Alba Chan, Sofía Dagá, Lucía Novais e Adrián Ramos na expo Future Stories 2025 © Fundación MOP
Alba Chan, Sofía Dagá, Lucía Novais e Adrián Ramos son os catro protagonistas da segunda edición da mostra Future Stories da Fundación Marta Ortega Pérez (MOP) na Coruña. Formados nas escolas de arte e deseño galegas, foron seleccionados para seguir aprendendo en Milán da man da Fondazione Sozzani, onde tiveron acceso a profesionais destacados do mundo da moda e das artes.
Lucía Novais e Sofía Dagá estudaron na Escola de Arte Superior de Deseño (EASD) Mestre Mateo en Santiago de Compostela, Alba Chan fíxoo na EASD Antón Faílde de Ourense e Adrián Ramos na EASD Pablo Picasso da Coruña. Ao longo do seu último curso foron desenvolvendo un proxecto fotográfico co que se presentaron ás bolsas da Fundación MOP para participar nunha residencia artística, deseñada xunto á Fondazione Sozzani, de catro meses de duración en Milán.
Co foco na fotografía de moda, os catro galegos asistiron na sede da Fondazione Sozzani a clases maxistrais e obradoiros a cargo de fotógrafos, editores, estilistas, críticos de arte, comisarios de exposicións e fotoperiodistas en exercicio. Ademais, puideron visitar mostras de outros artistas e institucións culturais na propia cidade de Milán e viaxaron a outras cidades europeas como París para captar máis experiencias distintas. Alí tiñan que deseñar un proxecto artístico propio que é o que agora pode verse no Centro MOP, no peirao de Batería da Coruña.
«É unha destas cousas que vives e que sabes que non vas esquecer na vida», asegura Lucía Novais. Ao longo de toda a experiencia en Milán contaron cunha titorización para realizar un proxecto editorial de fotografía de moda e outro máis persoal. «Un estaba máis pensado para a exposición e o outro para unha publicación escrita, para prepararnos para diferentes saídas laborais, para aprender como expoñer a túa arte en diferentes medios», explica.
«Coñecemos como é o traballo vivíndoo»
A fotógrafa conta que non hai un programa equivalente en Galicia, e pensa que tampouco a nivel estatal, pois o acceso que tiveron a profesionais de primeiro nivel foi «total», con clases só para os catro e unha atención «personalizada». Desde editores de Harper's Bazaar Italia a fotógrafos de moda e estilistas que compartiron con eles como é o proceso fotográfico nos seus traballos. «Coñecemos como é o traballo vivíndoo, literalmente», celebra.
Para Lucía Novais foi especialmente atractivo ter acceso ao arquivo fotográfico que ten a Fondazione Sozzani na súa sede en Milán. «A súa filosofía está en todos os detalles, aprendín moito diso. Tiñamos un estudio onde poder practicar, podías ir á biblioteca a inspirarte e buscar referentes... Foi incrible», lembra. Neste sentido, Novais tamén destaca as visitas culturais na propia cidade e as viaxes ao certame Paris Photo e á Biennale di Venezia.
«Quero explorar este camiño que empecei en Milán, aínda que non é fácil facelo desde Galicia», di Lucía Novais
Sofía Dagá ten claro que quere entrar no mundo da fotografía de moda como profesional, Adrián Ramos aposta pola experimentación na busca do seu estilo como autor, Alba Chan está a traballar como fotógrafa e interesouse tamén pola perspectiva da curadoría, e Lucía Novais descubriu en Milán a súa paixón pola fotografía contemporánea aínda que tamén lle interesa a fotografía de moda. «Quero explorar este camiño que empecei en Milán, aínda que non é fácil facelo desde Galicia. Teño intención en quedar aquí, pero sei que está complicado. É un sector un pouco precarizado, tes que ser autónomo porque non hai tantas empresas grandes que se poidan permitir contratar e as cousas funcionan por colaboracións», detalla Novais.
Neste sentido, Lucía Novais lanza unha mensaxe ás novas xeracións de fotógrafos en Galicia para forzar que se abra un camiño para a fotografía de moda no país. «Nós viñemos de Milán con moitas ganas, imos probar», conta. Agora está cursando a carreira de Belas Artes en Pontevedra, na que se matriculara antes de coñecer que lle concederan a bolsa da Fundación MOP, pero na que quere ampliar a súa formación. «Neste sector é importante estar motivado. Entre nós os catro ímonos motivando pero é importante que exista unha comunidade e un diálogo entre fotógrafos en Galicia. Penso que iso pode axudar a que as condicións melloren», salienta.
A mostra Future Stories pode visitarse ata o 17 xuño no Centro MOP, situado no peirao de Batería, no Porto da Coruña, con entrada libre de luns a venres de 10h a 21h e sábados e domingos de 11h a 21h. A exposición compleméntase cun catálogo deseñado por Desescribir e dispoñible en The MOP Bookstore, cuxo importe irá destinado á terceira edición do programa.
Neste mesmo espazo estará o 2 de xuño o artista C. Tangana, como participante na segunda edición do ciclo de conversas The MOP Talks, no que tamén participará a modelo Penelope Tree, figura fundamental da moda nos anos 60 e musa do fotógrafo David Bailey, que conversará co público da Coruña o 30 de xuño. Para asistir é preciso obter os convites previamente no sitio web da fundación.
Precisamente, o 28 de xuño a Fundación MOP inaugurará na Coruña a súa seguinte exposición, David Bailey’s Changing Fashion, a primeira gran mostra do recoñecido fotógrafo británico no Estado español.