Dakoi e Saint Caboclo. Unha mirada 'queer' á cultura de club en Portugal

Dakoi (LIBIDA) e Saint Caboclo (Dengo Club) son DJs e promotores activos da cultura queer de club en Portugal a través dos seus colectivos establecidos en Caldas da Rainha e Lisboa, respectivamente. Agora, trazan vínculos con Galicia a través de Malfario, en Santiago de Compostela.

 

Unha mesa de mesturas fica debaixo do escenario da Sala Malatesta (Santiago de Compostela) fronte ao movemento de centos de persoas ao seu arredor. Corean, súan e bailan; especialmente isto último. Hai incluso quen permanece illado ao tumulto e atopa na parte próxima á entrada un lugar máis amplo para bailar. Cerca das 4 da madrugada do 22 de xaneiro, Saint Caboclo, nado en Pará (Brasil) e agora residente en Lisboa (Portugal), prepárase para pechar a última das sesións da primeira Malfario do ano.

As influencias brasileiras son a súa marca identitaria, por riba de calquera xénero musical. Incluso cando soan éxitos globais transfórmanse en cancións diferentes a través dos ritmos funk e afro e o tech house. A cultura de club tamén está na forma na que o público recibe a música e interactúa con ela. «Non lle pides ao DJ unha canción. Escoitas canto de bo é o DJ e cantas pistas vai tocar que non esperabas disfrutar. Aos meus ollos, o traballo dun DJ é levar á multitude a emocións que non esperaban sentir», sinala Caboclo.

O xogo non vai de saberse as letras das cancións. Vai de que os corpos interpreten as emocións e as expresen sen medo a ser xulgados. Por iso, é chave quen accede a estes espazos, neste caso manifestamente abertos a un público feminino, LGBTIQ+ e racializado.

O primeiro vínculo de Malfario coa escena queer de club portuguesa materializouse en novembro a través da organización dunha festa en conxunto con LIBIDA. Este é un proxecto con base en Caldas da Rainha (Portugal) a cargo de Tanya Caldeira (Dakoi), quen xa formara parte do cartel de Whore Weels, un festival organizado polos colectivos galegos Malfario e Tr3mor. Daquela, a DJ portuguesa trouxera ao Black Club a súa particular mestura entre techno, dembow e batuque, poñendo a nota máis industrial da noite.

Saint Caboclo forma parte de Dengo Club, un colectivo con base na escena underground de Lisboa: «Parte da idea de que a música negra sexa tocada nun espazo seguro para a xente queer. O clubbing é extremadamente queer e un montón das ideas revolucionariais que naceron da música electrónica pertencen a persoas queer negras e mulleres. Quería combinar todos eses sons como o afro, o baile funk, o house, o ballrom, o trap e tantos outros dentro dun espazo».

Saint Caboclo: «A música está por riba do son en si mesmo, é cultura e ten un significado»

O espírito de Dengo e o de LIBIDA coinciden na vontade de abrir o clubbing a colectivos infrarrepresentados, con acento na intereseccionalidade dos espazos. Pola súa banda, o segundo busca dar un espazo ás mulleres, persoas non binarias e fóra da norma hetero, «posto que a maioría de eventos e festas contratan a homes cisheteros. Trátase de romper ese patrón e dar máis espazos a aquelus que non teñen acceso normalmente».

Aí atopa o equipo de Malfario a súa compatibilidade con LIBIDA, que cualifican como «pioneiro en Portugal» e co que admiten compartir moitas experiencias e problemáticas porque, ademais da afinidade persoal e laboral, tamén nace nunha cidade universitaria, igual que Santiago de Compostela.

Dakoi impulsou LIBIDA en Caldas da Rainha para crear un espazo 'queer' en feminino © Susana Valadas

Ambes coinciden en dar un paso alén do pop que domina, a primera vista, a festa LGBTQ+. LIBIDA, de feito, promocionáse a través do concepto de “antipop”, resultado da mestura da rave con outras referencias. «Hai moito desa idea de que os gays só escoitan pop, non é certo. Podes incluír un fragmento dunha diva do pop en medio da mestura, pero sempre con música de rave. Trátase de que ese non é o foco, supoño», resume Dakoi.

Saint Caboclo ten unha visión afín á de Dakoi e particular ao mesmo tempo, en consonancia coa súa realidade como persoa queer negra: «Os clubs LGBTQ+ están máis centrados na música pop, e os espazos negros heterosexuais poden ser perigosos para unha persoa queer. Eu víame como alguén que amaba a súa cultura pero non tiña un espazo o suficientemente seguro para gozala. Penso que a xente queer negra merece un espazo especial onde poidan sentirse libres e desfrutar da música coa que medraron. A música está por riba do son en si mesmo, é cultura e ten un significado».

Dakoi e LIBIDA, unha comunidade feminina e queer en Caldas da Rainha

LIBIDA ten a súa base en Caldas da Rainha, unha localidade de máis de 30 mil habitantes a 80 quilómetros de Lisboa, cuxa vida cultural non se entende sen a presencia da Escola Superior de Artes e Deseño (ESAD.CR), a súa universidade. «Antes de LIBIDA existían outros espazos queer en Caldas?», pregúntalle VINTE a Dakoi. «Non [risas]. Antes de LIBIDA tiña outro proxecto con amizades chamado EXXXTRA, que era unha festa máis pop, con rap feminino, PC Music, sen grandes remixes ou mesturas feitas por un DJ, soamente era unha selección musical».

«Fixemos esas festas por un ano cando estabamos na universidade, en 2018, e foi o primeiro proxecto queer que houbo en Caldas. Nese momento botabamos de menos que existise un lugar queer polo que puidésemos saír mentres estudabamos alí. Non entendiamos porque non estaba sucedendo xa, nunha cidade onde había tanta xente nova e tanta xente queer», explica a DJ sobre o xerme de EXXXTRA, o primeiro movemento para artellar unha escena queer no municipio. «Foi moi ben no momento, levamos a festa a varias cidades. Agora creei LIBIDA que é máis o meu 'eu' maduro e botaba en falta que existise algo así».

Unha festa en LIBIDA, en Caldas da Rainha © Rafaela Batista

«Ten un punto de falar máis das mulleres/lesbianas, sobre as que ninguén nunca quere falar, e quere atraer a un público máis feminino para escapar do falocentrismo na industria do club. Pero é para todo o mundo, quiero dicir non vou ser eu que defina quen é feminino e quen non», asegura. O que lle interesa é a creación dun respecto común e ampliar o espazo para que as rapazas «teñan o seu momento de brillar». «Non sei, hai varias sorpresas boas, hai tamén xente que se sente moi cómoda explorando o seu lado feminino esa noite e iso é realmente bonito». 

O seu tardío contacto cos espazos queer estivo condicionado por terse criado en Leiria e non ser de Lisboa: «Hai un bar gay ás aforas de Leiria e é máis pop. Non hai moita diversidade en canto a músca ou artistas, e no centro da vila non hai practicamente nada. Aos 18 anos empecei a viaxar a Lisboa e ir a festas e sentíame ben, gustábame. A primeira á que fun creo que foi Thug Unicorn, e Rabbit Hole nun mood de música máis de rave, foi incrible!». A actividade destes colectivos veu seguida doutros como mina, Circa A.D. ou kit ket —algúns agora inactivos—, a partir dos que revistas dixitais como Dazed ou Huck Mag perfilan a escena queer de club portuguesa, con especial foco na capital.

Agora, aos 26 anos, estableceuse en Lisboa. O seu vínculo coa cidade estaba baseado, ata o momento, na vida nocturna —acudía a festas e traballou alí como DJ–. Pero é unha relación que quere mudar para sacar máis proveito da cidade: «Quería trasladarme alí porque quería máis que iso, quería intentar traballar máis con eventos, colaborar, ter un contacto máis persoal coa xente que quere o mesmo que eu e crea cousas».

Unha sesión en LIBIDA © Rafaela Batista

Con todo, e pese a non ter un sitio fixo onde celebrar as súas festas, LIBIDA non deixará de ter a súa residencia en Caldas. «Non hai apenas espazos e poñer algo en pé en Caldas que teña sentido é extremadamente difícil», explica. De igual forma, está entre os seus plans programar algunha data en Lisboa, como fixo en Santiago, coa colaboración de Malfario.

Despois dun ano logrou construír un equipo que entende o proxecto e quere colaborar con ela para continuar, o GRÉMIO Caldense. «É dificíl ser unha festa cunha periodicidade fixa», laméntase Dakoi, cuxa meta é que suceda cada dous meses aproximadamente. Ademais, o orzamento limitado só lle permite contratar a unhe DJ invitade a maioría das veces. Esa mesma precariedade atravesa aos colectivos aquí. Por exemplo, Tr3mor, cunha relación próxima a Malfario, que precisamente anunciou en xaneiro que deixaría de realizar festas mensuais.

En Caldas da Rainha, ademais, celébrase o Festival Impulso, onde Dakoi leva varios anos traballando en contratacións. Na última edición encargouse de curar o escenario de clubbing, ao que invitaron a Aurora Pinho, Puta da Silva, Devanee, Taahliah, King Kami, Violet, Bleid ou Virgen Maria. «Son queer. Gústame a arte queer, intento traballar man a man coas miñas rapazas sempre. O equipo de Festival Impulso conta con moitas personas queer e aquelas que non o son entenden e seguen a arte queer».

Saint Caboclo e Dengo Club, un espazo na noite de Lisboa para as persoas queer negras

Saint Caboclo (1998) está en contacto co clubbing desde que ten 15 anos, hai case dez; en Portugal vive desde 2012. «Escollín esta vida por min mesmo porque era algo que me traía felicidade. Levoume seis anos ata atopar o meu espazo e a miña comunidade. Sempre estiven orgulloso das miñas raíces e vivencias, así que esa foi a principal influencia que tiven para convertirme nun embaixador das artes e movementos queer».

Saint Caboclo é un dos fundadores de Dengo Club, un colectivo que traballa por crear un espazo para as persoas 'queer' e negras en Lisboa © Tomicornio

A súa relación co clubbing está marcada pola dicotomía xerada a partir da súa realidade. «O feito de que o afro e o funk sexan os meus ritmos principais é complicado porque a maioría dos espazos queer non están acostumados a iso», apunta sobre o nesgo cultural que achou a respecto das persoas migrantes e racializadas. Por outra banda, a inseguridadade dos espazos negros heterosexuais tamén foi determinante neste vínculo. Esta visión interseccional é a que lle levou a traballar pola construción de espazos para xente queer negra, como é Dengo Club.

Durante este traxecto de autoexploración transitou por outros sons e círculos: «Comecei como produtor e DJ de experimental/techno/hard drums. A escena da que formo parte hoxe é moi diferente de onde empecei. Sinto a escena de club como un mundo enteiro e tan diverso como a música, e agora, despois da COVID-19, moitas cousas cambiaron e hai un montón de novos xéneros e artistas emerxentes».

A suma de todas as súas experiencias previas constrúen a súa particular visión do clubbing, na que a súa raíz e valor cultural, música e compañía conforman un conjunto  «Adoraba a xente coa que estaba, pero nunca cheguei a conectar co son. Ía a raves techno e pasaba máis tempo conectando coa xente que escoitando a música. Quería crear unha escena onde atopara a máis xente que fora queer e desfrutaba a mesma idea de clubbing ca min», lembra sobre aqueles anos.

O equipo do Dengo Club de Lisboa © Tomicornio

Ese o motivo polo que se distanciou da escena techno. Aínda mantén o contacto con todo o mundo, pese a que é complicado coincidir por contar con carteis e contratadores diferentes. Nesa construción dun ambiente afín a el, aparecen proxectos como o de The Blacker The Berry, importante para as persoas queer africanas residentes en Europa, especialmente dos países de fala portuguesa. «Vexo outras festas emerxentes como Rebeca Showcase das miñas amizades Ronaldo e Yaba. Son moi próximo a Ind1go Kids e por suposto á comunidade ballroom, con casas como Bodega e Telfar, que sempre me fan sentir seguro nos seus eventos/balls/adestramentos», explica sobre outros espazos nos que actualmente está cómodo.

Dengo Club ten unha norma estrita de contratación pola que se o artista non está comprometide cos dereitos das persoas queer negras non hai maneira de que forme parte do cartel: «Contratamos DJs que usan a súa plataforma para falar da importancia dos espazos seguros. Non se trata unicamente da música, tamén de protexer os nosos espazos e á xente que entra neles».

«Non se trata unicamente da música, tamén de protexer os nosos espazos e á xente que entra neles»

De Dengo, con máis dun ano de vida, acumula moitas lembranzas. Pero con especial cariño garda a das noites do 21 e 22 de octubre do 2022, que coincidiron co seu aniversario: «Puiden ver a artistas incribles como Lazyflow, Naguiyami, Shaka Lion e outres moites. Esa noite podíase ver a verdadeira experiencia Dengo —unha intersección entre a cultura femme e thug, en primera liña con danza kuduro, mentres artistas do ballroom facían un círculo ao lado».

Como DJ, os seus próximos pasos miran cara a España e Francia: «Amo ambos países e de verdade quero coñecer máis sobre a cultura de club española e francesa. Hai algo moi alternativo na cultura española e algo moi puro no clubbing francés». A próxima parada de Dengo, de feito, será en Madrid, en colaboración co colectivo local Antídoto Club.

En canto a Dengo Club, a súa próxima meta é voltar ás áreas de onde a súa música provén e especialmente expoñer ao seu equipo a África e América do Sur para non representar só esas culturas aquí en Europa, tamén conectalos cos sons nos que basean as súas carreiras.

Dakoi e Saint Caboclo deixan unha longa lista de DJs que desexarían que tocasen en Galicia. Aurora Pinho, Odete, Glabra, Arcana, Mílian Dolla, Gadutra, Puta da Silva e Cigarra como proposta de Dakoi; Banu, Fvbricia, Von Di, Uma Africana, ZENGXRL, King Kami e Milian Dolla son a selección de Saint Caboclo.

Ambes valoran de forma positiva o seu achegamento a Malfario e a Compostela. Despois da súa pinchada na Malatesta, Saint Caboclo estaba moi agradecido: «Adoro ver cantas persoas queer hai en todas partes. Ver a Malfario mover a tanta xente desfrutando do clubbing fíxome pensar como me sentín o terceiro Dengo Club, cando todo era novo e empezaba a vir máis e máis xente». «Amo a todes, un colectivo moi importante en Santiago, revolucionario. Gustáronme moito as amizades que fixen alí, xa as boto moito de menos [risas]», lembra Dakoi con agarimo.

Esta creación de vínculos é chave para Malfario na construción de comunidade e na configuración dun mapa cultural e de 'espazos seguros'. Desde o equipo do colectivo compostelán teñen claros os motivos: «Pensándoo xeograficamente non tería sentido non facelo. Pero o que nos motiva realmente é o talento da súa escena, o emocionante que é construír e convivir con persoas e colectivos tan próximos a nós non só falando de quilómetros, e a frescura e diversidade que nos aportan».

Daniel Portela Otero

Daniel Portela Otero

Un título di que son xornalista. O interese polo social, a cultura e as narrativas dixitais van por riba diso.

Máis Vinte

  • Whore Wheels. O 'queer' transforma a cultura de club en Compostela

    Os colectivos Tr3mor e Malfario únense para dar forma ao  festival Whore Wheels, que se celebrará na Sala Malatesta o  1 e o 2 de xullo, durante a semana do Orgullo. Preséntase  como un espazo para a disidencia cunha programación que  inclúe artistas como Tomasa del Real ou Putilatex. Sucede  ao tempo que no ocio nocturno compostelán e galego está  a configurarse unha escena queer de club.

    Lugares
  • A Coruña queer. Historias da mocidade LGTBI no primeiro ano sen Samuel

    Comeza o mes do Orgullo LGTBIQ+ e falta pouco para o aniversario dun feito que conmocionou A Coruña, o asasinato homófobo de Samuel Luiz. Estes días a cidade ferve coa axenda cultural, lúdica e reivindicativa do Corufest. Nós quixemos saír á rúa para coñecer historias en primeira persoa da mocidade queer que vive na Coruña e que atopou nela certo refuxio, pero tamén aínda situacións de inseguridade e incomprensión. E facémolo estreando colaboración con O Novo Normal: A Coruña, a cargo das imaxes e dos textos.  

    Xente
  • AL-V. Unha 'Negra sombra' queer, charnega e hyperpop

    Quería falar da morte no seu primeiro EP e titulouno '(Non quero morrer)'. En galego porque este tema, a morte, levábao á súa orixe familiar. Seus avós emigraron da Pobra de Trives a Barcelona na posguerra e nin AL-V nin a súa nai herdaron a lingua ou apenas un anaco de terra na aldea ourensá. Así que Alverd Gual-Cibeira tivo que recuperar pola súa conta esas raíces e reconecta con elas a través da música electrónica usando, non sen reparos, algúns dos clixés do imaxinario popular galaico.

    Música

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.