e non quero facer o mesmo de sempre, estamos ata arriba de contido e xa está todo feito. O que nos falta, penso, e relacionarnos cara a cara, persoa a persoa. Gustaríame que se achegase xente de Lugo e de fóra, con máis ou menos interese cultural, e máis ou menos carreira artística, e que veña descubrirse a si mesma, e de paso, a crear. Ao final, a arte é un circulo moi clasista, e iso é algo que me encantaría romper no meu espazo.
«Agora estou preparando un proxecto novo, un lugar onde xente que está perdida ou soa, como estaba eu de adolescente, poida atoparse».
Penso que esta é unha necesidade que está a xurdir en moitos lugares. Ademais o feito de que Lugo estea tan achegado ao rural faino moi especial. O ritmo das cidades grandes é insufrible, e que poidan vir creadores de fóra traballar aquí, con tranquilidade e a desfrutar de tempo laxo para crear, é algo que me encantaría.
Eu téño claro: temos que sair deste ritmo frenético de vida –tamén nas redes–, e Lugo é un lugar estupendo para facelo».
Sara
«Chámome Sara, teño 32 anos, son profesora de canto e traballo como música en varios grupos. Vivo aquí, no Barrio Feijóo, preto da Milagrosa.
Pasei dous anos en Pontevedra, onde estudei Belas Artes, pero logo volvín. Tamén estiven a piques de marchar a vivir a Inglaterra, pero ao final quedei aquí. Gústame Lugo. É que é unha cidade tranquila, cun ritmo de vida diferente. Podes ir camiñando a tódolos sitios, a xente é guai, a comida é guai… hai calidade de vida. E para a quen lle guste a música, como a min, pois hai moita vidilla en Lugo. Parece que non, pero a xente cando vén flipa.
Fanse máis cousas das que pensamos: hai grupos de versións, xente que está traballando en temas propios, e logo temos o Clavi, que é unha sala icónica que tira moito dos grupos locais, e que trae cousas de fóra, grazas a Alberto, que leva aí tirando dende sempre. Tamén hai moitas iniciativas privadas de xente que organiza festivais, como o Fa Ce La, ou outra xente que programa pola sús conta. Está moi guai.
Á mágoa que sinto é que teño moitos amigos que están marchando de aquí. O tema é que, dependendo de a que te dediques, hai traballos nos que é difícil atopar choio. Moitos queren volver pero non é fácil. Eu agardo que a cidade siga crecendo. Penso que imos a mellor, pero sempre hai cousas. Eu vou crecendo pouco a pouco no meu, que é o mundo da música, un mundo complicado. Pode que teñamos menos visibilidade que se estivésemos na Coruña ou en Santiago, pero a escena, aquí, é máis cercana. A xente fíase moito do boca a boca. Eu, co tema das clases, teño moitos alumnos que se apuntan despois de verme tocar. É todo máis próximo. Como que hai contacto real e menos en redes. Non me podo queixar.
Ademais na cidade temos un conservatorio profesional e moitísimas escolas de música, así que sae unha chea de xente formadísima. Hai moito interese, e moita música en Lugo. A música –a cultura en xeral–, é saude mental. Tes un concerto en San Froilán, por exemplo, nunha praza pequeniña como esta, e a xente ponse a bailar de xeito espontáneo. Xente de todas as idades bailando todos xuntos. É algo que une as persoas».
Nico
«Son Nico, teño 25 anos, vivo en Lugo e son xornalista, teño un podcast, escribo artigos e fago cousas como… como isto que estamos a facer. (Risas).
Son lucense nacido e pacido por toda a cidade, por todos os barrios –algo que non moitos poden dicir–, e a miña relación coa cidade é emotiva, familiar. Son de aquí e non coñezo outro espazo relacional a este nivel. Non o podo negar, son lucense.
Agora estou buscando traballo. O malo é que, dedicándome ao que me dedico, é moi complicado buscar unha ubicación física. Os camiños da counicación son inexcrutables (Risas). Tería que ser algo como moi tradicional, pero esas son portas difíciles de abrir, así que non me sinto capaz de definir o meu futuro a curto, medio ou longo prazo. Obviamente, Lugo é unha cidade moi práctica e moi habitable, válida para unha vida sinxela. Unha cidade na que cada vez hai máis movementos culturais que crean un ambiente social propicio para desfrutar, e para ter unha boa calidade de vida. Así que, nada, eu poño as miñas esperanzas no teletraballo. Gustaríame quedar.
Pasou unha cousa curiosa ultimamente, que é que parece que a pandemia tivo un efecto positivo na cidade. De repente vías pola rúa caras que non tiñas vistas, e abrían novos locais, ou comezaban novos proxectos. Non foi casualidade. Moita xente volveu, e esa xente xa está a deixar unha pegada e un pouso. Escóitalos e din cousas como: “Cando eu marchei isto era un pozo de bares, restaurantes, pubs… e un par de afters. E mira agora!”. (Risas). Toda a vida cultural pasaba por Santiago, A Coruña, Pontevedra ou Vigo, e agora xa non é así.
«Parece que a pandemia tivo un efecto positivo na cidade. De repente vías pola rúa caras que non tiñas vistas, e abrían novos locais, ou comezaban novos proxectos. Non foi casualidade. Moita xente volveu, e esa xente xa está a deixar unha pegada e un pouso.»
Os lucenses somos pesimistas por natureza e non creemos na boa fortuna da cidade, porque nos dá como a sensación de que nunca pasa nada, de que o tempo se detivo. Realmente, se miras o tipo de cidade que era Lugo ao que é agora, quen contaba? Pois nin nós mesmos, creo. Hai moita xente que prometeu que non ía quedar a vivir aquí, e que xa ten alugado un piso ao seu nome.
Así e todo, Lugo tamén afronta desafios. Un é o de rematar de tecer unha rede que consiga reter a poboación moza, porque seguen quedando buratos e segue fugándose xente. Iso pasa porque hai moitos sectores industriais, creativos e prudutivos que non están atendidos na cidade, que seguen radicados no eixo atlántico. E non é por talento, que diso imos sobrados, pero ao final son outros sempre os que o aproveitan, e iso é unha mágoa. Temos que ser máis ambiciosos».
Clara
«Chámome Clara, son de Rábade pero vivo en Lugo e son guionista. Teño 26 anos.
Estudei en Santiago e fixen un mestrado en Salamanca. Cando volvín estiven un ano na casa dos meus pais. Cando por fin conseguín aforrar algo para poder marchar, porque eu teletraballo, pensei onde me gustaría vivir. Nese momento os meus amigos que marcharan a estudar fóra estaban volvendo aquí, así que decidín quedar e estamos todos flipando. Non sei se é que antes non había cousas e agora hai máis, ou que non o sabiamos, pero si, flipamos, hai moitísimas cousas que facer, e moita oferta cultural. Hai un anaco estaba falando cos meus amigos para quedar e unha dicía: “que estrés, que facemos? hai que decidir” porque hai tantas posibilidades que non sabes. Culturalmente, de repente, volveuse unha cidade moi rica. Tanto cine como música: hai concertos todo o tempo. E non só no centro, como pasaba antes, senón por toda a cidade. Tamén actividades deportivas. Eu son socia do Breo e é como unha cousa moi da cidade, moi de Lugo. É como unha especie de orgullo. O que máis boto en falta é máis oferta de teatro; penso que hai moita canteira pero poucas representacións nacionais ou máis grandes. Van todas para Coruña e Santiago, pero aquí temos espazos. Iso é o que máis pena me dá.
Estamos redescubrindo Lugo cunha especie de orgullo estraño. Como “que guai estar aquí de volta e on querer marchar”. Foi como unha epifania. Teño amigos de fóra que viñeron antes do verán e que nin sabían que había unha muralla; algúns pensaban que había vacas pola rúa. Chegaron a Lugo e fliparon, de feito hai pouco decidiron volver de visita. Cada vez valoramos máis a nosa cidade. Estase ben aquí».
Lucía e Emma
Lucía: «Teño 19 anos, e son de Lugo de sempre, da Milagrosa. Comecei a bailar con 15, de casualidade, e desde o primeiro día descubrín que me apaixonaba. A día de hoxe é o meu foco principal na vida. Vivo por e para a danza».
Emma: «Eu teño 21 anos e levo bailando dende que teño uso das pernas, case desde que camiño. É algo que me enche e ao que lle quero dedicar a miña vida. Non só os psicólogos son bos, hai outras cousas que axudan. A danza, para min, é un desafogo estupendo. Agora estoume preparando no TAFAD para ser adestradora, pero tamén quero estudar psicoloxía. Quero ser quen de axudarlles aos meus alumnos no seu círculo da vida».
Lucía: «A nosa academia chamase Gravitty - Humans In Motion. Damos tanto danza e ximnasia rítmica e deportiva, como outras disciplinas tipo pole dance, baile moderno ou reggaeton. As dúas somos profesoras alí».
Emma: «Ademais estamos nun grupo de competición. Vamos, que vivimos na academia. (Risas) Non podemos separarnos do baile».
Lucía: «Somos adestradoras e tamén adestramos nós».
Emma: «A nosa é unha escola de baile, obviamente, pero tamén buscamos ir máis alá. Queremos que os nosos alumnos teñan valores. Intentamos educar. Penso que iso é algo que nos diferencia. Tamén nos parece vital fomentar outras actividades entre os pequenos que non sexan o fútbol ou o baloncesto. Cada vez temos máis nenos nas clase, e iso é moi alentador. O baile non é só para mulleres».
Lucía: «Ao principio, a danza urbana estaba como relacionaba co vandalismo, con algo perigoso. Agora, penso que a xente xa se decatou de este é un dos espazos máis saudables nos que te podes atopar. A nosa é unha cultura que fomenta os valores do respecto e da tolerancia. É tamén da saúde, tanto física coma mental».
Emma: «O que botamos en falta na cidade son máis espazos para poder bailar e compartir o noso mundo con xente de fóra da escola. É algo que sería fantástico, e non temos un sitio como tal. As veces poñémonos na Praza Maior a bailar pero sentimos que hai a quen lle molesta».
Lucía: «Hai xente que nos mira con cara rara. Sería xenial poder ter un espazo habilitado para poder mostrar o noso traballo, fomentar a nosa cultura e trasmitir os nosos valores».
Emma: «Sen dúbida».
Antonio e Laura
Laura: «Chámome Laura, son de León, teño 32 anos e son artista visual e investigadora cultural».
Antonio: «Eu son Antonio, tamén teño 32 e son nacido e criado en Lugo. Edito e investigo en torno á arquitectura e ás prácticas espaciais críticas».
Laura: «Eu estudei en Belas Artes en Pontevedra, e vivín sete anos en Madrid. Cando xa non podía máis, vin para Lugo».(Risas).
Antonio: «Eu estudei na Coruña pero marchei facer un doutoramento a Madrid. Alí estiven traballando e movéndome por varios sitios e, finalmente, volvín a Galicia. Coa covid e sen pretendelo moito rematei en Lugo, xa para quedar».
Laura: «Cando chegamos, o complicado era socializar e atopar xente cos mesmos intereses ca nós. Por iso decidimos xerar un espazo como Leira, un punto de encontro para poder coñecer xente afín, xuntarnos e facer cousas interesantes».
«Lugo responde a esa falacia de que as cousas interesantes suceden só nas cidades grandes. Penso que, entre todos, estamos a demostrar que non é verdade»
Antonio: «Tiñamos sempre esta cousa de estar traballando para fóra, en contextos moi diferentes, e sen deixar unha pegada nunca no sitio. Pensamos que, xa que apostabamos por traballar desde aquí, queriamos ter a oportunidade de xerar os mesmos proxectos e coa mesma ambición que o que estabamos a facer para fóra. Parecíanos o natural. Leira xorde de atopar intereses comúns e conexións entre a práctica de Laura e a miña. Viamos que existían certos discursos moi hexemónicos en canto á realide territorial de Galicia, e apetecíanos traballar de xeito crítico en torno a eles. Queríamos xerar novos imaxinarios que, para nós, eran moi naturais».
Laura: «Notamos que Leira xerou xa moita curiosidade. Á xente que se asoma polo local dicímoslles que pasen, que non mordemos, e que somos un espazo sen ánimo de lucro onde atoparnos para xerar cousas interesantes».
Antonio: «Estamos na Praza do Campo, rodeados de bares, así que a nosa relación coa contorna é peculiar. Sabemos que a nosa é unha proposta moi friqui. O único que queremos é xerar o tipo de propostas e de actividades que nos gustaría ver en Lugo, pero somos conscientes de que é algo moi particular. A xente asómase con estrañeza, sen saber moi ben de que vai isto».
Laura: «Ainda así, ata agora sentimos que o proxecto é ben recibido, e estamos sorprendidos. Sabiamos que queriamos iniciar algo que, sobre todo, nos interesase a nós, pero ignorabamos se ía haber xente ao outro lado da ponte. Semella que si. Lugo responde a esa falacia de que as cousas interesantes suceden só nas cidades grandes. Penso que, entre todos, estamos a demostrar que non é verdade».