Podcast | Vinte na vila A Galicia alén da AP-9 merece un xornalismo pausado

Coa colaboración de

Polas rúas de Ribadeo. CC-BY-SA Ana Liste/ Praza

«Galicia explicada para a AP-9». Un pouco en broma, un pouco en serio, comentaba nestes termos o director de Praza.gal, David Lombao, o que fora a primeira xeira do Vinte na vila, onde Vilalba, Melide, Chantada, Monforte, Allariz e Ribadeo foron as protagonistas de grandes exemplos de xornalismo pausado. 

 

A Galicia dos anos vinte non se pode contar sen as vilas, esas cabeceiras de comarca que son referentes para as súas contornas pero que, se cadra, non son todo o coñecidas que deberan no resto do país e nas que a Fundación Praza Pública ten posta unha ollada especial para contribuír a dinamizalas.  Ese proxecto atopouse no camiño con Caixa Rural Galega e co seu apoio naceu Vinte na Vila, una serie de reportaxes con contidos multimedia sobre os que falamos neste podcast con Ana Liste, redactora de Praza.gal e Vinte;  Vanesa Vázquez, coordinadora de Vinte e David Lombao.

Para Vanesa Vázquez, o contido destas primeiras reportaxes do Vinte na Vila foi moi «revelador» porque «axuda a derrubar moitas ideas preconcibidas sobre o que son as vilas galegas», segunda explicou. «Penso que este tipo de contidos deberían ser de obrigada lectura para a mocidade das denominadas grandes cidades, si, estou a falar das do Eixe Atlántico», engade.

Un dos grandes acertos destes contidos, segundo apunta Vázquez, foi a selección das xornalistas que asinan as reportaxes, ben porque son naturais da zona e a coñecen á perfección ou ben porque foron quen de falar con persoas moi coñecedoras do territorio escollidos e resultaron uns anfitrións perfectos. Marta Veiga escribiu sobre Melide, Eva Argiz de Chantada, Lorena de la Torre contounos Allariz ou «a compañeira do Diario de Pontevedra Belén López, que volveu a Monforte para escribir con agarimo sobre unha terra próxima a súa orixe na Pobra de Brollón», indica. 

Nesta primeira xeira do Vinte na vila a xornalista Ana Liste asina a primeira e a última reportaxe publicada,  con Vilalba e Ribadeo como protagonistas.

«Un dos grandes acertos destes contidos, segundo apunta Vázquez, foi a selección das xornalistas que asinan as reportaxes, ben porque son naturais da zona e a coñecen á perfección ou ben porque foron quen de falar con persoas moi coñecedoras do territorio escollidos e resultaron uns anfitrións perfectos»

Segundo lembra Liste, en Ribadeo a xente ten moita gana de contar por que lles gusta tanto vivir na súa vila. Tanto tanto que, como nos conta o arquitecto Ernesto Cruzado, ás veces teñen que poñerlle freo ás loas. Pero o certo é que «resulta contaxioso o entusiasmo da veciñanza por crear valor engadido na vila e mellorar a calidade de vida de todas e todos», detalla.

Temos o exemplo do grupo de mozas e mozos que regresaron da emigración para montar a empresa Nova Industria Galega, na que empregan ferramentas con IA para sectores chave como o agroalimentario ou forestal; mais Liste tamén falou con Begoña García, que traballa na Oficina de Turismo e repasa como evolucionou o sector co pulo da Praia das Catedrais, así como os retos que teñen por diante para seguir atraendo un turismo sostible.

Ribadeo, como sucede con Vilalba, medrou e mantén todos os servizos para a cidadanía en grande medida polas boas comunicacións. Disto nos fala o profesor ribadense xubilado Antonio Deaño, que lembra cando se inaugurou a ponte que une a vila con Castropol, en Asturias. «Nestas reportaxes do Vinte na vila aproveitamos para manter esas conversas pausadas que nos axudan a comprender o día a día nestas vilas, moitas cabeceiras de comarca, que son fundamentais para o país”, salienta Ana Liste.

«Nestas reportaxes do Vinte na vila aproveitamos para manter esas conversas pausadas que nos axudan a comprender o día a día nestas vilas, moitas cabeceiras de comarca, que son fundamentais para o país”, salienta Ana Liste

En Melide, da man de Marta Veiga, coñecemos a historia de conciliación de Ángela (Arzúa) e Diego (Melide) que xuntos creron Veproga, unha empresa de servizos veterinarios e puideron tamén formar unha familia. Tamén soubemos da existencia dunha exclusiva escola de café o Coffee Spirit e afondamos na súa cultura musical, e en como se saía e se sae agora en Melide. 

Desde Chantada Eva Argiz falou de grandeza e orgullo nunha paraxe única. «Na súa reportaxe ben se notaba o amor pola terra e un forte localismo que nos pareceu moi ben”, indica Vanesa Vázquez. Empresas como Casa Baltar, que fai un doce de leite único tiveron cabida neste capítulo, xunto a iniciativas culturais e sociais que “fan grande” á vila, como o colectivo feminista Polamiúda, que promove o festival Polas Bravas, ou o Pazo de Sabadelle.

Monforte. Membros do Colectivo Carude Rock, na sua sede do Bar Capilla de Carude, na tarde do venres 25 de outubro. CC-BY-SA Carlos Castro

“Que che importe que somos de Monforte” titulou Belén López a súa reportaxe sobre un lugar no que hoxe a xente nova pelexa por marcar un punto e á parte na decadencia do interior da provincia de Lugo cun festival de cine, asociacionismo veciñal e negocios de forte activismo rural, ecoloxista e cultural. Houbo tempo para falar da histórica Calzados Losal, do Gourmet Gallego; pero tamén do Colectivo Vermut, do Carude Rock ou da Asociación Prodeme, para axudar as persoas con discapacidade.

«Nas vilas hai de todo, como en botica», defende Vázquez, ao tempo que explica que lembra que, no caso de Allariz, da man da xornalista Lorena de la Torre «entramos no orgullo nun pobo que vai máis alá da revolta de 1989». Allariz loce hoxe como un bo lugar para residir, cun modelo de turismo que xa quixeran para si algunhas das urbes galegas. Aquí houbo parada na Libraría Aira das Letras, na Repostaría Fina Rei ou na produción ecolóxica de leite Ecoleia.

«Creo que cumprimos o obxectivo que nos marcabamos de contarnos mellor entre nós mesmas», subliña, David Lombao

«Creo que cumprimos o obxectivo que nos marcabamos de contarnos mellor entre nós mesmas», subliña, xa para rematar David Lombao, quen cualificou os artigos como un exercicio de xornalismo pausado, algo de agradecer hoxe en día. «É moi interesante pasar polas reportaxes que xa están publicadas no Vinte na Vila, onde quixemos combinar as caras da xente coa que falamos e as rúas das vilas», indica Lombao. «Podemos pasear por Melide no verán, por un desfile de moda no Pazo de Sabadelle, nos lugares máis emblemáticos da hostalería de Monforte ou ver esa arquitectura indiana de Ribadeo e achegarnos á Illa Pancha, por exemplo, un dos recunchos espectaculares da Mariña e que se cadra non se coñece tanto».

Tamén che interesa

  • Vinte en Vilalba. «Aquí ves futuro porque o hai»

    «O que máis te marca é que es de aquí». A capital da Terra Chá é a primeira parada de Vinte na vila, o novo espazo de VINTE concibido para contarnos máis e mellor a nós mesmas e entre nós. Para achegarnos devagar á vida cotiá de cabeceiras de comarca que impulsan as súas contornas e merecen ser contadas a través do que fai a súa xente

    VINTE na vila

    Coa colaboración de

  • Vinte en Melide. «A festa vai no ADN dos melidaos»

    Melide exerce como capital da Terra do Medio malia ser a da Terra do Medio unha xeografía aínda por cartografar, conformada á forza de andar nas feiras: un chisco de carácter gandeiro, un moito de identidade tendeira que afonda as súas raiceiras na Maragatería, por corredoiras de ida e volta, e un cen por cento de dedicación á troula. 

    Melide é hoxe unha desa vilas cabeceiras de comarca que o xeógrafo Rubén Lois —e tamén a Xunta— denomina «nodos para o equilibrio do territorio», fundamentais para corrixir unhas dinámicas que escoran as oportunidades cara ás cidades, sobre todo, as do eixo atlántico. Superado o ecuador do mes de xullo, Melide bule de xente nativa e retornada —e peregrina— e entrégase ao paso inexorable do seu esixente almanaque festeiro.

    VINTE na vila

    Coa colaboración de

  • Vinte en Chantada. A grandeza dun pobo faina a súa xente

    Esta frase, ademais de ser o lema do Folión de Carros en pasadas edicións, é probablemente a mellor maneira de describir Chantada. A grandeza é visible non só nos carros e carrozas construídas verán tras verán seguindo unha tradición senlleira e chea de morriña, senón en cada recuncho de Chantada.

    Dende o Monte Faro ata o Río Asma, pasando por cada unha das 36 parroquias, montes e ribeiras do concello, a pegada da súa xente únese a unha paisaxe idílica para facer desta vila e lugares, os nosos, unha paraxe única.

    VINTE na vila

    Coa colaboración de

  • Vinte en Monforte. Que che importe que somos de Monforte

    Cantáronlle os Siniestro Total e cantáronlle os Yellow Pixoliñas. Escribiulle Antón Lopo e sobre esta vila de pasado marcado por condes e cardeais pivotou a obra do poeta galego máis punk, Lois Pereiro. A estación do tren e a capitalidade comarcal marcaron profundamente o pasado deste lugar no que hoxe a xente nova pelexa por marcar un punto e á parte na decadencia do interior da provincia de Lugo cun festival de cine, asociacionismo veciñal e negocios de forte activismo rural, ecoloxista e cultural. Que che importe que somos de Monforte.

    VINTE na vila

    Coa colaboración de

  • Vinte en Allariz. Da revolta ao orgullo

    «Que hai Pardal? Espero que este ano poidamos ver por fin a lingua das bolboretas». Eran finais dos 90 cando José Luis Cuerda aterraba en Allariz para gravar a adaptación da novela de Manuel Rivas, Que me queres amor. Esta emblemática frase acabaría por marcar a vida dunha vila que a día de hoxe loita por ser un referente turístico e cultural, algo que non se pode entender sen a revolta veciñal de finais dos 80, e que enfrontou a un pobo co goberno local polo deterioro do río Arnoia.

    VINTE na vila

    Coa colaboración de

  • Vinte en Ribadeo. Tranquilidade e dinamismo no «epicentro» da Mariña

    Cun par de días en Ribadeo abonda para que a xente te saúde pola rúa, che recomenden un chocolate na tenda ou saúdes a moitos dos veciños no camiño do porto ata o faro de Illa Pancha pola beira da ría. A comarca da Mariña e a proximidade con Asturias marcan o carácter desta vila que sempre fixo de ponte para os viaxantes e soubo converterse en lugar de referencia para as parroquias da zona

    VINTE na vila

    Coa colaboración de

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.