Juana Dolores: «A revolución é inevitable, a non ser que os capitalistas acaben de destruír o mundo»

Juana Dolores Romero Casanova © Amanda G. Eleuterio

«Traballar por un salario é renunciar cada día á plenitude da vida», di Juana Dolores. A artista catalá participa no Carballo Interplay co seu discurso lúcido que emprega os argumentos da política e a estética para promover a organización da mocidade fronte ao sistema capitalista. Unha mensaxe que colleu forza nas súas obras e que está presente tanto nas súas pezas teatrais como nos textos que ten en marcha

 

Juana Dolores Romero Casanova (El Prat de Llobregat, 1992) é actriz, dramaturga, directora de escena, poeta e videoartista. Podemos dicir que é artista, a pesar de que ela considera que os artistas deben deixar de existir para que sexa a arte a que perdure no tempo. Toda a obra da catalá, polémica ás veces de maneira voluntaria e outras non tanto, recolle as relacións entre a política e a estética. Visita por primeira vez Galicia grazas ao festival Carballo Interplay, que se celebra esta fin de semana, para participar no panel Abaixo o traballo! xunto aos tamén creadores e pensadores anticapitalistas Christo Casas e Puto Mikel.

«Hai unha chea de memes en Instagram en referencia ao traballo como algo esclavizador, algo que non queremos facer e, pola miña banda, creo que existe un sentimento xeneralizado de odio ao traballo. Creo que hoxe máis que nunca a xente odia traballar, que o podemos maquillar de culpa por pensar que non somos o suficientemente produtivos, ou que non somos responsables ou traballadores abondo como para conseguir un traballo mellor, con mellores condicións; pero o que está claro é que sucede entre a xente nova –e eu considérome aínda nova, falo dos 35 para abaixo–, sobre todo esas persoas ás que se nos prometeu o ouro e o mouro indo á universidade e que somos fillos de pais de familias traballadoras que tamén pensaron que se se hipotecaban –literalmente– para pagar os estudos universitarios os seus fillos ían ter un futuro mellor, e non foi así. Esas persoas somos, precisamente, as máis susceptibles de odiar o traballo. Obviamente, quen non vai odiar o traballo? Pois a burguesía».

«O traballo asalariado é a ficción máis puída e sofisticada do capitalismo»

A posición de Juana Dolores no debate traerá implícita unha crítica marxista revolucionaria ao traballo asalariado, pois insiste en que non é un contrato entre iguais. «É a ficción máis puída e sofisticada do capitalismo –asegura–. É o disfrace elegante dunha violencia estrutural. Porque si, aparentemente o obreiro vende a súa forza de traballo libremente, pero isto non é certo, porque en realidade o obreiro vese forzado a traballar para sobrevivir nun mundo que non lle pertence, que está dominado pola burguesía».

«O sistema capitalista baséase nunha chantaxe, nunha explotación ao traballador. E, ademais, é que traballar por un salario é renunciar cada día á plenitude da vida. É fragmentarse en xornadas, é dividir o corpo e a mente entre aquilo que se quere facer e o que se debe facer para sobrevivir. É hipotecar as horas máis lúcidas, as forzas máis vivas, polo beneficio doutro. O capitalista non traballa: coordina, xestiona, posúe. Os obreiros non temos nada, somos a clase desposuída. O obreiro produce, pero non decide», argumenta.

A artista catalá está por primeira vez en Galicia para participar no Carballo Interplay © Amanda G. Eleuterio

Para a catalá, chegou a hora de «poñer as cousas no seu sitio» e «ordenar todo este malestar» co fin de evitar que se concrete nun «sentimento de antipolítica». «Temos que converter a antipolítica en política revolucionaria», asegura. E o primeiro paso é «sinalar os responsables da miseria a precariedade que vive actualmente a clase traballadora». Juana Dolores, que confesa que desde que lle presta menos atención ás redes sociais e dedica máis tempo a ler está a ordenar mellor as súas ideas, anima a mocidade a ser consciente de que as ofertas de traballo «indignas» e a «imposibilidade de acceder a unha vivenda» dependen directamente da estrutura marcada polo sistema capitalista.

«O salario non é unha compensación xusta, é o prezo dunha vida reducida a mercadoría. Porén, convencéronnos de que hai dignidade nese sometemento. Que hai dignidade nesa escravitude. Que a rutina do cansazo é a orde natural do mundo. Pero esa maquinaria se oxida cando o suxeito que traballa recoñécese como suxeito que loita. Pois o traballo non será libre mentres sexa un medio de supervivencia baixo a lóxica do capital», incide Juana Dolores.

«Eu non quero amañar o capitalismo»

Con todo, a proposta de redución da xornada laboral que lidera a vicepresidenta segunda do Goberno de España e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, non é máis que un «parche socialdemócrata» para a catalá, que salienta que «o que temos que bordar nas bandeiras vermellas é a abolición do traballo asalariado, a destrución da ditadura burguesa e a abolición do capitalismo». «A redución da xornada laboral non é xusta, nin verdadeira, nin bela porque seguitemos traballando para os capitalistas. É igual que cando falan de ‘regularizar os alugueiros’ para que os cartos rematen igual nos petos dos rentistas», razoa.

Juana Dolores afirma que os países están a rearmarse belicosamente porque as guerras son a forma que teñen os capitalistas de volver gañar cartos. «Entón, que queren facer? Destruír para volver construír? Pois si. Para que? Para retroalimentar a máquina. Por iso digo que Yolanda Díaz me parece unha hipócrita». «Eu non quero amañar o capitalismo. Non quero un capitalismo máis amable porque é imposible que suceda, sempre vai ser un sistema de explotación, de violencia e de morte, de tristeza, de depresión e de ansiedade. Isto é o que estamos vivindo, o que coñece a xente común, por iso me cabrea tanto», asevera.

«Os nosos sentimentos e intuicións están totalmente contaminados e intervidos polo sistema económico que nos rexe»

«A revolución é inevitable, a non ser que os capitalistas acaben de destruír o mundo no que vivimos e rematemos extinguidos», afirma Juana Dolores, quen considera que para destruír este sistema é preciso organizarse con independencia política: «Os nosos sentimentos e intuicións están totalmente contaminados e intervidos polo sistema económico que nos rexe. O capitalismo quérenos illados, e o ser humano non é individualista por natureza, necesita comunidade. Este mundo é horrible, temos que decatarnos de que é imposible vivir así, que a vida é unha, que morremos e non podemos vivir esta vida con complexo de escravos. E a única maneira é organizarnos».

«Como nos organizamos? A miña xeración está un pouco perdida. Todas as miñas amigas de sempre tiveron fillos e están a construír casas porque se pasaron dos vinte aos trinta anos explotadas traballando. Moi ben, perfecto, pero a vida segue. O que hai que facer é organizar a mocidade de clase traballadora que cada vez vai estar máis proletarizada. Hai que formar a xente nova e animala a que se organice. E, doutra banda, hai que organizar ao proletariado migrante. Así é como se está materializando, polo menos en Catalunya», explica a artista.

Juana Dolores asegura que lle gustaría traer os seus espectáculos a Galicia © Amanda G. Eleuterio

Juana Dolores refírese a construír organizacións nitidamente revolucionarias, comunistas e con independencia política, pero non para reverter a situación, senón para facerlle fronte. «Polo menos, morrer con dignidade –di–. Eu sei que non vou ver a revolución, pero non quero morrer nesta merda de mundo na que non podo ter fillos. A ver, que teño 33 anos, en que momento me fixeron pensar que son máis libre por non ter fillos ou que son máis libre por telos a partir dos trinta? Isto para min é crucial, existencial. E non digo que a maternidade sexa un dereito, pero é que non a podo escoller».

«Sei que non vou ver a revolución, pero non quero morrer nesta merda de mundo na que non podo ter fillos»

«Non podemos caer na espontaneidade nin na fragmentación. O que temos que facer os comunistas e todas aquelas persoas sensibles a inercias revolucionarias, e que están en descontento con esta merda de mundo, é organizarse e unificarse». A catalá é moi directa porque ve «que se nos vai vir unha guerra enriba, que é a guerra dos capitalistas e non a nosa, porque os ricos xa non se están a facer tan ricos e o capitalismo non é infinito».

Neste contexto, Juana Dolores cre que as súas obras de arte non son revolucionarias porque «están suxeitas á lóxica mercantil e laboral». «Baixo o capitalismo, as obras de arte convértense en mercadoría. O maior inimigo histórico da arte e dos artistas é o sistema capitalista, que converte a obra de teatro nun produto, nunha mercadoría, e aos artistas en empresarios. Por iso as miñas obras de teatro non son revolucionarias, por moito que falen de revolución e de comunismo; agora ben, tampouco son burguesas, iso seguro», apunta.

«Dicir a verdade é revolucionario»

Celebra a súa participación no Carballo Interplay e asegura que quere traer os seus espectáculos a Galicia, onde hai unha escena teatral que lle produce interese; e tamén quere que se traduza o seu poemario Bijuteria ao galego. Massa diva per a un moviment assembleari e HIT ME IF I’M PRETTY o la princesa moderna son as súas primeiras pezas teatrais, que forman parte dunha triloxía inacabada. Obras cun imaxinario común feminino e con coincidencias a nivel estético e performátivo. Este ano estreou a peza Qui diu foc, diu flama, a partir dunha obra do artista catalá Joan Brossa, e neste momento está inmersa na creación da súa primeira obra de teatro con personaxes, da que só pode adiantar que «seguirá a ser punky» e que nela haberá «unha banda organizada de rapazas». 

Para Juana Dolores o espírito crítico e a sensibilidade son indispensables para desenvolver a conciencia de clase. Nesta conxuntura, considera que «dicir a verdade é revolucionario» e que a arte, para interpelar a clase traballadora, ten que deixar de ser mercancía. «Os artistas deben organizarse xunto á clase traballadora», insiste.

Ana G. Liste

Ana G. Liste

Xornalista viguesa do 90. Traballei en medios como Faro de Vigo, El País e Europa Press. Formo parte da Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e son unha máis en Xornalistas Galegas. Agora estou entre Praza.gal e VINTE.

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.