O Novo Normal. Diario fotográfico de dous anos de pandemia

Co patrocinio de

© IG @o.novo.normal.coruna

“A pandemia segue. A vida non se detén”. Con esta frase, Javier Quiroga leva case dous anos retratando a ‘nova normalidade‘ nas rúas da Coruña e compartíndoa en internet. Fotografías e relatos en primeira persoa de xente anónima contando como viviu a pandemia e como trata de recuperar a cotiandade. Recompilamos algunhas destas historias para revisar como cambiou a nosa vida desde o inicio do desconfinamento.  

 

En marzo de 2020 estabamos todos a piques de que nos mandasen quedar na casa, en virtude dun Estado de Alarma que lles permitía ás forzas de seguridade multarnos se non acreditabamos que iamos á compra ou pasear o can. Ao shock do confinamento pola pandemia seguíronlle moitos meses de ir reconquistando pouco a pouco a normalidade, mais nada volveu ser igual. O segundo día do mes de maio no que nos deixaron sair pasear, o fotógrafo Javier Quiroga aproveitou esa hora para retratar a xente que podía gozar do lecer fóra da casa por primeira vez en dous meses, e comprobou que a veciñanza tiña ganas de compartir as súas historias. «Se non o fago voume arrepentir toda a vida, este é un momento histórico», díxose, e así comezou O Novo Normal, un diario fotográfico que publica en Instagram e en Facebook e que, dous anos despois, segue a pulsar a vida da cidade a partir de retratos e testemuños en primeira persoa.

Así arrancaban as primeiras historias nada máis saír da casa. 

Quiroga traballa no Café Universal, no barrio da Pescaría da Coruña, e iso permitiulle, a medida que os bares puideron volver abrir, atoparse con moita xente na que se fixaba para facerlle un retrato e coñecer a súa historia. Con esa mirada solidaria foi tamén interesándose por outros locais e negocios do barrio, desde as dificultades das primeiras semanas da desescalada ata o continuo ir e vir de restricións posteriores. Pero tamén a alegría de volver poder recibir clientes. 

 

A xente sincerouse, non todo era alegría. E tamén contou historias de cambio persoal. 

 

Nun momento no que a rúa era o principal lugar de encontro, a creatividade abrollaba nela e os artistas aproveitábana especialmente. 

 

Chegou o 2021, e no ano II despois da pandemia a xente seguiu usando o espazo público para mover o corpo e facer deporte. Ademais xa se estaban poñendo as primeiras vacinas e todos lle empezamos a perder medo ao virus. 

 

Coa nova normalidade volveron os cruceiros a atracar na Coruña, mentres no paseo do Parrote atopabamos historias de persoas que nin sequera tiveran un fogar no que pasar o confinamento. Tamén viñeron músicos famosos tocar a cidade e pasaron pola cámara d’O novo normal, sen darse moita importancia. 

 

A pandemia segue, a vida non se detén, e O Novo Normal segue capturando estampas da rutina diaria e mais dos días especiais. Mais o bo de estar na rúa é comprobar que calquera día pode especial grazas a xente que fai cousas fóra do esperado. E tamén, ver como cambia a paisaxe urbana con novos traballos coma o dos riders

 

O Novo Normal, que xa conta 7.500 seguidores en Instagram e outros tantos en Facebook, vai evolucionando co paso do tempo a máis temas e formatos, mostrándonos estampas da normalidade tamén en pequenos clips de vídeo. 

 

Ademais de seguir retratando a –xa non tan nova–  normalidade, Javier Quiroga quere que o seu proxecto sirva para visibilizar problemas, denunciar inxustizas e axudar a cambiar un pouquiño as cousas. Por iso iniciou series como #NinMedioNormal, onde hostaleiros e comerciantes denuncian en primeira persoa como lles afecta o enorme encarecemento da electricidade. 

 

Tamén lle deu cobertura ás recentes mobilizacións do persoal sanitario do CHUAC. Os aplausos do inicio do confinamento non deron en melloras nas condicións dos profesionais da saúde: ao contrario, seguen saturados, en condicións precarias, e cun desgaste brutal logo de dous anos sen apenas descanso. O Novo Normal estivo alí para apoiar e darlles difusión ás manifestacións. 

 

Outra serie do proxecto dedícase a ensinarnos por dentro pequenas tendas da cidade e contarnos a historia das persoas que están detrás. Na nova normalidade todos deberiamos esforzarnos en mercar no comercio local. 

 

Falando de liadas, unha das últimas que anda argallando O Novo Normal ten que ver coa historia de Mary, unha pensionista á que lle empezaron a cobrar comisión no banco por acudir a facer operacións na oficina. A súa historia xerou unha enxurrada de comentarios indignados (case 400 en Facebook), e de ganas de apoiar a Mary na súa protesta. Os seus veciños de Monte Alto xa están pensando en organizar unha mobilización ao berro de “Todos somos Mary”

 

O de Mary é todo un exemplo de que o mundo online e o offline están máis conectados do que se pensa, e que as redes poden servir para amplificar o que pasa na rúa e viceversa. Grazas a O Novo Normal os habitantes da Coruña coñécense mellor entre eles, a través da ollada dun veciño máis. E quizais aumente o sentimento de pertenza, solidariedade e apoio mutuo. Algo que está na vontade deste proxecto pero tamén no pouso cívico da xente, e máis logo dunha experiencia dura e estraña como a de vivir unha pandemia mundial.

 

María Yáñez

María Yáñez

Xornalista. Levo vinte anos traballando na rede e no audiovisual. Adoro as revistas en todos os seus formatos. Agora dirixo VINTE da man de Praza.gal.

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.