Cada vez falamos máis de series. É un feito que as plataformas de vídeo demanda puxéronnos máis fácil o acceso a elas e permitíronnos velas á nosa maneira. Pero isto non era así hai non tanto, nos anos noventa e principios dos dous mil, cando a xeración millennial era adolescente, as series víanse na televisión o día e á hora que tocara, e ao día seguinte comentábanse no patio.
As series forman parte da educación sentimental da xeración millennial da mesma maneira que o resto de manifestacións culturais, mais é certo que os millennials medraron con elas dun xeito especial. Viñan de ver series de debuxos animados como Doraemon ou Dragon Ball no Xabarín Club e de aí pasaron a todas estas que nos van contar (e por múltiples motivos).
De feito, moitas series das series das que falamos aquí seguen 'vivas' na actualidade con capítulos especiais de rencontro das protagonistas, temporadas especiais ou directamente unha volta da serie dez anos despois. O poeta e profesor Ismael Ramos, a xornalista Ana Gayoso, a cineasta e xornalista Olaia Tubío, o remeiro e creador de contidos Mario Brión, a profesora e tiktoker Paula Jorge, o profesor de Comunicación Audiovisual e músico Cibrán Tenreiro, o cineasta Ángel Filgueira e a escritora Sica Romero comparten cos lectores e lectoras de VINTE esas series das que non poden esquecerse.
Enquisa:
- Que serie dirías que te marcou máis na túa adolescencia?
- Por que?
- Con que personaxe te identificabas?
- Hai algo que fagas agora que aprenderses vendo esa serie?
- Escoitas aínda algunha canción (ou grupo) que soaba na serie ou que coñeciches ao vela?
- Volviches ver a serie nos últimos tempos aproveitando que está dispoñible nunha plataforma?
Ismael Ramos
- Se penso en series que me marcaron, penso en series –sobre todo– dos anos noventa. E creo que ten que ver co feito de que miña nai tívome moi novo –ela tiña vinte anos cando eu nacín–, entón, todas as series que o estaban petando nos noventa e principios dos dous mil son as series coas que máis me identifico porque son as que vía miña nai. Se tivese que escoller unha que máis me marcase na adolescencia –posiblemente pola cantidade de veces que a volvín ver, pero non só– sería Las chicas Gilmore.
- Precisamente polos personaxes. En Las chicas Gilmore había unha serie de valores que me parecen moi adiantados ao seu tempo porque creo que é algo que caracteriza as series de Amy Sherman-Palladino. Fálase de cousas que igual non é que foran tan modernas, pero que igual se perderon un pouco. Hai moita frescura, moita liberdade e un guión magnífico.
- A verdade é que ao longo da miña vida identifiqueime con personaxes moi diferentes. En puntos con Rory, que supoño que sendo un escritor é a cousa máis mítica e máis cutre do mundo (e igual máis ñoña); pero tamén con Lorelai. Penso que a miña xeración –ou eu– vendo esa serie aprendemos que o queriamos era ter esa liberdade que tiña Lorelai. Quero ter esa casa, comer pizza a rebentar, ver pelis antigas, ler libros... É como un modelo totalmente distinto do que é ser adulto. En realidade, se me quedo cunha só digo Lorelai porque ademais eu identificábame moito con ela en parte polos meus pais, por ser ela tan nova e tan libre.
- Un pouco todo. Porque a serie era esa fantasía da independencia, da liberdade, de divertirse e, ao mesmo tempo, o valor da comunidade. Ao final, falaba do importante que eran os afectos nunha vila pequena, da comunicación, de coidarse os uns aos outros, da amizade... E penso que é un debate que está máis candente ca nunca. Lorelai non precisa parella porque ten amigas e ten veciñas. Aínda que ese pareza un dos grandes dramas da serie. A min esa maneira de revalorizar os afectos dunha maneira distinta á narrativa á que estamos acostumados é algo que me chamou moito a atención, e creo que agora reivindico isto.
- Moitísimos! Para empezar, a canción da entrada da serie de Carole King que adoro, pero non só. Toda esa música dos noventa que saía encantábame: Nico, Belle and Sebastian... Había tantísimas referencias musicais que cada un podía quedar un pouco coa que quixera. Había moito indie tamén, e as bandas dos oitenta que lle gustaban a Lorelai. Pensemos nese capítulo no que saen The Bangles. Estaba moi guai porque é unha serie que che ofrecía referentes musicais moi diversos. Paréceme unha boa serie para educar fillos, nese sentido estou moi contento de que miña nai, que sempre me puña os debuxos animados, tamén me deixara ver as series que estaba vendo ela. Por iso vin Friends, Will & Grace... series que pode que un neno de cinco ou seis anos non deba ver, pero das que eu teño un recordo nitidísimo. Encantábame velas, desfruteinas moitísimo.
- Volvín ver Las chicas Gilmore por última vez en 2021. Non a vin enteira, pero volvín a ela. E, por suposto, vin o spin off de Las cuatro estaciones que sacaron en Netflix. Pero teño que dicir que antes de que existise Netflix vin Las chicas Gilmore de maneira pirata miles de millóns de veces ao longo da miña adolescencia, mentres estudaba a carreira... Creo que estas series son un pouco como lugares seguros, no meu caso porque me retrotraen a moitos aspectos da infancia, pero tamén á maneira na que quero vivir. É unha serie á que lle teño moito aprecio.
Por último, engadiría que tamén lembro ter visto Dawson crece cando era adolescente, porque xusto comezaron a botala en galego na TVG2 daquela, e pareceume importante que iso existise. Estaban Michelle Williams e Katie Holmes e eu puiden ver todo iso en galego. Iso tamén forma parte, ao final, da miña educación sentimental.
Ana Gayoso
- Periodistas.
- Descubrín por primeira vez como funcionaba unha redacción e soñaba con firmar os meus artigos.
- Estaba namorada de Ana, interpretada por Alicia Borrachero, que facía dunha redactora con moito carácter. Tamén de Mamen (Maria Pujalte), a secretaria do redactor xefe da sección de local.
- Aprendín que a profesión tiña pouco que ver co que saía na tv…!
- Descubrín a Jorge Drexler por unha escena na que soaba ″La edad del cielo″.
- Atopeina en Youtube pero están nada mais que capítulos concretos. Quero recuperala e tamén quero ver de novo Hermanas, unha serie tamén emitida en Telecinco, sobre a vida dun grupo de relixiosas interpretadas por Ángela Molina e Pilar Bardem.
Olaia Tubío
- Rebelde Way.
- Porque tiña todo o kit de safety place adolescente: amores que transgredían as súas clases sociais, banda de música ao saír de clase, uniformes, malos rollos, etc. Pero tamén tiña un punto que eu vía como exótico: rastas, viaxar a dedo, os boliches nos que tocaban... Non sei, a parte de "rebelde" camelábame moito.
- Marizza, evidentemente. Se me fixen rastas no seu momento, foi por ela. Supoño que ser unha adolescente que se saia das normas para moitas cousas fixo que abrazara esta personaxe. Ela facía o que lle daba a gana, non lle importaba que a xulgaran. E iso servíame para reforzarme en ser como era. Tamén era moi botada para adiante, algo que admiraba moito polo tímida que era eu.
- Non, o certo é que hoxe non creo que a puidese volver a ver. A nivel de xénero é unha auténtica burrada, non sería capaz. Prefiro non revisitala e gardala con amor.
- Erreway, o grupo da serie. Agora non o escoito, aínda que canto cancións de vez en cando. Cando escoito ou leo "sweet" non podo non cantar "sweet babyyyyyy". Pero confesarei que no Bacharelato seguíame poñendo os discos todas as mañás mentres me vestía para ir ao instituto.
- Non, non sei se a hai de feito. Eu teño os capítulos en DVD e o filme final que fixeran. Pero, o dito, prefiro recordalos que velos.
Mario Brión
- Na minha adolescencia non recordo ver moita serie, mais se tenho que dicir unha sería Pokemon ou Naruto.
- Porque gosto muito de animes e de macacos animados en xeral.
- Creo que con Sakura de Naruto, ten mala hostia e mete hostias coma pans, aí estou eu!
- Jutsus, obviamente.
- Adoro as bandas sonoras dos xogos de Pokemon e de Naruto obvio, así que si, esa mestura da emoción típica destas cancións xuntado coa nostalxia a un tempo pasado que evocan son a mestura perfectas.
- Si, hai uns meses comezara a volver ver Naruto co meu ex, que nunca o vira ata que me deixou pola "monotonía da nosa relación", parece que non lle gustou tanto coma a min.
Paula Jorge
- Vou dicir tres: El príncipe de Bel-Air, Super Nanny e Cosas de casa, a de Steve Urkel.
- A que máis me marcou creo que foi a de El príncipe de Bel-Air. En dúas delas as personaxes eran todas negras, entón, penso que sempre tes aí un reflexo no que verte. Eu creo que me gustaba porque ríaste moitísimo, facíame moita gracia.
- Cando era nova eu quería ser a filla maior, porque tiña moitas cousas e estaba moi á moda. Pero hoxe creo que sería máis a irmá pequena, que era máis a filla de papá e a máis consentida (bon, a outra tamén). Pero non sei, a pequena levábase moi ben co seu primo e co seu irmán tamén.
- Pois non me lembro, pero seguro que cando vin a serie algo fixen nese momento.
- As cancións míticas, como a da entrada de El Príncipe de Bel-Air é inconfundible, podes estar aquí ou na China que van saber exactamente de que serie se trata.
- Non as vin. Vou renovando, eu son de ver series curtas. Teño que saber que unha serie ten principio e final, non me gusta ver unha serie e non saber cando vai acabar. A min esas cousas non. Eu preciso saber que hai un principio e un final para administrarme eu o tempo que me vai levar vela. Porque eu son unha devora series, podedes chamarme así. Iso si, cando remato sinto ese baleiro existencial e xa empezo con outra.
Cibrán Tenreiro
- Non sei moi ben onde poñer os límites á miña adolescencia: no instituto, recordo comentar en clase Aquí no hay quién viva, Mujeres desesperadas, Anatomía de Grey ou House os días seguintes á súa emisión (na casa viámolas en familia), tamén repetir moitas frases de Padre de familia ou dos Simpsons, algo máis tarde, comezar a ver algunhas cousas baixadas de internet como Prison Break (normalmente, despois de que comezasen estreándoas na tele). Supoño que dentro de todo isto a que máis me marcou é Friends, aínda que hoxe en día seguramente me gustaría máis que fose Las chicas Gilmore, que se emitía daquela pero non vin ata o ano pasado.
- Supoño que se xuntan varias cousas: é moi divertida, ten cousas moi emotivas (penso que máis nas relacións de amizade que nas tramas románticas) e paseino moi ben falando dela: igual levo comentándoa ou véndoa desde que tiña oito anos, porque sempre hai alguén que a viu ou que está descubríndoa agora.
- De primeiras penso que con Ross, aínda que non entendo moi ben por que, supoño que por descarte, pero non creo que houbese unha identificación como tal. Agora traballo na universidade, como el.
- De vez en cando, imitar o francés que fala Joey.
- Non. Se tivese visto Las chicas Gilmore no seu momento igual tiña chegado antes a escoitar a Carole King ou Yo La Tengo, pero...
- Volvina ver en Neox e, antes da era das plataformas, descargada ou nalgunha web tipo SeriesYonkis.
Ángel Filgueira
- A serie que máis me marcou na adolescencia, para ben ou para mal, foi Neon Genesis Evangelion, que a vía no Xabarín. De feito, acórdome de quedar polas tardes a propósito no centro Cultural de Redondela para velo alí con dúas amigas.
- Principalmente pois supoño que porque non é para nenos e non estaba preparado. Nin estaba preparado para a violencia, nin para a carga psicolóxica, nin para a turbiedade sexual. Fascináramesobre todo como a trama de acción vira cara a unha transcendencia psicolóxica que non podía comprender, pero que me espertaba cousas novas, un interese pola escuridade descoñecida, eu que sei.
- Pois supoño que me identificaría co protagonista, Shinji Ikari, o adolescente introvertido fráxil e virxinal, con moita violencia contida e frustración, pero que logo é o único que pode salvar o mundo e tal (así logo acaba un tendo unhas expectativas da vida esaxeradas).
- Non se me ocorre algo en concreto ata o de agora, pero si que teño un interese especial en facer algo nalgún momento da vida co rollo ciencia ficción-ciberpunk-psicolóxico, a escuridade e illamento do espazo, o descoñecido...
- A intro "Zankoku na tenshi no teeze" xa é un himno para min e para moitos colegas.
- Volvín ver a serie en Netflix o ano pasado despois de todo este tempo, e, salvando a perspectiva e toda a ranciedade, pirolada e sexualización de todo personaxe feminino típica dos animes, ségueme espertando cousas ❤️.
Sica Romero
- Los Serrano, Física o Química, El internado, Hospital Central... Eran as series que máis me emocionaba ver. Penso que entre todas, desfrutei especialmente Física o Química.
- Probablemente porque a vía con miña nai e era un momento noso. Tamén me metía especialmente no mundo e a atmosfera da historia e permitíame imaxinarme a min mesma sendo outra.
- Non me identificaba con ningunha personaxe. De feito, penso que non tiven ningún referente no mundo das series, xa que as protagonistas eran sempre rapazas fermosísimas e perfectas... E as que non eran tan guapas quedaban relegadas ás personaxes secundarias que ninguén tiña realmente en conta, porque as súas historias non importaban. De Física o Química, gustábame especialmente Ruth, quizais porque era a máis canónica de todas. Penso que me afectou sentirme tan preto de ela / querer ser como ela, xa que cando desenvolveu un TCA, a min chegou a parecerme ese trastorno o máis "guai" do mundo.
- Non me recoñezo en ningún comportamento ou maneira de ver a vida que puidese aprender daquela vendo esa serie... Aínda que tiven que traballar moito para desbotar todas as ideas tóxicas, pouco saudables e machistas que me meteron na cabeza sobre como relacionarme cos demais ou comigo mesma.
- A verdade é que non.
- Volvín ver hai uns meses El internado... E non aguantei máis de dous capítulos. Sorprendeume para mal en varios aspectos: os estereotipos tan marcados, a pouca calidade cinematográfica…