Tradicións 2.cuir é a exposición fotográfica de Icía Vázquez na que reinterpreta traxes tradicionais dende unha perspectiva queer para amosar unha realidade diversa que trata de recuperar espazos dos que ficaron nas marxes
Raíz e vangarda. Nos últimos tempos son numerosas as propostas culturais que se articulan arredor da reapropiación do tradicional dende unha perspectiva que se alonxa do que se interpreta como normativo. As persoas queer achéganse a espazos dos que foron afastados durante o proceso de homoxeneización da cultura. Recuperar o pasado e a memoria é tamén un xeito de facerse donas do presente, unha maneira de rachar cunha barreira invisible para recoñecer outras identidades.
A exposición fotográfica Tradicións 2.cuir articúlase como material de denuncia e crítica, tamén como unha chamada de atención contra o odio, un traballo que busca amosar un relato dos traxes tradicionais dende o punto de vista da comunidade LGBTI. «É unha reinterpretación dende unha perspectiva queer, dende a que as persoas se sintan cómodas co seu traxe e coas prendas que levan para comunicar que nós tamén formamos parte da cultura e necesitamos que se recoñeza esa aportación», explica Icía Vázquez (A Coruña, 1997), a súa artífice.
A exposición componse como un retrato do colectivo LGTBI do estado de Nova York, lugar onde Vázquez estudou grazas a unha bolsa Fulbright, patrocinada pola Oficina de Asuntos Educativos e Culturais dos Estados Unidos. «É un proxecto que eu empecei como tese do meu programa académico na New York Film Academy. Pensei en que problemáticas me afectaban a min de forma persoal e como podía falar delas aportando unha nova visión», apunta a coruñesa.
A fotógrafa emprendeu a súa viaxe ao outro continente no ano 2020, en plena pandemia da COVID-19. O medo quedou de lado en canto viu as infinitas posibilidades que a cidade lle ofrecía. Alí tivo a oportunidade de entrar en contacto tanto con profesionais consolidades no mundo da fotografía, como con artistas emerxentes, que lle serviron de inspiración para levar a cabo este proxecto.
«Esta é a miña carta de amor a todos os que non seguen a heteronormatividade cis que a sociedade nos impón desde o nacemento». A coruñesa define a exposición como «unha tradución a un mundo moderno», que ás veces non o é tanto. Así, recorda que ser queer aínda está penalizado en 69 países do mundo.
Entre coñecidos e descoñecidos, Vázquez comezou este proxecto e armou unha exposición que compón un reflexo da diversidade da comunidade queer, sobre todo, a través de inmigrantes de segunda xeración, é dicir, daqueles que naceron en Estados Unidos, pero cuxos pais son inmigrantes. «Traballei con xente sobre todo de Latinoamerica pola relación con España e tamén por como influenciou o colonialismo na relación binaria dos xéneros e da sexualidade», subliña.
«Traballei con xente sobre todo de Latinoamerica por como influenciou o colonialismo na relación binaria dos xéneros e da sexualidade»
Prospect Park, en Central Park, Battery Park…. As imaxes están tomadas en espazos non urbanos de Nova York, lugares que ela mesma define como «neutros», pero cos que as persoas fotografadas teñen sempre algún tipo de vinculación, nos que crearon recordos. «En Nova York é moi complicado ter un estudo, ademais eu non quería, creo que lle quitaba personalidade ao proxecto», destaca a artista.
Todas as persoas retratadas para este traballo están ligadas ao mundo da arte nunha ou outra vertente: son modelos, bailaríns, actrices e fotógrafes. «É a primeira fase do proxecto, quero continualo con máis produción. Quero tamén atopar xente que non estea tanto neste mundo, senón noutros. Ao final a idea é representar a todo o mundo e que todo o mundo se sinta visibilizado», sinala Vázquez.
Tradicións 2.cuir atópase ata o 16 de febreiro exposta na Galería Solaina en Lugo, un espazo que busca descentralizar a arte e dar o seu lugar a artistas emerxentes. A falta de promoción deste tipo de espazos é unha das súas preocupacións: «Aquí cada vez hai máis espazos que intentan apoiar aos artistas que estamos empezando, pero ao final estes espazos, se a xente non os coñece e o público non vén a velos, tamén é moi duro para eles», sinala Vázquez.
«Hai que darlle cartos á xente que esta intentando innovar, as nosas voces escóitanse máis se temos un altofalante que sen nada»
«Como artista vexo que intentan facer moitas cousas pero tamén fai falta apoio, sobre todo por parte das institucións». A falta de financiamento e visibilización son para a coruñesa, unha das principais dificultades que hai en Galicia para as artistas emerxentes. «Hai que darlle cartos á xente que esta intentando innovar, porque as nosas voces por moito que berremos, escóitanse máis se temos un altofalante que sen nada», incide.
Vázquez, que se define como «unha amante das artes en xeral», non tivo tan clara sempre a súa vocación como fotógrafa. Estivo no conservatorio cinco anos, foi a pintura, a manualidades e tocou unha morea máis de disciplinas. «Non son a típica á que dende pequena lle encantaba a fotografía, si que usaba as cámaras dos meus pais, pero porque as tiña a man para xogar», explica.
Antes de mudarse a Nova Iork para centrarse na fotografía, Vázquez estudou moda no Centro de Enseñanza Estudios Superiores de Deseño Textil e Moda, pertencente á Uvigo. «Todo o contido que vía de moda e editoriais eran as fotografías e iso sempre me influíu. Despois tiven unha materia de foto, para saber como queres comunicar a túa marca, e aí xa vin que quería formarme nese ámbito», sinala.
É indubidable que fotografía e moda teñen unha historia en común. Exemplo disto é a cantidade de museos e institucións que, nos últimos tempos, se abren aos grandes da fotografía de moda cun éxito inaudito de visitantes, como o caso da exposición de Steven Meisel na Coruña. «A moda é iso que dicía Valerie Steel, 'a forma de expresar quen es pero sen ter que dicir nada', pois para min a fotografía é capturar ese momento», indica Vázquez.
«Gústame utilizar a moda e a fotografía para criticar». Tradicións 2.cuir non é a primeira obra na que pon o foco naquilo que a preocupa. Na súa colección de fin de carreira falaba da contaminación do petróleo e do efecto social e medioambiental que tiveron os tres afundimentos de petroleiros fronte ás costas galegas: o Prestige, o do Mar Egeo e o de Urquiola.
Con materiais sintéticos e papel, Vázquez compuxo unha colección na que buscaba concienciar sobre o consumismo e a falta de respecto á fauna e flora. «Aínda que cando ti creas algo sempre estás contaminando, o consumo dentro do capitalismo non é ético nunca», insiste.
O traballo fotográfico de Icía Vázquez componse como unha ruptura cos estereotipos sociais. Unha constante busca de novos significados dentro do tradicional e atopar espazos nos que reflexionar sobre a non normatividade dunha artista que ten entre os seus plans volver a Nova York.