Entrevista | Afioco Gnecco "Esta é a peli que eu necesitaría ver con 15 anos, cando case non había narrativas de persoas trans"

Afioco Gnecco e Carolina Yuste dirixen o documental 'Este cuerpo mío'. CC-BY-SA Cedida

"Non hai maior acto de amor propio que unha transición", escoita como consolo nun momento de caída emocional o protagonista do documental Este cuerpo mío. A película acompaña a Rafael neses primeiros anos de proceso de transición de xénero. Un camiño complicado pero cheo de luz. E niso quixeron centrarse o cineasta Afioco Gnecco (nombre artístico de Rafael) e a actriz Carolina Yuste (gañadora de dous premios Goya) na súa primeira longametraxe detrás da cámara. Niso, e na súa propia amizade. "É unha unha peli que fala dunha historia de amor e de amizade que está atravesada por unha transición", explica o director. "Xa está ben de contarnos desde a dor, desde o sufrimento, desde o de ninguén nos quere Isto é algo que digo eu en moitos dos coloquios. Non vou pola rúa e recibo malleiras todo o tempo. Outra cousa é o hate en redes, con iso contabamos", argumenta o cineasta italochileno.

Este cuerpo mío pode verse en Movistar e está a xirar por cinemas, centros sociais ou culturais e mesmo algún cárcere de España, grazas a La Machina, con moi boa acollida por parte do público. Este venres estará nos Multicines Norte de Vigo e o sábado e o domingo nos Númax de Santiago, nuns pases especiais con coloquio xunto a Afioco Gnecco. 

 

Este cuerpo mío é a primeira longametraxe que levas a cabo como director. É un proxecto súper persoal. Por que decidiches gravar o teu proceso de transición de xénero?  

O forte é que na miña cabeza non ía ser a miña primeira peli. Eu estaba anteriormente traballando xa noutra peli de ficción, e pasou que de súpeto a vida avanza e esta transfórmase na miña primeira peli. Carol (Carolina Yuste) e eu somos colegas desde hai bastante tempo e xusto antes de que eu empezara o que é a transición química, ou sexa, esta primeira visita ao endocrino que sae na peli, iámonos de vacacións xuntos, como de despedida dalgunha maneira de Rafaela e facendo un pouco estes rituais que lle gustan a Carol, de a ver, vén algo gordo pois xurdiu. Lémbrome que a noite antes de irnos de vacacións eu estaba como coa dúbida de non sei se quero gravar algo, documentalo, non sei para que...  Entón,  foi un momento que Carol colleu o teléfono e empezou a gravarme e de aí xa non paramos. Iso foi como o inicio. Logo empezamos como unha forma moi, como se ve ao principio na peli, moi underground, moi caseira, todo moi nós mesmos. E digamos que a cousa foi crecendo.  

Tiñades a experiencia da curta Ciao Bambina sobre este proceso, que resultou premiada no festival de Málaga e nominada aos Goya en 2025.

Nun principio iamos facer unha curta xunto con Apoyo Positivo, que é a ONG coa que eu levo colaborando desde hai anos e estiveron tamén facendo acompañamento en todo o meu proceso de transición. De feito, a miña terapeuta que sae na peli traballa en Apoyo Positivo. E nós queriamos facer unha curta, presentámonos ás axudas de creación do Festival de Málaga e sorprendentemente déronnolas e era como, hostia, agora hai que facela. Hai que rodar,  ou sexa, con equipo e con  xente. E a cousa foi crecendo, crecendo e de súpeto saíunos unha produtora, conseguimos as axudas e era como, hai que facer unha peli. A nosa sorpresa foi que a curta foi incriblemente ben. Non pensabamos que ía ter ese boom a curta e claro, logo pois, sinto que nós cando rodamos a curta xa estabamos a pensar, porque xa se interesou unha produtora, e xa estabamos a pensar en facer unha peli. Pero foi todo como moi orgánico, como se ían sumando compañeiros de viaxe e ía saíndo todo.

Afioco Gnecco presentará a película 'Este cuerpo mío' nos cinemas de Vigo e Santiago do 17 ao 19 de xullo. CC-BY-SA Cedida

Hai interese, porque non hai moito contado sobre isto e a xente tamén quere saber. A sociedade necesita estas historias.

Claro, a cousa é que esta peli tiña o hándicap de que eu estaba a cambiar e tíñase que rodar xa. Entón, cando empezamos a traballar coa produtora, dixémoslle que esta peli tiña moita présa. Isto é un período curto, se se fai, tense que facer neste período, se non, poderíase facer doutra maneira, pero parecíame unha pouco trampa e un pouco absurdo. O noso pacto, de Carol e máis eu, todo o tempo era que se contase o que se contase, tiña que ser de verdade. Era unha pouco trampa estar así, agora se conseguise financiar agora, despois de cinco anos, estar a falar dos meus primeiros pasos da transición, cando xa levo cinco anos. Tiña que ser de verdade.

Foi un traballo bastante rápido e efectivo de financiamento, de hai que facer a peli como sexa. Entón, digo que foi todo moi orgánico, moi rápido, tamén para os tempos que é levantar unha peli, iso debe ser como eterno e tamén creo que foi no momento que a financiamos, foi como un momento concreto. Ou sexa, como que había moito interese nestes temas. Agora mesmo se queres financiar unha peli dunha persoa trans sería moito máis difícil, digamos, polas políticas que están a vir de Estados Unidos.

Moitas veces as persoas trans nas películas estás marcadas pola violencia ou o illamento. Pero ti o que fixeches é buscar outra mirada, non? Ou sexa, tentar falar desde o amor e a luz, non?

Si, si. A mirada é algo que tiñamos clarísimo desde o principio. O enfoque si que cambiou desde que empezamos a pensar na peli ata que se rodou e se montou. Iso foi variando. O que no foi variando é como queriamos contala, Iso era algo que era como súper importante, como hai luz ao final do túnel, non? Eu sempre digo que esta é a peli que eu necesitaría ver con 14, 15 anos. Non había narrativas de persoas trans, case non habíaE se as había, menos, obviamente, de homes trans. E as narrativas que había, e que seguen existindo cara ás persoas trans, é basicamente pois violencia absoluta, rexeitamento, rexeitamento polo seu corpo. Entón, isto era algo que estaba claro que non queriamos que pasase. Mesmo en montaxe todo o tempo. Podiamos ter quedado en montaxe con cousas máis escuras ou partes nas que eu estaba máis fodido e faise mención a elas, pero era importante non quedar aí porque á parte diso hai moitísimas máis cousas, non? E era importante contar iso basicamente porque non está contado desde ese punto de vista e porque xa está ben de contarnos desde a dor, desde o sufrimento, desde o de ninguén nos quere. E isto é algo que digo eu en moitos dos coloquios, Eu non vou pola rúa e recibo malleiras todo o tempo. Non me están agredindo.

"Xa está ben de contarnos desde a dor, desde o sufrimento, desde o de ninguén nos quere. E isto é algo que digo eu en moitos dos coloquios. Non vou pola rúa e recibo malleiras todo o tempo. Outra cousa é o 'hate' en redes, con iso contabamos"

É certo que desde que se estreou a peli a nivel redes o hate que está a chegar é forte. Pero sabemos que é parte disto, non? con isto contábase. Pero o que quero dicir é que ao final non se nos está contando que moitos de nós ou moitas de nós, ou sexa, eu teño amigas que son trans e van á universidade, teñen o seu curro, teñen as súas parellas, as súas familias acéptanas, as súas familias mesmo de dereitas acéptanas. Entón, temos que contar que tamén nos pasan cousas boas, non? E é importante pór o foco aí por crear referentes en positivo. Entón, isto era como todo tempo a nosa obsesión. Que a peli se contase desde aí.

Fotograma de 'Este cuerpo mío'. Carolina e Rafael observan o cadro 'A muller barbuda' (José de Ribera) no Museo do Prado. CC-BY-SA Potenza Producciones

As persoas que están ao outro lado da pantalla valoramos esa verdade sobre un proceso con moitas dificultades pero onde tamén ten que haber aspectos moi positivos e porque realmente estás a completar un percorrido que querías e necesitabas facer.

Eu pola resposta que estabamos a ver, xa non só que obviamente contabamos co aplauso do público queer. Para eles é unha cousa mega sanadora ver esta peli, igual que para nós facela, pero de súpeto o outro día chegoume unha mensaxe dunha señora que mira, acórdome que estaba a ler coa miña noiva e ela choraba... A señora que levaba como cinco anos sen falar co seu fillo que era gai.  “El chámase marica” ou algo así dicía. Estaban pelexados e despois de ver a peli decidiu escribirlle e de súpeto o fillo contestáralle. Entón era como que forte, non? Que de súpeto unha peli consegue isto e que están a pasar cousas como moi bonitas. Tanto nos coloquios como a xente que a ve, nos está a dar moitísimo, moitísimo amor.

O feedback en xeral está sendo mellor do esperado? 

Durante todo o percorrido de festivales e cinemas foi súper chill, foi o momento que chegou a Movistar, que se complicou. O outro día escribíame un en plan: "teriades que ir a Irán que aí vos colgarían e a ver se vos violan", e cousas así, que se cinema woke… En fin. Pero en xeral estamos a recibir moitísimo amor. Os coloquios están a ser incribles. Lémbrome no Zoco de Majadahonda que tiña a miña cousa prexuiciosa de Majadahonda é como un sitio bastante facha en teoría e non sei se quererán ver a miña peli e encántame cando de súpeto o universo dáme dúas hostias e dime cala! Foi dos pases fóra dun festival que máis xente tivemos.  Estaba todo vendido, 120 butacas. Cheo de señoras, señoras con netas, señoras con netos, algún señor. E esas señoras eran marabillosas, non paraban de aplaudir, “guapo! Isto téñeno que ver nos colexios”, foi incrible.  Está a ser moi guai, a verdade.  O paso polos festis foi moi bonito. Na Seminici tamén foi incrible e nos cinemas, pois , saímos con súper poucas copias, porque a xente non vai ver documentais. Entón, cando se pon anuncio nun sitio, a xente mobilízase para ir velo aí.

E en Movistar está a funcionar?

En Movistar estamos en número dous dos máis vistos. Está o documental de Rocío Jurado, e nós...  O outro día comentaba con Carolina que non hai nada máis marabilloso que estar á beira de Rocío Jurado. Ou sexa, un soño.

Na película es codirector, guionista e protagonista, ou sexa, a túa exposición é total. E tamén este proceso de xira e de presentacións, entrevistas e coloquios co público. Como levas este aspecto?

Na rodaxe houbo partes máis fáciles, digo, emocionalmente, sobre todo o segundo tramo de rodaxe, que foi cando rodabamos en Madrid, foi especialmente duro porque aínda non estaba eu como... Estaba basicamente na merda emocionalmente e había que retomar a película. Na secuencia do ritual chamánico este que facemos, que nos bebemos a pócima, eu ese día estaba fatal. Ademais, viñamos de dous días moi duros de rodaxe, eu estaba con ansiedade. Volvérame á regra, era real o da regra. Eu facía como un ano que non tiña a regra e de súpeto cambiáronme a medicación e estaba fatal. Tes que rodar e estar como simpático, non? E acórdome que ese ritual que na metraxe son, non sei, uns cinco minutos, foi unha tarde enteira de rodaxe. Estivemos aí moitas, moitas, horas e aí chorou todo o mundo. Foi heavy ese día porque rodara tamén a secuencia da terapia. Estaba mal. Ademais, entre medias, que non quixemos como regodearnos, o meu can morreu, que tamén fora como o gran apoio. Foi como todo de, por favor, quérome pegar un tiro e encima estou a facer a película. E logo, xa pasaron os meses cando fomos a Chile e eu xa estaba moito mellor emocionalmente. Xa me sentía máis seguro. Creo que se nota moitísimo o feito de que a peli transite, non soamente transito eu emocionalmente, senón fisicamente, tamén a peli. É das cousas que máis me gustan, que segundo eu me vou atopando mellor ou me vexo máis eu, a peli tamén mellora; empeza feísima rodado cun teléfono, e imos subindo como de calidade para min é como que a peli se ve máis bonita, non? Que a peli está en testosterona, vai mutando e vese máis ela e iso gústame moitísimo. 

"Como cineasta obviamente soñas con facer a túa primeira peli, pero claro, está este sentimento enfrontado porque a túa primeira peli é falar da túa merda e expoñerte moitísimo"

Que supuxo para ti poder culminar a película? O propio feito de comezar o proxecto e terminalo e dicir, “aquí teño isto”. Neste traballo houbo máis dor ou máis liberación.

A ver, por unha banda eu estaba xa desexando estreala e iso foi bastante liberador. Logo, doutra banda, ata que non se estreou a peli houbo procesos máis ou menos complicados, días de rodaxe máis ou menos complicados. Creo que a parte como máis guai e máis desfrutona foi Chile; e logo a montaxe, que polo menos o pasamos moi ben dentro do difícil que é montar. É certo que a parte como de estar tan exposto por unha banda é marabilloso pero por outra xa necesitaba pechar isto e pórme coa seguinte. Como cineasta obviamente soñas con facer a túa primeira peli, pero claro, está este sentimento enfrontado porque a túa primeira peli é falar da túa merda e expoñerte moitísimo, non? Entón hai días que é moi guai e hai días que dis ‘non quero ir a un coloquio porque supón como volver abrir iso e falar de todo iso’. Eu xa non adoito quedar a ver a peli. Creo que quedei os catro primeiros pases porque xa o paso mal.

Carolina Yuste e Afioco Gnecco durante a rodaxe da película 'Este cuerpo mío' CC-BY-SA Cedida

A xente entendo que tamén agradece sinceridade e sentimentos reais nos coloquios.

Claro, tamén é certo que eu vou sen filtro aos coloquios e a xente ri, chora... Está a ser moi bonito. O outro día tivemos un pase que foi incrible, creo que vai ser o pase dos que máis vou lembrar da miña vida. Fíxose un pase no cárcere de Picassent, en Valencia. Eu estaba temoroso, a ver como a peña recibe isto. Estabamos desde fóra escoitando e a xente parecía que estaba a ver, no canto da película, un partido de fútbol. Gritando, aplaudindo, pero que película puxéstes?, preguntei. Logo entramos, e a xente gritando, aplaudindo e acórdome que todo o mundo quería preguntar. No módulo de mozas, había como tres mozas trans, que estaban aí, obviamente afectadísimas. E unha señora, a primeira que colleu o micro, preguntou: “e ti como estás?” E aí púxenme a chorar. E a seguinte pregunta:, si, si, a película moi ben, pero a moza que sae na peli, segues con ela? E eu conteilles que fun vivir con ela. E todas e todos a gritar e aplaudir. Bravo!. Foi o coloquio máis surrealista da miña vida. Desde a súa emoción xenuína, que moitos deles non teñen información do xénero. Había un xitano, na primeira fila e dicía” ti pa'lante, ti tes que tirar pa'lante, que che saíu barba, maricón, ti pa'lante”.

A película ademais do proceso, do relato da transición de xénero, fala moito de amizade e de amor propio. Foi algo buscado, que fose protagonista tamén a túa relación con Carolina?

Isto é algo ao que lle queriamos tamén dar moito valor. Que sempre se fala como das historias de amor romántico e eu poucas pelis vin tamén de historias de amor pero de amizade. E queriamos centrar o foco niso. Primeiro porque nos parece vital e logo ao final, a xente do colectivo e a contorna queer, pois moitas veces - no meu caso por desarraigamento, porque non son de aquí-, na súa familia non os aceptan. Enton, a túa familia son os teus amigos e non hai outra, ou sexa, esa é a túa familia real, non? Entón, era moi importante facerlle como unha homenaxe á familia elixida, ás amigas e que ao final, creo que a día de hoxe, sen as túas amigas non es ninguén. Iso sostén. E iso era tamén como súper importante contalo na peli. Ademais. nós dicimos moito que non é unha peli que fale do trans. É unha peli que fala dunha historia de amor e de amizade que está atravesada por unha transición. Porque ao final os dous estamos como tentando soportar a miña transición, ela á súa maneira e tamén ela está tentando deixar de fumar e eu tentando soportar a miña. E imos xuntos.

"Era moi importante facerlle unha homenaxe á familia elixida, ás amigas e que ao final, creo que a día de hoxe, ou sexa, sen as túas amigas non es ninguén, E iso era tamén como súper importante contalo na peli. Ademais nós dicimos moito que non é unha peli que fale do trans. É unha peli que fala dunha historia de amor e de amizade que está atravesada por unha transición"

E como foi traballar con é a túa amiga, con Carolina Yuste?

Coñecémonos en 2017 nunha rodaxe e de aí xa nos vimos como súper colegas e desde entón pois nos acompañamos moitísimo. Facer unha peli é un soño, pero enriba facer unha peli cos teus colegas foi como moi guai. Creo que a intimidade que conseguimos os dous é porque dá a sensación de que non hai ninguén máis e no día a día somos así, sabes? Isto non se pode falsear. 

Resulta moi especial a viaxe a Chile. A boa reacción e a acollida. Como o asumen perfectamente na túa familia. Esperabas que fose así. Ías con medo?

Iamos cagaos. E saíu moi ben. Foi marabilloso, pero dis miña nai, fomos un pouco kamikaces. Porque ao final o “Heil Hitler” é real. Ou sexa, non é a miña tía avoa que se lle vai a cabeza. É que eu veño de alemáns e italianos migrados a Chile. E esa foi a infancia que eu tiven. Entón, claro, como lles ía dicir no seu día que eu era lesbiana? E logo que era un tío? Non sabía como me ían aceptar, que o meu bisavó me facía desfilar e dicir, “Heil Hitler”. Un tío que se chamaba Adolfo Benito. Isto é real. Entón, como é? Que de súpeto ti chegas aí, que hai aínda unha foto de Pinochet colgada, e non teñen ningún problema en aceptarte. E sobre todo a miña tía avoa, non se equivocaba nos pronomes. Logo a miña tía equivócase todo o tempo, chamábame Rafaela. Pero que ela o aceptase sen ningún problema parécenos poderosísimo a nivel todo. Que unha señora con todo o que aprendeu e todo o que lle ensinaron e como se educou, dálle igual todo e acepta o seu neto sen ningún problema.


"Eu veño de alemáns e italianos migrados a Chile. E esa foi a infancia que eu tiven. Entón, claro, como lles ía a dicir no seu día que eu era lesbiana? E logo que era un tío?  Entón non sabía como me ían aceptar, que o meu bisavó me facía desfilar e dicir, “Heil Hitler”, isto é real"

 

Fotograma de 'Este cuerpo mío', con Rafael nunha aperta coa súa tía avoa de Chile, Nonna. CC-BY-SA Potenza Producciones

Quería saber a nivel sociedade, na túa experiencia, en que momento estamos, para poder facer este proceso de transición e desenvolver a túa vida como persoa trans?

Mira, en España é certo que agora mesmo, a nivel leis, pola bendita lei trans, estamos máis cubertos. É certo que as persoas migrantes aínda non. Por exemplo, eu a día de hoxe, todos os meus papeis en España seguen co meu deadname, porque en Chile si conseguín cambiarmo, pero aquí aínda non, que isto é unha das cousas que seguimos tendo e que estabamos a pelexar. O artigo 50 da lei trans di que as persoas migrantes que no seu país de orixe non poidan cambiar o seu dead name, non poidan cambiar o seu nome ou o seu xénero, España está obrigada a cambialo. No meu caso, eu son italo-chileno, pero en España funciono como italiano. Entón, claro, en Italia, esquécete. Na Italia de Meloni non te podes cambiar o xénero nin nada. Entón, por iso eu reactivei todo o universo Chile, porque non teño opción. Ou sexa, en España non se está aplicando o artigo 50, entón tiven que reactivar Chile porque é a única opción de que poida ter un pasaporte que diga que son un señor, porque, claro, con esta cara ti viaxas cun pasaporte que pon que es unha tía, e é horroroso. Tes que dar moitas explicacións, os hoteis, ou sexa, todo. Ti vas ao banco e é un cristo. Ademais, engádalle a violencia que sufrimos: o outro día eu funme facer unha revisión xinecolóxica e a enfermeira estaba a dicirme que me equivocara e tiven que insistirlle e dicirlle que non, que veño aquí, cariño. 

Cómpre facer pedagoxía

Si, é certo que grazas á lei trans e que as novas xeracións veñen pegando fortísimo, avanzamos, pero tamén sabemos que agora mesmo hai unha onda reaccionaria, onde nós, as persoas trans, estamos no punto de mira, como que hai un odio. De feito, Trump cambiou os epígrafes do que está considerado terrorismo e as persoas trans en Estados Unidos estamos consideradas terroristas e as persoas a favor das leis de xénero tamén son consideradas terroristas. Entón, claro, en España, vivimos unha pequena burbulla, porque o movemento queer é superpotente, véxoo nos coloquios, cada vez somos máis, cada vez máis visibles, como que temos moita máis presenza, pero tamén creo que ao adquirir máis presenza pois tamén fai que recibamos máis odio. E sobre todo, quen recibe máis odio, ao final, son as mulleres trans. Os tíos trans camuflámonos bastante, porque rapidamente temos un cispassing e de súpeto ves un tío baixiño e xa está. Pero claro, as tías trans, por desgraza, pois non poden camuflarse tanto e son as que máis odio e violencia sofren, isto é real. 

"Grazas á lei trans e que as novas xeracións veñen pegando fortísimo, avanzamos, pero tamén sabemos que agora mesmo hai unha onda reaccionaria, onde nós, as persoas trans, estamos no punto de mira"

Creo que avanzamos moito, pero creo que, doutra banda, somos como o punto de mira, coa escusa de que veñen os trans, están a coar moitas máis políticas e moitas máis violencias. Non sei que dicirche, que tanto avanzamos, segundo as leis si, espérate que non nolas quiten, dáme medo o que vén, porque aí está, agora, o xestado non nado. Todo iso apunta a que a idea é cargarse a lei do aborto. Entón dis, vale, conseguimos unhas leis, pois espérate que non veña alguén e diga, a tomar polo cu todas as leis, creo que non podes estar seguro en ningún momento, avanzamos en visibilidade e en representación, pero non hai que quedar aí, creo que hai que facerse forte, tanto en xeral o movemento queer como o movemento feminista, e creo que deben ir da man, porque as vindeiras eleccións dan moito medo. Non hai que baixar a garda. 

Fotograma da película documental 'Este cuerpo mío', con Afioco Gnecco e Carolina Yuste como directores e protagonistas. CC-BY-SA Potenza Producciones
Vanesa Vázquez

Vanesa Vázquez

Viguesa do Calvario. Comecei e aprendín en Atlántico Diario, Radio Vigo e Expansión. Cada día conta e agora contámolo en VINTE e Praza.gal. 

Tamén che interesa

  • Whore Wheels. O 'queer' transforma a cultura de club en Compostela

    Os colectivos Tr3mor e Malfario únense para dar forma ao  festival Whore Wheels, que se celebrará na Sala Malatesta o  1 e o 2 de xullo, durante a semana do Orgullo. Preséntase  como un espazo para a disidencia cunha programación que  inclúe artistas como Tomasa del Real ou Putilatex. Sucede  ao tempo que no ocio nocturno compostelán e galego está  a configurarse unha escena queer de club.

    Lugares
  • A Coruña queer. Historias da mocidade LGTBI no primeiro ano sen Samuel

    Comeza o mes do Orgullo LGTBIQ+ e falta pouco para o aniversario dun feito que conmocionou A Coruña, o asasinato homófobo de Samuel Luiz. Estes días a cidade ferve coa axenda cultural, lúdica e reivindicativa do Corufest. Nós quixemos saír á rúa para coñecer historias en primeira persoa da mocidade queer que vive na Coruña e que atopou nela certo refuxio, pero tamén aínda situacións de inseguridade e incomprensión. E facémolo estreando colaboración con O Novo Normal: A Coruña, a cargo das imaxes e dos textos.  

    Xente
  • Existir e resistir. Unha ollada ao drag en Galicia

    Toda unha comunidade de artistas drag, apenas visible, desprégase ao longo do país a pesar da falta de espazos e a desconexión coas institucións. Con vivencias e percorridos diferentes, comparten unha vontade por facerse coñecer e valorar e, por riba, facelo desde aquí.

    Escena
  • Pío, pío, Averío “O travestismo traslada liberdade. Ás veces esquecemos que podemos facer o que nos dea a gana”

    Non se trata de chegar ao mainstream, porque o travestismo sempre viviu e ha de seguir, nas marxes. Mais, como disciplina artística, necesita unha escena, infraestrutura e que a industria cultural tamén conte con este colectivo á hora de programar máis alá do mes do orgullo.

    Cos movementos reaccionarios en auxe, semella máis necesario que nunca apelar á liberdade e ao libre albedrío de cada quen. E disto hai moito nos espectáculos de Averío. Un misterio, unha cea de empresa, un casting ou a busca dun disco de Averío mix artellan o argumento nestas comedias de enredo, algo caóticas e sempre con contido para escoitar, pensar e rir, claro. Hai un ano naceu Averío como grupo de artistas travestis, unha plataforma de acción que busca crear unha escena drag en Vigo. Quere, en definitiva, poder actuar na súa cidade.

    VINTE na rúa

    Coa colaboración de

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.