O colectivo Averío busca crear unha escena drag real en Vigo. © Walter Leivas
Non se trata de chegar ao mainstream, porque o travestismo sempre viviu e ha de seguir, nas marxes. Mais como disciplina artística necesita unha escena, infraestrutura e que a industria cultural tamén conte con este colectivo á hora de programar máis alá do mes do orgullo.
Cos movementos reaccionarios en auxe, semella máis necesario que nunca apelar á liberdade e ao libre albedrío de cada quen. E disto hai moito nos espectáculos de Averío. Un misterio, unha cea de empresa, un casting ou a busca dun disco de Averío mix artellan o argumento nestas comedias de enredo, algo caóticas e sempre con contido para escoitar, pensar e rir, claro. Hai un ano naceu Averío como grupo de artistas travestis, unha plataforma de acción que busca crear unha escena drag en Vigo. Quere, en definitiva, poder actuar na súa cidade.
“Averío xorde porque en Vigo non hai escena drag. Hai un par de locais e hai travestis, claro. Habelas hainas, pero non hai infraestrutura. Non hai unha programación constante, uns locais de referencia, agás Marinita y sus Maromas e un par de bingos, pero como público non sabes onde vai haber estes espectáculos de variedades porque non os hai”, explica Javi (Meiga-i), que tras oito anos sobre os escenarios de toda Galicia, apenas conseguiu actuar na súa cidade.
Averío é un colectivo artístico integrado por sete artistas (seis travestis e un fotógrafo), cada unha coas súas propias narrativas, inquedanzas e sensibilidades. “O público ve un grupo artístico, pero detrás hai un grupo de traballo e de amizade, que é o interesante. Decidimos crear un plataforma para que se contratan a unha nos contraten a todas, para promocionarnos e levantarnos mutuamente”, explica Javi, que dá vida a Meiga-i, integrante do colectivo xunto a Porfiria Burton, Disastra, Nenaza, Endis Neer, Herpes Bazaar e o fotógrafo Walter Leivas.
“O problema está en como e a quen chegamos e como nos visualizan: somos uns maricóns vestidos de mulleres que soben a un escenario a facer dunha folclórica ou dunha rockeira? Nós tratamos de ter o obxectivo de facer algo máis ca un lip sync, facer algo máis que a noite e facer algo máis que vestirnos de muller, porque o drag é moito máis amplo. Entón queremos chegar a distintos públicos, a distintos horarios e tratar de cambiar a visión do que é o drag, que son todas as definicións que lle queiramos poñer”, argumenta Porfiria Burton.
"Tratamos de ter o obxectivo de facer algo máis ca un lip sync, facer algo máis que a noite e facer algo máis que vestirnos de muller, porque o drag é moito máis amplo", subliña Porfiria Burton
“Ás veces encapsúlase a nosa disciplina nun tipo de actuación concreta: home vestido de muller, pola noite, cun playback de fondo e non é só iso porque eu levo oito anos cantando de día e de noite polos escenarios, en sesións vermú en prazas públicas e tal. E Herpes Bazaar é poeta, por exemplo”, detalla Javi Meiga-i. “Averío tamén xurdiu porque a noite nos limitaba. Sendo sete podemos ter o poder negociador de saír da noite e facer actuacións de mañá ou de tarde ou do queiramos. Que se nos quedaba curto, queremos controlar os medios de narración, contarnos a nós mesmas, escribir os nosos guións e poder desenvolver as nosas realidades”, engade.
Desde Averío coinciden en que fai falta moita pedagoxía para facer entender que son artistas, que hai que respectar un convenio e uns ingresos mínimos e que non queren ser un reclamo, senón que as chamen polo seu espectáculo, en igualdade de condicións con outras disciplinas.
Para Endis Neer o drag atópase nunha dicotomía. “Por unha banda é unha disciplina moi de nicho, cunha linguaxe moi diferente ao resto de disciplinas performáticas e que creo que é moi difícil que encaixe en todos os espazos. Isto lévanos ao problema de que non atopamos estes escenarios polo descoñecemento, pero, para que se coñeza, tal e como está construída a industria cultural, necesitamos do mainstream para avanzar en dereitos laborais. Vémonos atrapadas entre contentar ao público, ás administracións ou a nós mesmas. Ata que punto nos censuramos?”, cuestiona.
Para Endis Neer o drag atópase nunha dicotomía. “Por unha banda é unha disciplina moi de nicho, pero, para que se coñeza, tal e como está construída a industria cultural, necesitamos do mainstream para avanzar en dereitos laborais", explica
A personaxe de Herpes Bazaar non existiría sen Averío. Nunca fixera transformismo e atopou unha profesión e unha carreira grazas á creación do grupo artístico. Defende a transgresión, a crítica e a incomodidade como “o forte” do travestismo. “A sociedade mente moitísimo e cando ves algo que non queres, ou que non sabes encaixar, pois chirría. Pero xustamente este son tan estrondoso é o que ten que resoar e pode unirte con certa xente. E non hai que gustarlle a todo o mundo”, subliña.
Cos movementos reaccionarios en auxe, semella máis necesario que nunca apelar á liberdade e ao libre albedrío de cada quen. E disto hai moito nos espectáculos de Averío. Un misterio, unha cea de empresa, un casting ou a busca dun disco de Averío mix artellan o argumento nestas comedias de enredo, algo caóticas e sempre con contido para escoitar, pensar, e rir, claro.
“Levámonos enfrontando aos prexuízos desde sempre, non é algo de agora. Para os movementos de lei e orde os travestis somos unha ameaza porque convidamos a pensar e a expresarnos en liberdade”, indica Javi. “O travestismo rompe unha cousa moi importante que é a noción do xénero, que parece intocable e sacrosanta. Nós xogamos co xénero, rompemos o xénero. E no momento que rompes unha institución que parecía intocable, pois xa podes tocar moitas máis”, destaca.
“O travestismo rompe unha cousa moi importante que é a noción do xénero, que parece intocable e sacrosanta. Nós xogamos co xénero, rompemos o xénero. E no momento que rompes unha institución que parecía intocable, pois xa podes tocar moitas máis”, destaca Javi (Meiga-i)
Para Herpes Bazaar a finalidade do travestismo estaría precisamente en ter descaro, liberdade e poder expresarse sen medo. “Esta profesión traslada liberdade e moitas veces esquecemos que somos libres para facer o que nos dea a gana. Os de ultradereita son os nosos guionistas. Cando esta xente di que non podemos facer algo, pois as travestis imos directamente a romper con iso, porque ao final están a darnos contido para poder mofarnos e transgredir”, indica.
O colectivo asina un manifesto onde deixa claro os seus obxectivos: “Queremos montar o noso corral para cacarexar en Vigo, lucir toda a nosa pluma para que as nosas nais veñan vernos. Somos unhas páxaras famentas do cariño do público. Queremos ofrecer ao público de Vigo un espectáculo de variedades con moito bico e moita pluma”.
"Os de ultradereita son os nosos guionistas. Cando esta xente di que non podemos facer algo, pois as travestis imos directamente a romper con iso, porque ao final están a darnos contido para poder mofarnos e transgredir”, indica Herpes Bazaar
Desde Averío aseguran que este ano de existencia lles serviu de aprendizaxe, para organizarse e axudarse unhas a outras. E, sobre todo, confirmaron que en Vigo e na súa área tamén existe público para a súa arte. Para Meiga-i Averío sería como un estudio de caso, un diagnóstico revelador do que acontece en Vigo. “A práctica de Averío demostra que non hai escena en Vigo e hai que creala, que non existen locais coa dotación para ter sete artistas, que non hai escenarios bonitos cos recursos técnicos necesarios. Non hai programación municipal nin curadoría dos espazos. Hai espazos públicos baleiros. Resistir en contra da negación sistemática institucional e da infraestrutura é moi complicado. Moitas veces non pedimos diñeiro público, pedimos infraestrutura, un teatro ao que poidas ir ou polo menos candidatarte. E Averío é unha oportunidade para poder conseguir estas cousas”, argumenta.