Habitar o baleiro. "Prefiro ver as estrelas"

2024. Folgoso do Courel (Lugo). Antonina recibe a visita de Pedro, enfermeiro que fai seguimento das pacientes casa por casa. En moitas ocasións, as súas visitas son as únicas que reciben as persoas de idade avanzada que viven soas. CC-BY-SA Brais Lorenzo

“Non hai cuestión máis relevante actualmente na Galicia para documentar que o que está a acontecer no rural”. Brais Lorenzo, fotoxornalista ourensán e autor das imaxes que se poden ver na exposición “Habitar o baleiro”, asegura que este proxecto nace do amor pola terra. “Estamos a documentar os últimos folgos dun modo de vida. Unha civilización que se extingue”, relata o fotógrafo, con raíces na zona do Ribeiro.

Das propias viaxes polo rural para cumprir coas encargas de medios como a Axencia Efe ou o Faro de Vigo, foi agromando a necesidade de contar con detalle, con imaxes, textos e mesmo audios o que está a acontecer nos territorios da Galicia do interior e, concretamente, das zonas da montaña de Lugo e Ourense, onde, segundo relata Lorenzo, perdeuse o 70% da poboación  nos últimos 60 anos.

Este coñecemento da terra derivado da súa experiencia no xornalismo unido coa súa propia vivencia persoal –“lembro cando era novo que na aldea de meu pai había rapazada para xogar, pero hoxe non hai relevo xeracional”, explica-, animouno a sacar adiante o que empezaría como unha exposición itinerante e agora xa comeza camiño para darlle movemento ás imaxes nun documental.

Nesta singradura atopou a primeira inspiración da man do xornalista Javier Fraiz, con quen compartía viaxes por estas terras e quen lle axudou a conceptualizar as ideas. A xornalista Cláudia Morán encárgase da coordinación dos textos, que escriben diferentes persoas da equipa e a produtora en cooperativa Metrópolis sumouse tamén para facer realidade o proxecto audiovisual, que ten en marcha unha campaña de crowdfunding. Xuntos están a crear este legado, “unha homenaxe a estas persoas que preservaron o territorio e agora non teñen ningún apoio”, argumenta Brais Lorenzo, para quen estas mulleres e homes que aínda habitan o rural, cada vez máis baleiro, están a librar unha “loita romántica”. “Nós queremos deixalo documentado, espertar conciencias e se pode chegar a alguén que poida axudar, aos que mandan, para que fagan algo, pois sería marabilloso”, detalla.

O fotógrafo Brais Lorenzo, xunto a unhas das imaxes da súa exposición onde aparece un ex lexionario da illa francesa de Reunión, que desde hai 13 anos pastorea con tranquilidade en Castro Caldelas (Ourense). CC-BY-SA Vanesa Vázquez/VINTE

Percorremos con Brais Lorenzo a exposición, que, tras estar en Santiago, Ourense e Lugo, fixo parada na primeira parte do verán no museo Quiñones de León, en Vigo. A seguinte oportunidade para vela será a Fundación Camilo José Cela de Padrón desde o 18 de xullo, ata setembro. 

Lorenzo fotografou, falou, gravou... documentou o que vía no interior de Galicia e ten frases para o recordo. “Lembro unha muller en Negueira de Muñiz, á que lle comentaba que había pouca iluminación na rúa e dicía que "prefería ver as estrelas que ter farolas”, ou outra que con 101 anos, en Lobios, afirmaba que aínda ía ao monte todos os días e con moita ledicia aseguraba: “espero que a morte me pille traballando”. 

Nos Ancares falou con Lucía Fernández, presidenta da asociación Teitos de Piornedo, quen alerta de que as pallozas van desaperecer e exixe axuda das administracións para que “non esmoreza a nosa vida”.

En Calvos de Randín (Ourense ) coñeceu a Celso, que segue a trenzar en Vilar, Calvos de Randín (Ourense). Grazas ao texto que acompaña a foto na exposición podemos coñecer a súa historia: Aos seus 85 anos camiña ergueito, coa coroza ao lombo, como leva facendo desde cativo e, como antes ca el, fixeron seus irmáns, súa nai e seu pai. Traballou na hostalería emigrado en Suíza e logo asumiu o seu papel nas rutas do contrabando da época. Pero as corozas sempre foron máis súas ca ningunha outra cousa. Hai uns seis anos decidiu retomar a tradición familiar e veciñal e, no baixo da súa casa de toda a vida, hoxe trenza e trenza sen descanso.

Di que “nun par de días” é quen de facer unha coroza, pero o proceso require paciencia: apañar os xuncos en agosto, liberalos das malas herbas, poñelos a secar ao sol, quitarlles a aspereza. “Non hai unha medida exacta. Comézase pola cabeza, faise un mañuzo e vaise empatando”, explica.

2025. Case non quedan coroceiros, pero Celso segue trenzando en Vilar, Calvos de Randín (Ourense) CC-BY-SA Brais Lorenzo

Para este proxecto Brais Lorenzo tamén recuperou arquivo de seu, como no caso das fotos dos incendios forestais. Na exposición atopamos a Manuela Barja, nunha imaxe de 2012,  a mais antiga da mostra. Viúva dun bombeiro forestal, é a imaxe da dignidade. Camiña entre as árbores calcinadas polo incendio forestal que afectou á localidade de Laioso, no concello de Vilar de Santos, Ourense. O texto creado para esta poderosa imaxe relata que a pesar da súa avanzada idade (83 anos), do calor abafante e do fume, esta muller avanzou cara ás zonas queimadas para axudar nas tarefas de extinción do lume. Manuela emigrou a Alemaña a mediados do século pasado na procura dunha vida mellor, pero regresou aos poucos anos e dedicouse á labranza e ao campo. “Non hai quen roce e os montes teñen que arder á forza”.

2012. Manuela Barja, viúva dun bombeiro forestal, camiña entre as árbores calcinadas polo incendio forestal que afectou á localidade de Laioso, no concello de Vilar de Santos, Ourense. CC-BY-SA Brais Lorenzo

Poucos anos despois, en 2016, conversara cun matrimonio de Chandrexa de Queixa (Ourense). Veciños da Espasa xunto a Lucero, o fiel can do home. “Está todo despoboado, a xente nova marchou a Barcelona ou Madrid. Durante toda a semana estamos catro persoas soas”, relataron daquela. 

O texto que acompaña a foto resume o que está a pasar en moitos lugares do rural galego: “Este mes quedamos sen supermercado e sen panadeiro”. A muller faleceu poucos anos despois do instante que capta a imaxe. O home finou hai poucos meses. O can segue vivo e agora vive nun piso afastado da aldea. Os invernos na Siberia galega continúan o seu curso.

2016. Veciños da Espasa xunto a Lucero, o fiel can do home, en Chandrexa de Queixa (Ourense). “Está todo despoboado, a xente nova marchou a Barcelona ou Madrid. Durante toda a semana estamos catro persoas soas”, relataron. CC-BY-SA Brais Lorenzo

Aínda que é inevitable unha mestura de pesimismo, nostalxia e resignación ao percorrermos a mostra, tamén hai lugares para a esperanza, que o fotógrafo quixo inmortalizar en proxectos concretos como o de Trasdeza Natur, en Silleda; ou dos tosquiadores de Negueira de Muñiz que aprenderon técnicas para cortar a lá das ovellas en Nova Celanda, como poñerlles rock para se relaxaren durante a tarefa.

Historias de esperaza que perdurarán para sempre como no caso da foto do colexio unitario, tamén en Negueira de Muñiz, que reabriu felizmente, aínda que non estea asegurada a súa continuidade no vindeiro curso.

Brais Lorenzo, xunto ás fotos da esperanza, con proxectos que lle dan vida ao rural. CC-BY-NC Vanesa Vázquez/VINTE

"Hai esperanza porque hai proxectos de futuro e tradición, e os ritos permanecen vivos no territorio", explica Brais Lorenzo. É o caso o entroido, que goza de moi boa saúde por toda Galicia e no rural tamén. Escollemos aquí unha imaxe de 2022, correspondente á Baixada da Marela de Maceda (Ourense).  Os tradicionais carros xa non andan polas corredoiras das aldeas, mais algúns participan, presididos pola vaca Marela, entre o lume e a fariña na noite do sábado de Entroido, segundo podemos coñecer na mostra. 

2022. Na Baixada da Marela de Maceda (Ourense) os tradicionais carros xa non andan polas corredoiras das aldeas. Porén, algúns participan, presididos na noite do sábado de Entroido. CC-BY-SA Brais Lorenzo
Vanesa Vázquez

Vanesa Vázquez

Viguesa do Calvario. Comecei e aprendín en Atlántico Diario, Radio Vigo e Expansión. Cada día conta e agora contámolo en VINTE e Praza.gal. 

Tamén che interesa

  • Entrevista | Iván Castiñeiras: “A película é unha oda á xente do rural, a eses deuses que resisten como as pedras”

    Un recoñemento inesperado. Así cualifica Iván Castiñeiras o que está a acontecer con Deuses de Pedra, a súa primeira longametraxe como director. Trátase dunha “película pequena feita con moito cariño”, segundo el mesmo indica, onde empregou material gravado ao longo de quince anos e está a percorrer festivais internacionais con varios premios xa acadados. Un éxito inesperado, mais non inmerecido para un proxecto de gran beleza que homenaxea as súas terras da infancia, na frontera entre Galicia e Portugal; e, sobre todo, recoñece a súa veciñanza, eses "deuses de pedra" que resisten alí, aínda que cada vez sexa máis difícil manterse en pé.

    Cinema
  • “As Marxes”. As cantareiras, unha banda e a electrónica, unidas para prestixiar a tradición oral

    «Os 30 primeiros segundos de obra son só electrónica, antes de que comece a banda e escoitamos sintetizadores feitos a partir das voces e os instrumentos das cantareiras. Escoitamos só ruidos das manipulacións dos micrófonos, das pandeiretas, da taza de café...». O compositor Mario G. Cortizo comenta así o comezo da súa última obra, “As Marxes”, unha composición na que integra as voces e contextos dalgunhas pandereteiras gravadas por Dorothé Schubarth en 1980 coa música que intepreta a banda sinfónica. Un xeito, defende, de poñer en valor a tradición oral das cantareiras e mais ás bandas, verdadeiras escolas para a maioría dos músicos galegos.

    Música
  • Margó Gayoso, tocadora e mestra de pandeireta e canto "Ser de aldea e tocar a pandeireta é un orgullo”

    Primeiro foi o baile, con apenas cinco anos, no cole como actividade extraescolar. Despois chegaría a gaita, o acordeón, a pandeireta, a percusión doméstica coas cunchas, tixolas, sachos ou latas de pemento … e o canto, claro, porque todo está relacionado. Nesta nova entrega do Vinte na rúa coñecemos a Margó Gayoso, unha rapaza de Saiáns (parroquia de Vigo con moita entidade de seu) e unha recoñecida tocadora e mestra de pandeireta e canto.

    Hoxe en día mantén a súa actividade como docente en Saiáns, mais tamén imparte aulas no Fiadeiro de Vigo, en Moaña ou en Coruxo, onde tamén forma parte do histórico grupo de pandeireteiras A Buxaina. A súa traxectoria inclúe tres discos gravados coas Tanxedoras e numerosas recollidas para se formar e poder ensinar a música tradicional galega con toda a súa riqueza e espontaneidade.

    VINTE na rúa

    Coa colaboración de

  • 'Future Stories': a fotografía galega que vén

    Alba Chan, Sofía Dagá, Lucía Novais e Adrián Ramos son os catro protagonistas da segunda edición da mostra Future Stories da Fundación Marta Ortega Pérez (MOP) na Coruña. Formados nas escolas de arte e deseño galegas, foron seleccionados para seguir aprendendo en Milán da man da Fondazione Sozzani, onde tiveron acceso a profesionais destacados do mundo da moda e das artes

    Fotografía

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.