‘Da túa man para a miña’. Tras a cámara de Fran Rodríguez Casal

Fran Rodríguez Casal ten unhas coordenadas gravadas, son as de Traspielas (Fornelos de Montes) onde medrou e iniciou a súa andaina coa fotografía. Marchou estudar Comunicación Audiovisual a Santiago e no segundo ano da carreira comezou tirar fotos ás súas veciñas e á paisaxe da aldea. Seis anos despois, o que comezou cunha intención moi clara de reivindicar o rural e as persoas que traballan pola súa pervivencia, pode verse na exposición Da túa man para a miña na Zona C, en Compostela, ata o 3 de xullo.

«Esta xente miroume crecer. Son veciños e veciñas. Nas fotos hai unha muller –Arcenda– que me coidaba de pequeno, estaba con ela na corte coas cabras mentres meus pais traballaban. Este proxecto é algo que me levou moitísimo tempo, comecei coas fotos hai seis anos pero na expo tamén hai obxectos que mostran a emigración e material de arquivo en vídeo –gravado por Mari Luz e Baldomero Pombo Muíños–. Fun crecendo e aprendendo máis sobre fotografía, relacionándome con outros fotógrafos, e ampliando a miña visión. Tamén vin como funcionan as intervencións artísticas e fun xuntando todo isto. 

Arcenda, en 'Da túa man para a miña' © Fran Rodríguez Casal

O que quería nesta exposición é comparar o pasado e o presente. Para min, o principal problema do rural é a descomposición da comunidade. Desfaise a relación entre as persoas, pérdense servizos –sanitarios, administrativos, de transporte e conexións, etc– e déixase de loitar. No pasado si que había un sentido de comunidade moi grande, o cal non quere dicir que haxa que volver a iso como tal. Por iso quero confrontar ambas realidades. Quero denunciar esa falta de servizos que provoca que hoxe en día non haxa unhas condicións óptimas de vida no rural galego. Falo de Traspielas porque é o que coñezo, pero podería ser calquera aldea», explica Fran. 

«Con isto quero denunciar esa falta de servizos que provoca que hoxe en día non haxa unhas condicións óptimas de vida no rural galego».

Da túa man para miña / do teu corazón para ao meu / A de navegar un barco / O navegante son eu. Na inauguración da mostra en Santiago participou a cantautora de Traspielas Su Garrido Pombo, que aprendeu coa súa avoa as cantigas dos seráns da aldea e recolleunas para un traballo que titulou así, Da túa man para a miña, collendo o verso desa copla tradicional que tamén colleu emprestado Fran para a súa mostra. 

'Da túa man para a miña' © Fran Rodríguez Casal

Coas súas fotografías, Rodríguez Casal intenta retratar a persoa e a paisaxe nun mesmo nivel. Pero cunha visión desde dentro da aldea, cunha ollada que se sitúa ao lado das persoas ás que retrata, que non xulga nin idealiza. «Entendendo a paisaxe como humana, pois a paisaxe no rural galego foi traballada polas persoas. Non é unha paisaxe prístina nin romantizada, non. É unha paisaxe traballada durante séculos pola xente, que labrou –dalgunha maneira– a alma e o corpo desas persoas. A relación que ten a xente maior coa paisaxe normalmente é de odio, no sentido de que traballaron moitos anos e pasárono moi mal indo coas vacas ou cargando os feixes da herba, e agora teñen as costas mal e problemas de artrite ou artrose. Quería ensinar esa simbiose entre as persoas e paisaxe», detalla.

'Da túa man para a miña' © Fran Rodríguez Casal

«Outra vez Fran coa cámara». Para as veciñas e veciños de Traspielas é máis que habitual ter a cámara de Fran tirando fotos do cotián. Onde na mostra hai unha foto, no seu arquivo pode haber un cento delas. Aí, nesas imaxes que avanzan e retroceden no tempo, atopa o fotógrafo a evolución que experimentou no persoal e no profesional e tamén os cambios na súa veciñanza. Neste tempo, hai persoas que xa só están nas fotos e moitas aprendizaxes de vida. «É verdade que sempre ando no medio coa cámara, pero non son alleo ao que pasa alí. Se están movendo unhas pedras, deixo a cámara e axudo. Estou con eles, a miña relación co lugar é todo», apunta.

«Entendo a paisaxe como humana, pois a paisaxe no rural galego foi traballada polas persoas. Non é unha paisaxe prístina nin romantizada, non».

A xente de Traspielas, que agora ten ese espazo no centro de Compostela ata que chegue xullo, tivo a oportunidade de ver exposto o traballo de Fran nunha mostra que foi motivo de reunión na aldea. Máis alá das cuestións artísticas e teóricas que se poidan aplicar ao seu traballo, para este fotógrafo de 24 anos o esencial é que a súas fotos sexan «útiles». Mostrar como con só retroceder ata finais dos anos oitenta e principios dos noventa xa se ven seráns multitudinarios e festexos que unen a veciñanza da aldea. Unhas imaxes de arquivo que na exhibición Da túa man para a miña contrastan coa soidade e o baleiro das fotos do presente. 

«A miña meta é poder traballar de tal maneira que puidese vivir en Traspielas. Gustaríame volver vivir alí, pero tamén que avanzasen moitas cousas na aldea a nivel de servizos e de todas as carencias que hai», engade. Pois aínda que por cuestións laborais neste momento resida en Santiago, a súa aldea está presente sempre como algo vivo e non como un recordo bucólico. De feito, agora que no profesional tamén está máis ligado ao cinema desde a produtora Miramemira, avanza que o seu proxecto en Traspielas podería chegar á gran pantalla se todo vai ben. 

Autorretrato © Fran Rodríguez Casal

Ordenar o caos


Mirar é o fundamental para Fran, tanto que pode saír facer fotos sen cámara para primeiro quedar co que ve na retina e despois volver para retratalo: «A miña maneira de traballar é moi caótica, e dentro dese caos despois intento buscarlle unha orde. Soa moi ben dicilo así [ri]. Pero si, podo saír un día coa cámara dixital e ao seguinte coa analóxica e coller cousas completamente diferentes, ou non. E outro día saio coas dúas e ao final non teño nada. Pero gústame moito esa idea de traballar por sensacións, sabendo o que quero facer».

«Son unha persoa que tarda moito en mirar as fotos despois de facelas, non funciono co inmediato, gústame agardar. Sepárome moito delas e despois volvo, hai fotos que levan tres ou catro anos comigo e vounas collendo pouco a pouco».

Nos traballos que ten exposto combina a fotografía dixital coa analóxica, así como o branco e negro coas imaxes a toda cor. «O dixital apórtame unha maneira de traballar moi flexible e moi caótica, que me gusta moito. Se miras as miñas fotos podes pensar que son moi calmadas e moi pensadas, algunhas si e outras non. Co dixital podo probar máis, aínda que tamén o fago co analóxico, que ademais me aporta a propia textura da película –é algo máis físico– e esa interacción da luz que non se pode controlar –co impacto do po, do vento ou o que sexa–. A imprevisibilidade da foto analóxica gústame moito, pero síntome igual de cómodo cos dous sistemas. Tamén é que son unha persoa que tarda moito en mirar as fotos despois de facelas, non funciono co inmediato, gústame agardar. Sepárome moito delas e despois volvo, hai fotos que levan tres ou catro anos comigo e vounas collendo pouco a pouco. 

Agora podes ser fotógrafo profesional sacando as fotos co teléfono móbil. Máis alá do aparato que utilices está o concepto, a túa forma de traballar, como te achegas a un proxecto e que queres transmitir. Eu penso que iso está por enriba da cámara, aínda que para min o soporte si que inflúe no resultado e por iso creo que tes que pensalo antes», engade. 

Unha das fotos tiradas en Inishmaan © Fran Rodríguez Casal

Unha inmersión irlandesa


Grazas a unha residencia artística tivo a oportunidade de poñer a proba o seu obxectivo nun lugar descoñecido. Escolleu as Illas Aran, na costa oeste de Irlanda, para esta aventura da que aínda comeza a mirar as fotos agora, pero que sobre todo quere que cheguen á xente que vive alí. «Decidín ir á illa do medio, Inishmaan, porque era a máis pechada ao turismo das tres. É un lugar pequeno que me permitía andalo todo. Como ía estar 15 días e a miña maneira de traballar non acostuma ser así, tan rápido, quería un lugar que puidese coñecer e ver con mal tempo e bo tempo, para acostumarme a el». 

Tiña liberdade para facer o que quixese coa cámara, mais para ir preparado estivo documentándose sobre a tradición destas illas nas que o gaélico é a lingua nai. «Sabía que por moito que lese non ía poder chegar a ter unha relación co sitio como me gustaría, por iso son fotos moi diferentes ao traballo que teño feito. Transmiten a sensación de estar nun lugar que non coñeces moi ben e provocan sensacións do que significou o lugar para min», conta. Ademais, no mes de maio participou nun curso en Santiago coa presidenta da axencia Magnum, a fotógrafa Olivia Arthur, coa que estivo comezando a editar estas fotos que agarda poder levar a un fotolibro ou un fanzine «para que lle chegue á xente da illa», aparte de expoñelas. 

A cámara xa levou a Fran Rodríguez Casal ata Braga o ano pasado, cando participou nunha mostra colectiva no marco dos Encontros da Imagem. Como lembra a cada paso, aínda está aprendendo, mais xa se ve que a cámara vaino levar –oxalá– onde queira. O que si está claro é que sempre o vai levar de volta a Traspielas: «Non vou parar de sacar fotos na miña aldea porque é algo que é inherente a min».

Unha das fotos tiradas en Inishmaan © Fran Rodríguez Casal
'Da túa man para a miña' © Fran Rodríguez Casal
Ana G. Liste

Ana G. Liste

Xornalista viguesa do 90. Traballei en medios como Faro de Vigo, El País e Europa Press. Formo parte da Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e son unha máis en Xornalistas Galegas. Agora estou entre Praza.gal e VINTE.

Tamén che interesa

  • Vinte almorzando con Su Garrido Pombo

    Nova entrega de VINTE almorzando con Deleite, na que nos desprazamos a Traspielas (Fornelos de Montes) para almorzar coa música e compositora Su Garrido Pombo. O seu estilo músical abrangue diversos xéneros con matices de bossa, folk, jazz ou latin, e tal como nos conta neste vídeo para ela é moi importante a súa raíz coa súa aldea como todos os lugares do mundo polos que pasou. Gañadora do premio Narf da Deputación da Coruña e do Premio da Música Martín Códax na categoría de canción de Autor, Su Garrido Pombo é unha das artistas galegas máis interesantes que ides coñecer este ano.

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.