Iria Nande, Daniela Ferrández, Barry Elhadj Mamadou e Sonia Díaz participan na mesa Vivir na Galiza dos anos 20 do festival Mover os marcos. CC-BY-SA Cedidas/Charo López
Xa está en marcha Mover os marcos. Este mércores arranca en Compostela a segunda edición dun festival pouco convencional que busca a reflexión para achegar ideas que poidan axudar á mocidade de hoxe en temas como a vivenda, o medio ambiente, as identidades, os dereitos ou a lingua. Falamos coas persoas que este venres pola tarde participarán na conversa “Vivir na Galiza dos anos 20”, sobre os necesarios activismos do día a día que, afortunadamente, están a mover os marcos para avanzar en dereitos e oportunidades. Son Daniela Ferrández, Iria Nande, Barry Elhadj Mamadou e Sonia Díaz.
“A nosa intención, é que cada unha das tres persoas que están a mesa, que en cada un dos seus ámbitos ten un percorrido de activismo, nos explique un pouco como lle dá saída a súa vontade de facer un mundo mellor para si mesma e para os demais. Falaremos de activismo convencional, colectivo, articulado, a través dunha entidade, pero falaremos tamén de activismos individuais, no traballo ou na vida”, explica Sonia Díaz, xornalista especializada en comunicación cultural e técnica de proxectos en Agaresco, que será a encargada de moderar e dinamizar a conversa do venres na facultade de Ciencias da Comunicación.
Díaz adianta que tentarán poñer a ollada nos problemas do día a día da mocidade que vive na Galiza dos anos 20: a vivenda, a vulnerabilidade económica, a dificultade para atopar un traballo e para construír unha vida digna e estable neste territorio compartido e as dificultades engadidas que achega cada perfil segundo a identidade sexual ou a diversidade racial. “Veremos como todas esas dificultades engadidas conflúen en moitas persoas, e como iso se intersecciona”, indica Díaz, que pon o foco na necesidade de achegar propostas realistas.
Sonia Díaz adianta que tentarán poñer a ollada nos problemas do día a día da mocidade que vive na Galiza dos anos 20: a vivenda, a vulnerabilidade económica, a dificultade para atopar un traballo e para construír unha vida digna e estable neste territorio compartido e as dificultades engadidas que achega cada perfil
“É verdade que convén e que é preciso falar dos problemas, miralos, pero tamén é preciso ver que xa estamos facendo cousas e que hai moitas outras que podamos facer e ofrecer esa ollada máis proactiva e de cousas factibles, porque entendo que ás veces tamén se nos poñemos retos moi, moi grandes resulta desincentivador, sobre todo para unha mocidade que ao mellor xa se sente vulnerable, con razón. Que xa ten unha situación de partida bastante complexa, entón ao mellor, hai que pensar nos mecanismos do día a día, os activismos do día a día, cousas que se poden facer”, subliña.
Para Daniela Ferrández, doutora en Historia Contemporánea e membro da Rede Galega de Estudios Queer, vivir na Galicia dos anos 20 pode ser “unha contradición” en moitas cuestións. Os dereitos LGBT están máis avanzados que nunca, relata, con cuestións como a Lei Trans, que favorecen o acceso a dereitos antes negados, pero, que por outro lado, “vivimos nunha situación de avance dos discursos de odio, de avance dunha onda reaccionaria mundial”, indica. Ademais, no eido económico, outra contradición importante, acrecenta, radica en que "supostamente" cada día vivimos nun estado ou nun país con mellores posibilidades, con mellores condicións, pero despois, “a precariedade sigue asexando o colectivo LGBT en particular, e a sociedade en xeral. Segue sendo moi difícil atopar traballos se es parte do colectivo, nomeadamente se é unha persoa trans”, explica Ferrandez.
A historiadora alerta tamén de que temos a liberdade para xuntarnos con outras persoas, utilizar a nosa lingua, recuperar a nosa cultura e a nosa memoria, mais, por outro lado, “vemos que as políticas non acompañan, vemos como cada vez hai menos xente falando galego, vemos como cada vez a cuestión da memoria está menos presente nas políticas públicas”, relata.
Non entanto, malia as contradicións, para Daniela Ferrández a Galiza dos anos 20 tamén é un territorio e unha época de esperanza, do que podemos facer e do que podemos acadar. “Vemos como o noso país, a día de hoxe, ten unha resposta que enorgullece contra o xenocidio palestino, por exemplo. Vemos como o noso país organizouse, e se non parou, está dificultando moito, o proxecto de Altri, está mirando por ter un lugar no que vivir non só no hoxe, senón para as que veñen por detrás”, subliña.
Daniela Ferrández avisa de que de que o pesimismo extremo leva á desmobilización e que, aínda que en termos xerais, podiamos dicir que estamos algo mellor que hai 20 anos, “o progreso nunca é lineal, os retrocesos están aí e as cousas non veñen dadas, que as cousas temos que construilas entre nós, dun xeito transversal”
Ferrández defende que as diferentes loitas na sociedade teñen que estar conectadas, porque “de pouco serve a liberación LGBT se non podemos acceder á vivenda. De pouco serve a liberación LGBT, por exemplo, mentras teñamos xenocidios no mundo. Entón, é unha contradición, pero tamén é un territorio no que sementar, un territorio de esperanzas, sen dúbida", indica.
Avisa de que de que o pesimismo extremo leva á desmobilización e que, aínda que en termos xerais, podiamos dicir que estamos algo mellor que hai 20 anos, “o progreso nunca é lineal, os retrocesos están aí e as cousas non veñen dadas, que as cousas temos que construilas entre nós, dun xeito transversal”.
Daniela Ferrández anima a xente a seguir loitando, a que non dea nada por conseguido. “Sen dúbida, eu penso que se trata diso, de abandonar o individualismo, do facto de pensar que o meu recuncho está conseguido, para pensar que o recuncho é un para todas. Ao final, non é unha cuestión de minorías, é unha cuestión de maiorías, é unha cuestión dunha maioría que queira construir un futuro mellor para todas”.
Barry Elhadj Mamadou marchou do seu país, Guinea Conakri, en 2019 con apenas 23 anos, cando estudaba o terceiro curso de Economía na Universidade debido ás represalias por manifestarse contra o ditador. Chegou a Canarias, cruzou a Península, foi a París (porque dominaba o idioma) pero tivo que volver obrigado a pedir asilo en España “segundo o Procedemento de Dublín”. De volta, traballou no campo en Huelva, en condicións moi duras, volveu a Madrid grazas á ONG Bocatas, ata que atopou a ONG Rescate. Desde 2024 está en Galicia, primeiro foi a Becerreá pero desde hai case un ano vive en Santiago e traballa como conserxe no centro de acollida que Rescate xestiona en Roxos-Silvouta; traballa e tamén axuda a outros migrantes, dá charlas en institutos e ten como principal obxectivo formarse para ter máis oportunidades para si mesmo e para axudar os demais.
“Sempre lles digo aos mozos que chegan que non hai que apagar a enerxía que teñen e que cruzar un deserto é máis duro que un sistema de burocracia e hai que pasalo tamén”, asegura Barry Elhadj Mamadou
“Sempre aconsello aos mozos onde estou traballando que hai que buscar formación porque se non tes que ir ao traballo do campo que adoita ser unha explotación, un traballo moi duro e a forza que tes cando es mozo non é a mesma que cando teñas 60 anos”, explica. E tamén aconsella que non cedan ás trabas burocráticas. “Sempre lles digo que non hai que apagar a enerxía que teñen e que cruzar un deserto é máis duro que un sistema de burocracia e hai que pasalo tamén”, asegura.
Sobre a súa experiencia en Europa e, concretamente en Galicia, prefire quedarse coa parte positiva, porque sempre hai xente boa, aínda que mala tamén. “Hai moito descoñecemento, porque non saben de onde vén a xente nin nada da historia que contamos”, di, e alerta do dano que fan os discursos de odio nas redes sociais, que etiquetan os inmigrantes como delincuentes. “Ás veces vas entrar aquí nunha tenda e xa te miran como foses coller algunha cousa”, lamenta. Para Barry cómpre facer unha sensibilización na sociedade e non incentivar eses discursos políticos que dividen a xente con ideas como que “os de fóra queren quitarnos o noso traballo”.
Barry viviu a imposibilidade de alugar un vivenda de seu. “Cada vez que chamaba, cando escoitaban o acento xa non querían alugarme nada, dicían que logo me chamaban e non o facían e xa non collían o teléfono ou dicían que xa estaba alugado. “Un día fixen unha trampa cunha compañeira de traballo que chamou e para ela si que estaba baleiro o piso, entón preguntoulle por que me mentiran a min e cortaron a chamada”, relata.
Grazas a unha rede de apoio ten o seu aloxamento en Santiago. “Tes que ter unha persoa local que te acompañe e apoie, porque ti só non podes. Son dificultades engadidas que te atopas, claro”, indica.
“Unha persoa que cruzou o deserto e o mar para chegar aquí non vai facer cousas malas, desde o meu punto de vista, porque eu son unha desas persoas e non vou prexudicar a miña vida en Europa porque vin buscar unha vida mellor e seguir o meu soño”, subliña Barry
Con todo, Barry subliña que aquí atopou un bo lugar onde quedarse e amizades locais, algo que en Madrid non tiña. “Quero dicir xente branca que ten a empatía e saben do tema da inmigración, porque os galegos tamén emigraron”, di.
A día de hoxe, di, hai persoas con mentalidade pechada que non reparan en que a xente non vén aquí, non deixa o seu fogar, porque queira, vén para buscar a vida, moitas veces fuxindo dos terrorismo como no caso de Mali, Burkina Faso ou Niger. “Unha persoa que cruzou o deserto e o mar para chegar aquí non vai facer cousas malas, desde o meu punto de vista, porque eu son unha desas persoas e non vou prexudicar a miña vida en Europa porque vin buscar unha vida mellor e seguir o meu soño”, defende.
Desde a Plataforma Galega Vivenda Xa, Iria Nande porá o foco nun dos principais problemas aos que se enfronta a mocidade e moi especialmente os colectivos máis vulnerables, tal e como relataba Barry, o acceso a un lugar onde vivir. “O que vemos é que na Galiza dos anos 20, a diferenza de noutras épocas, na vivenda priorízase ese papel como activo, como ben de mercado, fronte a ese papel como un dereito fundamental, que todos necesitamos un lugar para vivir, para poder desenvolver os nosos proxectos de vida. Vemos que na Galiza dos anos 20 priorízase esa forma de ver a vivenda como algo no que investir, algo co que especular, algo co que facer negocio, e iso supón un atranco á nosa capacidade de desenvolver o proxecto de vida”, detalla.
A plataforma lamenta que hai cousas que se poderían facer a curto prazo e que as administracións non están a facer como é o caso das vivendas da Sareb, do Goberno central, “coas que se podería facer un banco de vivenda público en alugueiro”, defende. No caso da Xunta de Galicia, Nande observa un “absoluto desleixo” á hora de regular as vivendas de uso turístico e de garantir que “exista un parque de vivenda pública en alugueiro suficiente e de topar os prezos, que están acadando uns niveis completamente desorbitados, nos que case tes que destinar o 70% ou 80% do soldo a pagar o aluguero”, detalla.
Vemos que na Galiza dos anos 20 priorízase esa forma de ver a vivenda como algo no que investir, algo co que especular, algo co que facer negocio, e iso supón un atranco á nosa capacidade de desenvolver o proxecto de vida”, detalla Iria Nande, da Plataforma Galega Vivenda Xa
A representante da plataforma da vivenda defende que na xornada se busca tamén facer “reflexión colectiva” sobre a importancia de tomar partido, porque as cousas se poden cambiar. “É necesario que nos organicemos porque non serve de nada queixase noi sofá da casa. Cada un achegando o seu gran de area e traballando en conxunto para poñer solucións”, defende Nande.