Un retrato da primeira xeración que se fixo adulta neste milenio escrito con perspectiva galega, nun ensaio deses que abundan no xornalismo anglosaxón pero que se botan en falta na nosa lingua. Para escribir 'Millennials. Unha xeración entre dúas crises', Raquel C. Pico (Compostela, 1984) leu toda a literatura e estatística posible sobre os millennials pero tamén entrevistou un bo feixe de persoas da súa quinta que viven en Galicia e comparten experiencias similares en torno á precariedade, o traballo, a vivenda, a familia, a emigración ou as redes. A xeración da mocidade “eterna” chega aos corenta. É hora de vela cunha nova perspectiva.
Como xorde a idea do libro? Que te moveu a escoller este tema en concreto?
Empecei a escribir o libro cando non estaba no meu mellor momento profesional e era un pouco pesimista. Eu xa escribira moito sobre millennials e crise durante esta década dos anos dez. É un tema moi interesante e á vez moi próximo, porque eu son unha millennial. Todo o que lía eran historias estadounidenses e eu sentíame completamente identificada, salvo nos préstamos estudantís, que na miña época non os había. E cando estalou a pandemia foi como esa sensación de volvermos outra vez ao punto de principio. Lembro que lin en The Atlantic un artigo sobre isto, que achegaba as razóns económicas que efectivamente explicaban que era unha situación mala para a xente da nosa idade. Entón sempre tiven interese por saber como afecta a Galicia todo isto que é global. Quería saber o que estaba pasar coa xente da miña idade aquí, non só o que me contaban os ensaios estadounidenses. E ao final o que descubrín é que todo é bastante universal e que dá igual que sexas unha millennial de Lugo, Estocolmo ou Kansas City porque os problemas son bastante paralelos.
Iso é algo peneirado das entrevistas pero tamén de distintos informes e estatísticas.
O libro parte da idea de que cando a xente millennial ou a xeración Z se queixa de que estabamos atrapados entre dúas crises sempre nos din que se somos xente de cristal, que nunca vivimos unha guerra… pero ao final isto non é unha percepción senón que é algo que din as estatísticas. E é moi importante que non só sexan estatísticas de Mackenzie ou Deloitte senón tamén de CC.OO. ou outras entidades moi dispares e máis próxima que chegan á mesma conclusión. Aquí tiña a vantaxe de que eu viña traballando de xornalista desde hai anos escribindo cousas de marketing, publicidade ou empresas e moitos destes estudos xa os coñecía. Recomendo un libro de Anna Helen Petersen que en castelán está traducido como No puedo más. O libro parte dunha reportaxe longa que ela fixo para BuzzFeed sobre a súa propia experiencia de que estaba queimada e descubriu que era algo xeracional, que a xente millennial estaba por defecto queimada. É un pouco deprimente pero tamén hai cousas boas.
«Moita xente marchou porque aquí non había traballo e agora que queren volver non hai traballo para esas profesións. Nalgunhas áreas hai traballos que en Galicia non existen, e poderían ter existido se non houbese esta crise económica, se todos estes millennials non tivesen marchado fóra»
Aínda que unha das conclusións que sacas que os problemas son globais, hai algunha característica que nos marque en Galicia?
Eu creo que a emigración e a perda de talento. Para Galicia foron uns anos de oportunidades perdidas. Moita xente marchou porque aquí non había traballo e agora que queren volver non hai traballo para esas profesións. Nalgunhas áreas hai traballos que en Galicia non existen, e poderían ter existido se non houbese esta crise económica, se todos estes millennials non tivesen marchado fóra. Pero isto é facer realidades históricas alternativas. Está Galicia pensando na xente nova que vive nela? Porque isto que se fala da natalidade baixa igual é porque non hai políticas pensadas para as mulleres novas. Creo que ás veces hai fracturas xeracionais á hora de deseñar as medidas.
Lévase anos falando dos millennials como xeración nova e agora xa estades na fronteira dos 40 anos. Chegastes xa a cumprir as metas da vida adulta que vos foron negadas no seu día porque as cartas viñeron malas?
Non. Eu creo que imos ser unha xeración eternamente na mocidade. Pero tamén habería que pensar en cales son esas metas. Xusto no libro comento que as metas do que é ser adulto na socioloxía é algo que se fixera nos anos 50 e entón pasa por esas cousas de casar e ter fillos. Realmente non tes por que facer iso para ser unha persoa adulta. Podes casar se queres ou non. Pero eu si que noto a precariedade agora que xa somos xente de mediana idade e segues sen poder acceder a unha vivenda, vivindo de xeito moi precario. Os alugueiros son carísimos pero incluso se queres comprar non vas poder, porque as condicións en que se mercaban os pisos nos anos 90 non son as mesmas que agora. Creo que seguimos vivindo un pouco ao día. E ser adulto é vivir ao día? Ou é que ser adulto xa non é como cando eramos pequenas e tamén deberiamos reaxustar o chip? Non sei. Tamén unha das cousas que xera un pouco de angustia existencial é esas sensación de esquecemento xeracional. Agora sacaron unha morea de axudas para comprar vivenda para menos de 30 anos, pero iso xa non é para nós , é para a xente que vén detrás. Temos esas sensación de esquecemento. Xa ninguén se acorda de que non temos nin traballo nin casa nin nada e somos xa señoras e señores.
Posiblemente o crecemento económico do que se fala agora agora é ás costas dos millennials, tanto polas condicións de traballo como porque a metade do que se cobra vai para o alugueiro, por exemplo.
Si, creo que no tema das pensións é algo que se ve moi ben. Xusto cando estaba a escribir o libro houbo un deses escándalos de que os millennials estaban protestando porque non querían pagar as pensións dos vellos e que eramos uns egoístas cando en realidade ese non era o debate. A xeración non ten ningún problema con pagar a pensión aos maiores. O problema era que cada vez que se lanzaban axudas e descontos non se tiña en conta que a xeración que estaba a pagar esas cousas estaba nunha situación incriblemente precaria. Non podía asumir máis cargas sobre eles. Sempre se simplifica todo como unha guerra xeracional e que somos vagos de cristal que non queren pagar e traballar, e a realidade é moito máis complicada.
«Agora sacaron unha morea de axudas para comprar vivenda para menos de 30 anos, pero iso xa non é para nós , é para a xente que vén detrás. Temos esas sensación de esquecemento. Xa ninguén se acorda de que non temos nin traballo nin casa nin nada e somos xa señoras e señores»
Xa hai pais e nais millennials. Como son estas maternidades ou paternidades con respecto a outras xeracións?
Superintensas. Eu aquí falo do que me contan porque eu non son nai de ninguén. Pero hai moita presión no mercado laboral porque é bastante duro conciliar traballo e vida persoal pero tamén hai unha presión sobre como debes criar os teus fillos. As cousas que debes lograr ou como debes ser. E penso que é algo que afecta sobre todo as nais. Tamén hai presión sobre os pais pero non é o mesmo. Segue a haber esta presión das nais ideais, e logo está presión das nais ideais que están en Instagram. É un bombardeo constante na cultura popular destes modelos ideais. Nun momento no que ademais tes poucos cartos, moitas horas de traballo, estás incriblemente cansa e moi queimada. E tampouco é que haxa grandes servizos públicos de apoio á xente que ten fillos, algo que se viu perfectamente durante a pandemia.
En Galicia estase a xubilar toda a masa de xente que comezou a traballar coas oportunidades que naceron ao abeiro do Estatuto de Autonomía: funcionarios da Xunta, persoal sanitario en hospitais, docentes… ata o persoal da TVG. Parece que vén aí como unha vaga de postos de traballo para remudar esa xeración anterior. Toca volver opositar?
No libro conto que cando empezou a crise económica eu traballaba de xornalista de tecnoloxía e ía a unha morea de congresos de emprendedores e sempre había un señor facendo a clásica análise de por que estabamos nesta situación en España e sempre dicían o mesmo: que eramos un país de opositores no que a xente non asumía riscos e non se aventuraba a facer cousas. Naquel momento iso resultaba crible, pero ao mesmo tempo eu pensaba que só coñecía a unha persoa que quería opositar. Para min e para moita xente da miña xeración opositar era algo de outra época. Non era cool. Quen quería ser opositor, unha cousa tan gris e pouco emocionante? Pero si que me sorprendeu cando empecei a falar coa xente que había moitas persoas que estaban preparando oposicións ou acababan de aprobalas. A xente fartouse da precariedade. Había xente que me dicía que non era o traballo dos seus soños pero é algo seguro, con salario a final de mes, e ninguén lle rompe a cabeza. Agora xa somos todos eses dos que falan os artigos que aos corenta e pico anos decidiron preparar oposicións.
E pode ser que agora tamén estamos de volta niso do que o traballo non é a túa identidade, unha característica millennial.
Ese é un tema moi importante da xeración. Iso vén de como medramos nos 90 e nos crearon as expectativas de vida. De que ti es o teu traballo e ademais Internet creou todos estes traballos moi aspiracionais. Todos eses traballos nos que a túa avoa non sabía que facías durante o día. Todas as empresas querían ser Google e ter unha oficinas estupendas con cafeteira Nespresso, pero iso non é ser Google. Había unha conexión superimportante entre lograr triunfar no teu traballo e que a túa identidade é a túa identidade profesional. Ao mellor aquí non era tan forte como en EE.UU. pero si que son os modelos que nos meteron na cabeza. Toda esta precariedade que tivemos durante estes anos de crise foi como un baño de realidade. E xa non vale o de traballar gratis e de dicir que fago isto porque me gusta. Agora é máis “fago isto porque é co que pago o recibo da luz”.
Hai unha curva que vai do entusiasmo ao desencanto.
Totalmente. Tamén habería que afondar no impacto que tivo internet e o contexto que creou nas nosas vidas. Eu dou moitísimas grazas de ter sido adolescente nunha época na que non subiamos fotos a ningún lado porque non existían as redes sociais. Pero agora todos somos un escaparate. Ti estás publicando en redes sociais esa vida aspiracional e iso crea unha presión porque todo o mundo triunfa e todo o mundo está de vacacións todo o tempo facendo cousas incribles. E o que hai é un postureo máis xeral en toda a vida.
Desde o teu lugar de millennial máis veterana, ves cambios de circunstancias ou actitudes na xeraciónZ?
Creo que nalgunhas cousas están a facelo moito mellor do que o fixemos nós. Por exemplo en como enfrontan o mercado laboral. Isto que se di de que a mocidade de agora chega e se non lle gusta, larga, pois a min dáme envexa, vouno recoñecer. Cantas veces estivemos atrapadas en traballos infernais? E tamén o que gusta moito é que sexan tan claros falando de saúde mental, analizando como lles afecta e tomando medidas, algo que a nosa xeración inda non tiña tan claro coma eles.
Quizais niso vós abristes a porta. E seguramente foi internet que axudou a compartir, porque antes mostrar debilidades era algo que non se facía, directamente.
Si, unha das millennials coas que falei díxome que se identificaba con isto de que somos una xeración que se ri de si mesma. Cando o teu universo de comunicación son os gifs e os memes é moito máis doado falar das cousas chungas.
Notas algunha outra diferenza con respecto á xeración Z? Porque eles si que son os primeiros nativos dixitais.
Hai pouco entrevistei un experto para un artigo sobre tecnoloxía na escola e díxome algo que me fixo pensar: os nativos dixitais non existen. Ninguén nace co módulo de uso do iPhone programado no cerebro. Nós inda tivemos un achegamento máis inocente a internet. Por exemplo, na facultade fixemos un blog e eu lembro que despois inda o tiña e ía contando alí cousas. Creo que pillamos esa época de pensar que internet viña arranxar o mundo e para xeración Z todo é máis chungo coas redes sociais, por exemplo.
«Eu son de Santiago e lembro esa sensación de fastío, de que se boto a andar como moito chego ao Milladoiro. Era unha sensación de fatiga mental, de que aquí non pasa nada. En cambio, lembro que logo cando volvín xa me parecía que Santiago molaba máis. Para ser cool non tes que marchar a Londres ou Nova York»
Mencionabas antes a migración e agora estamos nun momento de retorno. Moita xente está volvendo quizais polo desencanto de que xa non flipa por vivir nunha gran cidade e aprecia mellor cousas de aquí que antes odiaba. Cres que hai un cambio de actitude e que Galicia se pode beneficiar dese desencanto?
Totalmente. Tamén creo que deberiamos crelo máis. Aquí pódense facer moitas cousas e estanse facendo moitas cousas. Somos cool, molamos tamén. No fondo este é un sitio de cidades pequenas ou medianas e iso tamén é un factor extra. Ao mellor cando tes 20 anos levas ben facer unha hora e media para ir a traballar e outro tanto para volver, e creo que agora non o faría por nada do mundo. Eu marchei a Madrid por casualidade, nin sequera me gustaba. Eu son de Santiago e lembro esa sensación de fastío, de que se boto a andar como moito chego ao Milladoiro. Era unha sensación de fatiga mental, de que aquí non pasa nada. En cambio, lembro que logo cando volvín xa me parecía que Santiago molaba máis. Para ser cool non tes que marchar a Londres ou Nova York, porque igual resulta que na Guarda hai unha persoa facendo eses bolsos cos que flipaches en Camden. Neste mundo no que todo é igual en todas partes, é posible facer o que che pete sen estar nun deses grandes centros de poder, nunha desas grandes cidade. Explotémolo, saquémoslle partido.
Este libro é un exemplo dun tipo de ensaios e de xornalismo aos que non estamos moi afeitos a ler en galego. Por que tivemos que esperar a 2023 para esperar a ter un libro sobre millennials?
Eu creo que si que hai cousas. Sempre digo que nos libros en galego temos un problema de marketing. Pero creo tamén que non só en un problema galego senón a nivel de toda España. Eu son lectora de ensaio e sempre acabo lendo máis ensaio en inglés e non en castelán, por exemplo. Hai máis ensaios académicos, que ás veces non é o que máis che apetece ler. Tamén penso que igual cheguei un pouco tarde, porque o xornalismo millennial é algo de 2012 e xa estamos en 2023. Pero para min é moi difícil non escribir así.
Ese xornalismo millennial abriu moitas portas pero botábase de menos voces novas aquí, en formato libro, xa na década pasada.
Pois estar estaban, pero que ás veces non pensamos “disto podes escribir un libro”. E claro que podes escribir un libro.