Dez citas para non perder no Carballo Interplay
Entre este xoves e o domingo, 19 de abril, o Mercado de Carballo volverá converterse no centro da cultura dixital actual cunha nova edición do Carballo Interplay. Series en pequeno formato, podcasts e shows en directo, creación dixital en galego, obradoiros, conversas e propostas pensadas para mirar internet con entusiasmo, pero tamén con espírito crítico, conforman un programa diverso e cheo de nomes destacados. Se estás pensando en achegarte ao festival, aquí van dez citas e contidos que non deberías perder de vista.
Entre este xoves e o domingo, 19 de abril, o Mercado de Carballo volverá converterse no centro da cultura dixital actual cunha nova edición do Carballo Interplay. Series en pequeno formato, podcasts e shows en directo, creación dixital en galego, obradoiros, conversas e propostas pensadas para mirar internet con entusiasmo, pero tamén con espírito crítico, conforman un programa diverso e cheo de nomes destacados. Se estás pensando en achegarte ao festival, aquí van dez citas e contidos que non deberías perder de vista.
01A preestrea en Galicia de 'Millennial Mal'
A nova serie creada por Lorena Iglesias, que vén de pasar polo Festival de Málaga, terá no Carballo Interplay a súa preestrea galega. A proxección contará ademais coa presenza da propia autora, polo que será unha ocasión perfecta para ver un dos títulos máis comentados da tempada e escoitar de primeira man como naceu o proxecto.
02'Rajando con… Bimboficadas'
A presenza de Samantha Hudson e María Barrier é, sen dúbida, un dos grandes reclamos desta edición. O seu directo promete humor, irreverencia, pensamento pop e moita conversa sen filtros, nun formato pensado para levar ao escenario a enerxía do seu universo dixital. Será a súa primeira vez en Galicia e, ollo, este show non se emitirá despois, só o poderás ver en directo!
03'Pop y Muerte', con Kiko Amat e Benja Villegas
Outro dos pratos fortes do cartel de directos será este encontro arredor da cultura pop, a música e as obsesións compartidas. Unha proposta ideal para quen goza das conversas afiadas, das referencias culturais e dese ton entre a análise e o entusiasmo que tanto encaixa co ADN do festival. Tamén é o seu primeiro directo en Galicia e prometen traer moitas risas e algunha que outra meiga.
04'Sexo en Nueva York' Podcast en directo
O festival tamén acollerá a gravación en directo do podcast de Raquel Piñeiro e Patricia Blanco, unha cita especialmente apetecible para quen goce revisitando iconas da cultura televisiva desde unha mirada actual, divertida e chea de novas lecturas.
05I’ll see you in my dreams. ‘Twin Peaks’
E falando de iconas da cultura…A revisión de clásicos televisivos terá este ano outro momento destacado con esta conversa arredor da serie de David Lynch, da man de Estela Ortiz e Juan Evaristo Valls Boix. Un plan perfecto para as persoas que queren algo máis ca ver contidos: pensalos, interpretalos e volver a eles desde o presente.
06O pitching e os premios de creación dixital galega
O Carballo Interplay consolida este ano os seus premios cun récord de 35 proxectos inscritos. Entre os finalistas hai propostas de divulgación, humor, análise cultural, ilustración ou creación en redes, o que converte tanto o pitching do venres como a entrega de premios nun dos mellores escaparates do momento que vive o contido dixital en galego.
07Os paneis do sábado para pensar internet desde dentro
A programación do sábado reúne dúas das conversas máis interesantes desta edición, pensadas para analizar como están mudando as formas de comunicar, divulgar e habitar a rede. Por unha banda, Scroll, scroll, STOP. As novas regras da divulgación reunirá a Kenya Stéphanie, Helio Roque, Autoenfoque e Pablo Lluch para reflexionar sobre os retos de transmitir contidos especializados nun contexto marcado pola saturación, os algoritmos, os bots e a intelixencia artificial. Pola outra, Internet chiquito, con Ainhoa Marzol e Carmen Pacheco, proporá unha revisión das transformacións de internet e das redes sociais, desde as primeiras comunidades dixitais ata o presente. Dous encontros moi aliñados co espírito desta edición, que combina fascinación pola cultura de internet cunha ollada crítica sobre o seu estado actual.
08'PLOT TWINS'. Duplicadas por guión
O Código Fonte Audiovisual, un dos formatos máis recoñecibles e identitarios do Carballo Interplay, volverá ter presenza nesta edición con PLOT TWINS. Duplicadas por guión, protagonizado por Lúa e Zeltia Mosquera.Neste formato híbrido entre conferencia e proxección, as dúas participantes revisarán como a representación das xemelgas nos medios audiovisuais foi marcando a súa relación e o seu imaxinario.
09A Sección Oficial de series
Un dos grandes piares do festival volverá ser a súa competición internacional, integrada por 19 series, das cales 17 proceden de 10 países. É unha das mellores portas de entrada ao espírito do Interplay: descubrir novas narrativas, formatos e voces do audiovisual dixital que dificilmente atoparías reunidas noutro espazo en Galicia. Ademais, despois de cada proxección poderás compartir impresións con algúns dos equipos destas series.
10O concerto de Pantis
A música tamén terá o seu espazo na programación do festival co concerto de Pantis, que se suma ao ambiente festivo e híbrido que caracteriza o Carballo Interplay. A súa actuación encaixa á perfección nunha edición que volve mesturar audiovisual, pensamento dixital, humor, comunidade e celebración, ampliando o festival máis alá das pantallas e converténdoo nunha experiencia para vivir en directo.