'Raíña-me'. Cando o universo drag revolucionou AGalega

A plataforma de contidos dixitais da CRTVG, AGalega.gal, vén de estrear a primeira temporada de Raíña-me, un programa no que a drag queen Alexa Evans entrevista, maquilla e converte un convidado ou convidada nunha raíña do drag. Desde a produtora galega Brava cualifican o programa como «unha revolución». O director, Álvaro González aínda non cre que na televisión galega apostasen polo formato. Mentres Alexa Evans, presentadora drag e biólogo molecular de profesión,  espera que a emisión destes programa «indique que o mundo evoluciona» e non sexa un “pink washing”, para mercantilizar o mes do orgullo.

«É algo atrevido, si. Eu dixen que ía facelo en calquera caso, aínda que non chegara a ningún sitio, e cando na tele galega aceptaron, non o criamos». Álvaro González é o creador e director do programa Raíña-me unha proposta que a día de hoxe non pode deixar de chamar a atención entre o abano de programas que ofrece AGalega.gal, onde se estrenou o 20 de xuño. 

Perrucas, tacóns, moita diversión e reivindicación da diversidade son os ingredientes de Raíña-me, presentado con moita soltura pola drag queen coruñesa Alexa Evans

Perrucas, tacóns, moita diversión e reivindicación da diversidade son os ingredientes de Raíña-me, presentado con moita soltura pola drag queen coruñesa  Alexa Evans, quen entrevista, maquilla e pon a proba as habilidades dos convidados e convidadas na súa nova faceta de raíñas da noite. 

Desde a produtora galega Brava, encargada de facer realidade a idea de González, cualifican o programa como «unha revolución», xa que é a primera vez que se fai unha proposta de contido drag na televisión galega ou nalgunha canle autonómica e destacan que en redes o vídeo de promoción acadou as 50.000 visualizacións. «Vaia xiro de guión na Telegaita», refería algún comentario en redes.

Para o director esta era a primera colaboración coa produtora e supuxo a posibilidade de executar unha proposta sobre a que levaba tempo matinando. A oportunidade chegou coa convocatoria dun concurso de proxectos que lanzou a TVG para dotar de contidos á propia plataforma dixital e presentaron un programa feito ad hoc. González lembra que case non o podían crer cando a proposta foi aceptada e a satisfacción por poder ofrecer este tipo de programas, que non deixa de ser un formato de entrevistas e entretemento. «Diversión, cambio e arte», resume Alvaro González, quen pon en valor que se trata dunha idea nacida nesta terra. «Bebe de programas como Drag Race ou Cámbiame, pero non hai nada remotamente parecido por aquí», explica o director.

A 'drag queen' coruñesa Alexa Evans presenta Raíña-me. CC-BY-SA Cedida

González asegura ser un apaixonado do mundo drag, algo que atrae o público en xeral porque é divertido mais tamén ten unha marcada compoñente LGTBI+ «que por desgraza pode xerar rexeitamento nalgunhas persoas». Con este programa, asegura, poden contribuír a democratizar esta arte, que ten unha compoñente identitaria e case política, ao tempo que fai máis consciente ao público en xeral de todas as realidades. 

Con este programa, asegura, poden contribuír a democratizar esta arte, que ten unha compoñente identitaria e case política, ao tempo que fai máis consciente ao público en xeral de todas as realidades

Desde o comezo o director tivo sempre na cabeza a Alexa Evans como presentadora, quen abordou o seu primeiro proxecto televisivo en Raíña-me, aínda que pareza que leva diante da cámara toda a vida. «Todo o que se ve faino ela. Ten carisma. É divertida, con esa compoñente aceda e coa maquillaxe acada uns resultados moi pulidos», asegura o director do programa.

Alexa Evans é o nome artístico escollido por un biólogo molecular que traballa nun laboratorio de Barcelona ao tempo que remata o seu doutoramento. Pero de noite gústalle ser esta «Barbie científica», segundo indica a artista, que leva apenas dous anos e medio como drag. «Este programa vai ser un exemplo e unha porta para probar se gusta o contido ou non para poñelo durante todo o ano», explica Alexa Evans. 

Belén Puime foi a primeira convidada de Raíña-me. CC-BY-SA Cedida

Alexa Evans é o nome artístico escollido por un biólogo molecular  da Coruña que traballa nun laboratorio de Barcelona ao tempo que remata o seu doutoramento. Pero de noite gústalle ser esta «Barbie científica», segundo indica a artista

Para a presentadora de Raíña-me a experiencia foi moi gratificante e agarda que poidan facer máis temporadas porque iso daría conta dunha evolución da sociedade. Evans subliña que as catro primeiras persoas que pasaron polo programa (Olaxonmario, Belen Puime, Amoebo e Leti da Taberna) quedaron «encantandas», aínda que ao comezo estiveran nerviosas. «Espero que non quede nun pink washing, unha maneira de mercantilizar o orgullo», asegura Alexa Evans, que o venres 12 de xullo deu ao salto á televisión convencional nada máis e nada menos que no Luar, onde converteu á presentadora Esther Estévez en Lady Gaita.

Desde a CRTVG pola súa banda, consultada por VINTE, subliñan que o programa «responde unha vez máis ao compromiso da CRTVG de ofrecer un amplo abano de contidos nas súas grellas dixitais e lineais, en resposta aos intereses dunha sociedade en constante cambio. Raíña-me foi concebido como un contido para consumo dixital-first e exclusivo de AGalega.gal», explican. 

Fontes da televisión autonómica aseguran que a experiencia con 'Raíña-me', máis aló dos números, está a ser «satisfactoria» e detallan unha audiencia de 2.449 vistas e 1.370 usuarios con data de 11 de xullo. 

Vanesa Vázquez

Vanesa Vázquez

Viguesa do Calvario. Comecei e aprendín en Atlántico Diario, Radio Vigo e Expansión. Cada día conta e agora contámolo en VINTE e Praza.gal. 

Tamén che interesa

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.